Hai uns días deixounos Antonio Fuentes Varela, 'Cachafeiro', un dos grandes protagonistas do libro “As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño” ao que lle queremos dedicar as Crónicas da Laracha desta semana.
Durante o traballo de campo deste proxecto, Antonio contounos a historia de boa parte das telleiras da Barreira e de Estramil, nas que, nalgúns casos, traballara dende moi cativo, e mesmo fixemos con el un percorrido in situ polos lugares onde antano estaban estas pequenas industrias nesta zona do municipio. Ademais, o noso protagonista atendeunos coa maior das amabilidades no seu domicilio e nas ducias de chamadas telefónicas realizadas para resolver as dúbidas dun servidor. Un bo anaco do libro é teu, Antonio! Que a terra che sexa leve, amigo!
Antonio Fuentes Varela diante da casa da Barreira na que naceu en 1950. Detrás del podemos ver ladrillo macizo fabricado na telleira de seu pai Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro' |
Deseguido, como homenaxe á súa memoria, publicamos a historia da telleira de seu pai, Antonio Fuentes Regueira, con quen o noso homenaxeado traballou durante os primeiros anos da súa vida, un texto que tamén tedes ao voso dispor no libro “As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño”.
A TELLEIRA DE ANTONIO FUENTES REGUEIRA 'CACHAFEIRO'
Antonio Fuentes Regueira nace en 1933 na Esquipa. Era o primoxénito de Daniel Fuentes Mañana 'O Xastre' e de Consuelo Regueira Mallo, matrimonio do que ían nacer cinco fillos máis: Manolo, Tomás, Edelmiro, José María e Cándido. A familia íase trasladar á Barreira, lugar onde seu pai Daniel montou unha telleira logo dunha curta experiencia na Braña de Estramil, na que 'O Xastre' comezara no sector da cerámica ao pouco de enviuvar.
Antonio e seus irmáns ían aprender o oficio de telleiro cun oficial do Baixo Miño contratado por seu pai. De adolescente marcha a Asturias a traballar nunha mina de Avilés, mais, entre idas e voltas, continuaría durante algún tempo botando unha man na telleira do seu proxenitor. Nesa época tamén formou parte da cuadrilla dalgún dos telleiros de Pontevedra que fabricaban na Laracha naqueles tempos, entre eles Manuel Álvarez e Tino Sobrino, que fixeran sociedade alugando a telleira de Patiño durante dúas ou tres temporadas.
Antonio Fuentes Regueira traballando na telleira de Patiño para os baixomiñotos Manuel Álvarez e Tino Sobrino (Cortesía de José Manuel Álvarez Martínez) |
Antonio
Fuentes Regueira
casa na década dos anos 50
con María Varela Lista,
unha moza da Barreira
coa que tería sete fillos: Manuel, Samuel, Raúl, Josefa, José
Ramón, Juan José e Santiago. María xa tivera un fillo antes de
casar, o noso homenaxeado Antonio, un cativo do que se fixo o cargo o seu
home e que foi o que nos
narrou moitas das historias que contamos no libro "As telleiras da Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño".
Sobre o ano 1957 Fuentes Regueira monta a súa propia telleira na Barreira, nuns terreos que herdara a súa muller María. Estaba xusto en fronte da taberna dos Cuatro Vientos e moi cerca da que tiña seu pai Daniel. Andando no tempo, esta pequena industria ía ser coñecida como 'a de Cachafeiro', que era como os veciños da contorna alcumaban a Antonio. A dicir verdade, uns chamábanlle Antonio 'do Xastre' e outros Antonio 'Cachafeiro', alcume que pouco lle gustaba.
Dos primeiros tempos desta telleira o seu fillastro Antonio recordaba que “eu empecei a carreira de telleiro con meu pai en 1959, con nove anos. Ao principio non tiñamos forno e íase cocer a de meu avó Daniel. Despois xa construímos nós o noso, que o fixeramos meu pai, seu irmán Tomás, outro amigo que se chamaba ‘Colombias’ e eu. Faciamos os ladrillos, tendíanse e despois, cando estaban ben secos, íamos levantando as paredes con eles e con algo de barro. Os ladrillos que había dende a parte de abaixo ata a metade do forno si que tiñan que estar cocidos, porque aí é onde se cocía a gran temperatura o material fabricado. Na parte baixa do forno había unhas arcadas, que era onde se tizaba e que ían cunhas trampas postas cuns ladrillos encuñados como se fora un arco. Por riba levaba unha criba, toda de ladrillos macizos que se poñían de canto cunha pequena separación para que poidera subir o lume. Despois, enriba deso poñíase o material que, cando se terminaba de cocer, daba un baixón co que se sabía que xa estaba cocido. O forno non tiña cheminea. Unha vez que estaba o material dentro, había que ír á parte superior e tapalo todo con ladrillo macizo e despois botábase unha capa de barro, coma un recebo, para que non perdera o calor. Cando estaba cocido, había que deixar pasar dous ou tres días para que enfriara e despois quitábase, desencañábase, que era como se lle chamaba a esta operación. Nun lateral, o forno tiña un porteiro, que tamén se cerraba con ladrillo e barro igual que arriba cando tiña o material dentro para cocer. Nós o que máis facíamos era tella. Recordo que houbera un ano no que fabricamos 100.000 tellas. A esta telleira viñan moitos labradores da volta a buscar tella. Incluso teñen vido dende Coristanco. Tamén recordo que había un carreteiro, o tío Domingos de Soandres, que creo que facía algo de almacenista para a zona. Se a tella custaba unha peseta, imaxino que lle darían unha pequena comisión porque tamén facía o transporte e xa viña cos bois e co seu carriño articulado, que lle chamaban a zorra”.
