Luis Gumersindo Agustín Andrés Varela Curbera, máis coñecido como “don Luis”, foi un notable médico que deixou unha profunda pegada no Caión dos duros anos da posguerra. Persoa moi querida entre as xentes do mar naqueles "tempos incestuosos", como dicía o poeta Manuel María, asistía aos seus pacientes sen importarlle o horario, nin se lles ía cobrar ou non. Unha rúa da vila mariñeira honra dende hai décadas a memoria deste benfeitor ao que lle dedicamos as Crónicas da Laracha desta semana.
Imaxe dos anos 50 do médico Luis Varela Curbera (Cortesía da familia) |
Panorámica actual da rúa Luis Varela Curbera de Caión |
O noso homenaxeado nace en Santiago de Compostela o 26 de febreiro de 1901, no número 65 da rúa do Vilar. Era o primoxénito do afamado oftalmólogo Ángel Varela Santos e da viguesa Carmen Curbera Collazo, que cando foron pais de Luis tiñan, respectivamente, 23 e 21 anos de idade. Co andar do tempo o matrimonio ía traer ao mundo sete fillos máis: Purificación, Ramón, Carmen, Rafael, Elena, José e Alfonso.
Ángel Varela Santos, foi un pioneiro da óptica precursor das lentes de contacto. Grande investigador, realizou os estudos de Medicina e Oftalmoloxía como alumno libre ao tempo que levaba a reloxería legada por seu pai Gumersindo Victoriano, licenciándose en 1911. Inquedo e universalista, viaxou á procura de novas técnicas e innovacións e percorreu gran número de clínicas de Francia e Alemaña onde pasaba grande parte do ano. Segundo nos conta o seu biógrafo Rafael Sisto Edreira1, Vicente Risco (1934) fai referencia ao seu encontro en Berlín con Varela Santos en 1930, cando este estaba asistindo á fase de experimentación e estudo que alí se facía das hoxe populares lentes de contacto2.
Ángel Varela Santos, pai do médico de Caión (Cortesía da familia) |
Outro dos aspectos que queremos destacar da biografía de Ángel Varela Santos é que foi o oftalmólogo de Castelao, a quen recordamos estos días polo 75 aniversario do seu pasamento acontecido en Buenos Aires o 7 de xaneiro de 1950. Ademais de ser o seu oculista, mantivo con el unha gran amizade e unha intensa relación epistolar, como persoa comprometida tamén coa realidade e futuro de Galicia. Froito de aquela amizade, un dos cadros de Castelao ía viaxar ata Caión na década dos anos corenta. ¿Cómo chegou alí esta obra? Contámolo máis adiante.
Luis, o fillo maior de Ángel Varela Santos e de Carmen Curbera Collazo, vai medrando naquel ambiente de compromiso arrededor do cal ía xermolando e alumeando un camiño que presaxiaba unha nova vida política e cultural en Galicia. Aquel xermolo e aquela luz non ían tardar en cortarse de raíz e en apagarse coa longa noite de pedra.
O noso homenaxeado realiza os seus estudos primarios e de bacharelato na súa cidade natal. Unha vez rematados, inicia a carreira de Medicina na Universidade de Compostela, onde tivo de compañeiro, entre outros, ao carballés José Regueira Pumpido. Un irmán deste médico, Luciano, foi fundador e primeiro presidente do Bergantiños F.C. e outra irmá, María del Carmen, ía casar co tamén médico Pedro Abelenda, “gran beneficiado das minas de volframio en Monteneme e tío do excelente pintor Alfonso Abelenda”3.
Estudante extraordinario, Luis Varela Curbera gradúase e termina a carreira de Medicina na universidade compostelá en xuño de 1921, ano no que inicia o servizo militar en Zaragoza. Concluídas as obrigas castrenses na capital aragonesa, volta á súa cidade natal na que non tarda en casar con Elisa García González, nacida en Santiago de Compostela o 28 de decembro de 1910.
