A mediados da década dos 70, o matrimonio formado polo dubrés Manuel García e a veciña de Lendo Fina Becerra, facían a maleta da emigración e abandonaban xunto a María, a súa meniña de ano e medio, a terra que os vira nacer para iniciar unha nova andaina en Venezuela. Alí, no país caribeño, a familia medra co nacemento de Carlos o 9 de setembro de 1977 en Caracas, cidade onde o rapaz empeza a xogar ao fútbol no Colexio San Agustín El Marqués. Andando no tempo, as boas actuacións realizadas nas competicións criollas de menores da capital venezolana, íano levar a participar con 12 anos na prestixiosa “Copa Dallas” de fútbol xuvenil, que se vén celebrando na cidade estadounidense dende 1979.
Nun país no que o deporte rei é o béisbol, cando o noso protagonista empezaba a abrirse camiño no balompé venezolano, os seus pais deciden, despois de botar case dúas décadas na emigración, voltar á terriña e asentarse na Laracha, vila na que abren o bar “Mar Chica” e na que Carlos comeza a xogar na tempada 1992/93 no cadro xuvenil do equipo da localidade.
Dadas as súas tremendas condicións técnicas e físicas, na seguinte campaña xa pasa a formar parte da dianteira do primeiro equipo do Laracha que, naquela hora, disputaba a Rexional Preferente, unha categoría na que o fillo de Manuel e Fina amosa en cada partido o seu enorme talento. Convertido nun verdadeiro diamante en bruto, na tempada 94/95 ficha, con 17 anos, no equipo xuvenil do R.C. Deportivo da Coruña, cadro no que comparte vestiario con xogadores da talla dos Dani Mallo, Ramiro Amarelle, Deus ou o arteixán Adolfo García Carril… camada de futbolistas que comandaba José María Blanco e cos que o 12 de maio de 1996 se proclamaba campión de España de xuvenís despois de vencer na final ao Real Madrid por 2-11.
Uns meses despois, a maior parte daquela xeración de ouro pasa a formar parte do Fabril que, naquela hora, disputaba a Segunda División B baixo a dirección técnica do adestrador Carlos Ballesta. Carlos García Becerra, que coincide no filial deportivista co seu veciño Javi Fuentes, debuta nesta categoría na primeira xornada da campaña 96/97, nun derbi na Madroa contra o Celta B e, ao longo da campaña, xoga un total de 22 partidos, 8 deles de titular, nos que anota un gol.
A súa explosión definitiva chegaría na tempada 1997/98. Asentado na dianteira do Fabril, onde marca 11 goles en 33 partidos, o seu bo facer non pasou desapercibido para o técnico do primeiro equipo, José Manuel Corral, que o fai debutar na Primeira División o 22 de febreiro de 1998 no estadio de Riazor contra o Athletic de Bilbao. Aquel día o Deportivo saíra de inicio con Rufai; Armando, Ramis, Paco Jémez, Bonissel; Scaloni, Flavio Conceiçao, Donato, Fran; David e Maikel. Carlos entrou no campo no minuto 77 sustituíndo a Maikel e, ao pouco, cando aínda non tivera tempo de saborear os seus primeiros intres entre os grandes, poñía o 3-0 no marcador. Sen dúbida fora o debut soñado: primeiro partido en Primeira e primeiro gol na categoría! ¿Que máis se podía pedir?
Momento no que Carlos García Becerra debutaba na Primeira División (Deporte Campeón, 23 de febreiro de 1998) |
Aquela actuación do dianteiro da Laracha ía estremecer os cimentos deportivistas abrindo as portas para que firmase contrato profesional e o protexesen cunha cláusula de rescisión de cinco mil millóns de pesetas ata o 2005. O caraqueño-larachés era, naqueles días, o futbolista de moda do fútbol español, un xogador que durante aquela tempada 97/98, disputa seis partidos máis co Deportivo, saíndo no once inicial nun deles: no derbi de Balaídos da xornada 27 que os herculinos perden por 2-1. Os seus goles tamén ían axudar a meter ao Fabril entre os catro primeiros do Grupo I da Segunda B e a disputar a promoción de ascenso á división de prata, ascenso que o equipo filial non sería quen de lograr. Grazas a aquelas boas actuacións, dende Venezuela empezara a soar con forza a posibilidade de que fora convocado pola vinotinto para as eliminatorias mundialistas do 2002. O dianteiro non tardou en recibir a chamada da federación venezolana, cita á que finalmente non acudiu.
Deporte Campeón, 25 de febreiro de 1998 |
Mais aquela efervescencia do noso protagonista na Primeira División iríase disipando coa chegada ao Deportivo na tempada 1998/99 do vasco Javier Irureta, un adestrador que ao longo da súa ampla estadía no cadro coruñés tivo á súa disposición a Turu Flores, Pauleta, Makaay, Pandiani, Diego Tristán, Luque… estrelas que tempada tras tempada lle pechaban o paso aos dianteiros da canteira, entre eles a Carlos, que na devandita campaña 98/99 xogou 31 partidos co Fabril nos que anotou 9 tantos, cifras que non axudaron a manter ao filial deportivista na Segunda B.
O dianteiro da Laracha pasa en branco a tempada na que o Deportivo se proclamou campión de Liga, a 1999/2000, por mor dunha lesión de pube. Volve aos terreos de xogo na seguinte xogando cedido no Gimnástica de Torrelavega no grupo II da Segunda B. Unha nova cesión na campaña 2001/02 leváo a xogar medio ano no Pájara Playas canario onde, unha vez máis, coincide co seu veciño Javi Fuentes, dous xogadores que ían ter a satisfacción persoal de participar nunha eliminatoria da Copa do Rei contra o Real Madrid dos Zidane, Guti, Morientes e compañía. Carlos remata a tempada no Amurriu, club co que disputa 16 partidos e anota 3 goles antes de volver de novo á disciplina do Deportivo. Na Coruña xoga a campaña 2002/03 co Fabril en Terceira División, categoría na que recupera o seu instinto goleador ao marcar 27 goles.
Rematada a tempada, rescinde o contrato coa entidade herculina e ficha no Ourense. Alí, na cidade das Burgas, fai un bo papel e axuda, con 9 tantos, a que o equipo quede entre os catro primeiros do grupo I da Segunda B e dispute a promoción de ascenso. Na 2004/05 xoga no Burgos C.F., no que aínda había no vestiario unha tremenda pegada no caionés Repi. Carlos anota 17 goles en 33 partidos, números que contribúen a que o cadro burgalés ocupase a terceira praza do grupo II de Segunda B e a que xogara a fase de ascenso.
A exitosa traxectoria a nivel persoal en Ourense e Burgos, lévano a fichar na 2005/06 por un dos equipos máis potentes de Segunda B, o Alicante C.F., que, naquela hora, adestraba Pepe Bordalás. Mais Carlos García, que anota 3 tantos en 13 partidos, non se acaba adaptando ao club valenciano e decide fichar no mercado invernal no Palencia C.F. Cos morados xoga tres tempadas e media nas que vive un play-off de ascenso a Segunda División, un descenso a Terceira e un ascenso a Segunda B e, ademais, íase converter nun dos futbolistas máis queridos polos seareiros da entidade palentina, coa que anotaría 43 tantos nun total de 124 partidos de competición ligueira.
Carlos García coa camiseta do Palencia (www.clubdeportivopalencia.es) |
En xuño de 2009 Carlos comunicálle á directiva do Palencia que recibira unha oferta para traballar na localidade santanderina de Buelna e que si o deixaban marchar (tiña dous anos máis de contrato), desexaba aceptar a oferta laboral. A entidade castelá-leonesa non puxo ningún atranco á decisión do dianteiro larachés que, na rolda de prensa da súa despedida, agradecía o trato recibido a todo o mundo: ”he estado rodeado de gente importante para mí. Voy a tener un recuerdo muy bueno del club, de los compañeros, de todos los entrenadores y, sobre todo, de la afición, que siempre me ha tratado muy bien hasta el último día». E emocionábase dicindo que “en el fondo, me jode dejarlo porque el fútbol para mí ha sido importante”.
No momento de finiquitar a súa etapa no Palencia C.F., no seu pensamento estaba retirarse do mundo do fútbol. Tiña claro que ía colgar as botas para dedicarse única e exclusivamente ao seu novo traballo e á súa familia. Mais, ao pouco de chegar a Buelna, convénceno para que lle axudase ao equipo da localidade a manterse en Terceira División, obxectivo que o club cántabro consegue con creces grazas, en gran medida, aos 22 goles que anotou o noso protagonista, que se proclamaría máximo goleador da categoría.
Tralo seu paso pola Sociedad Deportiva Buelna, Carlos ficha no Rayo Cantabria, equipo de Terceira no que permanece dúas campañas. De aí pasaría ao C.D. Tropezón, onde a súa experiencia e os seus goles ían ser determinantes para que o club conseguise o titulo ligueiro e o posterior ascenso á Segunda B ao remate da campaña 2012/13, que foi cando o xogador da Laracha puxo fin á súa carreira deportiva con 35 anos.
Por
se é do voso interese, a biografía de Carlos
García Becerra, e a de
outros futbolistas do
municipio, forma parte de 100 anos de fútbol
en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos.
Portada do libro 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha |
________
1 Na final Barrero adiantou ao Madrid e Carlos García Becerra levou o partido á prórroga, na que o deportivista Oliva anotaría o 2-1 no minuto 100 cunha volea dende a frontal.
Ningún comentario:
Publicar un comentario