xoves, 9 de abril de 2026

O SERRADOIRO DA BERIA (2ª parte e fin)

Malia ás duras circunstancias familiares que acababan de sufrir, Florencio Rey Queijo e o seu cuñado Felicísimo Pombo Souto, logo de facer todo o posible para que o castelo de naipes que acababan de levantar con Silvestre non se desmoronase, inician con vehemencia a actividade no serradoiro da Beria.

Os dous socios ían traballar xuntos durante un par de anos, ata que Florencio, de quen falaremos no futuro nestas Crónicas da Laracha, montou a súa propia fábrica na capital municipal, cerca da Cheda, na actual Avenida Doutor López Astray. Sobre aqueles tempos, a señora Maruja recordaba que “meu pai quedouse co aserradero da Beria e despois fixo a casa alí. Antes desto vivíamos en Fragoso. Eu debía ter 6 ou 7 anos cando fomos para esa casa nova, que alí xa tiñamos luz eléctrica do salto da Groba. Como eu nacín en 1937, penso que se acabou de construír en 1944 e ao mellor o salto da Groba xa había dous anos que funcionaba. Esa casa aínda existe, que é unha alaranxada. A fábrica estaba xusto ao lado, que hoxe aínda está alí o transformador que era noso”.

Panorámica actual do transformador do serradoiro da Beria

Á parte da señora Maruja, en Fragoso tamén naceron Carmiña (co tempo Sor Carmen, filla da Caridade) e Gerardo. Os outros cinco fillos de Felis e Obdulia (Daniel, Herminia, Jesús, José Antonio e Manuel) viñeron ao mundo na Beria. A maior, a señora Maruja, contounos que “eu nacín alí, en Fragoso, porque meus pais non tiñan casa propia. Nós somos oito irmáns e do máis vello ao máis novo hai 23 anos de diferencia. O máis novo naceu na mesma quincena que a miña filla Isabel e a súa irmá xemela Maricarmen”.

Felis Pombo e Obdulia Rey coa súa filla Maruja (Cortesía da familia Pombo Rey)

Tras a marcha do seu cuñado Florencio, Felis queda só á fronte do serradoiro a mediados dos corenta, anos duros, moi duros, nos que o industrial de Golmar vai asomando a cabeza no sector e sobrevivindo nel malia a situación xeográfica da súa empresa, establecida lonxe das comodidades que podían ter os outros serradoiros da Laracha, a maioría deles situados estratexicamente a carón ou nas proximidades da estrada A Coruña-Fisterra. Nestes negocios cargaban a madeira nas súas instalacións e, acto seguido, xa a transportaban para a capital herculina ou para onde fose. Pero no serradoiro da Beria o conto era ben distinto, abofé! Estaba moi cerca da materia prima, si, pero lonxe da estrada principal. Primeiramente tiñan que contratar carreteiros para levar as toradas do monte ata o serradoiro. Despois, unha vez transformada a madeira na fábrica, había que volver contratar carreteiros polo simple feito de non haber estrada desde A Beria ata A Laracha. Ese desprazamento do material por aqueles camiños de Deus restaba competividade e, por riba, ben na capital municipal ben en Paiosaco, tiñan que buscar un sitio para estacionar a madeira porque, se cadra, non marchaba aquel mesmo día para A Coruña. Por tal motivo, Felis pagáballe unha renda a Astray, ou a quen lle cadrara, para tela nalgún terreo da súa propiedade. E un momentiño, ademais, había que dispoñer dun home que custodiase a madeira almacenada na Laracha ou en Paiosaco, e que atendese a xente que a iría buscar nos días posteriores. E todo iso ía en contra da rendibilidade do negocio.

Polo que nos contou Maruja, a madeira que máis traballaban no serradoiro da Beria era a de piñeiro coa que facían, entre outros produtos, táboa fina para as caixas de froita e de peixe. “Tamén se traballaba algo de carballo e de castaño. Eucalipto naquel tempo apenas había, pero con esta madeira tamén temos feito algunhas cabezallas dos carros. Na miña infancia e xuventude, os montes estaban cheos de pinos e castaños. Papá era o que ía ao monte cubicar e a marcar a madeira que comprara previamente. E despois, xa ían os tronzadores a serrar e os carreteiros cos carros de bois, que eran os que nos levaban os pinos para o aserradero. Naquel tempo, na parte de arriba da nosa casa da Beria, había unha parede que lle chamabamos A Casqueira. Aí había un portal de madeira ao que lle poñiamos dúas palancas cando viñan os carreteiros cos pinos do monte”.