Elisa García González (Cortesía da familia) |
A parella establece o seu domicilio na serra madrileña, en Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, onde Luis exerce a súa profesión como médico da localidade. Neste lugar, que ten o curioso récord de ser o municipio co nome oficial máis largo de España, ían nacer a primoxénita do matrimonio: Carmen, que veu ao mundo en 1928.
A familia ía aumentar en 1930 co nacemento de Luisa Fernanda mais, desgraciadamente, Elisa morre en Gargantilla pouco despois de ser nai por segunda vez deixando orfas ás dúas meniñas e viúvo a Luis Varela Curbera, que naquela altura tiña 29 anos.
Ao pouco de falecer a súa muller, Luis decide que o mellor para a súa filla Carmen era que se criara coa súa familia en Galicia. A meniña Luisa Fernanda, a quen seu pai chamaba cariñosamente Maruxa, íase quedar con el en Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, onde o médico compostelán continúa exercendo a súa profesión durante algún ano máis, iso si, coas vistas postas noutro destino pois sabemos que en 1934 oposita, xunto a 650 aspirantes máis, para ingresar no “Cuerpo Médico de la Marina Civil”.
Luis Varela Curbera coa súa filla Luisa Fernanda en Gargantilla del Lozoyay Pinilla de Buitrago no ano 1932, aproximadamente (Cortesía da familia) |
Nas eleccións de 1936 convértese nun destacado activista do Frente Popular. Nesa época, cando empezan a soar os tambores da Guerra Civil, parece ser que tamén se encontraba na localidade madrileña axudando a Luis na consulta un irmán que estudara (ou estudaba naquel momento) a carreira de Medicina. Segundo nos contou Maruxa Heras, bisneta de Luis Varela Curbera, todo apunta a que se trataba de Ramón. O pobre ía ser “paseado” entre 1938 e 1939 e nunca máis se soubo nada del. A día de hoxe, malia que Maruxa Heras leva moitos anos buscándoo, aínda non se descubriron os seus restos4.
No caos dos primeiros días da contenda, para que non tivera problemas no futuro, Luis ensínalle a rezar a súa filla pequena, unha nena que estiveran a piques de enviala para a Unión Soviétiva mais, no último momento levárona para un colexio republicano de Alicante. Neste centro Luisa Fernanda ía botar case tres anos sen saber nada do pai nin da súa familia de Galicia.
Luis Varela Curbera coa súa filla Luisa Fernanda en Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago no ano 1933, aproximadamente (Cortesía da familia) |
Durante aquela horrenda etapa do noso pasado, Luis Varela Curbera realiza servizos facultativos en diversos frontes da Guerra Civil. Grazas a unha información publicada no “Diario Oficial del Ministerio de Defensa Nacional”, sabemos que en abril de 1938 foi designado capitán médico:
Circular. Excmo. Sr.: En cumplimiento a lo dispuesto en la orden circular de 28 de mayo del pasado año (D.O. núm. 139) he resuelto promover al empleo de capitán médico provisional, por el tiempo de la duración de la campaña, a los médicos que figuran en la siguiente relación, por hallarse comprendidos en el artículo octavo de la citada disposición y en lo preceptuado en la orden circular de 16 de agosto siguiente (D.O. núm. 206), quedando confirmados en los destinos que actualmente tiene asignado cada uno. Surte efectos administrativos esta disposición a partir de la revista de Comisario del próximo mes de abril.
Lo comunico a V.E. para su conocimiento y cumplimiento. Barcelona, 28 de marzo de 1938.
P.D.,
PÉREZ SALAS
Señor…
Relación que se cita…
Don Luis Varela Curbera, a las órdenes del general jefe del Estado Mayor del Ejército de Tierra.
Don Antonio Martínez Rodó, a las órdenes del general jefe del Ejército del Centro.
Don Antonio Aznar Riazuelo, a las órdenes del general jefe del Ejército del Este.
Barcelona, 28 de marzo de 1938.- Pérez Salas5.
Como capitán médico, o noso homenaxeado forma parte da 10.ª Brigada Mixta que fora constituida o 21 de decembro de 1936 e que orixinalmente se formara sobre a base das forzas da columna mandada por Valentín González González, coñecido popularmente polo alcume de “El Campesino”. Durante case toda a Guerra, a 10ª Brigada Mixta permaneceu integrada na 46ª División e participou en algunha das principais batallas da contenda, casos de Guadalaxara, Brunete, Teruel, Aragón e a do Ebro.
Despois da toma de Teruel polas forzas franquistas, máis de 400 efectivos da columna de “El Campesino” foron capturados polo enemigo. Un dos prisioneiros era o futuro médico de Caión, que ingresa na prisión de Victoria o 21 de febreiro de 1938. Un mes e medio máis tarde, o 10 de abril, trasládano a Prisión Provincial de Zaragoza, onde ía ser procesado o 19 de outubro de 1939.
Durante todo este tempo, o doutor compostelán non soubo nada da súa filla pequena. A propia Luisa Fernanda ten contado moitos anos despois que, ao pouco de acabar a guerra, un día apareceu en Alicante seu avó Ángel Varela Santos. O oftalmólogo díxolle á cativa quen era e, acto seguido, levouna a un parque e estiveron dándolle de comer cacahuetes aos monos. Despois a nena recolleu as cousas e volveu a Galicia a reencontrase coa súa familia, da que nada soubera durante a contenda. Fernanda Luisa íase criar en Pontevedra cunha irmá de súa nai e o seu marido, un matrimonio que non tiñan fillos e criárona como tal.
Luisa Fernanda coa súa avoa Carmen Curbera Collazo na consulta de seu avó, Ángel Varela Santos. A nena non tiña lentes, xogaba coas monturas de seu avó (Cortesía da familia) |
Paralelamente, Luis ía ser ratificado de prisión o 18 de novembro de 1940. Neste mes de novembro do ano 40 trasládano ao campo de concentración e prisión provisional de San Juan de Mozarrifar, tamén en Zaragoza, que serviu para a retención, clasificación de presos e o seu destino noutros presidios do Estado. Entre a dor e o medo, miles de republicanos viron naufragar neste aterrador lugar as súas vidas, entre eles o doutor de Compostela, que ía estar recluído alí durante varios anos agardando a un consello de guerra polo simple feito de defender as liberdades democráticas.
Acusado en causa nº 1312-40 por un delito de auxilio de rebelión militar, cando o único que fixera era opoñerse á rebelión fascista e defender a única legalidade existente, Luis Varela Curbera fora condenado á pena de 12 anos e un día de reclusión menor, unha pena que non ía deixar extinguida ata o día 16 de febreiro de 1950.
Van pasando os días, as semanas, os meses... Na longa espera polo seu consello de guerra exerce como axudante médico no inferno de San Juan de Mozarrifar, ocupación que tamén desempeñara anteriormente na Prisión Provincial de Zaragoza.
O soño de liberdade esvaece por momentos, máis aínda cando os militares franquistas que instruían na “Capitanía General de la 5ª Región Militar6” a súa causa o 21 de outubro de 1941 determinan que, segundo os cargos que figuraban na súa acusación, non procedía que fora posto en liberdade mentres non se vira en consello de guerra.
O xuízo, ou farsa de xuízo, íase celebrar o 15 de xullo de 1942 en Zaragoza, sendo sentenciado por consello de guerra por un delito de “auxilio a la rebelión” á pena de 12 anos e un día de reclusión menor que, como xa dixemos, non se extinguiría ata o 16 de febreiro de 1950. Na súa causa, facilitada polo centro documental da memoria histórica do Archivo Histórico Provincial de Zaragoza, constan xoias como esta:
“De antecedentes izquierdistas hizo propaganda y en las elecciones del 36 su actuación personal en pro del Frente Popular fue de un prodiletismo manifiesto y decidido. Iniciado nuestro Glorioso Movimiento, comenzó a presentar servicios facultativos a los rojos requerido a tal efecto pero ingresando más tarde voluntario en la columna del “Campesino” llegando a ser de la confianza del cabecilla llegando a alcanzar el empleo de capitán médico prestando servicios en varios frentes hasta caer en poder de nuestras fuerzas en Teruel”.
Tres meses máis tarde, o 26 de outubro de 1942, o xulgado nº 11 do cuartel de Palafox (Zaragoza) no que se tramitaba a súa causa solicítalle telegraficamente informes sobre concesión liberdade condicional e residencia ás tres “autoridades” de Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, municipio no que Luis causa baixa definitiva como médico neste destino que tiña antes da Guerra Civil.
Nesa mesma semana, o 29 de outubro, é posto en prisión atenuada7, medida que lle permite cumprir o tempo restante da súa condena fora do centro penitenciario. A principios de novembro o xulgado franquista que instrue a súa causa recibe informes favorables para a concesión da liberdade condicional do Alcalde, da Falanxe e da Garda Civil de Gargantilla del Lozoya y Pinilla de Buitrago, iso si, liberdade condicional pero con desterro. E por fin, o 4 de febreiro de 1943 é posto provisionalmente en liberdade condicional.
A finais deste mes de febreiro, Luis Varela Curbera solicita o cambio de residencia a Caión, onde naquel momento os mariñeiros que sufrían algunha doenza tiñan que desprazarse ata Arteixo, que era o lugar onde residía o médico que prestaba os servizos de asistencia na Delegación Local da Mutualidade de Accidentes de Mar.
O noso protagonista chega á vila mariñeira na segunda quincena de maio de 1943. En opinión do historiador local Marcos Amado, o feito de que en Caión houbera xente ligada á CNT en 1936 puido ter algo que ver no acordo unánime dos directivos da Delegación caionesa para que Varela Curbera fora o seu médico. Sexa como fora, resulta de moito interese o seguinte documento gardado a bo recaudo no Arquivo da Pesca da Confraría que nos cedeu, coa súa habitual cortesía, Marcos Amado:
Documento no que se solicita o nombramento de Luis Varela Curbera como médico da Delegación Local da Mutualidade de Accidentes de Mar de Caión (Arquivo da Pesca. Cortesía de Marcos Amado) |
En
el puerto y villa de Cayón, ayuntamiento de Laracha, provincia de La
Coruña, a los 17 días del mes de febrero del año de 1943, se
convoca a los Señores Directivos de la Delegación Local de la
Mutualidad de Accidentes de Mar de este puerto, a sesión ordinaria,
los que una vez reunidos en su totalidad en el Local Social del
Pósito de Pescadores, se toman los siguientes acuerdos:
1. Por el Sr. Presidente de la Delegación se abre esta sesión a las 15 horas procediéndose acto seguido a la aprobación del acta anterior.
2. Por unanimidad se acuerda elevar un escrito a la Dirección de Mutualidad por mediación del Inspector Regional, en el que se interese el nombramiento de Don Luis Varela Curbera como médico de esta Delegación Local, residente en esta villa, ya que este nombramiento supondría ciertas ventajas a los accidentados al proporcionar la asistencia médica sin necesidad de tener que desplazarse al pueblo de Arteijo, lugar de residencia del médico que viene prestando los servicios de asistencia en esta Delegación, y que dista de este puerto unos once kilómetros, surgiendo con frecuencia el obstáculo de no poder desplazarse a causa de no contar con los medios de locomoción suficientes dadas las circunstancias actuales, y otras veces por no permitírselo el estado del lesionado, sufriendo así los asegurados de esta Delegación graves consecuencias al no disponer de un servicio perfecto de asistencia facultativa.
No habiendo más asuntos de que tratar se da por terminada la sesión levantándose a las 17 horas de este día, de la que como secretario certifico.
Daniel Lema Ramón Morgade
Segundo o testemuño de Constante Caamaño Carballo, caionés de 90 anos, “don Luis chegou aquí sobre o ano 1943 e viña acompañado das dúas fillas e de súa sogra. El estaba viúvo. Ao principio vivía nunha casiña moi humilde que era propiedade de Mariano Fuentes Verdía, que naquela hora era o patrón maior da cofradía. O médico daba consulta nunha habitación da casa deste Mariano, que está a poucos metros da outra, na que vivía don Luis coa súa familia”.
