luns, 18 de outubro de 2021

A CAPELA DE SAN LUCAS QUE HABÍA NO LUGAR DE XERÍS (CABOVILAÑO)

  Hoxe, 18 de outubro, bota a andar Crónicas da Laracha, un espazo no que trataremos de publicar semanalmente contos de antano e de hogano sobre as trece parroquias larachesas para axudar, con este pequeno gran de area virtual, a poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do municipio da Laracha.

  E precisamente, como hoxe é San Lucas, abrimos a cancela desta bitácora falando da capela con advocación a este santo que existiu durante varios séculos no lugar de Xerís, na parroquia de Cabovilaño.

 

Lugar no que estaba a capela de San Lucas

  Na iconografía católica San Lucas o Evanxelista, que lle dá nome a unha das feiras máis importantes da xeografía galega, a de Mondoñedo, iniciada en 1246 para celebrar a consagración da catedral mindoniense, aparece representado habitualmente coa figura dun touro, entre outras razóns porque, segundo nos contou o historiador Francisco Vidal, un touro ou un cuxo era o sacrificio que os xentís, as persoas que non profesaban a relixión dos xudeus e dos primeiros cristiáns, ofrecían aos deuses. San Lucas nacera a comezos do século primeiro da nosa era en Antioquía, na actual Turquía, no seo dunha familia pagá, e por iso o seu Evanxeo, que se cre redactado entre o 61 e 63 d. C., estaba dedicado precisamente aos xentís.

   Na súa xuventude o mozo Lucas recibe unha primorosa educación antes de dedicarse ao exercicio da medicina, profesión que abandona para acollerse á doutrina de Cristo tras escoitar a San Pablo, a quen acompañou nas súas últimas viaxes asistíndoo durante a súa cautividade en Roma. Foi nesta época da súa vida cando coñeceu a outros apóstolos e discípulos que lle falaron de Xesús e da extensión do cristianismo por Xudea e Samaria. Grazas a estas informacións compuxo unha extensa obra en dous volumes, que coñecemos actualmente como o Evanxeo segundo San Lucas e o libro dos Feitos dos Apóstolos. Á morte de San Pablo, Lucas continuou a súa labor evanxelizadora en Dalmacia, terras balcánicas, Galia, Italia e Macedonia. 

 

San Lucas, representado cun touro, escribindo o seu Evanxeo (museodelprado.es)

   Tamén era este santo un destro debuxante, motivo pola cal é frecuente que se represente coma un pintor, como así aparece nas obras que lle dedicaron a este evanxelista Francisco de Zurbarán ou El Greco. A San Lucas, que sempre tivo fama de artista, atribuenselle as primeiras representacións pictóricas da Virxe María, e parece ser que mentres el a pintaba a Virxe contáballe moitos dos feitos que se narran no seu Evanxeo.

  Non se sabe con certeza cando morreu este santo, que é o patrón e protector de doutores, notarios, carniceiros, ciruxáns, pintores e artistas. Por unha banda circula a crenza de que foi aforcado dunha oliveira. Outra das hipóteses di que despois de levar unha vida célibe, morreu, sendo xa ancián, en Beocia, na actual Grecia. O seu corpo, tras ser enterrado en Patrás, foi recollido no ano 357 da nosa era para leválo á Constantinopla de Constantino, e logo, co andar do tempo trasladárono a Padua, no norte de Italia, e finalmente a Roma, onde se di que repousa.

    O feito de que a iconografía santoral asocie e represente a San Lucas cun touro puido ser o motivo da advocación a este santo da desaparecida capela de Xerís, nun lugar onde probablemente había unha prominente actividade gandeira cando se edificou a devandita ermida de fundación privada. Mais tampouco podemos descartar que a capela se denominara así polo nome do seu fundador ou, en todo caso, polo de algún antecesor ou descendente.

   Dun xeito ou doutro, o certo é que cando o cardeal Jerónimo del Hoyo realizou a comezos do século XVII (1603-1620) unha visita pastoral polas parroquias da diocese de Santiago que testemuñou nas súas populares Memorias del Arzobispado de Santiago, un extensísimo manuscrito de importancia extraordinaria xa que nos ofrece unha completa visión de como era o noso país naquela época, del Hoyo danos unhas pinceladas sobre a capela de San Lucas de Xerís cando escribe sobre a parroquia de San Román de Cabovilaño:

Una de estas felegresías es la de San Román de Cabovilaño, anexo de Santiago de Villano. Tiene treinta y quatro feligreses. Los fructos se acen doce partes: las cinco y un desmero llieva el retor y quatro el monasterio de Cayón y tres don Diego (fol. 239, v.) de las Mariñas. Es presentación de la Colegial de La Coruña, alternatim con don Diego de las Mariñas y herederos de Juan de Castro. La fábrica tiene veinte y siete ferrados de trigo cada año. Hay una hermita de San Lucas que tiene ciertas heredades y pan de renta con pensión de diez misas.” 
Á esquerda da imaxe, o lugar no que estaba a capela de San Lucas de Xerís

   No Catastro do Marqués de Ensenada de 1752 non aparece ningunha mención á ermida de San Lucas, só algunha referencia ao ”lugar de Guiriz” e aos eclesiásticos que había na parroquia de Cabovilaño naquel entón: don Gregorio de Mosquera, cura párroco; don Juan Andrés Figueroa e don Antonio Rodríguez de Añón.

   Na exhaustiva obra Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal publicada por Sebastián Miñano y Bedoya entre 1826 e 1829 dísenos que: “Hay en esta parroquia 1 ermita de San Lucas, fundación de un cura situado en la aldea de Gerís, al S. de la Iglesia.”

