Hai
uns días deixounos Antonio Fuentes Varela, 'Cachafeiro', un dos
grandes protagonistas do libro “As telleiras da Laracha e os
cabaqueiros do Baixo Miño” ao que lle queremos dedicar as Crónicas
da Laracha desta semana.
Durante
o traballo de campo deste proxecto, Antonio contounos a historia de
boa parte das telleiras da Barreira e de Estramil, nas que, nalgúns
casos, traballara dende moi cativo, e mesmo fixemos con el un
percorrido in situ polos lugares onde antano estaban estas pequenas
industrias nesta zona do municipio. Ademais, o noso protagonista
atendeunos coa maior das amabilidades no seu domicilio e nas ducias
de chamadas telefónicas realizadas para resolver as dúbidas dun
servidor. Un bo anaco do libro é teu, Antonio! Que a terra che sexa
leve, amigo!
 |
Antonio Fuentes Varela diante da casa da Barreira na que naceu en 1950. Detrás del podemos ver ladrillo macizo fabricado na telleira de seu pai Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro'
|
Deseguido,
como homenaxe á súa memoria, publicamos a historia da telleira de
seu pai, Antonio Fuentes Regueira, con quen o noso homenaxeado
traballou durante os primeiros anos da súa vida, un texto que tamén
tedes ao voso dispor no libro “As telleiras da Laracha e os
cabaqueiros do Baixo Miño”.
A
TELLEIRA DE ANTONIO FUENTES REGUEIRA 'CACHAFEIRO'
Antonio
Fuentes Regueira nace en 1933 na Esquipa. Era o primoxénito de
Daniel Fuentes Mañana 'O Xastre' e de Consuelo
Regueira Mallo, matrimonio
do que ían nacer cinco fillos máis: Manolo,
Tomás, Edelmiro, José María e Cándido. A familia íase trasladar á
Barreira, lugar onde seu pai Daniel montou unha telleira logo
dunha curta experiencia
na Braña de Estramil, na
que 'O
Xastre' comezara no sector
da cerámica
ao pouco de enviuvar.
Antonio
e seus irmáns ían aprender o oficio de telleiro cun oficial do
Baixo Miño contratado por seu pai. De adolescente marcha a Asturias
a traballar nunha mina de Avilés, mais, entre idas e voltas,
continuaría durante algún tempo botando unha man na telleira do seu
proxenitor. Nesa época tamén formou parte da cuadrilla dalgún dos
telleiros de Pontevedra que fabricaban na Laracha naqueles tempos,
entre eles Manuel Álvarez e Tino Sobrino, que fixeran sociedade
alugando a telleira de Patiño durante dúas ou tres temporadas.
 |
Antonio Fuentes Regueira traballando na telleira de Patiño para os baixomiñotos Manuel Álvarez e Tino Sobrino (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez)
|
Antonio
Fuentes Regueira
casa na década dos anos 50
con María Varela Lista,
unha moza da Barreira
coa que tería sete fillos: Manuel, Samuel, Raúl, Josefa, José
Ramón, Juan José e Santiago. María xa tivera un fillo antes de
casar, o noso homenaxeado Antonio, un cativo do que se fixo o cargo o seu
home e que foi o que nos
narrou moitas das historias que contamos no libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño".
Sobre
o ano 1957 Fuentes Regueira monta a súa
propia telleira na Barreira,
nuns terreos que
herdara a súa muller
María. Estaba xusto
en fronte da taberna dos Cuatro Vientos e moi cerca da que tiña seu
pai Daniel. Andando no
tempo, esta
pequena industria ía ser coñecida como 'a de Cachafeiro', que era
como os veciños da contorna alcumaban a Antonio. A
dicir verdade, uns chamábanlle
Antonio 'do Xastre' e outros
Antonio 'Cachafeiro', alcume
que
pouco lle gustaba.
