xoves, 20 de agosto de 2026

A GUERRA DO RIF, O ACORAZADO ‘ESPAÑA’ E UNHA VODA CELEBRADA NA LARACHA EN 1914

 Moito nos presta localizar noticias na hemeroteca que sitúen ao municipio da Laracha nun contexto de certa relevancia da nosa historia. Nas Crónicas desta semana traemos un feito que, malia que se trata dunha nova que raia o anecdótico, a nós sérvenos para facer unha viaxe no acorazado “España”, buque do que con certeza falaron en algunha que outra ocasión os máis vellos das nosas parroquias, especialmente os que escoitaron nas súas casas contos da Guerra Civil e da Guerra do Rif.

A clase “España” foi unha serie de tres acorazados dreadnought, tamén chamados acorazados monocalibre. Construidos para a Armada pola Sociedade Española de Construcción Naval (SECN) en Ferrol entre 1909 e 1921, os tres buques foron bautizados cos nomes de “España”, “Alfonso XIII” e “Jaime I”.

A súa historia nace trala destrución de parte da frota española na guerra hispano-estadounidense de 1898 e o posterior desmantelamento de outra parte da frota en 1900. Naquel momento a idea das autoridades era outorgar á Armada un novo plan de construción naval, que ía chegar en 1907 da man de Antonio Maura e o seu ministro de Marina, o almirante Ferrándiz.

O plan sería aprobado polo goberno a comezos do ano seguinte como ‘Ley de Marina del 7 de enero de 1908’, plan que dispoñía a construción dos tres acorazados nomeados anteriormente que serían a arma máis potente da frota.

Despois de que a primeira crise con Marrocos fortalecese os lazos de España con Gran Bretaña e con Francia, e de que o apoio público para o rearme aumentara posteriormente, o goberno español chegaría a un acordo con esos países para un plan de defensa mutua. A cambio do apoio británico e francés para a defensa de España, a frota española apoiaría á armada francesa en caso de guerra coa chamada Triple Alianza contra as frotas combinadas de Italia e Austria-Hungría no Mar Mediterráneo xa que a Royal Navy debería de centrarse no Mar do Norte contra a armada imperial de Alemaña, mentres que a frota francesa por si soa non podería conter á armada italiana e austrohúngara xuntas, e era necesario que Francia transportara por mar as súas tropas coloniais desde o norte de África ao continente europeo.

Polo tanto, unha frota española fortalecida redundaba en interese de Gran Bretaña e Francia, que en consecuencia proporcionaron asistencia técnica no desenvolvemento de buques de guerra modernos con contratos adxudicados a firma española Sociedade Española de Construcción Naval (SECN), formada polos constructores navais británicos Vickers, Armstrong Whitworth e John Brown & Company.

Os buques foron autorizados uns seis meses despois de que os británicos completaran o seu buque HMS Dreadnought, e despois de descartar os plans para construir acorazados de tipo pre-dreadnought, o comando naval rapidamente decidiu construir os seus propios acorazados.

Como xa dixemos, estos tres acorazados serían de tipo Dreadnought, monocalibre e dun desprazamento moi pequeno comparado con outros dreadnoughts. É máis, serían os acorazados dreadnoughts máis pequenos construidos no mundo.

Eran buques de cuberta corrida e mástiles en trípode. Só dispoñían de unha cheminea na parte central do barco, ponte de mando a proa e unha ponte auxiliar en popa. Construídos en Ferrol cun custe aproximado de 130 millóns de pesetas, o nome da clase sería España, polo primeiro acorazado da serie.

Comezouse coa construción do primeiro, o ‘España’, e 1909 e foi botado en 1912, sendo os padriños Alfonso XIII e Victoria Eugenia. Entrou en servizo en 1913 cunha dotación aproximada de 850 homes. Descoñecendo o porqué do motivo, resulta que dous destes mariñeiros estiveron presentes nunha voda celebradada na Laracha nos últimos días de 1913 ou nos primeiros de 1914. O conto é que a cousa non acabou moi ben entre eles:

Os xefes, oficiais e parte da dotación do acorazado 'España' nun dos  paus do buque (Imaxe publicada na revista Mundo Gráfico o 18 de xuño de 1913)

En Laracha se ha celebrado una boda de gran rumbo.

Uno de los actos verificados para festejarla, fué un baile, al que asistieron muchas personas.

Entre los concurrentes estaban dos marineros del acorazado “España”.

Por una cuestión baladí, agravada sin duda por el exceso del vino, riñeron estos dos marineros, y uno de ellos le asestó al otro una cuchillada en la espalda.

