venres, 13 de decembro de 2024

AS AMAS DE CRÍA

  O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para as amas de cría, aquelas mulleres que no pasado criaban e daban de mamar a unha criatura allea.

Amas de cría nun orfanato en 1905 (www.flickr.com)

   Pois si, amigos e amigas, unha ama de cría , tamén coñecida como ama de leite ou nutríz era unha muller que aleitaba a un lactante que non era o seu fillo, un emprego hoxe en desuso na meirande parte de Occidente pero que foi moi común desde a antiga Roma ata as primeiras décadas do século XX para alimentar a nenos cuxas nais non podían ou non desexaban facelo.

    Desde o dereito romano elaborouse un contrato de amatiatum, polo cal se fixaban as condicións que debían ter as amas de cría respecto a súa saúde e ascendencia, así como as contraprestaciós que debían ter e a duración do contrato. Durante o dereito común a regulación fíxose especialmente rigurosa, fixando salarios (que eran diferentes segundo os lugares) e excluíndo do aleitado de nenos cristiáns a xudías e mouras.1

   Co transcorrer dos séculos, a elección da nutríz para aleitar aos príncipes e infantes das cortes europeas quedaba en mans da raíña con supervisión do rei. Na casa real española, a partir do reinado de Fernando VII, mulleres das montañas cántabras de Vega de Pas, Villacarriedo, Selaya, Valle de Toranzo ou Valle de Trasmiera surtiron coa súa maternal leite aos futuros monarcas. Unha destas nutrices cántabras foi María Gómez Martínez, nacida un 29 de setembro de 1831 en Vega de Pas e ama de cría do Príncipe de Asturias que andando no tempo reinaría co nome de Alfonso XII. Acorde ao informe que se custodia no Palacio Real de Madrid, María Gómez «...tiene edad de veinticinco años y es mujer del labrador Juan Mantecón, con leche de ocho días por tercer parto...» para finalizar engadindo que «... es un tipo verdaderamente aldeano montañés». 2

O futuro Luis XIV coa súa ama de cría  (https://es.wikipedia.org)

   Mais desgraciadamente non foi sempre ben vista a muller da aldea que alimentaba ás criaturas das clases podentes. Consentíanse como un mal necesario, e en moitos casos quenes solicitaban e precisaban dos seus servizos non dubidaban en difamala e criticala. “Cien groseras aldeanas del Valle de Pas” di Mesonero Romanos; “humana vaca”, di dunha Perez Galdós 3; e nas cancións de “corro y comba” os nenos da época cantaban:

Piensan las amas de cría,

piensan y no piensan bien,

piensan que son señoritas

y son burras de alquiler. 4

   O recurso dunha ama de cría tamén podía estar motivado por razóns físicas, coma no caso de produción insuficiente de leite, en partos múltiples nos que unha soa muller non podía satisfacer os requisitos da lactación; sociais; polo elevado índice de mortalidade maternal (na España de 1910 falecía unha muller por cada 200 partos); ou mesmo por mor do abandono infantil por diferentes causas que foi moi numeroso desde o século XIX ata mediados do XX.

   Neste último caso, as amas de cría en España eran imprescindibles para a supervivencia dos meniños abandonados nos orfanatos e “casas cuna”. Ante a imposibilidade de lactación en moitos destos centros de acollida, optouse por un sistema retributivo a amas de cría externas que acollían ao bebé no seu fogar. O prototipo da nutríz externa a finais do século XIX era unha labrega casada de entre 25 e 40 anos, con fillos e cunha notable necesidade económica. Nunha terceira parte dos casos, estas mulleres sufriran o falecemento dun fillo lactante. 

   Para ser nutríz esixíase un certificado de saúde e boas costumes que expedían o médico e o alcalde do lugar de residencia. Estas persoas, xunto cos párrocos, encargábanse de supervisar o coidado ao neno xa que non eran desdeñables os casos de malos tratos ou cativos descoidados ao longo do século XIX e nas primeiras décadas do XX. O seguiente texto describe algunhas condicións que debía ter unha ama de cría externa a finais do século XIX: «Art. 26. Las nodrizas á quienes las Juntas entregaren los niños expósitos, serán de matrimonio, asegurándose previamente de su robustez, suficiencia de jugo lácteo, moralidad y demás circunstancias que se requieren para la buena crianza y educación de los mismos expósitos».5

   Por outra banda, a profesionalización da lactación, en termos sociolóxicos, foi un dos medios que permitiu ás mulleres adiñeiradas liberarse do rol de coidado doméstico e dedicarse a outras ocupacións. Consultando a hemeroteca da época atopamos numerosas ama de cría na seccións de anuncios da prensa de finais do século XIX e de principios do XX, entre elas algunha veciña da Laracha:

El Ideal Gallego, 2 de agosto de 1934

El Ideal Gallego, 14 de xullo de 1934

   Andando no tempo, a creación de fórmulas máis completas de leite en po, adaptado ao aparello dixestivo do neno, levou á desaparición da figura da ama de cría nos países desenvolvidos.

_________

1Vid. José Manuel Fraile Gil ( ) Amas de cría, campesinas en la urbe -Ordenamiento de menestrales y posturas, al arzobispado de Toledo, en las Cortes de Valladolid de 1351, ley 17-, (https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/amas-de-cria-campesinas-en-la-urbe/html/)

2Vid. José Javier Gómez Arroyo (2019): La nodriza de Su Majestad, El diario montañés, 23 de agosto.

3Vid. José Manuel Fraile Gil ( ) Amas de cría, campesinas en la urbe -Ordenamiento de menestrales y posturas, al arzobispado de Toledo, en las Cortes de Valladolid de 1351, ley 17-, (https://www.cervantesvirtual.com/obra-visor/amas-de-cria-campesinas-en-la-urbe/html/)

4Vid. R. Montalban.: El corro de las niñas. Canciones populares infantiles. Piano, n.° 49 "En la calle de Toledo". José Manuel Fraile Gil apunta que “La copla satírica alude a las burras de leche que pasaban diariamente por Madrid ofreciendo su mercancía, que se ordeñaba en el momento, para enfermos y embarazadas. En el lenguaje coloquial madrileño ha quedado el giro que ya han pasado las burras de leche para cuando alguien sigue en la cama avanzada la mañana”.

5Vid. Carlos Alustiza Martínez ( ) Nodrizas en Gipuzkoa, Auñamendi Eusko Entziklopedia, Fondo Bernardo Estornés Lasa (https://aunamendi.eusko-ikaskuntza.eus/es/nodrizas)

Ningún comentario:

Publicar un comentario