Á parte da boa produción de tella, na do 'Cachafeiro' tamén se fabricaban ladrillos macizos, moldeados no mesmo banco no que se elaboraba a tella, ladrillo balaústre para os hórreos, ladrillo curvo para os fornos de pan e ladrillo oco de 4 e de 5, que se facían na “churrera” que comprara Antonio.
Para intentar vender o seu produto Fuentes ía, como todos os fabricantes da Laracha, á feira da Adina (no Mesón do Vento), á de Paiosaco, á de Vista Alegre, á de Carballo... Desprazábase en moto e levaba unha rasilla e unha tella envolta no papel que usaban nas tendas para envolver. Nas feiras sempre cerraba algún acordo que se selaba cun apertón de mans e cunha cunca de viño nunha taberna.
Retrato de María Varela e Antonio Fuentes (Cortesía da súa familia) |
Nesa época, nos últimos anos 50 e primeiros 60, empezouse a mover moito a construción na Coruña. Na do 'Cachafeiro' non desaproveitaron a oportunidade, como así nolo recordou Antonio fillo: “Eu sendo neno vendín moito moito ladrillo en Monte Alto. Ía á Coruña no trolebús, levaba un bocadillo e pateaba polas rúas parando onde vía unha obra e así foi como fixen algún cliente”.
As cousas íanlle ben a Antonio Fuentes no sector da cerámica, tan ben que no ano 1960 decidiu comprar a telleira 'dos de Sada', da que tamén damos conta nun dos capítulos do libro. O custe da operación fora por 150.000 pesetas da época. Ao comprar esta telleira, 'Cachafeiro' alugoulle a outra, a situada diante da taberna dos Cuatro Vientos a Manuel Álvarez Vicente, o irmán de Anselmo e cuñado de Ferreira, que botou alí tres ou catro temporadas. Durante este tempo Manuel tivo de empregado ao tamén baixomiñoto Eladio Sobrino Iglesias, a quen os veciños da Barreira e de Estramil alcumaban 'Noi' ou 'Noro'.
Na telleira de arriba, que sempre foi coñecida como 'dos de Sada', Antonio estivo uns cinco anos, ata que chegou un momento no que competir coas industrias de Epifanio Campo e de José Manuel Ferreira se converteu nun verdadeiro martirio. As débedas cos acredores empezaban a medrar ao tempo que a actividade e a economía da súa empresa languidecía por momentos. Ante esta situación, sobre o ano 1965, Fuentes Regueira vendeulles as instalacións aos Alonso, uns irmáns de Carballo que tiñan un almacén de materiais de construción na capital de Bergantiños.
Ao abandonar o mundo da cerámica, Antonio Fuentes Regueira traballou dende 1966 ata 1968 nunha mina de carbón de Matarrosa del Sil, no municipio leonés de Toreno, na comarca do Bierzo. Posteriormente emigra a Zúric, onde xa levaba algún tempo o seu fillastro Antonio traballando de palista. No país helvético 'Cachafeiro' consegue un contrato de peón nunha empresa de construción que abandona ao pouco para empregarse na mesma na que estaba o seu fillo Antonio.
Ao tempo que os seus Antonios facían un peso en Suíza, María Varela abre O Coitelo, unha taberna que estaba en Estramil na mesma casa na que residía a familia. O Coitelo era desas tabernas de antes na que tanto podías tomar un chanqueiro como comprar un saco de penso ou de sal.
Antonio fillo, coñecido tamén como 'Cachafeiro', retorna de Suíza para facer o servizo militar e, nos días de permiso, bótalle unha man no reparto a Aurelia, unha tía de seu pai que se dedicaba á venda ambulante de peixe. Ata aquel momento Aurelia fixera o reparto na súa besta, mais agora facíano nunha furgoneta, na Citroën AK 400 que o rapaz comprara cos cartos da emigración.
