venres, 25 de outubro de 2024

AS TORRES DE CILLOBRE (2ª parte)

   Cillobre foi unha das fortalezas que sufriu as consecuencias dos ataques dos irmandiños1. O escritor caionés Marcos Amado describe o papel realizado por un xa máis vello Gómez Pérez das Mariñas naquel episodio da nosa historia no seu libro Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos:

Chegada a contenda irmandiña en 1467, Gómez Pérez refuxíase dos alzados no mosteiro de Samos, pero pronto se unirá ao contraataque iniciado polo arcebispo, e agrupará as súas tropas en Santiago coas de Andrade, Ulloa e Lope Pérez de Moscoso “o groso”. Rapidamente foron vencidos os irmandiños e instaurado o poder señorial precedente, e estes últimos catro señores unidos ao das Mariñas, aliaranse na vista confederación antiarcebispal para frear o exceso de fortalezas ocupadas por Fonseca II (que eran da igrexa quen llas tiña cedidas en feudo a aqueles). Na reconquista para os Moscoso do castelo de Altamira cercado polo prelado en 1471, sitúase o lance no que Vasco da Ponte dá boa conta do respecto que os seus iguais tiñan a Gómez Pérez das Mariñas, “que era más viejo y más sabio y en las guerras… todos consentían con él”, de maneira que os seus plans foron acatados ante as vehementes ansias de ataque doutros señores. Recuperada Altamira e posteriormente tamén Vimianzo, os confederados diríxense á fortaleza de Mesía, propiedade de Gómez Pérez das Mariñas pero ocupada polo xefe das tropas arcebispais, irmán do prelado Alonso II de Fonseca e Acebedo, que heroicamente soportaron tres meses de sitio e trabucazos ata a súa entrega2”. 
As Torres de Cillobre foron propiedade de Gómez Pérez das Mariñas e posteriormente da súa filla Constanza (Foto publicada en 1916 por César Vaamonde Lores no Boletín da Real Academia Galega, nº 105, tomo IX, páx. 208)

   Sobre a descendencia de Gómez Pérez das Mariñas, dende o infortunio dun primoxénito e dúas fillas mortas prontamente, este importante persoeiro da historia galega tería sucesivamente outras tres fillas máis con dona Teresa de Haro: María das Mariñas, Constanza das Mariñas e Xenebra das Mariñas, ademais de procrear fóra de matrimonio a unha sexta filla ilexítima, Mencía das Mariñas. Gómez Pérez ía lograr para as catro fillas outros tantos pactos matrimoniais con grandes herdeiros ou Señores das súas respectivas casas nobiliarias, concertados na elite da contorna señorial galega. Así mesmo, como ben nos conta Marcos Amado no libro anteriormente referido, estes, conscientes da ausencia dun herdeiro varón, agardaron esperanzados unha futura porción da Casa das Mariñas para os seus señoríos tralo pasamento do seu sogro, que falecería no ano 1475.

    María das Mariñas, a maior delas, casa con Diego de Andrade, Señor da poderosa Casa de Andrade, e recibe de seu pai os señoríos das Mariñas dos Condes, co pazo de Miraflores como cabeza de xurisdición, correspondente cos actuais concellos de Oleiros e Sada, e das Mariñas dos Freires, bens situados no arciprestado de Faro e entre os ríos Mero e Mandeo, dominados desde o pazo de Bergondo-Mariñán e hoxe pertencentes ao concello de Bergondo, con partes nos de Abegondo, Cambre, Carral e Betanzos.

    Sobre o legado da seguinte, Constanza das Mariñas, que casou en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso y Ulloa, os bens reservados serán as merindades e señorios que yo el dicho Gómez Pérez llievo e poseyo desde la agua do Burgo fasta la Ponte Ceso e Val de Ruus”. Eran bens dos cotos anexos á cidade da Coruña, coas antigas freguesías da liñaxe de Suevos e Oseiro, pasando ás interiores de Erboedo e Meirama, e englobando todas as súas abundantes posesións en terras de Bergantiños, dominadas desde a fortaleza de Cillobre. Constanza tamén recibiu outro pazo situado na cidade da Coruña, na rúa Ferreirías… estas mys casas con sus huertas en la que agora moramos”, que viña sendo o pazo no que residía a familia e se atopaba Gómez Pérez ao outorgar testamento en 1474.

    Xenebra das Mariñas, coa que os seus pais quixeron afianzar alianzas coa mitra compostelá desposándoa moi nova con Luís de Acevedo, Pertegueiro Maior dos exércitos arcebispais, recibiría de seu pai todas as casas, rendas e propiedades sitas na cidade de Betanzos, ademais do señorío dos coutos de Oza-Cesuras e da Casa de Mesía, coa súa torre e fortaleza.

   Mencía das Mariñas, a filla bastarda, ía enlazar co fidalgo Juan García Barba de Figueroa, Señor da Casa de Figueiroa (Abegondo). Os sepulcros deste matrimonio, labrados coas armas e figuras xacentes, pódense visitar na igrexa parroquial de San Miguel de Figueiroa, no concello de Abegondo.

    Mais centrémonos agora na segunda das fillas de Gómez Pérez das Mariñas e dona Teresa de Haro, en Constanza, unha muller nacida sobre o ano 1450 que, como xa dixemos anteriormente, casara en primeiras nupcias con Lope Sánchez de Moscoso “o groso” quen, segundo as crónicas de Vasco da Ponte… “non era para ter xerazón (...) non era hombre para mujer y doña Constanza no le quería por marido”. Por tal motivo, Constanza separouse do seu home a principios do reinado dos Reis Católicos e, anulado este primeiro matrimonio, volta ao domicilio de seus pais. Grande foi o desgusto que por estos feitos tería Gómez Pérez das Mariñas, mais as razóns expostas pola súa filla eran dabondo para xustificar tal decisión e había que dala por ben feita.

    Un día chegou á residencia de Gómez o cabaleiro Fernán Pérez Parragués quen, de mozo, fóra paxe de aquel seguindo a costume adoptada entre os grandes señores que adoitaban enviar aos seus fillos á morada de algún dos amigos da nobreza para que se educaran ao seu carón, apartados da casa paterna, aprendendo todo canto conviña a súa condición. Os mozos fillos dos nobres empezaban como paxes para ser, co paso do tempo, escudeiros ata que máis tarde poideran, con algún feito notable, obter o título de cabaleiros.

    Gómez Pérez das Mariñas dispensaríalle un afectuoso acollemento ao seu antigo paxe Fernán Pérez de Parragués, Señor da fortaleza de Parga que quedara viúvo tras o recente falecemento da súa dona, que era filla de Fernán Díez de Ribadeneira. Se cadra aquela visita non tiña soamente o desexo de saudar ao seu antigo Señor. Probablemente, no recordo da súa primeira estadía na residencia de Gómez Pérez tiña unha gran importancia unha moza loira que, naqueles intres, era unha fermosa muller que non facía moito que abandonara ao seu home: Constanza das Mariñas.

   O certo é que pouco despois desta visita, dona Constanza e don Fernán Pérez Parragués casaban, mais casaban en secreto, sen que o soupera o pai dela, Gómez Pérez. Segundo Leandro Carré Alvarellos, “algunas veces, doña Constanza trasladábase a La Coruña para ver a su esposo; otros días era don Fernán el que iba a Bergantiños cuando tenía saudades de su mujer. Dícese que estos viajes casi siempre se hacían por mar y que embarcaban o tomaban tierra en las playas de Valcovo o de Barrañán3”.

    Conta a lenda que en certa ocasión dona Constanza agardaba a chegada do seu marido e, impaciente por velo, achegouse ata á beiramar do areal de Sabón. Ben por parecerlle que podía ollar máis pronto que tarde a embarcación na que viría o seu amado, ou ben porque acostumaban a empregar aquel lugar para baixar mellor da barca a terra, o caso é que sentou nun gran penedo que había cerca da praia. Coa impaciencia, cravados os ollos no horizonte mariño, non se decataría dona Constanza de que a marea estaba subindo. Naquel intre xa non tiña moito marxe de maniobra para poñerse a salvo, principiando as salpicaduras das ondas a mollar o seu vestido. Tras certos momentos de incerteza e angustia, apareceu o seu amado Fernán que a salvou dunha morte segura. Dende aquel entón, este penedo próximo á praia de Sabón coñécese como “A pena da Constanza”, nome que aínda se mantén nos nosos días. Superado o tremendo susto, semellaba que ningunha outra consecuencia tería aquel amargo acontecemento, mais non sería así xa que foi aí cando Gómez Pérez das Mariñas enterouse de que a súa filla casara en secreto con Fernán Pérez Parragués e, ao considerarse humillado e aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro, que non quitaría xamais ata a súa morte4.

 

Imaxe actual da Pena da Constanza tomada en Sabón (Oseiro, Arteixo). Ao fondo, Sorrizo, Caión, Malpica e as illas Sisargas

    Esta lenda que recolle Leandro Carré Alvarellos no seu libro “Las leyendas tradicionales gallegas”, xa aparece mencionada polo pai deste, Uxío Carré Aldao, na súa popular “Geografía General del Reino de Galicia” onde, no apartado que lle adica á parroquia de Oseiro, di que… “En las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segundas nupcias y “a furto de su padre” con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira “que no servía para casado”, según nos cuenta Vasco da Ponte. Esta doña Constanza, llamada “a vella” para diferenciarla de su hija doña Constanza, que apellidaban “a nova”, tuvo en mayorazgo, fundado por su padre en los bienes que éste le legó en testamento de 4 de Noviembre de 1474, hecho cuando la hija era menor de edad, “todo lo que poseía en bergantiños en oseyro e suevos e val de miis heruoedo e meyrama e con las encomiendas de santo andres e monteagudo e con los foros casas e casares que yo el dicho gomer perez llievo en las dichas encomyendas e en la terra señorio que foi de Iohan de coyro e de martin sanchez e en la terra de iohan dandero5”.

 

(…CONTINUARÁ)

___________________

1 Castelos derrubados na actual provincia da Coruña polos Irmandiños: Castelo da Lúa (Rianxo); Castelo da Rocha Forte (Santiago de Compostela); Torres de Altamira (Brión); Castelo de Moeche; Castelo de Vimianzo; Torre de Celas de Peiro (Culleredo); Torres de Mens (Malpica de Bergantiños); Torre de Xunqueira (A Pobra do Caramiñal); Castelo dos Andrade (Pontedeume); Torreón dos Andrade (Pontedeume); Castelo de Mesía; Torre de Lama (Mañón); Torre de Nogueira (Coristanco); Torre da Penela (Cabana de Bergantiños); Fortaleza da Mota de Ois (Coirós); Torre de Figueiroa (Abegondo); Torres de Goiáns (Boiro) e Torre de Cillobre (A Laracha).

2 Amado, Marcos Emilio. Poder, dominio e sangue. A liñaxe Bermúdez de Castro, señores de Montaos. Edición do autor. Caión, 2017, páx. 74.

3 Leandro Carré Alvarellos,(2000): Las leyendas tradicionales gallegas. La Voz de Galicia, páx. 233.

4 Gómez Pérez das Mariñas foi sepultado na capela de San Marcos do convento de Santo Domingo da Coruña, onde xacían os restos dalgúnhas persoas da súa liñaxe. A consecuencia do asedio de Drake á cidade herculina en 1589 o convento quedou en ruínas e perdéronse para sempre o rastro das cinzas de Gómez Pérez.

5 Uxío Carré Aldao(1928): Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por F. Carreras y Candi. Volumen VI. Provincia de La Coruña. Tomo V, Barcelona: Casa Editorial Alberto Martín, páx. 702.


Ningún comentario:

Publicar un comentario