O Diccionario geográfico-estadístico de España y Portugal é unha magna obra composta por once volumes que foi publicada entre 1826 e 1829.
O autor deste dicionario foi o relixioso e escritor afrancesado español Sebastián de Miñano y Bedoya (Becerril de Campos, Palencia, 1779-Baiona, Francia, 1845), nun principio defensor dos ideais liberais, aínda que máis tarde pasou a simpatizar co bando dos absolutistas moderados.
Aio do infante Luis de Borbón (1795), cando este accedeu ao arcebispado de Sevilla pasou a desempeñar o cargo de primeiro oficial da súa secretaría (1799) e, entre 1801 e 1804, íase ocupar dos asuntos do cardeal de Borbón na corte.
No momento no que as tropas francesas invadiron España, Miñano acompañou ao xeneral Castaños na súa entrada en Madrid (agosto de 1808), mais posteriormente non só ía recoñecer a José I Bonaparte, senón que se converteu nun dos conselleiros íntimos do novo monarca. Coa caída deste tivo que emigrar a Francia, onde permaneceu ata 1816, que foi cando puido regresar a Madrid xunto con outros afrancesados.
Durante a época constitucional colabora en El Censor. A súa visión sobre a problemática política do seu tempo aparece reflexada en Lamentos políticos de un pobrecito holgazán (1820), que, xunto con Historia de la revolución de España de 1820-1823 por un testigo ocular (1824), escrita en francés, e o seu Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal (1826-1829), constituen o máis sobresainte da súa obra.
A edición do seu monumental dicionario, no que recolle datos sobre as diferentes divisións relixiosas ou administrativas do estado, así como dos núcleos de poboación, serviríalle para gañar un sillón na Academia de Historia en 1825. Con todo, este éxitoso traballo tivo as súas luces e as súas sombras xa que polemizou sobre as insuficiencias da obra co xeógrafo Fermín Caballero, quen lle reprochaba a Miñano que as principais fontes de información seguían sendo, como en tempos de Felipe II, os cregos. Ante as recriminacións de Caballero, Miñano defendeuse dicindo, en alusión aos curas párrocos, que… “á cada uno de los cuales he escrito separadamente, pidiéndoles nociones ciertas y positivas de sus respectivos pueblos y de los inmediatos”, cregos aos que Miñano agradeceu a súa axuda, o mesmo que ao director da Real Academia da Historia, Martín Fernández de Navarrete, e ao censor Juan Agustín Ceán Bermúdez.
O Diccionario geográfico y estadístico de España y Portugal ten unha importancia extraordinaria para o mundo da investigación xa que ofrece unha completa visión de como era o país naquela época.
Moi ao noso pesar, temos que admitir que no caso concreto de Soandres, o colaborador de Miñano na zona non se esmerou moito na achega de datos, xa que só escribiu un curto artigo que transcribimos deseguido:
SOANDRES (SAN PEDRO DE) Aldea eclesiástica de España en Galicia, provincia de la Coruña, jurisdicción de Soambres1, arzobispado de Santiago. Juez ordinario, 343 vecinos, 1701 habitantes, 1 parroquia.
Situada al N. y N.O. de Montemayor y falda de su montaña, de la cual recibe las aguas (V. Meirama y el artículo “Bergantiños” en el suplemento).
Este pueblo es la cabeza de la jurisdicción de su nombre que comprende, ademas de esta, las parroquias de Santa María Magdalena de Montemayor y San Pedro de Sorrizo.
Dista 3 leguas de la capital y 6 1/2 de Santiago.
Contribución: 2.955 reales, 26 maravedís.
_______________________
1 Erro de transcrición. Obviamente, refírese á xurisdición de Soandres.

Ningún comentario:
Publicar un comentario