Nas Crónicas da Laracha desta semana compartimos con todas e todos vós un tesouriño da hemeroteca de La Voz de Galicia, unha entrevista que o prezado Guillermo Pardo lle realizou nos anos 80 a Marcelino Esmorís Cambre, veciño de Cabovilaño que relata con pelos e sinais algúns dos pasaxes da súa vida, dende a súa estadía en Cuba durante cinco anos ata a participación na Guerra do Rif.
Marcelino tamén fala na entrevista da emigración dos seus fillos, dos negocios que tivo na Laracha e dun longo etcétera que reflexa, en gran medida, os acougos e desacougos dunha época.
Esta é a súa historia:
BERGANTIÑÁNS
Marcelino Esmorís: “Só a distancia me separa dos meus fillos”
Marcelino Esmorís (La Voz de Galicia, 26 de fabreiro de 1984) |
Bergantiños (Por Guillermo Pardo). Marcelino Esmorís Cambre naceu en Arén (Cabovilaño, A Laracha) o 21 de decembro de 1900. Pronto cumprirá, pois, oitenta e catro anos e a simple vista todo parece indicar que nin se enterou do tempo transcorrido; a xovialidade deste home é envexable, sen que aparentemente nada faga supoñer que, por fortuna, as cousas vaian a cambiar nun curto período de tempo.
Marcelino Esmorís está casado con Jesusa Rodríguez Cambón, muller aínda ben conservada. Do matrimonio naceron nove fillos: oito homes e unha muller.
Jesusa Rodríguez e Marcelino Esmorís (Cortesía da familia) |
Habería algún estraperlo -bromea o noso interlocutor cando lle facemos notar a considerable diferenza no número.
-A miña familia sempre foi propensa á abundancia en descendencia; unha curmá miña tivo catorce fillos e miña avoa dez, aínda que se cadra o avó tivo máis.
Dos nove fillos que ten Marcelino só algúns viven próximo a el, xa que os demais están emigrados.
Teño dous, Manuel e Eliseo, en Bos Aires; en Alemaña encóntrase Julia e Marcelino en Suíza. Os demais viven na Coruña, Carballo e aquí, ao lado da casa. Soamente a distancia me separa deles, especialmente dos que tiveron que marchar da terra.
Polo que parece pasaron por dificultades…
A
verdade é que a familia nunca pasou fame, pero nos anos 50 as cousas
puxéronse difíciles en algúns víronse na obriga de emigrar.
Outros, dos que agora están aquí, volveron ao pouco tempo. Con
todo, Manuel leva en Bos Aires uns trinta anos.
Memoria prodixiosa
Marcelino, aínda que o convidaron, non saíu nunca de Cabovilaño para ir a visitar aos seus fillos na emigración porque, entre outras cousas, tenlle medo ao avión. Ademais, como el di, “a morrer hai tempo”.
Marchei para Cuba o 11 de febreiro de 1916 e desembarquei no porto de Santiago o 18 de marzo dese ano. A verdade é que ía para a Habana, pero desembarquei por aburrimento porque levaba máis dun mes de viaxe. Recordo que o barco chamábase “Cádiz” e pertencía á compañía Pinillos Izquierdo.
Postal dos anos vinte do século pasado do vapor "Cádiz" da Compañía Pinillos Izquierdo (www.buques.org) |
¿Que se lle perdía a vostede en Cuba?
Fun a traballar de xornaleiro no campo para axudar a meus pais a pagar un lugar que eles compraran aquí. Eu tiña daquela só 16 anos.
A súa permanencia en Cuba durou case cinco anos, pero estaría máis tempo de non ser polo servizo militar. Chamárono a filas en 1921, mais non puido ingresar ata agosto do ano seguinte.
Fixen a viaxe de volta a España no “Alfonso XIII” e funme a Melilla para ingresar na arma de Artillería de praza e costa. Sucedeu por aquelas datas datas o chamado “desastre de Annual1”, cando os moros invadiron a cidade. Acórdome de todo perfectamente, como se fora onte practicamente.
Postal dos anos vinte do século pasado do vapor "Alfonso XIII" na Coruña (www.buques.org) |
Efectivamente, Marcelino relata os acontecementos cunha viveza impresionante, con enerxía. As imaxes sucédense na súa mente coma se dunha pantalla de cine se tratase. Vainas soltando con abundancia de xestos e cos ollos moi abertos, coma se o estivera vivindo. Recoñece que non quixo ser cabo porque “alí pasabamolas moi mal.”
Marcelino casou con Jesusa en 1926, despois de cumprir o servizo militar. Xa casados, o matrimonio montou unha taberna na mesma casa na que aínda viven hoxe e así foron tirando durante oito largos anos. Desfíxose máis tarde da taberna e comprou dous bois para transportar madeira de piñeiro para a fábrica de Pedro Iglesias.
Imaxe dos anos 70 do serradoiro de Pedro Iglesias (Cortesía do Arquivo do Reino de Galicia) |
Adquiriu despois un forno de cocción de ladrillo e tella por 150 pesetas, pero esto non durou moito a causa da aparición da cerámica, que provocou a desaparición dos artesáns. Con todo, Marcelino seguiu traballando na terra ata que lle chegou a xubilación.
Agora vive tranquilamente na súa casa de Cabovilaño coa súa muller e un dos seus fillos, que o tratan a corpo de rei e mesmo o admiran precisamente pola súa xovialidade e o seu carácter aberto e amable2.
Jesusa e Marcelino na época na que se realizou esta entrevista (Cortesía de familia) |
____________
1 O desastre de Annual foi unha grave derrota militar española na Guerra do Rif e unha importante vitoria para os rebeldes rifeños comandados por Abd el-Krim. Produciuse entre o 22 de xullo e o 9 de agosto de 1921, cerca da localidade marroquí de Annual, situada entre Melilla e a baía de Alhucemas. A batalla ocasionou a morte duns 11.500 membros do exército español, 8.500 españois e 2.500 rifeños leais ao Goberno encadrados en unidades indíxenas, máis da metade executados tras renderse.
2 Vid. Entrevista publicada en castelán en La Voz de Galicia, Bergantiños, 26 de febreiro de 1984, páx. 26.
Tes toda a razón, un tesouro, un anaco da nosa historia, un libro aberto. Ben certo é que cando unha persoa desaparece con el tamén se pecha un libro. Referente á telleira que merca, quédome coas ganas de saber máis. Agardo con impaciencia o teu novo libro.
ResponderEliminarMoitas grazas polo teu comentario, "Cabaqueira".
Eliminar