Na
Ponte do Porto o noso homenaxeado ía coñecer ao amor da súa vida e
convertiríase nun persoeiro de prestixio. Perfecto chega a esta vila
do municipio de Camariñas con 31 anos. Alí, malia o illamento da
poboación e as enormes limitacións de aqueles duros anos da
posguerra, que el tentaba paliar aínda a costa de enfrontamentos co
Concello e cos inspectores de Educación, tratou de que o seu
alumnado adquirira os coñecementos que realmente lles foran máis
útiles nos seus quefaceres cotiáns. A súa familia díxonos que
dedicaba moito tempo á xeometría e medidas de superficie para que,
en calquera momento, os cativos puideran axudar a seus pais na
comprensión da extensión das terras da súa propiedade e
equivalencias nas medidas ou capacidades (hectáreas, áreas,
ferrados, cuartillos, etc.)
 |
Imaxe antiga de Ponte do Porto (www.todocolección.net) |
Ao
igual que xa fixera en Narón, en Camariñas tamén realizaría
algunha que outra cata nos montes deste municipio, uns esforzos que
malia o seu grande interese nunca frutificaron e que segundo o seu
xenro Crisanto ían dirixidos “mais ben á súa distracción
persoal nos tempos mortos nas súas cacerías do coello e perdiz por
aquela zona, deporte do que era e foi, ata os 81 anos, un entusiasta
practicante xunto coa pesca de río e de mar.”
Na
Ponte do Porto, o mestre de Erboedo tamén dedicou moitas horas e
fóra dos horarios lectivos, a impartir aos adultos que querían
emigrar para que tiveran as mínimas nocións que lles permitisen
conseguir un pasaporte e saber estampar unha firma lexible nos
documentos que así o esixían.
A
súa bondade e o seu carisma na vila íanse consolidar nos primeiros
días de 1951, ano no que foi elexido presidente do Casino da
localidade. Perfecto ocupou este cargo durante uns catro anos e
posteriormente sería socio de honor xunto ao seu gran amigo e
recoñecido pintor coruñés José Fernández Sánchez
quen, de forma totalmente
altruísta e sendo Perfecto presidente, elaborou e doou á sociedade
cadros paisaxistas da Costa da Morte que aínda hoxe locen no seu
interior.
Durante
aqueles primeiros anos da década dos cincuenta, coincidindo coa súa
presidencia á fronte do Casino, Perfecto Collazo tamén escribía
con certa frecuencia na prensa da época sobre as necesidades e os
problemas existentes na Ponte do Porto “(…) Un pueblo así, bien
merece que se le dote de las mejoras más imprescindibles que la vida
moderna exige. El teléfono, el lavadero público, la fuente y, sobre
todo, la instalación de sus siete escuelas, encerradas en diminutos
y míseros locales, mediante la construcción de un grupo escolar que
permita graduar la enseñanza y obtener así un mayor rendimiento de
la docencia primaria”.
Na
Ponte do Porto o noso homenaxeado ía casar coa porteña Carmen
Ventura Lampón Novoa coa que tería dous fillos: María Ángeles e
José Ramón, nacidos ambos nesta localidade. Con Ángeles e co seu
marido Crisanto tivemos a sorte de conversar ao longo das últimas
semanas, e foron precisamente eles os que nos contaron moitas das
anécdotas que se comentan nesta crónica que pretende ser unha
homenaxe á memoria deste querido mestre e benfeitor.
 |
Carmen e Perfecto no día do seu casamento (Cortesía da familia)
|
 |
Carmen e Perfecto nun xantar (Cortesía da familia)
|
No
ano 1965 Perfecto Amado faise cargo da escola de nenos de Erboedo, a
súa parroquia natal, un edificio que estaba dividido en dúas
escolas: a de nenos e a de nenas (co tempo sería escola mixta).
 |
Perfecto e Carmen coa súa filla Ángeles (Cortesía da familia)
|
Deste
xeito, a familia abandona Ponte do Porto e trasládase a vivir á
Coruña. Dende a cidade herculina o mestre trasladábase a diario no
“Finisterre” ata a parada de Larín e desde aquí ía camiñando
ata o Igrexario de Erboedo, lugar onde estaba a antiga escola a
poucos metros do que hoxe é o centro social da parroquia. Era a
segunda vez que impartía clase na escola de Erboedo.
 |
Perfecto e Carmen cos seus dous fillos Ángeles e José Ramón (Cortesía da familia)
|
Perfecto
impartiu clase alí ata 1984 ano no que chegou a súa merecida
xubilación que el desexaba que nunca chegara. Cando se xubilou a
veciñanza fíxolle unha merecida homenaxe no exterior da escola en
recoñecemento á súa labor docente colocouse unha placa na súa
honra.
 |
Placa en recoñecemento á labor docente de Perfecto Collazo Amado na parroquia de Erboedo (Foto cortesía do Concello da Laracha)
|
Desde
entón dedicouse a súa familia, a lectura, a caza, a pesca e á
agricultura (acudía regularmente á casa paterna donde cultivaba a
súa horta) e, finalmente, a tratar de plasmar a súas anécdotas e
múltiples vivencias no seu libro “Contos e conversas da nosa
Terra”. Aínda que Perfecto relatou estas anécdotas de xeito
impersoal e xeográficamente ilocalizables, os máis achegados danse
conta da súa veracidade “en base ás horas de gargalladas
derivadas dos seus comentarios sobre elas”, contounos a súa
familia. Agardemos que o libro, descatalogado dende hai anos, se
volva a editar no futuro.
 |
Perfecto Collazo no Casino da Ponte do Porto, entidade que presidiu nos anos 50 (Cortesía da familia)
|
Perfecto
faleceu na Coruña o 9 de abril de 1997.
Para
a nosa particular homenaxe fixemos un chamamento nas redes sociais
para obter algunha información a maiores e,
sorprendentemente, non foron poucas as persoas que nos cederon
fotografías e nos contaron algunha que outra anécdota. A maioría
da xente falounos do mestre de Erboedo con moito cariño e mesmo houbo quen quixo
recordar as mentalidades e as realidades daqueles tempos. Susana
Varela Barbeito díxonos que “eu era zurda e para don Perfecto iso
era un gran problema. Atábame a man esquerda á silla para que me
defendera coa dereita. Un día miña nai foi falar con el e díxolle
que na casa había máis zurdos e que se defendían ben na vida. A
partir de aquela conversa deixou de atarme a man (RISAS)”.
Dolores
Mallo Mallo: “Como maestro era moi bo e tamén escribiu
un libro pero entereime tarde. De don Perfecto, teño bonitos recordos."
 |
Perfecto Collazo co seu alumnado de Erboedo nos anos 60 (Cortesía de Daniel Montes Mallo)
|
María
Dolores Calvete Varela comentaba en Facebook que “eu tamén fun
alumna do Sr. Perfecto porque íamos a Primaria nas escolas
unitarias. Era impresionante como escribía! Eu aprendín a ler e
escribir moi ben grazas a el”.
Outra
das persoas que nos falou do mestre da Pereira foi José Manuel Buño
Fraga, que nos dixo que “era unha gran persoa e gran profesor; con
el preparáronse moitos para funcionarios, etc. Entre eles coincidimos
eu e miña irmá cando íamos á pasantía con Plácido Pedreira Álvarez,
garda civil que no ano 1983 matou o Grapo. Este rapaz era natural do
lugar do Maseo, na parroquia de Coiro".
 |
Perfecto Collazo co seu alumnado de Erboedo nos anos 70 (Cortesía de José Manuel Buño Fraga)
|
Ana
Rodríguez Cedeira recordaba que “eu tiven a sorte de poder tratar
co señor Perfecto moitos anos, primeiro como alumna súa e despois
de que se xubilou. De nena, cando ía a escola de Erboedo, cando
saíamos ao mediodía para ir a comer, porque nesa época había
clase pola tarde, el ía comer a casa onde se criou, na Pereira, que
tiña uns 20 minutos de camiñata e como tiñamos parte do traxecto
na mesma dirección sempre nos acompañaba. E as palabras del que me
quedaron gravadas era que si el notaba que ía chover dicíanos:
-Nenos…
cielo empedrado, suelo mojado!
… e
a día de hoxe cando vexo o ceo encapotado recórdanme as súas
palabras. Moito despois cando casei en Loureda, onde seu irmán, don
Ángel, era o cura da parroquia. Viña por aquí moito coa filla e co
xenro porque tiñan un fin de semana, e paraban sempre no bar San Fins
a tomar o “chiquito”. Nese bar traballei varios anos antes de
casar, e como baixaba a tomar café era cando me encontraba co señor
Perfecto. Quedáronme moi bos recordos del”.
 |
(Cortesía de Ana Rodríguez Cedeira)
|
 |
(Cortesía de Ana Rodríguez Cedeira)
|
E xa por último, Miriam
Sánchez Canedo contounos que súa avoa Carmen Pallas (93 anos) tamén foi alumna do mestre de Erboedo e que ten moi
bos recordos del. "Aprendeu moito co señor Perfecto -recordaba Miriam- e el animábaa a
que seguira estudando. A avoa sempre di que o estimou ben, pero non
puido seguir estudando pola pobreza e a morte repentina de seu pai
(meu bisavó)”.
FIN
_______
Ningún comentario:
Publicar un comentario