   Unhas décadas máis tarde, Pascual Madoz, na súa magna obra Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar publicada entre 1845 e 1850, tamén nos conta que: En el lugar de Geris se halla la ermita de San Lucas, de fundación particular.”

   Pola súa parte na Geografía General del Reino de Galicia, Carre Aldao tamén fai referencia á pequena edificación nos anos 20 do século pasado dicindo que: ”En Xeris, de la capilla de San Lucas, de fundación particular, apenas quedan vestigios.”

   Finalmente, outra das alusións que atopamos nos arquivos sobre a ermida de Xerís é a que aparece nun artigo sobre a parroquia de Cabovilaño publicado na edición do 29 de novembro de 1929 do xornal El Ideal Gallego baixo o título “Arzobispado de Santiago. Descripción histórico geográfica de sus feligresías”, onde podemos ler practicamente o mesmo que nos contaba Carré Aldao uns anos antes: “(…) Xeriz, con la capilla de San Lucas, de fundación particular y de la que apenas quedan vestigios (...)”

   Desgraciadamente, na actualidade xa non hai indicio algún da capela de Xerís, acaso unhas pedras que non descartamos que formaran parte da edificación da que estamos a falar e que podemos ver a poucos metros dun recinto para carga de silos que está asentado, exactamente, no mesmo lugar no que durante máis de tres séculos se mantivo en pé a ermida de San Lucas.

 

Pedras que podemos ver en Xerís e que se cadra pertenceron á capela de San Lucas

    Con relación á talla do santo descoñecemos o seu paradoiro actual. Se alguén o sabe, por favor, comuníquenos onde se atopa para seguir encaixando, entre todas e todos, as pezas da nosa historia. Un veciño de Xerís contounos que hai moitos anos, probablemente na época da II República (1931-1936), a talla do San Lucas acabou nunha casa da contorna, unha vivenda á que andando no tempo lle caeu o tellado e o propietario seica dicía:

-O San Lucas tiroume o tellado; o San Lucas tiroume o tellado!

   Malia descoñecer o sitio no que se atopa ou a onde foi parar a talla, con todo o santo segue estando ben presente na parroquia xa que aínda podemos acudir á Fonte de San Lucas, manancial ata o que amablemente acompañaron a quen escribe as señoras Carmen do Campón e Maruja do Igrexario ao tempo que contaban algunhas lembranzas da súa infancia, especialmente algún conto sobre os xacementos castrexos de Montes Claros e o das Motas, próximos aos seus respectivos domicilios, e tamén algunha fascinante lenda sobre os xentís das que daremos conta neste espazo no futuro. No prado da Fonte de San Lucas tamén tivemos a sorte de coñecer ao señor Che quen, botando a vista atrás, recordou que:

 -Dende o lugar no que estaba a capela en Xerís, antigamente baixaba un carreiro para vir a esta fonte. E tamén, cando os maiores traballaban nas leiras da zona, viñan aquí a por auga.

 

Fonte de San Lucas

   Ao fío das lembranzas do señor Che, cabe sinalar o que recolle Luís Giadás no caderno n.º 17 de Andando por Bergantiños que publicou o Instituto de Estudos Bergantiñáns en 2016, onde se fai referencia a un veciño da parroquia de Cabovilaño que recordaba como “en Xoves Santo ía ao prado da Fonte de San Lucas a encher unha botella de auga para levala logo a bendicir ás terras e despois chantaban unha póla de loureiro ou de oliveira en cada un dos catro cantos de cada leira para escorrentar a meigaría”.

   Dos rituais da auga, presentes dende as orixes agrícolas e moi comúns no mundo labrego, tamén falamos co señor Che e coas señoras Carmen e Maruja. Ningún dos tres sabe se a auga da Fonte de San Lucas e sandadora dos males do corpo, como é a fonte de Santa Margarida de Montemaior, que alivia a gorxa dos seus numerosos romeiros, ou como son as fontes de Santa Marta e de Santa Lucía, en Soandres, para curar oído e vista respectivamente, unhas fontes das que prometo falar noutra ocasión.


FONTES:

AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña.

ANDRADE FIGUEIRAS, JOSÉ ANTONIO/ CABEZA QUILES, FERNANDO/ DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO/ FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X./ GARCÍA LOSADA, ANTÓN/ GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2016): Andando por Bergantiños n.º 17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño, Instituto de Estudos Bergantiñáns.

CARRÉ ALDAO, EUGENIO (1928): Geografía General del Reino de Galicia. Dirigida por G. Carreras Candi. Provincia de La Coruña, Casa Editorial Alberto Martín, Barcelona.

DE MIÑANO Y BEDOLLA, SEBASTIÁN (1826-1828): Diccionario geográfico estadístico de España y Portugal. Imprenta de Pierart Peralta, Madrid.

DEL HOYO, JERÓNIMO (1607): Memorias del Arzobispado de Santiago, edición de Ángel Rodríguez e Benito Varela Jácome. Porto Editores, Santiago, 1952.

GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O Anllóns e A Laracha, La Voz de Galicia, 23 de agosto.

MADOZ E IBÁÑEZ, PASCUAL (1845-1850): Diccionario Geográfico-Estadístico-Histórico de España y sus posesiones de ultramar, Madrid.

VIDAL BLANCO, FRANCISCO A. : https://oschanzos.blogspot.com/2014/10/san-lucas-o-pintor.html

7 comentarios: