luns, 25 de outubro de 2021

CARMEN MALLO E A ORQUESTRA 'DA MARICAINA' DE ERBOEDO

    Nos duros anos da posguerra en Erboedo houbo unha orquestra, se cadra a primeira banda que se creou na Laracha, coa que os nosos devanceiros pasaron momentos inesquecibles bailando nos salóns e nas festas da bisbarra ao ritmo da súa música. Todo isto, como dicía o poeta Manuel María, naqueles "tempos incestuosos". Falamos da Sol, unha orquestra que fundara por aqueles días a tía María da Fontenla, máis coñecida polo alcume da 'Maricaina'. Polos contos que escoitou ao longo da súa infancia María Dolores Mallo, bisneta da tía María e afillada da saxofonista Carmen Mallo, o devandito alcume puxéronllo en Oseiro (Arteixo):

   Era unha muller solteira que naqueles tempos tan difíciles, non lle tiña medo a nada. Gañaba a vida como marchante. A parte de fundar a 'Orquesta Sol', trataba e comerciaba na comarca con todo tipo de mercadorías, dende porcos ata xibardas, os arbustos que se utilizaban antigamente como varredoiros e que ela vendía no cárcere da Coruña. Había veces que facía noite en Oseiro, na casa do músico 'Pontevedra', e como nesa parroquia de Arteixo parece ser que naquela hora había moitas Marías, pois a ela puxéronlle de alcume 'María a Maricaina'

 

Imaxe tomada nos anos 50 na Fontenla na casa na que naceu a saxofonista Carmen Mallo. Arriba, de esquerda a dereita: Aurora; Lola; Carmen Mallo; Marcelino Suárez e Lixardo, o marido de Lola. Abaixo: Maruja, bisneta da tía María; a tía María 'A Maricaina' e Maite, filla de Lola e Lixardo (Cortesía de María Dolores Mallo)

   A tía María vivía no lugar da Fontenla coa súa filla Aurora, tamén solteira, e cos seus tres netos Genaro, Aurelia e Carmen. Andando no tempo, a prole ía aumentar con Lola e Chichi, uns cativos da Coruña que as dúas mulleres criaron no seu domicilio como se foran os seus propios fillos. Genaro, o fillo maior de Aurora, recibira algún estudio de música antes de que súa avoa lle comprara un saxofón de prata, un instrumento musical que o pobre pouco disfrutou xa que faleceu en Castellón na Guerra Civil.

    Certo tempo despois da morte de Genaro, a tía María propúxolles as súas netas Aurelia e Carmen, nadas respectivamente en 1921 e 1926, que aprenderan solfexo para tocar o saxofón do seu defunto neto. Aurelia, nai de María Dolores Mallo, non se animou coa proposta e decidiu continuar coas súas tarefas domésticas. Pola contra, súa irmá Carme aceptou o reto da avoa e, malia as dificultades e condicións da época, adquiriu algúns coñecementos musicais, probablemente na academia que tiña na Coruña o mestre Luís Brage, a mesma na que tamén estudara o seu amigo Segismundo Regueiro, que nacera en Gabenlle en 1920.

    E así, sendo unha mociña de 14 ou 15 anos, Carmiña empezou a tocar na 'Orquesta Sol' o saxofón de prata que pertencera a seu irmán Genaro. Segundo nos contaron varias persoas da Laracha, entre elas Marina Regueiro (irmá de Segismundo), a banda, coñecida popularmente como a 'Orquesta da Maricaina', estaba integrada por Manuel de Graciana, veciño de Erboedo de Abaixo que tocaba a tuba e o helicón; Riveiro, que era do lugar de Compañeiro, na parroquia de Soandres, e que tocaba o trombón de varas; Segismundo Regueiro, veciño de Gabenlle, Torás, máis coñecido polo apelativo de 'Segís' e que tocaba a trompeta; Gumersindo, domiciliado en Erboedo de Abaixo e que tocaba o clarinete; Lita, unha moza acordeonista da Coruña; Jesús Rodríguez, veciño de Coiro que tamén tocaba o acordeón; a propia Carme 'da Maricaina'; e José Suárez Lozano, a voz da orquestra, o animador, que era como se lle chamaba naquela altura ao cantante. José, máis coñecido polo alcume de 'Lemos', era veciño de Oseiro e ademais de ser a voz da orquestra 'da Maricaina', tamén tocaba a batería. Rememorando aqueles tempos, María Dolores Mallo recordaba que:

  Quen ía con miña madriña Carme aos bailes e aos salóns era a tía María. Non ía súa nai Aurora, non. Ía a tía María, que era quen cobraba as actuacións e quen lle pagaba a cada un dos integrantes da orquestra. A tía María era, por así o dicir, a que manexaba o cotarro.

   Muller valente, forte e sen andrómenas, como as “flores de ferro” da mesma época que tan marabillosamente nos describe a larachesa María Rei Vilas na súa novela de título homónimo (“Flores de ferro”, editorial Galaxia, 2020), naqueles primeiros anos da posguerra cando a tía María viña por Loureda, de volta para a Fontenla dende A Coruña, ténse encontrado en máis dunha ocasión cos Foucellas. Polo que nos dixo a súa bisneta María Dolores, seica lles dicía:

    -Neniños, ¿Tedes fame? ¿Queredes comer algo?.

     E sacaba algo das albardas da besta para dárlles.

   -Non tía María! Vaia tranquila. E se ve á Garda Civil dígalles que estamos aquí!

    Rebordados de xuventude e coa ilusión de abrirse camiño no mundo da música, os integrantes da 'Orquesta Sol' empezaron a tocar baixo o amparo da tía María, unha especie de rock manager da época que protexía á súa rapazada do mesmo xeito que a galiña protexe a súa rolada de pitos. 

 

Carmen Mallo e a súa nai Aurora paseando pola Coruña (Cortesía de María Dolores Mallo)

    A orquestra de Erboedo amenizaría os bailes da bisbarra durante dous ou tres anos, tempo dabondo para que algún dos temas que tocaron durante aquel período se convertera na banda sonora de máis de unha parella da Laracha. Naquel mundo de homes, o feito de que dúas mozas formaran parte dunha orquestra, de seguro que non pasou inadvertido en ningunha das actuacións da Sol e, por iso, é de xustiza recoñecerlle a Lita e a Carme os camiños que abriron entre a espesura na loita pola igualdade.

   Coa mirada retrospectiva empanada na néboa da nostalxia, os recordos sobre esta orquestra, que se desfixo aproximadamente sobre o ano 1943, son máis doados para os de certa idade porque naquel entón era a única distracción que había. Os que tiveron a sorte de escoitar a Carme 'da Maricaina' afirman que non deixaba indiferente a ninguén, abraiando en cada actuación ao público co saxofón que un día pertencera a seu irmán Genaro. A súa estrela brilaba dun xeito especial, abofé!

   Naquela altura Luciano Pazos Otero, amigo da tía María 'da Maricaina', amenizaba co seu acordeón as festas e bailes que se organizaban en Oseiro e arredores desta parroquia arteixá. Luciano nacera en Pontevedra en 1906 e despois de facer a mili na Coruña, casou en Oseiro onde gañaba a vida coma ferreiro. Alí, dado o seu lugar de procedencia, era coñecido polo alcume de 'Pontevedra'.

   Como xa dixemos anteriormente, en Oseiro tamén vivía José Suárez Lozano, 'Lemos', o cantante da 'Orquesta Sol'. Nado o 26 de febreiro de 1926 na Coruña, no barrio do Orzán, cando era un meniño de 2 ou 3 anos fixéronse cargo del Secundino e a súa dona Dolores 'A Querecha' -que era irmá do pai de 'Lemos'-, un matrimonio que rexentaba unha tenda no que hoxe é a rúa Santirso, ao carón da igrexa de Oseiro. Neste establecemento, golpeando as latas de aceite e outros produtos que vendían seus tíos, o noso protagonista empezou a sentir verdadeira devoción pola música, paixón na que moito tivera que ver o acordeón do seu veciño Luciano Pazos 'Pontevedra', que era vinte anos maior que el. 

 

De esquerda a dereita: José Suárez 'Lemos', Luciano Pazos 'Pontevedra' e Segismundo Regueira 'Segís', tres dos integrantes da 'Orquesta Pontevedra' (Cortesía de Marina Regueiro)

    Pouco tempo despois de que se desfixera a 'Orquesta Sol' no ano 43 nacía a orquestra 'do Pontevedra' ou 'Pontevedra', que é o nome que lembran e do que fan referencia algunhas das persoas que bailaron ao ritmo da súa música por aqueles anos. Unha banda que estaba formada por Luciano 'O Pontevedra', que tocaba o acordeón, e por tres compoñentes da extinguida Sol: 'Lemos', cantante e batería; 'Segís', guitarra; e Carme 'A Maricaina', saxo alto. Segundo o testemuño de Juan Naya, nesta formación tamén tocaron ocasionalmente músicos como Breixo, Panchón e Benito 'O Veigheiro'.

   Na memoria prodixiosa de Geluca Naya, unha muller nacida en Pastoriza en 1932 e que estivo á fronte do popular 'Restaurante Casa Lola' durante varias décadas, aínda se conservan moitas anécdotas dos bailes que amenizaba a 'Orquesta Pontevedra', entre elas a letra do tema co que esta banda empezaba o repertorio das súas actuacións coa voz de 'Lemos': 

"Yo he conocido a un amigo

que se casó enamorado;

a los 4 o 5 días

tuvieron que andar a palos.

Cuando llega del trabajo

pregunta por la comida;

ella dice no la ha hecho

que le dolió la barriga.

Así que amiguitos míos

no se apuren a casar

pues el que más y el que menos

claro, lo dicen ellos,

pues los polvos y pinturas

solo son para engañar”

    Nos anos de existencia da 'Orquesta Pontevedra', a parte das habituais actuacións das festas patronais que se organizaban na bisbarra e nos salóns da contorna, as parroquias carballesas de Rebordelos e Lema eran lugares onde 'Lemos', 'Pontevedra', 'Segís' e Carme 'da Maricaina' tocaban de xeito habitual ao longo do ano, como así nolo recordou Juan Naya: “Eles ían case sempre a Baldaio. Alí nunca fallaban porque os querían moito. Naquela hora non se podía andar por aí ás dúas da mañá ou dúas e pico e por iso, á unha ou unha e media a Orquesta Pontevedra terminaba o baile así:

Muy señores míos

hasta mañana

a descansar”

    A orquestra 'do Pontevedra' deixou de tocar como tal a principios dos anos 50. Despois da súa desaparición, Luciano Pazos Otero, a persoa que lle dera nome a esta banda co seu alcume de 'Pontevedra', seguiría animando algunha que outra festa da contorna co seu inesquecible acordeón. Luciano, que quedara viúvo moi novo con catro fillos ao seu cargo, tiña a súa ferrería na rúa Santirso e o domicilio na actual Avenida de Sabón de Oseiro, ao carón da casa da señora Clotilde. O popular ferreiro-acordeonista faleceu en 1963 con tan só 57 anos de idade.

   No caso de 'Segís' de Gabenlle, despois da desaparición da orquestra 'do Pontevedra', formou parte de bandas de Carballo como a 'Bergantiños' e a 'Reyes'; da orquestra 'dos Lados', que era da parte de Coristanco; da orquestra 'de Aradas'; do 'Trío Azteca'; de 'Los Caminantes', a orquestra de 'Furocas'; de bandas da Coruña como 'Los Caporales' e 'Los Intocables', que tiña un repertorio moi moderno xa que cantaban en inglés (Antonio Fachado, o líder desta banda estivera emigrado en Inglaterra e anos despois abrira na Coruña unha tenda de instrumentos musicais); e do grupo 'L-6' de Betanzos. Despois de tantos e tantos anos vivindo da música tocando o saxo, a guitarra e a trompeta en todas estas formacións, 'Segís' xubilaríase pola agraria pois, ao longo da súa vida, tivera que compaxinar a súa actividade musical coa gandeira. O seu sobriño Xosé Collazo recordounos que: “El non se dedicaba ao 100% á música. Tamén traballaba na casa porque sempre houbo vacas; aínda que iso si, daquela gañaba máis cartos tocando nas orquestras que co que daba o gando ou, incluso, co que podía gañar naquela hora un bo albanel ou un carpinteiro. A música tamén era moi esclava. Pola semana, despois do traballo da casa, andaba sempre estudando e ensaiando”. Segismundo Regueiro Álvarez, 'Segís', faleceu solteiro en agosto de 2011 aos 90 anos.