Por outra banda, Maruxa Heras, bisneta do médico, contounos que “quen viviu en Caión foi a súa filla maior Carmen. Miña avoa, Luisa Fernanda8, pasaba alí algunha temporada polas vacacións escolares do verán”.
Vivenda na que viviu Luis Varela Curbera e a súa familia cando chegaron a Caión en 1943 |
Domicilio de Mariano Fuentes Verdía, patrón maior da confraría nos anos 40. Cando o médico Luis Varela Curbera chegou a Caión tiña a súa consulta nunha habitación desta casa |
Á dereita observamos a casiña na que residiu o médico cando chegou a Caión e, ao seu carón, o domicilio de Mariano Fuentes Verdía, patrón maior da confraría naquela altura |
Non deixa de ser curioso que só 4 anos despois da visita de Franco a Caión agora un represaliado do dictador empezaba a gañarse o cariño da xente da vila co seu proceder de benfeitor. Home dunha grande humanidade, axudaba a todos os que podía. Non foron poucas as ocasións nas que os mariñeiros ou a súa familia ían buscar algún medicamento a súa consulta e el, que naquela época de miseria non lle sobraban os cartos, non lles cobraba nada.
-¿Canto é, don Luís?
-Nada ho, ¿que che vou cobrar por iso?
- Don Luís, ¿que lle debo?
- Anda ho, anda… iso non é nada!
- Don Luís, ¿canto é?
- Anda ho, xa me pagarás!
Uns meses despois da súa chegada a Caión, o 29 de febreiro de 1944, Luis Varela Curbera quedaba liberado do desterro que sufría ao extinguirse a metade da condena imposta pola xustiza franquista. Nese mesmo ano, o 21 de xullo, falece aos 68 anos seu pai Ángel Varela Santos, o popular oftalmólogo santiagués e amigo persoal de Castelao. De feito debeu ser nesa época cando Luis levou para Caión un cadro9 que o popular persoeiro galego lle agasallara no seu momento ao seu gran amigo Ángel, cadro do que falaremos nas Crónicas da Laracha da vindeira semana.
Nesa altura Luis cambia de domicilio en Caión e aluga unha casa no Rueiro das Figueiras, casa na que da consulta e na que vive coa súa filla maior Carmen. A pequena, Luisa Fernanda, soamente residía alí durante as vacacións de verán.
Na súa nova residencia, o médico contrata para traballar nas tarefas do fogar a Estrella Nogareda Verdía10, unha moza de Caión nacida en San Roque o 22 de xullo de 1923 que facía pouco tempo que quedara viúva do mariñeiro José Felípez Queiro e que tamén ía sufrir o infortunio de ver morrer o único fillo do matrimonio, unha nena que faleceu de moi noviña.
O refraneiro popular di que o roce fai o cariño. Neste caso foi así, abofé, xa que despois de que Cupido disparara unha das súas frechas, o 6 de febreiro de 1954 Luis e Estrella dábanse o “si quero” na igrexa coruñesa de San Pedro de Mezonzo. No momento do enlace matrimonial el tiña 52 anos anos e ela 30.
Montaxe fotográfica de Estrella Nogareda Verdía e de Luis Varela Curbera (Cortesía da súa neta Ángeles Souto Varela) |
Carmen, a filla maior do médico, viviu con eles durante algún tempo, ata que fixo a maleta da emigración con destino ao Uruguai.
Non foron poucas as persoas de Caión que nos falaron deste doutor tan querido na vila. No seu testemuño, todas repetiron con insistencia que “era moi boa persoa e moi bo médico”, e mesmo houbo quen quixo lembrar que ata o último dos seus días continuou sen cobrarlle os medicamentos e produtos farmacéuticos a quen lle custaba un mundo pagalos, produtos como o “pelargón”, a primeira leite infantil que lanzou Nestle en plena postguerra e que actualmente se asocia simbólicamente no imaxinario colectivo español cos tempos posteriores á Guerra Civil e á xeración criada nos anos 40 e 50. Luisa Fernanda, a filla pequena do primeiro matrimonio do médico, contaba acotío que seu pai non lle cobraba á maioría da xente que atendía na consulta. “Na cociña da casa sempre había pulpos, langostas e todo tipo de marisco porque era a maneira con que lle pagaban moitos mariñeiros a papá”, recordaba Luisa Fernanda.