El estado del herido, es grave1. 

Ignoramos cal foi o futuro que lle deparou a eses dous mariñeiros, pero o que si sabemos é que o ‘España’, o buque ao cal pertencían ambos, en febreiro de 1915 cruzou o Atlántico para representar ao seu país natal nas cerimonias de apertura do Canal de Panamá (se sabedes de algún larachés que traballou nestas obras do Canal contactade con nós por favor). Dado que as principais armadas europeas estaban ocupadas coa Primeira Guerra Mundial, só España e Portugal enviaron barcos ás devanditas cerimonias, xunto coas frotas sudamericanas. 

Despois de que o seu buque xemelgo, o ‘Alfonso XIII’, (botado en 1913 coa Infanta Isabel de madriña) entrara en servizo a mediados de 1915, os dous acorazados zarparon cara Santander, onde o rei Alfonso XIII estaba a bordo do seu iate ‘Giralda’. Os buques participaron posteriormente en exercicios de adestramento fronte as costas de Galicia.

O terceiro e último da serie, o ‘Jaime I’, empezou a construirse en 1912 e sería botado en 1914, apadriñado polos infantes Carlos e Luisa. Non foi entregado ata 1921 por diferentes motivos: a Primeira Guerra Mundial e un intento de modificar as súas especificacións, aumentando a súa velocidade a 21 nós e o seu desprazamento ata 17.000 toneladas. Pero os problemas económicos de España imposibilitaron estas modificacións.

Os tres buques foron moi criticados pola súa escasa velocidade (estimouselles 19,5 nós) comparada coa clase 'Queen Elizabeth' británica, que chegou a alcanzar os 25 nós, e por ter bordas moi baixas, o que dificultaba o tiro con mar axitado (estaban equipados con oito canóns de 305 mm/50).

Os acorazados ‘España’, ‘Alfonso XIII’ e ‘Jaime I’ serviron na 1ª escuadra da Armada Española, que tradicionalmente recibía o nome de Escuadra de Instrucción. Todos participaron en combate durante a Guerra do Rif, onde o ‘España’ embarrancou no Cabo de Tres Forcas en agosto de 1923 resultando pérdida total, aínda que puideron recuperar a artillería “y otros pertrechos”. 

O acorazado 'España' en 1922, un ano antes do seu sinistro

Sobre a Guerra do Rif xa temos falado nestas Crónicas da Laracha, concretamente cando recuperamos unha entrevista que o xornalista de La Voz de Galicia Guillermo Pardo lle realizara nos anos 80 a Marcelino Esmorís Cambre, veciño de Cabovilaño que relataba con pelos e sinais algúns dos pasaxes da súa vida, dende a súa estadía en Cuba durante cinco anos ata a participación na devandita Guerra do Rif (podes ver a crónica de Marcelino aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2023/11/charla-con-marcelino-esmoris-nun-dia-do.html).

Rematamos con dous apuntamentos. O ‘Alfonso XIII’ foi renomeado ‘España’ en 1931 tras o exilio do rei Alfonso XIII, logo dos resultados das eleccións municipais do 12 de abril que deron a vitoria aos candidatos republicanos nas principais cidades.

Os dous duques supervivintes da serie da que estamos a falar participaron na Guerra Civil en bandos opostos e ambos resultaron destruídos no conflito. O ‘España’ (ex- ‘Alfonso XIII’) encontrábase en Ferrol fora de servizo no momento do golpe de Estado, quedando en mans dos rebeldes e uniuse ás escasas forzas navais golpistas do Cantábrico. Afundiu o 30 de abril de 1937 fronte a Santander tras impactar cunha mina. 

O ‘Jaime I’ sería destruido por unha explosión interna, que causou 300 mortos, en xuño de 1937 no porto de Cartaxena mentres servía no bando republicano. 

Precisamente en Cartaxena, nos últimos días da Guerra Civil, tamén ía ser afundido por unha das baterías de defensa costeira o ‘Castillo de Olite’, un cruceiro auxiliar usado como transporte de tropas franquistas. Con 1476 falecidos (datos actuais estiman a cifra por riba dos 2000 falecidos) é o naufraxio máis mortífero da historia de España. Perfecto Iglesias Canedo, cabo do 3º Batallón de Zamora nº 28 natural da parroquia de Soutullo, perdeu a súa vida alí.


FONTES:

Wikipedia: clase España (https://es.wikipedia.org/wiki/Clase_España)

________________________________

1 El Eco de Santiago, 14 de xaneiro de 1914, páx. 2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario