Como ben sabedes, as doce uvas da sorte é unha tradición española consistente en tomar doce uvas durante os últimos segundos do 31 de decembro ao son das doce badaladas que sinalan o fin dun ano e o comezo de outro.
Aquí utilizamos uvas frescas e normalmente de cor verde. Noutros países, como Portugal ou nalgúns de Latinoamérica comen doce uvas pasas. Con todo, a razón de que sexan doce non está clara. Non se sabe con certeza se é polos “doce meses”, unha uva por cada mes, ou se é polas “doce badaladas”, unha uva por cada toque de campá. Realmente, se o pensamos ben, poderíanse compaxinar as dúas motivacións.
A tradición de comer as uvas na xeografía española parece ser que ten o seu precedente nun bando municipal do alcalde de Madrid, José Abascal y Carredano, de decembro de 1882, polo que se impoñía unha cota de cinco pesetas a todas as persoas que quixeran saír a recibir aos Reis Magos. Esta tradición servía para ridiculizar a algúns forasteiros que chegaban esos días á capital do Estado e a quenes se lles facía crer que había que ir a buscar aos Reis Magos a madrugada do 5 de xaneiro; utilizábase, ademais, para beber e facer canto ruido se quixera. Con este bando, José Abascal privou aos madrileños da posibilidade de disfrutar dun día de festa onde se permitise case todo. Isto, xunto á costume das familias acomodadas de tomar uvas e champán na cea de Noitevella, provocou que un grupo de madrileños decidiran ironizar a costume burguesa, acudindo á Porta do Sol a tomar as uvas ao son das badaladas.
Outros antecedentes desta tradición poden localizarse na prensa de finais do século XIX. Deste xeito, o 2 de xaneiro de 1894, El Siglo Futuro incluíu un artigo do día anterior de El Imparcial titulado “Las uvas bienhechoras”, no que se fala da costume “importada de Francia, pero ha adquirido entre nosotros carta de naturaleza1 ”. O mesmo día, en El Correo Militar podíase ler: “La imperecedera costumbre de comer las uvas al oír sonar la primera campanada de las doce, tenía reunidas en fraternal coloquio á infinidad de familias, y todos á coro gritaron: ¡Un año más!2”.
Na Noitevella de 1895 tamén aparece unha referencia escrita sobre as doce uvas, que simbolizaban os doce meses do ano. Nesa altura foi o Presidente do Consello de Ministros quen despediu ese ano de 1895 con uvas e champán.
Outra teoría apunta que a tradición de tomar as doce uvas comezou en 1909, cando os agricultores de Alicante, encontrándose nese ano con excedente de uva e con obxecto de sacar ao mercado toda a produción, inventaron o ritual de tomar as uvas da sorte na derradeira noite do ano logrando popularizar a costume e darlle o impulso definitivo para convertela en consolidada tradición.

Caricatura con varios políticos comendo as uvas na Porta do Sol de Madrid (Gedeón : semanario satírico: Año XVII Número 788 - 1 de xaneiro de 1911 . Biblioteca Virtual de Prensa Histórica)
A creación de Televisión Española a mediados do século XX permitiu a transmisión anual das doce badaladas do 31 de decembro dende a Porta do Sol de Madrid. Posteriormente, tras a creación das televisións autonómicas, estas comezaron a retransmitir as badaladas desde outros lugares; no caso da Televisión de Galicia, dende a torre do reloxo da catedral de Santiago de Compostela.
Se ben tradicionalmente a Noitevella celebrábase en familia, moita xente comezou a ir tomar as uvas da sorte en directo ao son do reloxo a diferentes espazos públicos, como a propia Porta do Sol de Madrid, o lugar máis famoso para facelo e onde parece ser que comezou esta tradición.
AS 12 UVAS DE NOITEVELLA NA LARACHA
Segundo diversas fontes que entrevistamos ao longo dos últimos días, a maioría da xente maior da Laracha non empezou a tomar as doce uvas ata os últimos anos 60 ou primeiros 70, coincidindo coa paulatina chegada das primeiras televisións. Houbo moitas persoas que nos dixeron que nas noitevellas da súa infancia tomaban uvas pasas, curiosamente do mesmo xeito que se segue celebrando na actualidade nalgúns países de América do Sur.
Amelia Pedreira Mallo, nacida en 1934 no Formigueiro (Vilaño) díxonos -a traves dun audio que non enviou o seu neto Diego- que cando era nena non había tal costume de tomar as uvas, pero en Reis si que facían algo especial, “ese día traíannos un pucho de fighos”. Os fins de ano da súa infancia recordaos indo de troula pola aldea. Ían todos xuntos, dous ou tres de cada casa, cantando panxoliñas. A súa memoria aínda garda unha delas:
"Á señora desta casa
moi ben lle queda a chaqueta,
moito mellor lle quedaba
se nos dera unha peseta".
Amelia casou con Basilio Pérez Sánchez, veciño de Lendo que con 6 anos viñera de criado para Vilaño. Aprendeu a ler na mili en Larache (Marrocos), onde se fixo barbeiro… un da Laracha en Larache, cousa bonita, abofé! Casaron e viviron durante uns anos en Quintáns (Vilaño). Co oficio de barbeiro aprendido na mili, montou unha barbería na nova casa do Formigueiro, onde a “sedenta” clientela pedíalle algunha copiña mentres agardaban pola súa quenda. Ante tal situación, a Basilio prendeuselle a bombilla e díxolle a Amelia:
-E se montamos unha taberna?