En Caión ían nacer María de los Ángeles e Luís, os dous fillos maiores da familia Varela Nogareda, que pasaron os primeiros anos da súa vida naquel Caión dos 50 que vivía case que exclusivamente do mar.
Luis Gumersindo Agustín Andrés Varela Curbera é desas persoas que teñen a curiosa estadística de morrer o mesmo día que nacen. Nacera o 26 de febreiro de 1901 e finou o 26 de febreiro de 1958. No momento do seu pasamento, acontecido no seu domicilio da Avenida de Rajoy, en Compostela, Estrella estaba embarazada de catro meses dunha nena que ía bautizar co nome de María Asunción, Marita para os máis achegados, nacida tamén en Caión.
Estampa necrolóxica de Luis Varela Curbera (Cortesía da súa familia) |
Os restos do protagonista das Crónicas da Laracha desta semana descansaron durante uns anos no cemiterio dominico de San Domingos de Bonaval da súa Compostela natal, cidade na que ía establecer o seu domicilio Estrella Nogareda cos tres fillos do matrimonio e na que a caionesa rexentou unha pensión de estudantes no número 106 da rúa do Hórreo, xusto en fronte do edificio do Parlamento de Galicia. Certo tempo despois do seu pasamento, Bonaval íase converter no parque que hoxe podemos desfrutar e, por tal motivo, os restos de Luis Varela Curbera foron trasladados ao cemiterio de Boisaca.
Hai case setenta anos que faleceu, mais o seu espíritu e o seu recordo seguen a estar moi presentes en Caión, onde aquel médico benfeitor que tanto se sacrificara coa veciñanza naqueles tempos tan duros e tan difíciles ten, merecidamente, unha rúa dedicada na zona na que residiu e deu consulta ao pouco de chegar á vila despois de estar varios anos represaliado nas cárceres franquistas polo seu compromiso coa democracia. Vaia este humilde tributo e sentido homenaxe para que unhas persoas o recorden, outras o coñezan e todas e todos admiren a este gran persoeiro que foi don Luis Varela Curbera.
Panorámica da rúa caionesa Luis Varela Curbera |
____________
1 Texto sobre Ángel Varela Santos da autoría de Rafael Sisto Edreira. DOI. 10.17075/adg.2012.22394:
“Oftalmólogo
de gran capacidade técnica e sólida formación internacional.
Estudou o bacharelato no Instituto de Santiago e graduouse en 1892.
Realizou os estudos de Medicina e Oftalmoloxía como alumno libre ao
tempo que atendía a reloxería legada polo seu pai, licenciándose
en 1911. Inquedo e universalista, viaxou á busca de novas técnicas
e innovacións e percorreu gran número de clínicas de Francia e
Alemaña, onde pasaba grande parte do ano. Vicente Risco (1934) fai
referencia ao seu encontro en Berlín con Varela Santos en 1930,
cando este estaba asistindo á fase de experimentación e estudo que
alí se facía das hoxe populares lentes de contacto.
Xunto cos
tamén composteláns Gradaille e Romero Molezún, foron os primeiros
oftalmólogos galegos formados no estranxeiro na nova medicina
experimental e técnica que renovaba as vellas ensinanzas clínicas.
Esta formación mediante estadías en diversos países de Europa
mantívoa durante toda a súa vida. Nos anos 1935 e 1936, Vázquez
Barro (1998) sitúao en Bordeos (clínicas Moure e Lagrange), París
(Hotel de Dieu) e Berlín (Charité e Nalle). Participou en moitos
congresos internacionais da súa especialidade con comunicacións e
traballos científicos.
