xoves, 7 de decembro de 2023

A FOLLA DE LEMAIO (nº 2. Primavera de 1999)

   No ano 1998 Kiko Arcos Areosa, Xerardo Calvete Cotelo e Elena Viña Louro iniciaban en Lemaio un humilde pero fermoso proxecto cultural ao que decidiron chamarlle A folla de Lemaio.

    Tratábase dunha modesta gaceta, un folio A3 que daba para catro páxinas, na que o equipo de redacción pretendía poñer en valor a historia desta freguesía da Laracha.

   A revista foi unha das primeiras publicacións deste tipo que se realizaron no municipio. Xerardo Calvete era o director, o que se movía pola parroquia na procura dos temas a publicar, o que daba a cara coa veciñanza e o que buscaba a publicidade. Era, en difinitiva, a cara visible do proxecto.

   Elena Viña, nora da señora Manuela Míguez (da que xa temos falado nestas Crónicas da Laracha cando homenaxeamos aos antigos legoeiros de Fofelle e Proame), era a outra cara coñecida da gaceta e facía practicamente o mesmo que Xerardo, traballando arreo como unha verdadeira redactora xefa.

   Elena e Xerardo reuníanse na casilla de Proame, o mesmo lugar no que anos antes, cumprindo funcións de colexio electoral, votara a veciñanza de Lemaio, despois da morte de Franco e coa chegada da democracia, nas primeiras eleccións municipais celebradas en 1979. Os veciños e as veciñas exerceran o seu dereito ao voto no lugar no que hoxe a señora Manuela Míguez ten o salón da súa casa, o mesmo que anos despois utilizarían Elena e Xerardo como redacción do boletín para elaborar os textos que, posteriormente, lle enviaban por correo postal a Kiko Areosa, o editor da Folla de Lemaio.

   Kiko, que naquela altura vivía en Malagón (Ciudad Real), era a cara invisible desta modesta revista, que nacera coa idea de publicarse trimestralmente. O primeiro número saíra hai exactamente agora 25 anos, no inverno de 1998, e tivera unha gran acollida entre a veciñanza. En cada casa de Lemaio había un “Folla” e agardaban impacientemente polo seguinte número.

   Mais desgraciadamente só se publicarían dous máis: o número 2 e o número 3, publicados respectivamente na primavera e no verán de 1999.

   Kiko Arcos, profesor de historia de secundaria en Málaga foi quen nos pasou unha copia dos tres números deste boletín que el editaba, e contounos, ademais, que “a repentina morte de Elena, que se foi con tan só 44 anos, foi o motivo polo que soamente se editaran tan poucos números.”

   Como homenaxe a aquel fantástico traballo realizado por Xerardo, Elena e Kiko, nestas Crónicas da Laracha decidimos publicar os tres números da Folla de Lemaio. A semana pasada reproducimos o número 1. Deseguido, aí vai o número 2:




///////////////////////////////////////////////////////////////////////////////////////

 



 

Ningún comentario:

Publicar un comentario