E así, na mesma casa do Formigueiro na que vivían, Basilio cortaba o pelo na barbería e, se non tiña choio, traballaba de albanel, gandeiro, xornaleiro, capador, taberneiro ou do que fixera falta para sacar adiante á súa prole. Ao mesmo tempo, Amelia atendía a taberna, a casa e ás catro fillas que tiveron. Pouco despois de abrir a tenda puxeron unha radio e posteriormente, a mediados dos anos 60, a primeira televisión do lugar. “Primeiro tivemos unha radio -recorda Amelia- e a xente viña bailar polo fin de ano ao son da música. Os de Martís viñan todos a bailar. Eu de tomar as uvas na taberna nesa época non o acordo. Despois puxemos a televisión, e a partir de aí o fin de ano xa empezou a ser como é aghora”.
Don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e doutras parroquias) é natural de Paredes (Erboedo). Contounos que cando era rapaz, polos anos corenta, “falaban das doce uvas, pero como alí á aldea a luz non chegou ata os anos 60, non había radio e non había ningunha referencia das campanadas. Recordo que nesa época alguén na casa, case en plan broma, ía contando e comiamos as uvas porque era costume de telas para a cea, que creo que non se ceaba tan tarde como hoxe. Despois dos anos 60 si que recordo que se escoitaban as campanadas na radio. Era un momento moi alegre coas uvas.”
Manuel Peña, veciño de Santa Baia (Soandres) nacido en 1934, ao que moitas e moitos de vós recordaredes por ser o condutor do autobús de Asicasa que facía a ruta A Coruña-Coiro, contounos -a través dun audio da súa filla Julia- que “na miña infancia non se facía nada especial polo fin de ano. Tiñamos un día de traballo normal de atender ao gando e, se cadra, facíase unha comida un pouco mellor, pero non había tal cousa das uvas. Eu de solteiro nunca tomei uvas en fin de ano. A partir do 1975, ou por aí, si que se empezou a celebrar coma hoxe”. A súa muller, Socorro Piñeiro, é natural Erboedo de Abaixo (Erboedo). Díxonos que na súa casa, en fin de ano “comíamos uvas pasas e tocabamos as pandeiretas”.
A señora Manuela Míguez Castro (Sofán, Carballo, 1931) é unha das nosas habituais fontes de información, que será... aí vai unha primicia... unha das grandes protagonistas do próximo libro que publicaremos o Concello da Laracha e un servidor. Manuela vive na “Casilla” de Proame (Lemaio) e é a viúva de Manuel López Mesejo, o último legoeiro deste lugar. Coa simpatía que a caracteriza, contounos (vía telefónica co seu fillo Lolo) que no seu domicilio de Proame polo fin de ano “comiamos xurelos e verzas, e despois, ás 12 da noite, botabamos tres bombas para celebrar o noso santo, o san Manuel e a santa Manuela, que é o día 1 de xaneiro”.
Rematamos co testemuño de Concepción Iglesias Eirís, Concha do Xastre, nacida na Silva (Cerceda) en 1948, pero que leva residindo na Laracha dende moi cativa. Seu pai era xastre e súa nai, ao tempo que atendía a casa e aos sete fillos, tamén cosía. Vivían na actual rúa Plácido Pedreira e, coas dificultades da época, sempre procuraban celebrar o fin de ano en maior ou menor medida. “Na nosa casa -recordaba Concha- sempre se celebrou, eso que os cartos andaban amarrados. Se de casualidade por calquera circunstancia meus pais non podían comprar as uvas frescas, pois comprábanas pasas. Foran frescas ou pasas, as uvas por fin de ano nunca faltaron na nosa casa. Contabamos nós… unha, dúas, tres… ou íanos contando papá… catro, cinco, seis… ou nolas contaba mamá… sete, oito, nove… Meus pais dicían:
-Veña rapaces, xa son as 12! Hai que tomar as uvas!
Iso si, tiñamos que acabar de comer un pouco antes das 12”.
Anos despois, tan pronto tiveron radio na casa, os Iglesias Eirís xa tomaban as doce uvas "escoitando as campanadas pola radio. E xa che digo, se de casualidade non se podían comprar polo que fora uvas frescas, porque antes aquí tampouco había de todo, pois daquela tomabamos uvas pasas. Na nosa casa tampouco nunca faltaron os polvoróns, o turrón blando e o duro. Ademais, tiñamos todos, os sete irmáns, unha caixiña redonda de mazapán da culebra. Por Reis, se non tiñan cartos bastantes para comprarnos calcetíns a todos, pois compraban dous pares e facían rifas. Se cadra comprábanos na feira e, cando chegaban á casa, rifábanos para que ningún dos fillos se sentira distinto dos outros e non houbera desprecios”.
Segundo a tradición, débese comer unha uva con cada badalada, representando un desexo ou esperanza para cada mes do novo ano. Se consegues comer as doce uvas a tempo, terás un ano de boa sorte e prosperidade, que é o que vos desexamos a todos e a todas!
FELIZ 2026!
FONTES:
Wikipedia: https://es.wikipedia.org/wiki/Doce_uvas
_________________
1 Cronista (2 de xaneiro de 1894); “Las uvas bienhechoras” (pdf). El Siglo Futuro (Madrid)
2 F. H. S. (2 de xaneiro de 1894): “1894”(pdf). El Correo Militar (Madrid)



Ningún comentario:
Publicar un comentario