Felis, home elegante que gostaba habitualmente vestir gravata, era unha persoa moi intelixente e grande afeccionado á lectura. Hoxe sería un gran concursante do programa Cifras y Letras, xa que os números tamén se lle daban realmente ben. Desfrutaba cubicando no monte os toros das árbores e, á hora de desglosar as facturas, detallaba minuciosamente e con verdadeira mestría as vendas realizadas, como así nolo recordaba a súa filla Maruja: “Nós vendíamoslle a madeira principalmente a don Ramón García Otero, que era un maiorista da Coruña que se dedicaba a exportar. Moita da nosa madeira foi para Santander, para o País Vasco e para outras zonas de España dende o porto da Coruña. Este don Ramón tiña moi boa relación con nós e a papá estimábao moito. Os dous eran do mesmo tempo. El, como manexaba información dos prezos, sempre o avisaba anticipadamente dos movementos que habería:

- Pombo, mire que vai subir a madeira a tanto. Compre a que poida e, se pode, gárdeme todo o que vaia adquirindo.

Don Ramón era moi boa persoa. Eu incluso teño ido á súa casa a buscar cartos porque moitas veces, cando había algunha dificultade económica, pagábanos por adiantado. Papá era moi listo, sempre estaba lendo algún libro. Don Ramón Otero dicíalle que non lle ían para a oficina unhas facturas e uns albaráns tan ben explicados como os que facía el.

- Pombo, non veñen cuentas mellor feitas que as súas!

Ás veces paseaban os dous polo porto da Coruña. Papá cubicaba a madeira e despois explicáballe… tantas tablas de 10, tantas de 12, tantos metros lineais, tantos metros cúbicos…”.

Tal e como contamos a semana pasada, nos primeiros tempos o serradoiro contaba cun pequeno motor de gasolina, que foi co que traballaron ata que Felis comprou unha caldeira da que se acordaba perfectamente a señora Maruja: “Era unha máquina grande a vapor que, por desgracia, case nos arruína porque xa viñera podre. Tiña varios tubos e todos funcionaban con auga, pero claro hoxe rompía un, mañán rompía outro… Esa máquina estivera antes nun barco”. Historia ben curiosa de como a salgadura oceánica chegou a Golmar. Nunca antes o Atlántico estivera tan cerca das parroquias do interior do municipio. Da pesca á silvicultura, dun mar de peixes lugrisiáns a un mar de piñeiros pondalianos. Aquela vella caldeira, testemuña da economía de subsistencia, sabía ben o que era traballar no sector primario da época, abofé!

Como empresa familiar que era, a man de obra dos fillos de Felis e de Obdulia era fundamental no día a día do negocio, uns rapaces que empezan a choiar nas instalacións a medida que ían tendo a idade e a capacidade física suficiente para facelo. A señora Maruja, que se cadra foi a primeira muller que traballou nun serradoiro na Laracha, daba fe desta época da súa vida: “Na fábrica fixen un pouco de todo. Cubicaba, canteaba, serraba… bueno, ao monte á madeira non fun, eh (risas). Naquela hora ver unha muller nunha industria deste tipo non era moi común, pero claro, eu era da casa e por riba era a maior dos fillos. Todo o mundo dicía que traballaba moi ben (risas). Eu facía o que podía. Á parte de min, da nosa casa tamén traballaron no aserradero Gerardo, Daniel e Chucho, que naquel tempo era o máis pequeniño, pero na canteadora dáballe xeito. Chucho naceu en 1950 e igual traballou un ano na fábrica. Meus irmáns tamén teñen ido a tronzar ao monte. Gerardo poñíase nun lado e Daniel e Chucho no outro. Chucho era moi neno pero era fortecho para os anos que tiña. Era máis forte Chucho con 10 anos que Daniel con 13. En total seríamos seis o sete operarios e asegurados normalmente había dous. A fábrica da madeira xa tiña que dar para manter a tanta xente e a tantos fillos (risas)”.

Habitualmente, había un home para pelar as toradas, dous para serrar, dous para a canteadora e un fogueiro para a caldeira de vapor. “Acórdome que nos anos 50 os operarios que tiñamos contratados cobraron durante un tempo 6 pesetas ao día”, recordaba a señora Maruja, que tamén nos dixo que, se na fábrica non había moito traballo, eran seu pai e seus irmáns os que ían tronzar ao monte, “pero normalmente os que facían ese choio eran Santiago de Victoria e José de Luisa. Eses dous homes andaban pola súa conta e pagábaselle por pinar. Tiñan un prezo polo corte de unidades. Se había un pinar de corenta pinos pagábaselle o corte de corenta pinos xuntos”.

Paseniño, os tempos foron mellorando algo coa chegada do primeiro tractor, un vehículo de cadeas comprado en Andalucía que, ao igual cá antiga caldeira, seica tamén viñera podre. Tratábase dun tractor moi usado que Felis e outro socio compraran a medias. O socio tiña os cartos e o noso protagonista sabía manexalo porque na Guerra Civil andara con máquinas así e con carros de combate. Tras certo tempo traballando con el, o tractor ía estar parado ao lado da casa dos Pombo Rey na Beria. Maruja recorda que por aqueles días “era a diversión dos rapaces. Viñan á Beria ver o tractor e despois ían ao Regueiro escoitar a radio que comprara Antón do Ramallal, que tiña curtidoiro alí no Regueiro e era moi amigo de papá. Finalmente, o tractor de cadenas comprouno un señor de Valencia. Ese home pobre non debía ser porque esperábao na Coruña un barco que traía contrabando. De feito, disque lle comprara ao do barco unhas medias de cristal para a súa muller que, naqueles tempos, valían unhas 100 pesetas, unha fortuna porque un obreiro non chegaba ás 200 pesetas ao mes. Eso sería sobre o ano 1956. Eu tería 19 anos e nunca oíra falar das medias de cristal”.

Maruja Pombo Rey na súa xuventude (Cortesía da familia  Varela Pombo)

Certo tempo despois, Felis compra outro tractor a medias con Pepe do Cazador, veciño de Golmar que se dedicaba ao gando vacún. Adquíreno en Alemaña, a sabendas das dificultades que lles ía causar a operación por mor da debilidade da peseta e dos problemas arancelarios co país teutón. Naquela hora a venda de laranxas a Alemaña era un piar fundamental para a economía exterior española, que lle proporcionaba as divisas1 necesarias para a incipiente industrialización e a superación do illamento económico da posguerra.

Tras unha longa espera, o tractor de Felis e Pepe chega a Golmar grazas ás laranxas. Nestes tempos de desmemoria cara aos que parece camiñar a sociedade actual, a próxima vez que tomedes un zume de laranxa, recordádeo por favor. Os dous propietarios necesitaban o tractor para usos moi diferentes, polo que tanto traballaba para o serradoiro como para outra xente que o contrataba para as leiras ou para levar madeira a Guitoi, a un serradoiro que había neste lugar da parroquia carballesa de Sofán. Nestas contratacións que se realizaban fóra do ámbito deles, os dous propietarios repartían posteriormente as ganancias. Se o tractor estaba na fábrica, quen andaba con el polo monte era Felis ou Gerardo, o maior dos seus fillos varóns. Mesmo nos contou un paxariño que seica non foron poucas as veces que o tiveron que descargar e volver a cargar, porque batía abaixo nas corredoiras. Ao principio eran os Pombo Rey os que lle daban máis utilidade porque Pepe do Cazador tardou en aprender a utilizalo. “Despois dun tempo papá vendeulle a parte do tractor a Pepe, que máis tarde sería condutor de autobuses da empresa Queixeiro”, recordaba a señora Maruja.

Nesa segunda metade da década dos 50 foi tamén cando fixeron no serradoiro o cambio do vapor á electricidade, modernía que lle contrataron a Eduardo Queijo Pérez, máis coñecido por Leborías, por ser este o lugar no que tiña o salto de luz. Posteriormente, este industrial venderíalle o salto a Hidroeléctrica Laracha. As siglas desta empresa son as que figuran no transformador que aínda podemos ver na actualidade na Beria, o mesmo que subministrou corrente á fabrica de Felis ata o último dos días de actividade.

