xoves, 17 de outubro de 2024

AS TORRES DE CILLOBRE (1ª parte)

  Os elementos que compoñen o escudo do Concello da Laracha fan referencia aos momentos máis significativos do seu pasado e proporcionan unha información relevante para coñecer mellor a cultura do municipio.  

Escudo do Concello da Laracha

  Boa parte da historia larachesa pode interpretarse nestos distintos elementos do emblema oficial e só hai que saber ler o seu significado. Deste xeito, comezando a lectura de fóra cara dentro, en cada lado do escudo aparecen dúas espigas de trigo, símbolo do carácter agrícola da Laracha. Na parte inferior podemos ver unha balea sucando o mar que rememora a importancia que en épocas pasadas tivo o porto baleeiro de Caión, un dos de maior actividade na captura de baleas en Galicia. E finalmente, a torre que ocupa o centro do emblema fai honra ás Torres do Viso (Montemaior) e ás Torres de Cillobre, unha fortaleza e casa señorial da que falamos deseguido.

Escudo do Concello da Laracha

   Diferentes fontes históricas afirman que as Torres de Cillobre construíronse enriba dun antigo castro. Curiosamente, segundo a lenda que nos transmitiu José Antonio Castro Mallo, a veciñanza da zona comentaba en tempos pretéritos que no interior dunha das torres vivía unha estadea. “Á xente seica lle daba medo entrar. Dicían que a estadea estaba enriba dun castro”, recordaba José Antonio.

   Acredítase que os primitivos propietarios desta fortaleza foron os Andeiro, familia orixinaria das terras de Bergantiños que se espallou por boa parte da xeografía galega, pasando unha das súas ramas ao Reino de Portugal na época de Pedro I de Portugal (1320-1367).

   No conflictivo panorama que presentaba a Galicia do século XIV a emerxente casa das Mariñas, unha das liñaxes menores que non ía tardar en pugnar con outras grandes estirpes pola supremacía na bisbarra, soubo aproveitar a inestabilidade das loitas dinásticas para acrecentar a súa importancia e posesións empregando a partes iguais belicosidade e habilidade, do mesmo modo que o facían (entre outros) os seus veciños territoriais, os Andrade. Uns e outros conseguiron do triunfador Enrique II de Trastámara1 mercedes en terras ou cartos, oficios en municipios realengos como A Coruña e Betanzos, e sobre todo a fundación de señoríos e casas, e mesmo vilas como Pontedeume, Ferrol e Vilalba no caso dos Andrade.

   Os Mariñas nun principio víronse especialmente favorecidos pola abolición do señorío dos Parada, adxudicándose todos os seus bens nas freguesías de Oza, Lesa, Bandoxa, Rodeiro, Regueira e o couto de Fervenzas. A aspiración a lograr “casa y estado”, común a todas as linaxes, concentrábase en posuír un señorío autónomo e soberano para, deste xeito, destacar dentro do estamento nobre2. No plano material o máis corrente era que estos señoríos contaran cun castelo ou fortaleza ao que se engadían as edificacións para a vivenda da familia e toda a clientela de servos e vasalos, que os Mariñas así o materializaron e significaron no que hoxe é A Laracha coas Torres de Cillobre, antiga propiedade dos Andeiro.

 

Vista das desaparecidas Torres de Cillobre a principios do século XX (Foto publicada en 1916 por César Vaamonde Lores no Boletín da Real Academia Galega, nº 105, tomo IX, páx. 208)

   Entre os integrantes da casa das Mariñas no século XIV hai que comezar por sinalar a Gómez Pérez de Pereira, tamén coñecido como Gómez Pérez das Mariñas “o Vello”, casado con dona Teresa Alonso (pertencente á liñaxe dos Pardo) e que foi Señor de Suevos, Oseiro, Erboedo, Torás, Orto e outros lugares.

