A cultura galega ten un lado místico innegable, abofé! A nosa xeografía, morada de seres e criaturas mitolóxicas, serve de escenario para gran parte do patrimonio lendario do marabilloso país no que habitamos, no cal se inspiraron contos e crenzas populares que, se ben moitas estan a desaparecer, formaron parte do imaxinario da sociedade galega durante séculos.
Na actualidade, entre a desmemoria na que parece asentarse a sociedade na que vivimos e as continuas modificacións do noso territorio, ben por mor da plantación masiva de eucaliptos ou ben a causa dos numerosos parques eólicos coa instalación de grandes aeroxeneradores, todo parece indicar que moitos deses espazos e escenarios lendarios teñen un futuro gris para a súa supervivencia na memoria colectiva.
Con todo, aínda hai criaturas mitolóxicas que seguen gozando de gran protagonismo dentro do noso patrimonio inmaterial, caso por exemplo da galiña dos pitos de ouro, unha manifestación dos encantos gardadores de tesouros en castros e fontes, e mesmo pode ser ela o propio tesouro.
![]() |
| Fonte da Pita ou do Salgueiral, situada nos lindes das parroquias de Cabovilaño e Vilaño, nas proximidades do castro de Montes Claros |
A da galiña dos pitos de ouro é unha das lendas máis correntes do noso país, que se repite con pequenas variantes en moitos lugares de Galicia onde hai un castro cunha fonte nas súas proximidades.
A lenda di que en varios puntos da nosa xeografía a popular galiña só sae unha vez ao ano, polo San Xoán. Noutros lugares sae dúas veces: o 24 de xuño, no solsticio de verán, e o 25 de decembro, no do inverno.
Parece tratarse dunha moura encantada que adopta a forma dunha galiña negra que anda peteirando entre as pedras do castro acompañada da súa rolada de pitiños, que disque poden ser catro (un de cada cor) ata cen1, aínda que adoitan ser sete. Dise tamén que por veces vai con ela unha vella fiando.
Á parte de transformarse en galiña con pitos, segundo a antropóloga Lidia Mariño a moura, verdadeiro espíritu da natureza e da vida, pode converterse en troita, en egua branca ou en serpe; para desencantala utilízanse obxectos como o caravel, queixo ou pan.
A relación entre a moura encantada e a galiña ponse de manifiesto nalgúns casos. Na Ponte Ulla (Vedra, A Coruña) describen a esta importante figura da mitoloxía galega como unha galiña branca con doce pitos de ouro, e seica aparece ás doce da noite acompañada dun fantasma.
Os pitiños poden converterse en ouro pero unicamente se un se contenta con atrapar un só, porque se se é ambicioso e se atrapan máis, desaparecen. Tamén se pode intentar pillar á propia galiña, e para iso hai que cubrila cun chapeau ou un pano, ou ben cuspíndoa na cabeza2.
En Ribela (A Estrada, Pontevedra) dise que hai unha serpe protexendo galiña e pitos, e que cando alguén intenta pillalos aparecerá a cóbrega facendo moito estrondo e desaparecerán os pitos. Pero outra versión da lenda di que a galiña se transformará en serpe e só queda desencantada se algún mozo afoutado ousa bicar ao reptil nos labios; se así o fai, o encanto recuperará a súa forma de muller e casará con el, proporcionándolle cuantiosas riquezas3.
Do mesmo xeito, outras versións da lenda din que as mouras preguntan ao viandante se prefiren a tenda, chea de obxectos de ouro ou prata, ou a tendeira. En Forcarei (Pontevedra) cóntase que a galiña pregunta se prefire a galiña ou os pitos. O paisano contestou que os pitos, ante o que a galiña exclamou que, ao ser rexeitada, quedará encantada para sempre4.
Na nosa contorna, na Medoña de Rebordelos (Carballo), unha mámoa que queda á beira da estrada que vai á Pedra do Sal, disque nos solsticios de verán aparece unha galiña cos pitos de ouro, imposible de atrapar. Tamén no carballés castro da Ribeira, en Ramil, na parroquia de Rus, saen galiñas con pitos todo ao longo do río que pasa á beira do devandito castro. Ademais, fálase da presenza da popular galiña en lugares como Borneiro (Cabana de Bergantiños) e nas parroquias arteixás de Lañas e de Loureda.
Tamén se recolle a lenda ao pé de mananciais, como na fonte do Espiño, en Luaña (Brión); na dos Tarríos, en Vilacova (Lousame); na Fonte Cega do lugar de Casanova, na parroquia de Quende (Abadín, Lugo), onde, do ollo desta fonte, viron saír unha galiña con pitos e disque a auga é branca como o leite cando sae a churra5. En Santo André de Teixido aparece unicamente no día de San Xoán.
E rematamos no Salgueiral, nos lindes das parroquias de Cabovilaño e Vilaño, ao pé do castro de Montes Claros, que é onde está a Fonte da Pita, tamén coñecida como Fonte do Salgueiral, Fonte das Meigas, Fontes dos Pitos ou Fonte do Pito.
Esta última é a denominación que recolle Carré Aldao na descrición da parroquia de Vilaño do tomo da provincia da Coruña da Geografía del Reino de Galicia, publicada en 1928:
“En dichos montes hay el famoso castro de su nombre con su correspondiente leyenda, que aquí es la tradicional gallina con sus pitos, y que en la víspera de San Xoán sale de su escondite. Invariablemente a la ida y a la vuelta se detiene con su camada en la fuente que hay al pie del castro, por lo que se conoce a ésta por fonte do pito (fuente del pollito). El castro, en cuya línea al SE. hay otro más pequeño con el que le unía, al parecer, un camino cubierto, está en la divisoria con su iglesia principal”.
Fonte do Pito
O texto de Carré tamén se publicou na edición do 29 de marzo de 1930 do xornal El Ideal Gallego, onde ademais se comenta o seguinte:
“Todos hablan de ese encanto y aún no faltan los que aseguran haber topado con él. Pero ¡oh, desdicha!, a todos los que tuvieron esa suerte se les olvidó el requerimiento de ritual de tirarles algún objeto, diciendo: “Dame a túa riqueza e toma a miña pobreza”, y así malograron la ocasión de ver transformados madre y polluelos en puro oro macizo”.
A popular lenda da galiña dos pitos de ouro da Fonte do Salgueiral cóntaa habitualmente a arqueóloga Puri Soto, a moura do castro de Montes Claros, nas visitas guiadas que realiza co Concello da Laracha para animar á cidadanía a coñecer o xacemento e os resultados das escavacións levadas a cabo nos últimos anos.
Na próxima visita a ver se aparece a galiña, Puri!
_________________________________
1 Cen eran os poliños que rodeaban á galiña do castro de San Cristovo de Donalbai, en Begonte (Lugo).
2 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Gali%C3%B1a_dos_pitos_de_ouro
3 Ibídem.
4 Ibídem.
5 Vid. https://galiciaencantada.com





Ningún comentario:
Publicar un comentario