Dos
primeiros tempos desta telleira o seu fillastro Antonio recordaba que
“eu empecei a carreira de telleiro con meu pai en 1959, con nove
anos. Ao principio non tiñamos forno e íase cocer a de meu avó
Daniel. Despois xa construímos nós o noso, que o fixeramos meu pai,
seu irmán Tomás, outro amigo que se chamaba ‘Colombias’ e eu.
Faciamos os ladrillos, tendíanse e despois, cando estaban ben secos,
íamos levantando as paredes con eles e con algo de barro. Os
ladrillos que había dende a parte de abaixo ata a metade do forno si
que tiñan que estar cocidos, porque aí é onde se cocía a gran
temperatura o material fabricado. Na parte baixa do forno había
unhas arcadas, que era onde se tizaba e que ían cunhas trampas
postas cuns ladrillos encuñados como se fora un arco. Por riba
levaba unha criba, toda de ladrillos macizos que se poñían de canto
cunha pequena separación para que poidera subir o lume. Despois,
enriba deso poñíase o material que, cando se terminaba de cocer,
daba un baixón co que se sabía que xa estaba cocido. O forno non
tiña cheminea. Unha vez que estaba o material dentro, había que ír
á parte superior e tapalo todo con ladrillo macizo e despois
botábase unha capa de barro, coma un recebo, para que non perdera o
calor. Cando estaba cocido, había que deixar pasar dous ou tres días
para que enfriara e despois quitábase, desencañábase, que era como
se lle chamaba a esta operación. Nun lateral, o forno tiña un
porteiro, que tamén se cerraba con ladrillo e barro igual que arriba
cando tiña o material dentro para cocer. Nós o que máis facíamos
era tella. Recordo que houbera un ano no que fabricamos 100.000
tellas. A esta telleira viñan moitos labradores da volta a buscar
tella. Incluso teñen vido dende Coristanco. Tamén recordo que había
un carreteiro, o tío Domingos de Soandres, que creo que facía algo
de almacenista para a zona. Se a tella custaba unha peseta, imaxino
que lle darían unha pequena comisión porque tamén facía o
transporte e xa viña cos bois e co seu carriño articulado, que lle
chamaban a zorra”.
Á
parte da boa produción de tella, na do 'Cachafeiro' tamén se
fabricaban ladrillos macizos, moldeados no mesmo banco no que se
elaboraba a tella, ladrillo balaústre para os hórreos, ladrillo
curvo para os fornos de pan e ladrillo oco de 4 e de 5, que se facían
na “churrera” que comprara Antonio.
Para
intentar vender o seu produto Fuentes ía, como todos os fabricantes
da Laracha, á feira da Adina (no Mesón do Vento), á de Paiosaco, á
de Vista Alegre, á de Carballo... Desprazábase en moto e levaba
unha rasilla e unha tella envolta no papel que usaban nas tendas para
envolver. Nas feiras sempre cerraba algún acordo que se selaba cun
apertón de mans e cunha cunca de viño nunha taberna.
 |
Retrato de María Varela e Antonio Fuentes (Cortesía da súa familia)
|
Nesa
época, nos últimos anos 50 e primeiros 60, empezouse a mover moito
a construción na Coruña. Na do 'Cachafeiro' non desaproveitaron a
oportunidade, como así nolo recordou Antonio fillo: “Eu sendo neno
vendín moito moito ladrillo en Monte Alto. Ía á Coruña no
trolebús, levaba un bocadillo e pateaba polas rúas parando onde vía
unha obra e así foi como fixen algún cliente”.
As
cousas íanlle ben a Antonio Fuentes
no sector da cerámica, tan ben que no ano 1960 decidiu comprar a
telleira 'dos
de Sada',
da que tamén damos
conta nun dos
capítulos do libro. O custe da
operación fora por 150.000 pesetas da época. Ao comprar esta
telleira, 'Cachafeiro'
alugoulle a outra, a situada diante da taberna dos Cuatro Vientos
a Manuel Álvarez Vicente, o irmán
de Anselmo e cuñado de
Ferreira, que botou alí tres
ou catro
temporadas. Durante este tempo Manuel tivo de empregado ao tamén
baixomiñoto Eladio Sobrino Iglesias, a
quen os veciños da Barreira
e de Estramil alcumaban 'Noi' ou 'Noro'.
Na
telleira de arriba, que sempre foi coñecida como 'dos de Sada',
Antonio estivo uns cinco anos, ata que chegou un momento no que
competir coas industrias de Epifanio Campo e de José Manuel Ferreira
se converteu nun verdadeiro martirio. As débedas cos acredores
empezaban a medrar ao tempo que a actividade e a economía da súa
empresa languidecía por momentos. Ante esta situación, sobre o ano
1965, Fuentes Regueira vendeulles as instalacións aos Alonso, uns
irmáns de Carballo que tiñan un almacén de materiais de
construción na capital de Bergantiños.
 |
Fotografía do voo americano do ano 1956 do lugar da Barreira. O número 1 corresponde á telleira 'dos de Sada'; 2, telleira de Ferreira; 3, telleira de Patiño; 4, telleira de Daniel 'O Xastre' e 5, telleira de Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro' (https://mapas.xunta.gal)
|
Ao
abandonar o mundo da
cerámica, Antonio Fuentes Regueira traballou
dende 1966 ata 1968 nunha
mina de carbón de Matarrosa del Sil, no municipio leonés de Toreno,
na comarca do Bierzo.
Posteriormente emigra a Zúric,
onde xa levaba
algún tempo o seu fillastro
Antonio traballando
de palista. No país
helvético 'Cachafeiro' consegue un contrato de peón nunha empresa
de
construción que abandona ao pouco para empregarse na mesma na que
estaba o seu fillo Antonio.
Ao
tempo que os seus Antonios
facían un peso
en Suíza, María Varela
abre O Coitelo, unha taberna
que estaba en Estramil na mesma casa na que residía a familia. O
Coitelo era desas tabernas de antes na que tanto podías tomar un
chanqueiro como comprar un
saco de penso ou de sal.
Antonio
fillo, coñecido tamén como
'Cachafeiro', retorna
de Suíza
para facer o servizo militar e,
nos días de permiso, bótalle unha man no reparto a Aurelia,
unha tía de seu pai que se
dedicaba á
venda ambulante de peixe. Ata
aquel momento Aurelia fixera
o reparto na súa besta, mais agora facíano nunha
furgoneta, na Citroën
AK 400 que o rapaz comprara
cos cartos da emigración.
 |
Imaxe tomada nos anos 60-70 en Estramil na que vemos a Antonio Fuentes Varela, fillo de Antonio Fuentes Regueira, con súa tía Aurelia (Cortesía de Josito Fuentes)
|
Ao
pouco de rematar a mili Antonio empeza a traballar en Excavaciones
Cancela, empresa na que curiosamente derrubou algún edificio que
tiña no tellado, as voltas que dá a vida, tellas feitas por el. “Eu
teño un dedo que meu pai quería cortarmo (risas). As miñas tellas
coñecíanse ben por este dedo. A tella facíase no banco do oficial
cun molde, a gradilla, e a medida que se ían facendo o tendedor
levaba cada peza no formal, que era unha ferramenta que lle daba a
forma curva a tella. E claro, cando se pousaban na eira, había que
pasarlle as mans para sacala do formal, e aí era onde eu deixaba a
marca con ese dedo que me quería cortar meu pai. Cando traballaba
con Cancela nunha ocasión tivemos que ir a Arteixo a tirar o vello
cine que comprara Rozas, o da panadería da Groufa, que ía construír
alí un edificio. Na parte de atrás había uns alpendres e un día,
desfacendo o cine, caeu unha tella enteira. Baixei da escavadora,
collín a peza nas mans e despois de examinala ben díxenlle a
Cancela:
-
Esa tella é da que facía 'Cachafeiro', Cancela!
-
Pois pode ser, porque vese que foi feita a man.
-
Esta
tella fíxena eu, aí está a
marca do meu dedo!