  O seu fillo Martín Sánchez das Mariñas ía recibir numerosas doazóns do rei Enrique II de Trastámara e do arcebispo compostelán Rodrigo III de Moscoso, como a Mariña dos Condes, entre Betanzos e A Coruña, ou a Terra de Parada en Oza dos Ríos. Tamén recibiu a encomenda de varios mosteiros, entre eles o de San Pedro de Soandres, outorgado polo arcebispo, irmán da súa muller Berenguela de Moscoso, que era Señora de San Xián de Sergude (Carral), San Fiz de Vixoi (Bergondo), Santa Mariña de Rois (Bergondo), Santa María de Cortiñán (Bergondo) e Guiliade (Piadela, Betanzos). Sabemos, ademais, que Martín Sánchez das Mariñas tamén obtivo do Conde de Trastámara e Lemos varias posesións no couto de Cillobre, segundo documento de marzo de 14043. O cronista Vasco da Ponte, na súa obra Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza4, conta que “fue muy buen hombre, y ganó por su lança sirviendo a los reyes a Mariña dos Condes, e terra de Parada, e San Viçençio de Vigo”. Grazas a unhas informacións localizadas nun pergamiño do mosteiro de Soandres, sábese que don Martín Sánchez das Mariñas finou no ano 13975.

   Sucedeulle o seu fillo Ares Pardo das Mariñas, meiriño6 dos reis casteláns Enrique III e Juan II na terra de Bergantiños, cargo que levaba implícito o goberno e administración da xustiza e que deshonrou en non poucas ocasións. Este temible e detestable cabaleiro, que dispoñía de setenta homes de armas e mil cincocentos vasalos, era Señor da Mariña dos Condes, Señor de Santa Marta de Babío e foreiro das sinecuras das igrexas de San Xoán de Carballo, San Lourenzo de Berdillo, Santa María Madalena de Montemaior e Santa María de Pastoriza e varios casares nas feligresías de Lema, Vilaño, Erboedo e Armentón7. Sábese que cometeu continuos abusos contra o cenobio de Soandres, ocupando os seus bens e mesmo agredindo aos monxes beneditinos. Por tales feitos foi apercibido en varias ocasións polo rei, pero isto non impediu que os seus homes seguisen cometendo atropelos contra bens e xente daquel mosteiro8. Ares Pardo das Mariñas, que logrou que a súa liñaxe comezara a prevalecer sobre os Andrade, “era vecino y Regidor de la ciudad de la Coruña. Se titulaba Señor de Parga y Cillobre. Tuvo varios juzgados, y entre ellos los de Payo Saco y Puente de Barcia, estos últimos, en virtud de R.C. expedida en Madrid a 8 de Febrero de 15309. Casou con dona Teresa de Montaos, descendente dos condes de Traba que aportou as freguesías da casa de Silván e consolidou o núcleo de posesións do señorío. De ambos naceu a principal figura da liñaxe e un dos persoeiros máis notables da nobreza galega do século XV: Gómez Pérez das Mariñas.

    Segundo relata o cronista Vasco da Ponte, Gómez Pérez das Mariñas era “hombre muy dispuesto, hermoso de corpo e de gesto, gentilhombre muy solto, el mayor justador que en su tiempo hubo en Castilla”. O nobre galego que máis se aproximou á novelesca imaxe do cabaleiro andante marchara de mozo á corte do rei Juan II, onde a súa valía e a súa destreza coa espada íanlle permitir gañar fama e honra. Despois de vencer a un “muy grande alemán” que presumía de invencible e que ninguén ousaba retar, converteuse no maior xustador que houbo no seu tempo en Castela. Alí, dos encontros e contactos con outros nobres na corte real, íase fraguar o matrimonio con Teresa de Haro, filla de don Diego López de Haro, pertencente a unha das principais liñaxes castelás. Grazas ao favor real, conseguiría a estrela de azur en campo de prata que adorna o escudo dos Mariñas e a tenencia vitalicia do castelo de A Coruña, cidade na que se instala coa súa dona e da que foi Rexedor desde 1440 en adiante. Como anécdota de aquela altura, sinalar que o 18 de agosto de 1452, viuse favorecido polo rei Juan II, que estendeu no seu favor unha cédula real pola cal se lle concede a Gómez Pérez das Mariñas licenza para fabricar unha “grilanda” na torre que posuía na fortaleza de Cillobre10.  


Escudo da Casa das Mariñas (X. A. García León)

   Morto Juan II, logra novos privilexios de Enrique IV (rei do que era conselleiro e brazo dereito) como o cargo de gobernador de Betanzos ou a concesión de 30.000 maravedíes de xuro ao ano a perpetuidade para el e os seus descendentes en atención dos seus bos servizos:

Yo el Rey fago saber a vos los mis contadores mayores que yo acatando los muchos y buenos servicios que por gomes peres de las mariñas mi capitan e vasallo me han seydo e son fechas y espero que me fara de cada dia tengo por bien e es mi merced que haya e tenga por mi de merced este año de la fecha deste albala e ende en adelante en cada un año por juro de heredad para siempre jamas treinta mill moravedis para el e para sus herederos e subcesores (...)

   Gómez Pérez das Mariñas ía solicitar que estos 30.000 maravedíes lle foran situados nas rendas de alcabalas dos coutos seguintes: Couto da Coruña, 10.000; Couto de Cines, 8.500; Couto de Bergondo, 3.500; Couto de Cambre, 2.000; Couto de Brives, 1.500; Couto de Soandres, 1.500; Couto de San Vicente de Vigo, 1.500; Couto de Morás, 600; Couto de Monteagudo, 300; Couto de Barrañán, 300: e Couto de Lestón, 30011.

   Con estas mercedes o noso persoeiro obtivo a supremacía na comarca, adiantándose á liñaxe dos Andrade. Convertido no Señor máis poderoso e rico da bisbarra, Gómez Pérez sería quen de intervir con éxito nas contendas nobiliarias que convulsionaron á sociedade dese século, entre elas a Revolta Irmandiña (1467-1469), que fora un exemplo de dignidade do pobo galego daquela hora. Farto dos impostos desorbitados, abusos de toda índole e expolio permanente dos seus mermados recursos, os labregos estouparían manifestando a súa indefensión ante o vasalaxe, máis parecido ao esclavismo que a unha relación con contrapartidas, que exercía sobre eles boa parte da nobreza local, unha nobreza que acabou decantando ao seu favor aquela gran Revolta Irmandiña iniciada polos pobres labregos.

(… CONTINUARÁ)

__________

1 Enrique II de Castela, tamén coñecido como Enrique de Trastámara, chamado «o Fratricida» ou «o das Mercedes» (Sevilla, 13 de xaneiro de 1334-Santo Domingo da Calzada, 29 de maio de 1379), foi rei de Castela, o primeiro da Casa de Trastámara.

2 Jesús Ángel Sánchez García (1999): Mariñán. Pazo de los sentidos, Deputación de A Coruña, páx. 20.

3 Archivo Ducal de Medinaceli. Sección Cillobre. Leg. 3, Doc. Nº 4.

4 Vasco da Ponte (2008): Relación dalgunhas casas e liñaxes do Reino de Galiza. Noia. Editorial Toxosoutos. Edición de Clodio González Pérez.

5 Gumersindo García Gómez (1987): Los Mariñas, señores de las Torres de Cillobre, El Ideal Gallego, 14 de agosto, páx. 40.

6 Xuíz con ampla xurisdición para gobernar un territorio.

7 Gumersindo García Gómez (2018): Juan II de Castela acolle baixo o seu amparo o Mosteiro de Soandres, Revista das Festas de Soandres. pp. 19 a 21.

8 Ibídem.

9 César Vaamonde Lores (1916): Gómez Pérez das Mariñas y sus descendientes (Apuntes históricos y genealógicos), Boletín da Real Academia Galega nº 104, Tomo IX, páx. 181.

10 Gumersindo García Gómez (1987): Los Mariñas, señores de las Torres de Cillobre, El Ideal Gallego, 14 de agosto, páx. 40.

11 Ibídem.

    

Ningún comentario:

Publicar un comentario