venres, 27 de novembro de 2026

AS FÁBRICAS DE CURTIDOS DA LARACHA (1ª parte)

O curtido é un proceso químico mediante o cal se transforman as peles de animais en coiro coa finalidade de obter un material máis duradeiro e menos sensible á descomposición.

No pasado as fábricas de curtumes de peles constituíron unha auténtica industria nacional para Galicia, tanto pola súa notable relevancia nalgúns dos períodos da historia industrial galega coma polo seu esparexemento polo noso territorio, onde, aí é nada, un de cada catro concellos contou co seu propio curtidoiro. E si, como podedes imaxinar, A Laracha tamén tivo a súa importancia na industria do curtume de peles e por iso, ao longo das vindeiras semanas, imos falar dos curtidoiros que houbo no municipio, fábricas que estaban concentradas nas parroquias de Montemaior e Golmar.

Se viaxamos máis atrás no tempo, sabemos que xa antes da existencia destas fábricas había algunha que outra persoa que se dedicaba a este oficio nas nosas parroquias, como así consta no Catastro do Marqués de Ensenada de 1752, onde no interrogatorio realizado en Coiro infórmase que o zapateiro Francisco Gómez, “gana al día tres reales de vellón y diecisiete maravedíes de vellón” e que ademais traballaba “la mitad del año como curtidor, lucra al año ciento treinta y dos reales de vellón1”. En Vilaño, na pregunta 33 do devandito interrogatorio, coméntase que había os seguintes zapateiros que gañaban ao día tres reais e medio: “Francisco Mallo, Silvestre do Mato (trabaja cuatro meses al año); Jacobo Ramilo, Manuel de San Cristóbal (y como curtidor lucra al año quinientos noventa y cuatro reales), Domingo Freire el menor (y como curtidor gana al año quinientos noventa y cuatro reales), Domingo Freire el mayor”2.

Imaxe de 1920 dun grupo de traballadores dun curtidoiro (Luís Ksado)

Logo de deixar enriba da mesa estos datos iniciais, comezamos o noso particular percorrido polo oficio de curtidor coas informacións que nos ofrece o lucense Claudio Otero Eiriz, investigador da historia e do patrimonio da industria dos curtumes galegos (materias sobre as que realizou os seus estudos de doutoramento), que publicou monografías e artigos en revistas especializadas e participou en congresos internacionais. Natural de Chantada, é doutor en Desenvolvemento Rexional e Integración Económica pola USC coa tese titulada A industria dos coiros en Galicia. Historia e Patrimonio (2017), que dirixiu Xoán Carmona, a cal foi a primeira sobre patrimonio industrial defendida nas universidades galegas, tese na que por certo A Laracha ten notable protagonismo. Ademais, tamén publicou os libros A Chantada fabril. Os curtidos do Asma na Idade Contemporánea (2015); As fábricas de curtumes de Alfoz. Historia e Patrimonio (2018); e A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro (2020). Pois ben, segundo as informacións de Claudio, nas fábricas galegas curtían peles cun sistema produtivo semellante en recipientes de madeira ou en pozos de pedra establecidos na propia vivenda dos que exercían o oficio ou nos seus arredores, coa diferencia de que cando a actividade se desenvolvía en vilas ou cidades as ordenanzas municipais obrigaban aos curtidores a establecérense afastados do núcleo úrbano polos cheiros e contaminación que provocaban.

Portada do libro A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro

Este tipo de establecementos empezaran a erguerse ao longo da xeografía galega na segunda metade do século XVIII do mesmo xeito que no resto dos países europeos. Nesa época a transformación de peles en coiros desenvolvíase de xeito artesanal e o sector estaba dividido claramente en dous ámbitos territoriais, cunha organización interna da súa actividade ben diferenciada. Por unha banda o rural, onde os traballadores do coiro combinan este traballo coas actividades agrarias ou as propias da zocaría e da zapataría, caso dos veciños de Coiro e de Vilaño que aparecen nomeados no Catastro do Marqués de Ensenada de 1752. Por outra banda o espazo urbano, onde os artesáns do coiro traballaban baixo a regulación dos gremios que, en contraste co modelo rural, rexistrara un importante pulo e mesmo os propietarios dos píos onde se curtían as peles adoitaban aforalos a terceiros.

Os nosos primeiros curtidoiros localízanse nas rías de Betanzos, Ares-Pontedeume e Ferrol arredor do ano 1770 aproveitando a oferta de peles indias que entraban polo porto da Coruña procedentes do continente americano e, tamén, a demanda de coiros do Arsenal de Ferrol.