Panorámica actual do transformador e do lugar onde estaba o serradoiro da Beria

Durante as dúas décadas que tivo de vida, os operarios do serradoiro ían e viñan. Á parte dos membros da familia, os últimos que traballaron alí foron Che do Bulto, Fernando Fraga e Manuel Rodríguez (Manuel da Calvela), empregado que estivo na fábrica desde o principio ata o final.

Ante a pouca carga de traballo que estaba a ter, sumado á pobre economía da empresa, nos últimos tempos sempre en números vermellos, Felis decide pechar o serradoiro en 1960 e comeza a mirar de esguello á emigración como unha nova oportunidade para encamiñar a súa vida e a da prole. Suíza empezaba a verse no horizonte. Mais antes de facer a maleta, despois de que a fábrica xa levase algún tempo parada, alugoulla durante uns meses a Primitivo de Golán, un curmán que acababa de comprar un piñeiral co que obtivera algunha ganancia. “Cando foi o do alquiler a Primitivo, papá aínda traballou algo con el, e tamén traballou meu irmán Chucho, que era un neniño. Despois xa emigramos a Suíza e aí foi cando triunfamos un pouco”, recordaba a señora Maruja.

O primeiro membro da familia que emigrou foi Gerardo, o maior dos fillos varóns de Felis e Obdulia, que abandonou A Laracha en outubro de 1961 para traballar durante uns meses en Francia, antes de facer o propio en Suíza pouco tempo despois. A principios de 1962 Felis tamén emigra ao país helvético, onde, como non podía ser doutro xeito, primeiro traballou nun serradoiro e ao pouco de carpinteiro. En outubro do mesmo ano é Maruja a que fai a maleta a Suíza para choiar nunha fábrica de fío. Os tres, pai e fillos, viven en Uster, a terceira cidade máis grande do cantón de Zúric. Gerardo empezara na hostalería, mais quería cambiar de sector. Aos poucos meses de estar en Zúric decide marchar a Alemaña, onde aprendeu o oficio de torneiro. Tras botar catro anos no país teutón volve a Uster e alí xa traballaría sempre de torneiro. Posteriormente, ao pouco de cumprir os 18 anos, tamén emigraría Daniel para traballar en Uster de carpinteiro, oficio que xa aprendera na Laracha. Maruja regresa a Galicia en 1966 para casar con Indalecio Varela Esmorís. E ao pouco tamén se foron para Suíza Obdulia (a muller de Felis) e tres fillos máis do matrimonio, Herminia, Jesús e Manolo, que marchou con nove aniños. Dos oito irmáns soamente houbo dous que non emigraron a Suíza: Sor Carmen, que foi a Marín con 15 anos para converterse en monxa, e José Antonio, que quedou cuns tíos estudando.

Gerardo, Maruja e seu pai Felis na emigración (Cortesía da familia Pombo Rey)

Gerardo e Daniel regresaron da emigración en 1976 e montaron en Santa Cruz (Oleiros) unha carpintería de mobles de cociña e baño, e incorporáronse despois á fabricación e distribución estatal dunha liña de mobiliario de salón-comedor. A súa paixón polo deseño levaríaos a crear a partir de 1993 as tendas e os estudios de interiorismo e decoración Pombo Mobiliario e Interiorismo, empresa que actualmente dirixen os fillos.

A historia da familia Pombo Rey é un reflexo da historia máis recente da Laracha, abofé. Historias de moito traballo e sacrificio envoltas na emigración a Suíza. Porque, un momentiño... coñecedes algunha familia da Laracha que non tivese a alguén emigrado no país helvético? No caso concreto de Golmar, nos anos noventa, no 90 % das casas da parroquia había alguén emigrado alí. Se non era un pai, era un fillo ou un neto.

A Laracha: 13 parroquias e un país no corazón, ese país do CH (Confederación Helvética) que viamos nas matriculas dos coches dos emigrantes cando viñan pasar as vacacións: Suíza.

__________________________________

1 As exportacións de cítricos, historicamente cun enfoque nos mercados europeos, xeraban divisas moi necesarias para oxime franquista, inmerso na autarquía e con acceso limitado a mercados e crédito internacionais, especialmente na primeira metade da década dos 50.

Ningún comentario:

Publicar un comentario