Antonio
pai bota en Zúric
ata 1973. Ao vir, logo dun tempo axudando na taberna e tras
o oportuno apoio
da súa muller María, que
era unha gran negocianta, monta unha pequena granxa de cochos para
vender nas feiras. Pechábase
o círculo. Décadas antes
ía ás feiras vender tellas e ladrillos e agora ía
vender porcos. Clientes nunca lle faltaron nos dous ramos.
Naqueles
días, seguindo a tradición
familiar de súa avoa Generosa e de súa tía Aurelia, tamén gaña a
vida como vendedor ambulante
de peixe. Non
esquezamos que Generosa era
aquela “señora
que ía todos os días a Caión e traía de
toda
clase de peixe”, da
que nos fala
José de la Santísima Trinidad no
seu libro dos telleiros e que xa publicamos neste espazo.
 |
María Varela e Antonio Fuentes nun xantar celebrado nos anos 90 (Cortesía da súa familia)
|
Andando
no tempo Antonio e
a súa muller María
ían
montar unha peixería en Cerceda, negocio no que traballou
ata a súa xubilación. O
antigo telleiro faleceu
en abril de 2007 aos 74 anos de idade.
Despois
de tantos anos, o espírito de 'Cachafeiro' segue estando moi vivo en
Estramil e na Barreira, onde aínda quedan casas nas que se pode ver
material fabricado nas súas telleiras. Na primeira que montara, a
que estaba situada en fronte da taberna dos Cuatro Vientos, teñen o
seu domicilio Raúl (fillo de Antonio e María) e a súa muller
Blandina, que nos dixo que aínda se acordaba “de ver por aquí os
moldes dos ladrillos na chabola na que durmían o tío Manuel e o
'Noi'. A chabola estaba onde temos o alpendre e despois esto cubriuse
de silvas. Nós marchamos para Suíza e logo reencheuse todo, que o
terreo estaba máis baixo que a carretera, e fixemos a casa”.
 |
Panorámica actual da Barreira e de Estramil. En primeiro plano, a casa de Raúl Fuentes Varela e Blandina Sánchez Esmorís, que foi o lugar onde montou a súa primeira telleira Antonio Fuentes Regueira
|
Grazas
á viaxe no tempo que realizamos con Antonio Fuentes Varela, sabemos
que o forno da telleira de 'Cachafeiro' estaba na parte de atrás da
casa de Raúl e Blandina, onde tamén os carros deixaban o toxo para
cocer o material. A vivenda seica tivo os seus problemas coas
cimentacións á hora de atopar a consistencia do terreo firme pola
cantidade de barro que alí había. No que hoxe é a eira da entrada,
na parte dereita podíamos ver o malacate co cabalo dando voltas para
amasar o barro e, na parte da esquerda, era onde se estendía a tella
e o ladrillo macizo.
 |
Muro dun terreo da Barreira, situado nas proximidades da fonte e do lavadoiro da Margarida, construído con ladrillo oco fabricado na telleira de Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro'
|
Na
casa de Raúl e Blandina, Antonio recordaba con emoción algúns dos
momentos alí vividos: “A min aínda me tocou vivir o proceso
antigo. Facíase o barro nun bidón de 200 litros, que non era fácil
de conseguir, que aínda non viñera a refinería para A Coruña, e o
cabalo amasaba co malacate arredor do bidón. Aquí dous homes facían
3.000 tellas ao día. Ao mellor na eira había 7.000 ou 8.000 tellas
e tense dado o caso de vir unha tormenta e desfacer a produción de
toda a semana ao que lle había que sumar unha semana a maiores para
limpar a eira. Pensa que a eira tiña que estar moi moi lisa, porque
senón a tella deformábase. As tormentas ocasionaban moitos estragos
nas telleiras. Os operarios de Pontevedra eran moi listos. No chabolo
onde durmía o xefe, enriba da cama del, separaba as tellas e se
caían dúas gotas xa avisaban os uns aos outros”.
D.E.P., Antonio!