Imaxe tomada nos anos 60-70 en Estramil na que vemos a Antonio Fuentes Varela, fillo de Antonio Fuentes Regueira, con súa tía Aurelia (Cortesía de Josito Fuentes) |
Ao pouco de rematar a mili Antonio empeza a traballar en Excavaciones Cancela, empresa na que curiosamente derrubou algún edificio que tiña no tellado, as voltas que dá a vida, tellas feitas por el. “Eu teño un dedo que meu pai quería cortarmo (risas). As miñas tellas coñecíanse ben por este dedo. A tella facíase no banco do oficial cun molde, a gradilla, e a medida que se ían facendo o tendedor levaba cada peza no formal, que era unha ferramenta que lle daba a forma curva a tella. E claro, cando se pousaban na eira, había que pasarlle as mans para sacala do formal, e aí era onde eu deixaba a marca con ese dedo que me quería cortar meu pai. Cando traballaba con Cancela nunha ocasión tivemos que ir a Arteixo a tirar o vello cine que comprara Rozas, o da panadería da Groufa, que ía construír alí un edificio. Na parte de atrás había uns alpendres e un día, desfacendo o cine, caeu unha tella enteira. Baixei da escavadora, collín a peza nas mans e despois de examinala ben díxenlle a Cancela:
- Esa tella é da que facía 'Cachafeiro', Cancela!
- Pois pode ser, porque vese que foi feita a man.
- Esta tella fíxena eu, aí está a marca do meu dedo!
Antonio pai bota en Zúric ata 1973. Ao vir, logo dun tempo axudando na taberna e tras o oportuno apoio da súa muller María, que era unha gran negocianta, monta unha pequena granxa de cochos para vender nas feiras. Pechábase o círculo. Décadas antes ía ás feiras vender tellas e ladrillos e agora ía vender porcos. Clientes nunca lle faltaron nos dous ramos. Naqueles días, seguindo a tradición familiar de súa avoa Generosa e de súa tía Aurelia, tamén gaña a vida como vendedor ambulante de peixe. Non esquezamos que Generosa era aquela “señora que ía todos os días a Caión e traía de toda clase de peixe”, da que nos fala José de la Santísima Trinidad no seu libro dos telleiros e que xa publicamos neste espazo.
María Varela e Antonio Fuentes nun xantar celebrado nos anos 90 (Cortesía da súa familia) |
Andando no tempo Antonio e a súa muller María ían montar unha peixería en Cerceda, negocio no que traballou ata a súa xubilación. O antigo telleiro faleceu en abril de 2007 aos 74 anos de idade.
Despois de tantos anos, o espírito de 'Cachafeiro' segue estando moi vivo en Estramil e na Barreira, onde aínda quedan casas nas que se pode ver material fabricado nas súas telleiras. Na primeira que montara, a que estaba situada en fronte da taberna dos Cuatro Vientos, teñen o seu domicilio Raúl (fillo de Antonio e María) e a súa muller Blandina, que nos dixo que aínda se acordaba “de ver por aquí os moldes dos ladrillos na chabola na que durmían o tío Manuel e o 'Noi'. A chabola estaba onde temos o alpendre e despois esto cubriuse de silvas. Nós marchamos para Suíza e logo reencheuse todo, que o terreo estaba máis baixo que a carretera, e fixemos a casa”.
Panorámica actual da Barreira e de Estramil. En primeiro plano, a casa de Raúl Fuentes Varela e Blandina Sánchez Esmorís, que foi o lugar onde montou a súa primeira telleira Antonio Fuentes Regueira |
Grazas á viaxe no tempo que realizamos con Antonio Fuentes Varela, sabemos que o forno da telleira de 'Cachafeiro' estaba na parte de atrás da casa de Raúl e Blandina, onde tamén os carros deixaban o toxo para cocer o material. A vivenda seica tivo os seus problemas coas cimentacións á hora de atopar a consistencia do terreo firme pola cantidade de barro que alí había. No que hoxe é a eira da entrada, na parte dereita podíamos ver o malacate co cabalo dando voltas para amasar o barro e, na parte da esquerda, era onde se estendía a tella e o ladrillo macizo.
Muro dun terreo da Barreira, situado nas proximidades da fonte e do lavadoiro da Margarida, construído con ladrillo oco fabricado na telleira de Antonio Fuentes Regueira 'Cachafeiro' |
Na casa de Raúl e Blandina, Antonio recordaba con emoción algúns dos momentos alí vividos: “A min aínda me tocou vivir o proceso antigo. Facíase o barro nun bidón de 200 litros, que non era fácil de conseguir, que aínda non viñera a refinería para A Coruña, e o cabalo amasaba co malacate arredor do bidón. Aquí dous homes facían 3.000 tellas ao día. Ao mellor na eira había 7.000 ou 8.000 tellas e tense dado o caso de vir unha tormenta e desfacer a produción de toda a semana ao que lle había que sumar unha semana a maiores para limpar a eira. Pensa que a eira tiña que estar moi moi lisa, porque senón a tella deformábase. As tormentas ocasionaban moitos estragos nas telleiras. Os operarios de Pontevedra eran moi listos. No chabolo onde durmía o xefe, enriba da cama del, separaba as tellas e se caían dúas gotas xa avisaban os uns aos outros”.
D.E.P., Antonio!
Que mágoa! Como un dos protagonistas (á vez que informante) quedará inmortalizado para sempre no teu libro, un fermoso xeito de rendirlle un merecido tributo. Descanse en paz.
ResponderEliminarGraciñas polo teu comentario, Cabaqueira!
ResponderEliminar