    José Súarez Lozano 'Lemos', que casou naquela altura con Carmen, unha moza de Sofán, continuaría ao longo da súa vida alegrándolle a vida a xente cantando nas festas da bisbarra algún que outro popurrí popular coa súa fermosa voz. 'Lemos', que tamén traballou durante varios anos en “Ascensores Cerdolla”, faleceu en novembro de 2007 aos 81 anos.Cantaba con moita gracia e tiña un ton de voz moi bonito”, recordaba recentemente Juan Naya, amigo íntimo deste músico durante toda a vida. María Dolores Mallo tamén nos contou que... “con 'Lemos' sempre houbo boa relación na nosa casa. Era o padriño dun irmán meu que xa faleceu. Cando viña a Erboedo era como si viñera o presidente do goberno. Todo o mundo... 'Lemos' por aquí, 'Lemos' por alá… De feito un ano miña irmá levou a Función e veu tocar 'Lemos' e Daniel, o da Orquesta Mallo de Feáns, con quen tamén había moi boa relación”.

   Por último, Carmen Mallo, 'Carme da Maricaina', casou en 1949 con Marcelino Suárez, veciño de Cabovilaño que foi chofer do cura de Coiro e da empresa Transportes Viñán durante moitos anos. Tras dárlle o “si quero” a Marcelino, a nosa protagonista díxolle adeus para sempre ao mundo da música mais, segundo o testemuño da súa afillada María Dolores, de cando en vez tocaba o seu prezado instrumento musical:

  “Eu recordo a miña madriña tocando no seu piso da Coruña. Dicía que, senón o facía, o saxo estropeábase. Gustaríame saber o paradoiro dese instrumento con tanta historia na miña familia. O feito de que os irmáns Mallo de Feáns tiveran boa relación na nosa casa é o que me leva a pensar que o saxofón acabou nalgún momento na orquesta deles. É probable que llo vendera Carme”.

 

Carmen Mallo nos anos 60 (Cortesía de María Dolores Mallo)

    Ao pouco de casaren, Carme e Marcelino establecen o seu domicilio na Coruña, pola zona dos Mallos. Posteriormente residen en Monte Alto, onde a saxofonista monta sobre o ano 1965 un ultramarinos na rúa Ángel Rebollo, un negocio que ía manter aberto durante moitos anos. Cando morreu a tía María 'A Maricaina', Carme quixo levar a súa nai para a cidade herculina, perante a negativa de Aurora o matrimonio foi vivir á Fontenla. Volven de novo para A Coruña e, certo tempo despois, regresan para a casa na que ela nacera en febreiro de 1926, unha casa que finalmente venderon cando morreu Aurora. 

  Ao vender na Fontenla o matrimonio, que non tivo fillos, decidiu comprar un piso en Carballo aínda que acabaron residindo en Baldaio cuns parentes de Marcelino. Carme, xa viúva, faleceu o 22 de decembro do 2012 aos 86 anos, e está enterrada xunto ao seu marido en Cabovilaño.

 

FONTES:

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2021): Carmen Mallo, la saxofonista de Erboedo que lideró una orquesta en los años 40; La Voz de Galicia, 13 de xuño. 

MACEIRAS RODRÍGUEZ, XABIER (2021): https://cronicasdearteixo.blogspot.com/search?q=pontevedra 

 


4 comentarios: