xoves, 18 de decembro de 2025

GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ, O CRONISTA DE SOANDRES

   Nas Crónicas da Laracha desta semana homenaxeamos a un dos grandes defensores da cultura do municipio, un persoeiro que transmitiu o seu saber e a súa erudición sobre a historia da súa terra de nacemento en numerosos artigos que publicou durante décadas en diferentes medios da bisbarra. Estamos a falar do prezado e admirado Gumersindo García Gómez, o cronista de Soandres.

Gumersindo García Gómez

  Nacido o 28 de setembro de 1952 no Convento (Soandres), Gumersindo, Sindo para os seus amigos, é o fillo máis pequeno de Gumersindo García Verdía e de María Gómez Barreiro, matrimonio que cando veu ao mundo o noso homenaxeado xa eran pais de José Gerardo, nacido en 1948.

  Os dous irmáns ían marchar de cativos para Guísamo (Bergondo), onde vivían os seus avós paternos e o seu tío José García Verdía (1927-2011), crego desta parroquia desde 1953. O primeiro en facer a maleta foi José Gerardo e posteriormente, cando tiña catro anos, faría o propio Sindo, que pasaría en Guísamo a súa infancia e adolescencia.

Gumersindo García e María Gómez cos seus fillos José Gerardo e Sindo (Cortesía de Montse García Iglesias)

José Gerardo e Sindo con seu pai Gumersindo e seu avó Rogelio (Cortesía de Montse García Iglesias)

  O párroco ía ser unha persoa moi importante na vida de José Gerardo e na de seu irmán Sindo, que quedou a vivir co crego larachés ata rematar o servizo militar. Na realidade D. José foi moi moi importante na vida deles e na de todos os seus feligreses xa que, ao tempo que exercía o seu ministerio sacerdotal, tamén lideraba algúns dos cambios máis transcendentais que estaba experimentando naquela altura esta parroquia mariñana, cambios moi necesarios realizados nun contexto sumamente dificil como a apertura de novos camiños, a traída de augas ou a instalación do teléfono. En 2020 o Concello de Bergondo tivo a ben recoñecer a súa labor de benfeitor cun monólito, ademais de bautizar co seu nome a praza que hai diante da reitoral de Guísamo, nun acto entrañable no que estivo presente a súa familia da Laracha.

José Gerardo e Sindo García Gómez en Guísamo coa súa familia (Cortesía de Montse García Iglesias)

Monólito de D. José García Verdía en Guísamo (Concello de Bergondo)

Praca do monólito (Concello de Bergondo)

  D. José García Verdía era un lector empedernido e un destacado políglota que, aí é nada, sabía vinte idiomas. O seu amor polos libros ía deixar fonda pegada no seu sobriño Sindo, quen, a partir da segunda metade da década dos oitenta comezou a poñer en práctica o que fora mamando dende moi cativo: un “don” especial de escribán, que era como lle chamaban aos empregados públicos que estaban antigamente encargados de escribir documentos legais e actas dos procesos xudiciais.

  A partir desa época, o seu enorme interese pola historia da súa terra natal ía levar ao noso querido escribán a publicar en medios como El Ideal Gallego interesantes artigos que, nalgúns casos, se animara a escribir tras recibir o apoio do historiador Carlos Martínez-Barbeito (1913-1997), destacado persoeiro coruñés que Sindo trataba con frecuencia e que era neto do historiador Andrés Martínez Salazar e fillo da escritora María Barbeito.

El Ideal Gallego, 7 de setembro de 1987

  Dende aquela época e ata o día de hoxe, o cronista de Soandres dedicouse a recompilar toda a documentación e libros que fixeran alusión á súa terra, converténdose nunha inesgotable fonte de sabedoría chea de centos de informacións acerca de cada recuncho da súa querida Laracha, especialmente da súa parroquia de nacemento.

  É infinito o traballo que Sindo García leva realizado ao longo de todo este tempo. E son miles as horas que pasou lendo, traducindo e tratando de darlle sentido aos manuscritos que foi quen de sacar do esquecemento dende os distintos arquivos de Compostela e da Coruña.

  Grazas ao seu enorme interese polo pasado e polos nosos devanceiros, paseniño, foi desenterrando as raices e a historia de Soandres, facendo todo o posible por transmitila a toda a veciñanza a través de artigos publicados no “mensaje”, un boletín trimestral coas misas, festas e noticias varias relacionadas coa freguesía, que o párroco D. Manuel Mallo repartía entre os feligreses.

  Moitos dos artigos da súa autoría tamén se publicaron, durante moitos anos, na revista das Festas de Soandres, artigos que a veciñanza lía con verdadeira devoción e que aínda hai quen os ten gardados coma o verdadeiro tesouro que son.

  Tamén é de agradecer o seu traballo en primeira liña en diferentes eventos ou iniciativas como, por exemplo, a recuperación da romaría de Santa Marta.

  Quitámonos o sombreiro ante a inxente labor que realizaches para manter viva a nosa memoria! Vaia dende aquí o noso máis sincero agradecemento, Sindo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario