Hai uns días rematamos a lectura de “Contos e conversas da nosa Terra”, libro editado en abril de 1997 no que o seu autor, o mestre larachés Perfecto Collazo Amado, revolvendo no caixón dos seus recordos, reflicte a verdadeira realidade do carácter e idiosincrasia das xentes da aldea da época que lle tocou vivir.
![]() |
Perfecto Collazo Amado na década de 1990 |
![]() |
Portada do libro "Contos e conversas da nosa terra", da autoría de Perfecto Collazo Amado |
Fillo de pais labregos, Perfecto sentiu toda a súa vida un profundo amor por este sector social que el consideraba pouco apreciado a través dos tempos a causa, segundo a súa opinión, do baixo nivel cultural que a inmensa maioría dos traballadores do agro tiñan naquela época. Por ese motivo o noso protagonista cría que a redención do campo galego estaba na elevación da súa formación cultural e tecnolóxica, como así o demostrou ao longo de medio século da súa vida adicándose con todas as súas forzas á formación da xuventude da aldea. Ben claro o xustifican os centos de alumnos e alumnas que recibiron as súas ensinanzas e o recordo nunca esquecido, que aínda reina nos lugares donde exerceu a súa docencia.
Perfecto nace no lugar da Pereira, na parroquia de Erboedo, o 24 de maio de 1913. Era o segundo dos nove fillos que tiveron Ramón Collazo Vázquez e Carmen Amado Salgado. Catro dos rapaces, Francisca, José, María e Dolores, morreron de moi cativos. Os outros cinco, Manuel, Perfecto, Cándida, Mercedes e Ángel, pasaron a súa infancia e xuventude na Pereira botando unha man na casa ata que uns foron abandonando o niño familiar e outros quedaron alí. Andando no tempo Ángel íase converter no párroco de Ardemil (Ordes) e posteriormente de Loureda, freguesía arteixá na que estivo case medio século. Manuel e Mercedes morreron solteiros e sen descendencia. Os que si a tiveron foron Perfecto e Cándida. Precisamente un dos fillos de Cándida -José Manuel Suárez Collazo- rexenta na Pereira a Granxa O Rosal, coñecida pola súa produción de leite de vaca pasteurizada.
![]() |
(mapas.xunta.gal) |
![]() |
Vista aérea do lugar da Pereira (mapas.xunta.gal) |
Tras realizar os estudos primarios e o bacharel, Perfecto estuda Maxisterio en Santiago de Compostela, carreira que remata en 1932. Os seus primeiros pasos como docente efectúaos nunha escola habilitada do Mosteiro de Soandres facendo substitucións como interino. Curiosamente, don Manuel Mallo Mallo, natural do lugar de Paredes (Erboedo) e párroco de Soandres desde 1979, contounos que o mestre da Pereira “era moi boa persoa; con el aprendín as primeiras letras na casa grande do Igrexario, que era o lugar onde se facía escola antes de que os veciños construíran o colexio de Erboedo. Eu tamén fun alumno seu na escola de Coiro. Se non recordo mal, fun alí porque se debía estar construíndo en Erboedo e por iso os rapaces da miña parroquia fumos durante un tempo á escola de Coiro”. Don Manuel Mallo tamén nos confesou que “eu puiden estudar grazas a insistencia que Perfecto lle fixo a meus pais. Sendo neno recordo que á saída da misa gustáballe falar cos seus veciños e seguramente foi nesas conversas onde convenceu a meus pais para que eu estudara, e eles, con moito sacrificio, así o fixeron”.
A finais de decembro dese ano de 1932 o seu nome aparece entre os aspirantes a interinidades de escolas nunha listaxe publicada polo “Consejo provincial de Primera Enseñanza”. O seu primeiro destino oficial como mestre interino ía ser no seu municipio de nacemento, concretamente na parroquia de Lemaio:
Maestros Interinos
Para las escuelas de la provincia de la provincia de la Coruña que se indican han sido nombrados los maestros siguientes:
Don Perfecto Collazo Amado, para Lemaio, en Laracha (...)1
Nesa época o noso homenaxeado aínda tiña pendente cumprir coas obrigas castrenses e, por tal motivo, en xuño de 1934 dase de alta na Caixa de Reclutas número 50 da Coruña.
A consecuencia da Guerra Civil, en agosto de 1936 (época na que a Delegación Militar de Instrucción Pública noméao mestre interino da escola de nenos número 1 de Arzúa) ía ser mobilizado ao rexemento de costa do monte de San Pedro da Coruña. Nesta unidade ía permanecer ata agosto de 1939, data da súa licenza como reservista. É ben curiosa a anécdota de que, obtendo o permiso de conducir desde a súa época na milicia, nunca tivo coche e nunca conduciu mais iso si, renovou puntualmente o documento ata o seu falecemento. Segundo nos contou a súa familia, a Perfecto gustáballe máis o coche de San Fernando, xa sabedes… un pouco a pé e outro pouco andando!
![]() |
Perfecto Collazo Amado nos anos 40-50 (Cortesía da súa familia) |
(...CONTINUARÁ)
_____________
1 Vid. El Compostelano, 15 de febreiro de 1933, páx. 1.
Ningún comentario:
Publicar un comentario