Esta industria vai prendendo en todas as provincias de Galicia e antes da guerra contra a Francia de Napoleón xa estaba ciscada por todo o territorio galego: Compostela, Noia, Pontevedra, Carril, Vigo, Tui, Lugo e Allariz. Estos primeiros curtidoiros xermolan da iniciativa dun colectivo de empresarios que se forneceu, en esencia, a partir de antigos comerciantes e curtidores, moitos deles procedentes de Cataluña e do País Vasco francés.

Segundo as informacións de Otero Eiriz, a idade de ouro do curtido do noso país ía transcorrer polas décadas centrais do século XIX (1820-1870), unha época na que Galicia convértese no territorio onde máis coiros se curtían de todo o Estado. Malia que nos anos trinta desta centuria o sector padece un incremento nos custos de produción polas eivas no fornecemento de coiros indios por mor da independencia colonial, o curtido galego deseguido se recupera. De feito, cando no ecuador do século se publican as primeiras Estatísticas administrativas da contribución industrial, Galicia lidera o sector do curtido dentro do Estado español dun xeito claro e evidente: a finais deste século XVIII existían en toda Galicia máis de 550 curtidoiros de diferentes tamaños, especialmente nas provincias de Santiago, A Coruña e Mondoñedo.

Os distintos procesos de transformación de peles en coiros constaban de catro fases ou etapas diferenciadas. Unha primeira chamada de ribeira, que comprendía todas as tarefas realizadas nas beiras dos ríos para a limpeza das peles e para a eliminación dos restos. Unha vez limpas, as pezas pasaban a uns pozos de auga ou píos con cal apagado (Hidróxido de Calcio), denominados de maneiras distintas en función do uso que se lles daban: pelamios, píos de remollo, caleiros, píos de canina... O obxectivo era a apertura dos poros para que logo, os produtos de tratamento enxugasen mellor as peles. Despois deste proceso, os coiros eran colocadas sobre unhas táboas onde traballadores da factoría pasaban unhas grandes coitelas curvadas para a eliminación do pelo na parte exterior do coiro. O último proceso desta primeira fase era o escarnado definitivo cun coitelo especial para retirar os refugallos de carne e graxa que aínda lle quedaban á pel. Estas labores de ribeira tamén se realizaban no lavadoiro que, habitualmente, localizábase na planta baixa da fábrica, preto da entrada e a saída da auga no edificio. Entre os píos do lavadoiro chantábase un solo lousado inclinado cara ás beiras para facilitar o saída das augas. Neste chan de pedra era onde os curtidores traballaban as peles nas singulares táboas de rañado.

Curtidores duncha antiga fábrica coas súas ferramentas (Foto do libro A industria galega dos curtumes. Pegadas dun patrimonio cultural sobranceiro)

A segunda etapa do proceso era o caldeo. Esta fase era na que as peles permanecían mergulladas en auga para inchalas e dilatarlle máis os poros, operación xa iniciada nos pelamios coa cal. Estes caldeiros eran de forma cúbica e forrados de cantería, chamados mudanzas ou “alpages”. O líquido para estas mudanzas era tratado anteriormente con acidulantes en cavidades chamadas “lecheras”. Os dous contedores de líquidos estaban intercomunicados entre eles, cada un cun nivel de acidulante distinto. Esta diferenza de niveis daba nome aos píos de primeiro, segundo e terceiro "alpage". Se as peles eran coiros brandos (reses menores), introducíanse en canina (excrementos animais) para retirar o cal.

A terceira fase era cando se realizaba o curtido propiamente dito, ou sexa, no que se transformaba unha pel nun coiro mediante un axente curtinte: a casca de carballo (ou de castiñeiro) moída, co que estaba en contacto un longo tempo nuns píos rectangulares de curtir chamados noques ou asentos.

O axente curtinte tradicional é de orixe vexetal, é dicir, extraído das árbores. En Galicia empregouse fundamentalmente a casca de carballo moi rica en tanino que se configurou, asemade, coma un dos factores de localización da industria nos séculos XVIII e XIX polo custo de transporte de carrexar as pesadas cascas de carballo. Unha vez que a casca chegaba ao curtidoiro cumpría triturala en cachos os máis pequenos posibles, co fin de que se favorecera a propagación do tanino ao somerxela na auga que gardaban os píos de curtir.

As cascas de árbore son elementos voluminosos e pouco doados de transportar e moi comúns nas ribeiras dos ríos (carballos e castiñeiros). Pero, por que empregaban a casca das árbores nesta industria? Pois porque posúe un elemento fundamental no cortume da pel: os taninos. Estes elementos químicos teñen a propiedade de unir as moléculas do coláxeno presente na pel, o que transforma ou curte os pelicos, dándolles a dureza que se precisa.

Nesta auga rica en tanino era onde se mergullaban as peles, unha vez preparadas, para curtir. Esta casca esmagábase cunha grande moa de pedra de granito duns dous metros de alto e uns vinte centímetros de ancho que en pé xiraba sobre unha estrutura de madeira turrada por un burro ou un cabalo. Se hai unha máquina que represente ás fábricas de curtumes tradicionais esta é sen dúbida o muíño de esmagar a casca turrado por cabalaría.

Muíño turrado por cabalería do condado de Devon, Inglaterra  (Claudio Otero Eiriz)

A casca poñíase no chan do muíño que era de pedra de granito traballada e que debuxaban un circulo duns tres metros de diámetro. Nas beiras do circulo erguíase un pequeno muro, tamén de pedra, duns corenta centímetros de alto co fin de que a casca non saíra para fóra do mecanismo. A estrutura de madeira consistía en dous paus, normalmente de carballo, o fuso e a guía. O fuso era un eixe vertical que se chantaba no medio do muíño sobre unha base de pedra e, normalmente, se encaixaba na súa parte superior nunha das vigas do andar da fábrica. Do fuso partía a guía, tamén de madeira, que atravesaba a moa de pedra e que xa por fóra do círculo de pedra xunguíase á cabalaría con cuxa forza se movía deste xeito o aparello. No muíño de casca tradicional traballaba un obreiro que equipado cun angazo íalle metendo a casca por baixo á roda para que a esmagara.

Muíño de casca (https://parquefluvialdesantiago.og)

Os píos de curtir localizábanse no baixo da fábrica e tiñan unha dimensión aproximada de un metro e medio por outro metro e medio de lado e un fondo tamén de metro e medio. Normalmente eran cadrados ao contrario dos píos do lavadoiro que adoitaban perfilar un rectángulo. E, xeralmente, non se construían sobre o chan en altura senón que se escavaban buratos no solo nos que logo se trazaban os píos.

Os píos de curtir dos curtidoiros galegos adoitaban ser de perpiaños de pedra de granito aínda que, de igual xeito que na construción dos muros da fábrica, vai depender da localización xeográfica do curtidoiro. Os perpiaños adoitaban ser duns 25 centímetros de grosor, duns 70 centímetros de longo e duns 40 centímetros de alto.

Píos de curtir (Museo do coiro de Allariz)

Así pois, esta casca era precisa nos curtidoiros xa que era o axente curtinte empregado no proceso de transformar unha pel nun coiro. Dentro destes píos introducíanse os coiros en niveis separados entre eles por capas de casca que despois eran cubertos ata arriba de auga. O coiro era posto coa parte que tivo pelo cara abaixo. Este proceso podía durar entre os catro ou seis meses. Pasado este período, as peles eran introducidas nos "alpages" de segunda onde os coiros eran postos boca arriba.

Co incremento do consumo do coiro que demandaba a poboación ían proliferar os curtidoiros, pero, con estas novas fábricas, tamén se ía multiplicar a extracción de casca nos montes galegos.

Hai que dicir que, xunto coas ferrerías, as fábricas de curtidos foron tradicionalmente acusadas en Galicia da destrución do bosque xa que o proceso da elaboración do coiro demandaba grandes cantidades de cal e de tanino, composto orgánico complexo con propiedades adstrinxentes que se extrae das gallas, dos froitos e da casca dalgunhas árbores, en especial na dos carballos.

Exemplar de carballo centenario existente na carballeira de San Fins, en Montemaior (Xabier Maceiras)

Como o tanino debía aplicarse repetidas veces a cada peza durante o proceso de curtido, era preciso dispor de grandes cantidades de casca. Mentres non foi regulada a súa extracción, obtíñase sen ningún tipo de limitacións nas carballeiras causando verdadeiros estragos nos montes, como quedou de manifesto en diversas ordenanzas. Ante estes feitos empezáronse a mostrar certas limitacións con advertencias como as que por exemplo houbera en Mondoñedo, onde esixían que “los curtidores estén presentes al coger la casca y no cojan del carvallo que estuviere comenzado a descascar, sopena de cien azotes y un mes de destierro preciso de esta Ciudad y su concejo”3.

Como xa dixemos, nas décadas centrais do século XIX (1820-1870) Galicia íase converter no territorio onde máis coiros se curtían de todo o Estado, pero pola contra, paralelamente, en diferentes zonas da nosa xeografía comézase a apreciar unha notable diminución da masa arbórea ao que estaban contribuíndo, en maior ou menor medida, as fábricas de curtidos. Diversos sectores ilustrados esforzáronse en minimizar e xustificar este fenómeno, defendendo a opinión de que o traballo do coiro reportaba grandes beneficios económicos e sociais ao Reino de Galicia. Deste xeito, nalgún escrito do relixioso Pedro Antonio Sánchez poden encontrarse ferventes súplicas en defensa dos curtidoiros, xustificando o seu aumento mesmo coa destrución do bosque pois “¿qué pueblo, qué reino se ha quejado hasta ahora, de que hubiesen aumentado sus fábricas, porque con ellas se minorasen sus leñas?”, cousa que, por outra banda, o ilustrado galego pretendía negar con argumentacións pouco convincentes, pero que finalmente acabará admitindo como se desprende no seguinte parágrafo:

En fin, el buen despacho que en las fábricas de curtidos tiene la corteza, va a acabar con ellas, sino se pone remedio. Una multitud de gente pobre, obligada principalmente de la carestía de estos últimos años, y de que le ha faltado la venta de ganados, que era su principal recurso, se ha entregado a este comercio; y descortezando sin distinción los robles que le acomodan mejor o que hallan más a mano, convierten estos robledales en troncos secos4.

Evidentemente, como era de agardar, triunfou a postura do relixioso natural de Curtis xa que as fábricas de curtidos seguirían constituíndo un dos sectores industriais máis importantes de Galicia. O primeiro Anuario Estadístico de España, editado en 1857, asigna á provincia da Coruña o primeiro lugar entre as estatais en canto á elaboración de peles con 30.881, seguida a longa distancia pola de Valladolid con 10.275, Barcelona con 9.194 e Pontevedra e Lugo con 6.000 e 3.590 peles, respectivamente. Esta elevada produción tiña, obviamente, a súa contrapartida, pois estimábase que esixía un consumo de 50.000 quintais5 de bosque anuais xa que “por el cebo del alto precio que solo la capa exterior (das árbores) ofrece a su dueño” cortábase cada vez con maior intensidade6.

A cuarta e última etapa de transformación de peles era a remata, fase na que se realizaban unha serie de operacións ao coiro (agora xa o é) co fin de acabar de preparar o produto para a súa saída ao mercado. Este proceso tiña dúas versións segundo o destino das pezas tratadas: a que se facía para coiros duros (sola) e a que se seguía para os coiros brandos. Comezaba esta última fase co enxugado das peles ao extraérense dos "alpages" e colocárense en amplos locais para aireárense e secaren. Logo viña o mazado con mazos de madeira para homoxeneizar a peza. No caso dos coiros duros o proceso remataba aquí. Para os coiros brandos (ovella, xato), tamén chamado becerro, o proceso incluía o uso de elementos aceitosos, estirado, luneteado e outros procesos. O aceite usado era o saín, procedente da sardiña. A carón da zona de remata adoitaba emprazarse o secadoiro de coiros da fábrica que era un dos elementos máis singulares do edificio fabril.

Secado de peles no curtidoiro carballés do Tarambollo (https://curtidossofan.es)

Hai que destacar a lentitude deste procedemento tradicional xa que a súa duración oscilaba entre os 12 e 18 meses de duración.

Moi cerca da Laracha, no lugar do Tarambollo, en Sofán, hai un curtidoiro que segue apostando polo curtido tradicional coma nos tempos de antano. Falamos das instalacións da empresa Curtidos Sofán, fundada en 1920. Neste vídeo podedes ver o proceso laborioso de curtume de peles que seguen realizando alí actualmente:


Rematamos así esta primera entrega da serie. A partir da vindeira semana xa falaremos polo miúdo de cada un dos cinco curtidoiros que houbo na Laracha.

(...CONTINUARÁ)

_____________________

1 Vid. Marcos Emilio Amado Casdelo (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, p. 74.

2 Ibídem, p. 196.

3 Vid. Luis Guitián Rivera (2001): “La destrucción histórica del bosque en Galicia”, en Semata. Ciencias Sociais e Humanidades, Vol. 13, Santiago de Compostela: USC, p. 135.

4 Ibídem, p. 136.

5 Medida de peso que equivale, segundo as zonas, a unha cantidade que vai dos cincuenta aos sesenta quilos.

6 Vid. Luis Guitián Rivera (2001): “La destrucción histórica del bosque en Galicia”, en Semata. Ciencias Sociais e Humanidades, Vol. 13, Santiago de Compostela: USC, p. 136.

Ningún comentario:

Publicar un comentario