De grande capacidade técnica, foi
premiado por un estudo sobre reprodución fotomecánica nun certame
organizado en 1908 por La
Oliva,
de Vigo. Noutra orde de cousas, cómpre salientar a preocupación
que Varela Santos tivo por outras facetas da cultura galega, como o
interese que prestou aos restos arqueolóxicos da Illa de Arousa no
artigo Un
descubrimiento del Dr. Varela Santos
(Otero Maestu, 1932). Mantivo unha estreita relación con Castelao,
de quen foi oculista, e con quen mantivo unha interesante
comunicación epistolar. Ricardo Gurriarán (2006), sitúao como un
dos posibles informadores da Junta para Ampliación de Estudios e
Investigaciones Científicas en Galicia.
Dedicou especial
atención as afeccións visuais. Froito dos seus coñecementos
técnicos inventou, segundo cita A. Tarrío, un aparato para graduar
a vista, o taquitoscopio ou takitoscopio, que mereceu a honra de
figurar nos catálogos de instrumental de París. Inventou tamén un
novo oftalmostato que fixaba de forma automática o globo do ollo,
permitindo unha precisión absoluta nas operacións e evitando a
intervención obrigatoria de axudantes. Colaborou nas revistas
médicas da época, con estudos como “Úlcera de la córnea
infectada por diacrotitis, seguida de panoftalmia y fenómenos
simpatizantes” (Varela, 1916), no que advirte sobre o tratamento
das vías lacrimais como método de curación das úlceras de córnea
infectadas, e da necesidade de enucleación urxente do ollo
simpatizante no caso de úlceras profundas con síntomas de
reaccións simpáticas no ollo conxénere. Nun artigo publicado ao
pouco da morte de Varela Santos polo Dr. Devesa (1944), resaltaba o
profundo coñecemento que tiña das leis da física e da óptica,
especialmente das relativas á refracción, e a particular atención
que dedicou ao estudo do fondo do ollo. Tamén se coñecen
contribucións súas no estudo da conservación dos alimentos por
deshidratación, publicados en Industria
conservera
no ano 1943, se ben non foi posible localizar esta fonte”.
Rafael
Sisto
Edreira (2012): Álbum
de Galicia.
Ángel Varela
Santos. Consello
da Cultura Galega
(https://consellodacultura.gal/)
2 Rafael Sisto Edreira (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
3 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2012): Crónicas de Carballo IV, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, páx, 80.
4 Maruxa Heras soubo da historia de Ramón porque lla contara no seu momento súa avoa Luisa Fernanda. Díxolle que o levaran unha noite e que nunca máis se soubo del. Por iso Maruxa busca os seus restos dende hai moito tempo para darlle digna sepultura.
5 Vid. Diario Oficial del Ministerio de Defensa Nacional. Año LI. Número 80. Barcelona 4 de Abril de 1938. Tomo II. Páx. 45 (Número 5.404).
6 Xulgado nº 11, cuartel de Palafox, Zaragoza.
7 Tamén coñecida como “prisión domiciliaria” ou “arresto domiciliario”.
8 O médico de Caión chamaba Maruxa á súa filla pequena Luisa Fernanda. Anecdoticamente, a bisneta de Luis que colaborou con nós nesta crónica leva o mesmo nome que súa avoa, Luisa Fernanda, e tamén a chamaron Maruxa toda a vida.
9 Hai quen di que foron dous cadros.
10 Estrella Nogareda Verdía era filla de Manuel Nogareda e de Dolores Berdía Fernández, ambos de 33 anos no nacemento da súa filla e dedicados ao mar.
FONTES:
Fraga Rodríguez, Xan M. (2012): Crónicas de Carballo IV, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo
Rolland, Eduardo (2021): Varela Santos, precursor das lentes de contacto, Gciencia Xornalismo+Divulfación (https://www.gciencia.com/), 13 de novembro.
Sisto Edreira, Rafael (2012): Álbum de Galicia. Ángel Varela Santos. Consello da Cultura Galega (https://consellodacultura.gal/)
Wikipedia
Excelente crónica!! Saúdos
ResponderEliminarGraciñas, María!
ResponderEliminar