Como ben sabedes, as Crónicas da Laracha da semana pasada dedicámosllas a Luis Varela Curbera, médico de Caión dende 1943 ata 1958. Para documentar esa crónica (tela ao teu dispor aquí: https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2025/01/luis-varela-curbera-o-medico-de-caion.html) contamos coa inestimable colaboración de Ángeles Souto Varela e de Maruxa Heras, neta e bisneta do médico que tiveron a ben contarnos numerosas pinceladas dos seus devanceiros e cedernos abondosa documentación da época na que Luis fora represaliado polo franquismo, ademais de algunhas fotografías dos seus familiares. Nunha destas imaxes, na que sae María de los Ángeles Varela Nogareda (nai de Ángeles), mesmo podemos ver o Caión dos anos 50.
Mais amigos e amigas, Ángeles tamén nos falou dunha anécdota que nos parece de grande interese por coincidir estos días co 75 aniversario do pasamento de Castelao, finado en Buenos Aires o 7 xaneiro de 1950.
Castelao |
Como ben sabedes Alfonso Daniel Manuel Rodríguez Castelao, nacido en Rianxo o 29 de xaneiro de 1886, foi un intelectual galego moi comprometido coa terra e co país. Na súa persoa reuníanse as facetas de narrador, ensaíasta, dramaturgo, debuxante e político, chegando a ser a figura máis importante da cultura galega do século XX. Ademais, estudou medicina, pero habitualmente confesaba que se fixera médico “por amor ao meu pai; non exerzo a profesión por amor á humanidade".
Castelao. "Autocaricatura", 1914, gravado/serigrafía. Colección do Museo de Pontevedra |
Para a crónica que nos ocupa hoxe ímonos centrar na súa faceta de pintor xa que, tal e como adiantamos neste espazo hai uns días, un dos seus cadros estivo durante algúns anos na casa do Rueiro das Figueiras na que o médico Luis Varela Curbera residiu coa súa familia e daba consulta en Caión nos anos 50.
Luis Varela Curbera (Cortesía da familia) |
Panorámica actual da casa na que residiu Luis Varela Curbera no Rueiro das Figueiras de Caión |
Os debuxos de Castelao, complementados con textos agudos, móstranos a Galicia agraria e o caciquismo. Representados por personaxes populares, labregos e mariñeiros, e pobres xentes do campo, cegos e desamparados, as ilustracións transmiten o sufrimento que estes padecen, todo isto baixo un punto de vista crítico e realista mais cunha fina ollada humorista.
O asunto dos cegos será recorrente na súa obra desde que en 1914 sufrira un desprendemento de retina, que o ía ter a tratamento de por vida, de aí que durante moitos anos estivera baixo o coidado do seu amigo oftalmólogo Ángel Varela Santos, pai do médico de Caión.
Ángel Varela Santos (Cortesía da familia) |
No seu álbum Nós, Castelao reúne unha colección de cincuenta debuxos que datan de 1916 a 1918, tal como fai constar o propio artista no prólogo manuscrito. As láminas foron expostas en diferentes lugares a partir de 1920, ata que o afamado persoeiro deixou Madrid en 1936, levando consigo os orixinais. Estes terminaron perdéndose ata ser felizmente recuperados en 2016, coincidindo coa organización dunha exposición no Museo de Pontevedra sobre o artista. Pasaron a ser expostos nas salas do Museo, en réxime de cesión, ata que foron adquiridas en 2021 pola Deputación de Pontevedra para formar parte da colección do Museo. Desde entón, o Álbum Nós está exposto na sala 8 da segunda planta do edificio Castelao do Museo.
Cego con lazarillo, 1915. Óleo sobre lenzo. Cadro de Tríptico dos cegos, realizado por Castelao para o Balneario de Mondariz (Museo de Pontevedra, Real Academia Galega) |
Os derradeiros álbums son a expresión dos horrores da Guerra Civil. De temática totalmente diferente é un novo álbum que debuxa en 1939 durante o seu exilio en Cuba e Nova York, baixo o título Debuxos de negros. Finalmente, entre as súas representacións gráficas cómpre citar a serie de catro debuxos a lapis, de gran formato, titulada Cegos: os meus compañeiros (1940-1941), exposta tamén no Museo de Pontevedra1.
Ángeles Souto Varela, neta do médico de Caión, contounos que “Castelao regaláralle un cadro a meu bisavó Ángel Varela Santos, que ademais de ser o seu oculista eran moi bos amigos. Ese cadro permaneceu oculto en Caión durante moitos anos. Miña avoa Estrella soubo del despois de morrer meu avó Luis. Mamá recorda que o cadro estaba no faiado da casa de Caión e que era como unha paisaxe cunha escalinata… víase unha paisaxe e había como unha escaleira grande e cre que había nenos. Miña nai ten un vago recordo do cadro porque, claro, hai moitos anos diso. Ela era moi pequerrecha. Parece ser que no faiado había dous cadros e durante un tempo seica pensaron que os dous eran de Castelao. Ao final soubose que só era un. No Museo de Pontevedra acreditaron que esta obra era, efectivamente, de Castelao. Pouco máis che podo contar.”
A vena artística de Castelao parece que se mantivo sempre, dalgún xeito, oculta fronte aos seus traballos literarios, ou aos indispensables idearios políticos. Con todo, os seus debuxos marcaron profundamente o subconsciente galego e algúns deles convertéronse en auténticos símbolos. E agora, cousas do destino, coincidindo coa celebración do 75 aniversario do seu pasamento, sabemos que unha das súas obras estivo en Caión!
FONTES:
Rolland, Eduardo (2021): Varela Santos, precursor das lentes de contacto, Gciencia Xornalismo+Divulfación (https://www.gciencia.com/), 13 de novembro.
Sisto Edreira, Rafael (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
Wikipedia
1 Vid. https://gl.wikipedia.org/wiki/Alfonso_Daniel_Rodr%C3%ADguez_Castelao
Ningún comentario:
Publicar un comentario