De don Fernán Pérez Parragués e dona Constanza das Mariñas naceu don Ares Pardo das Mariñas, que foi o fundador dos morgados de Parga-Bergantiños e de Xunqueira. O primeiro deles comprendía as torres de Cillobre e outros moitos bens que esta familia posuía na nosa comarca: as freguesías de Santa María de Torás e Santiago de Vilaño, cos seus señoríos e xurisdicións civil e criminal; parte dos bens de San Román de Cabovilaño, San Lourenzo de Verdillo, Santa María de Traba e San Miguel de Vilela, e máis o casal de Vilar de Francos e outros lugares1. O segundo morgado, pertencía a súa muller dona Teresa Vázquez de Xunqueiras y Sotomayor, filla de Esteban de Xunqueiras, importante cabaleiro en tempos dos Reis Católicos que era dono da torre de Xunqueiras, na Pobra do Caramiñal.
Os bens de don Ares e de dona Teresa pasarían ao seu primoxénito, don Fernando Perez Parragués das Mariñas, casado en primeiras nupcias cunha tal dona Lucía de Castro, veciña de Santiago, e en segundas con dona María de las Alas Pumariño, fundadora do Convento das Concepcionistas de Viveiro e da capela de San Roque e Santo Antonio de Cillobre. Sobre esta capela, que pertenceu ás torres de Cillobre, “achéganos datos a historiadora Désirée Domínguez Pallas, tras mostrarnos o documento da fundación da mesma. Foi outorgado ante notario en Santiago o ano 1575 por Fernando Pérez Parragués e a súa dona María de las Alas. Dotan á capela con dúas cargas de trigo de renda anual perpetua sobre uns bens situados no lugar da Viña (Santiago de Vilaño), coa condición de que o crego oficie unha misa cada semana do ano. A fundadora foi María de las Alas, despois de sufrir unha grave enfermidade. Actualmente está restaurada e ademais de San Roque, santo moi venerado nos séculos XV e XVI por ser avogoso contra a peste, está dedicada a Santo Antonio2.”
Exterior da capela de San Roque e San Antonio de Cillobre |
Interior da capela de San Roque e San Antonio de Cillobre |
Don Fernando Pérez Parragués morre en 1577. Ao igual que outros membros da súa estirpe, os seus restos foron sepultados3 na capela de San Xoán Bautista do convento de San Francisco de Betanzos, cidade que sempre estivo moi vencellada aos Mariñas. Morto sen sucesión, herdou o patrimonio e os dereitos vinculares seu irmán, outro don Gómez Pérez das Mariñas, co que veu a suceder tamén na casa de Cillobre4. Casado con Juana Ortiz de Matienzo, Señora de Matilla (Valladolid), Gómez servira en Flandes como Capitán e tamén estivo na famosa batalla de San Quintín, aquel 10 de agosto de 1557, a raíz da cal Felipe II decidiu celebrar a victoria do imperio español contra o exército francés ordenando a construción do Real Monasterio de San Lorenzo de El Escorial. Foi dedicado a san Lourenzo, santo do día da victoria na que participara o Señor de Cillobre.
Gómez Pérez das Mariñas e Juana Ortiz de Matienzo tiveron un único fillo, don Diego Parragués das Mariñas, persoeiro que ocupou o cargo, dun modo interino, de Capitán Xeral do Reino de Galicia de 1593 a 1596 e de 1606 a 1608, a pesar de que os Reis Católicos decretaran anos antes que ningún galego podía desempeñar este alto cargo. A el se debe a fortificación da cidade da Coruña desde a antiga fortaleza (hoxe xardín de San Carlos) ata o Campo da Estrada. Tamén puxo en marcha a construción do castelo de Santa Cruz e, segundo algunhas fontes, do desaparecido castelo de San Diego “ao que deu o nome do seu santo patrón, san Diego5”. De neno fora paxe de Felipe II e de adolescente comezaría a súa carreira militar da man do gran almirante Juan de Austria, que o levaría por Túnez e Italia, donde máis tarde asentaría amistades. Sabemos que se casou dúas veces, a primeira en 1571 con María de Almaraz, e ao finar esta con Mariana de Velasco.
Sinatura
de don Diego das Mariñas (Publicada por César Vaamonde Lores no Boletín
da Real Academia Galega nº 110, tomo X, páx. 42) |
En 1612 pasa ás ordes de Filiberto Manuel de Saboya, un neto de Felipe II ao que nomearan nese ano Capitán General de la Mar. Diego das Mariñas íase converter na súa man dereita: capitán da súa garda, tenente da súa frota e ata embaixador ante a Santa Sede, que repetiría 400 anos máis tarde outro coruñés: Paco Vázquez. En 1619, pouco despois de saír do porto siciliano de Messina, don Diego das Mariñas, Señor de Cillobre, falecía nas costas de Grecia. Sabemos dos seus feitos grazas a máis de setenta misivas con un gran amigo, o escritor, diplomático e pensador Diego Sarmiento, I Conde de Gondomar6. A súa azarosa vida alimentou un cántico, a “Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués”, de 110 versos, que o catapultou á popularidade perpetua e que di así:
“Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués7.”
Ora sea nalgún tempo
alça musa galega o rostro ó ceo
con gozo e passatempo
e deyja ese burel cuitado e feo,
pois se che offrece un milagroso caso
qu´entre as noue doncelas de Parnaso
serás por el dend´oje conocida
con nome eterno e vida,
e en pago de tal noua e tas albrizas
recebe do teu verso estas primizas.
E ben que na ciudade,
porque son muy galás e pezpuntados,
no escuiten de vontade
estes groseiros versos mal limados,
con todo, musa miña, a uoz leuanta
e con zanfoña e rústica garganta
faiz que entre estas silueiras,
que cengen a Mandeu con suas ribeiras,
resonen froitas, árbores e viñas
o sangre escrarecido das Mariñas.
Cantou no-á moitos días
outro galego con moy doce canto
as altas profecías
que esperan de Sebilla ó varón santo,
e porque achou a metade en el galega
feço del grande festa e grande emprega,
mays, ¿a quen pode vir, mirado a geito,
con máys justo dereito
a galega cançión que a uós, Diego,
pois por todas as partes sos galego?
Da uosa antigua liña,
que por sorte mezquiña
está tan mal tratada e de tal arte;
mays en os anchos Reinos de Castilla
fan dela tanta conta e marauilla
que por muy escollidos
e de tan limpa sangre producidos
entre os máis istimados cabaleiros
os da uosa linage son primeiros.
Das muy altas proezas
dos infançós antigos Parragueses
dan seguras certeças
tantos escudos, armas e paueses
en qu´están esculpidas e estampadas
as insinias de Parga, tan honrradas.
E vós que de tal pranta aués saydo,
como un rramo frorido,
despoys da tempestad de tanta guerra
tragees nouas de paz á uosa terra.
En vós está en tal punto
a honrra posta da cabalería…
con mil virtudes junto
de gracias, gentileza e valentía,
que postas a Phelipe por diante
vos escolleu de moitos por vastante
en prudencia e cordura,
que tan compridas poso en vós natura,
para ajudar a apaciguar o estado,
do Reino de Aragón alborotado.
E foi cousa mui certa
que por voso valor, auiso e arte,
estando ja desperta
a furia entr´eles do sangrento Marte,
andando vós do general ó lado
foi logo o furor deles apagado,
e así gran justiçia
para os altos misterios da milicia,
por fiel conselleiro do de Bargas,
o Rey escolleu da fror dos Pargas.
En fin, esa bondade
que corre sempre ó igual coa bosa casta
fará, a pesar da edade
que as cousas máis subidas roe e gasta,
que o voso nome para sempre viua
e entretallado en mármores se escriba
con letra e versos d´ouro, de maneira
que hasta a edad postreira,
de siglo en siglo, por millós de anos,
dure a vosa memoria entre os humanos.
Cruña, que lastimosa
chora os danos dos crués yreges
no-estés máis congojosa,
pois non che falta cousa que deseges
para estar pola terra e mar segura.
¿Non ves tua dita, oh ollo, e gran ventura?
Ora verás ben cedo,
sen ter rezeo algún de guerra ou medo,
as túas altas torres derrubadas
por este cabaleiro ó ceo alçadas.
Farate gornecida
de baluartes fortes e seguros,
tan fresca e tan polida,
con edificios de soberbios muros,
que por eles en breue tempo olbides
a torre que algús din que feço Alcides
e bondad´acharás nel tan enteira
que che terrán denteira
moytos reinos de verte gobernada
do máys cabal varón que cinge espada.
Honrrado cabaleiro,
aunque tiren por vós cousas máis grandes,
que a ualor tan enteiro
certo é que é pouco gobernar a Frandes,
con todo, como fillo agradecido,
honrrade a patria donde aués naçido,
facé coesa presencia
que a guerra faga dela sempre ausençia.
Así vos logrés ben coa vosa esposa,
honrrada, principal e tan fermosa.
(…CONTINUARÁ)
____________
1 José Antonio Andrade Figueiras/ Fernando Cabeza Quiles/ Evaristo Domínguez Rial/ Xan X. Fernández Carrera/ Antón García Losada/ Luís A. Giadás Álvarez (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 29.
2 Ibídem, páx. 31.
3 Prudencio Leza Tella (2010): Apuntes para la historia del Convento y Comunidad de San Francisco de Betanzos, Anuario Brigantino 2010, nº 33, páx. 121-144.
4 Carlos Martínez Barbeito (1986): Torres, pazos y linajes de la provincia de La Coruña, Editorial Everest, León, páx. 210.
5 Gumersindo García Gómez (1989): Don Diego Parragués de Las Mariñas, un ilustre larachés, El Ideal Gallego, 16 de agosto, Fiestas en Laracha, pp. IV-V.
6 Antonio Lage-Seara (2023): Diego Pérez das Mariñas, teniente de príncipe de la mar, @mundiario, 11 de novembro.
7 Concepción Delgado Corral (2010): A tradición literaria de Betanzos:«Canción galega en loor de don Diego das Mariñas Parragués», Anuario Brigantino 2010, nº 33, páx. 415-422.
Ningún comentario:
Publicar un comentario