xoves, 28 de decembro de 2023

ENTREVISTA REALIZADA EN 1960 Á CENTENARIA DE CABOVILAÑO MARÍA RODRÍGUEZ MALLO

Nas Crónicas da Laracha desta semana compartimos con todas e todos vós un tesouriño da hemeroteca publicado o 1 de xullo de 1960 en La Voz de Galicia. Trátase dunha entrevista que o xornalista Vicencio lle realiza a María Rodríguez Mallo, unha veciña de Cabovilaño que naquela hora estaba a piques de cumprir 101 anos, unha entrevista donde a señora María deixa varias pinceladas da Laracha e dos tempos que lle tocou vivir dignas de mención.

Esta é a súa historia:


Fala unha centenaria

María Rodríguez Mallo, vén por segunda vez á Coruña

Non comprende como poden circular tantos coches pola rúa

O seu home, que aínda vive en Montevideo, veu a última vez hai 46 anos

 

María Rodríguez Mallo veu desde Cabovilaño ata A Coruña. É a segunda vez que viaxa ata a nosa capital a pasar uns días na casa dunha filla. Isto, naturalmente, non ten importancia, pero si a ten, e moita, se agregamos que María Rodríguez Mallo superou os cen anos. Naceu na época na que o xeneral Prim triunfaba na batalla dos Castillejos1. E xa houbo batallas desde entón. Un bo amigo deunos a noticia: “Se queres falar cunha señora que ten máis de cen anos, vaite á rúa San Fernando, 1, primeiro”. E alí encontramos á nosa centenaria, que non aparenta ser tan vella nin en aspecto físico nin pola súa forma de expresarse.

-Estou desexando marchar para a miña casa. O ano pasado trouxéronme por primeira vez á Coruña, pero aquí non podería vivir a gusto. Fáltanme moitas cousas...

María Rodríguez fala un galego castizo. Di que aquí non vive tan a gusto como na súa su casa de San Román, en Cabovilaño, a uns 30 quilómetros da capital. Os feitos danlle a razón, porque residindo alí, está a piques de cumprir 101 anos. Naceu o 3 de setembro de 1859. Cando se sinte cegada polo “flash" da máquina de Artús, pregunta si os retratos son para arranxar os seus papeis e cobrar o subsidio da vellez.

— Cando veu a lei para que cobráramos os pobres, eu fun a xunto do cura para arranxar os meus papeis. Mandoume volve, e da segunda vez empezou a mover a cabeza. Eu xa me din conta que para min non había nada.

Resulta que ao tratar de completar a certificación de María Rodríguez Mallo, no Concello da Laracha, ao que pertence, no Rexistro aparece como solteira.

— Casoume don Juan, coadxutor de San Román de Cabovilaño, hai non sei cantos anos. O meu home chámase Manuel Pereira Pena, e está vivo en Montevideo. Ten un ou dous anos menos que eu. A última vez que veu á casa foi... hai corenta e seis anos. Traballou de enfermeiro con título. É moi listo. En Montevideo teño tamén unha filla.

Esta muller tivo cinco fillos, dos cales viven tres: Estrella, en cuxo domicilio pasa estos días a centenaria; Carmen, que é a que está en Montevideo, e Esperanza, en compañía da cal vive María Rodríguez Mallo, en San Román de Cabovilaño.

— ¿É a máis vella de Cabovilaño, señora María ?

—Non; hai outra, Gumersinda do Cancelo, máis vella que eu. Íamos xuntas á escola; eu era unha nena e ela xa era unha moza. Pero voulle dicir unha cousa: meu pai morreu aos 99 anos cumpridos.

 

María Rodríguez Mallo, cos seus 101 anos, e a súa filla Esperanza, solteira, dedícanse desde hai moitos anos a traballar “a xornal”, en labores do campo. Isto proporciónalles o seu sustento diario.

— Caldo e broa nunca nos faltan. Eu como de todo, pero non sei como son as boas comidas, porque nunca as vin diante.

Nunca estivo enferma. Así o di con orgullo :

—Pola miña culpa ninguén tivo que ir á botica. O outro día viña do monte cunha pouca leña na cabeza, e díxome o médico: ‘‘María, vostede vai morrer traballando” .

Cando se fala da morte, eu dígolle que ela aínda está para durar moitos anos. Rise e comenta:

— Eu xa terminei os anos; agora estou cos días. Non quero morrer, pero penso que aquí non quedarei...

— Vostede di que foi á escola; ¿sabe ler?

—Si; aínda leo, amodiño, con dificultade, o periódico.

— ¿E escribir?

—Menos que ler. Recordo que estando na escola, unha vez veu o cura. Unha amiga fíxome uns números moi ben feitos na pizarra e eu díxenlle ao señor cura que os fixera eu. Mandoume repetilos e descubriu que lle mentira. Deume moita rabia e ata me puxen colorada.

Nunca foi ao cine nin lle chama a atención. A súa filla quixo levala ao “Hércules", pero a idea non lle atrae. Asústalle ver tanta xente na Coruña e os coches en tanta cantidade pola rúa.

— ¿Cómo será posible que non tropecen uns con outros? Recordo que o primeiro coche que pasou pola Laracha era do “ Porteiro”, da Agualada.

Cada dous por tres di que está desexando volver á súa casa de San Román. É o seu retrouso.

— O verán pasado viñen aquí por vez primeira; iso que o noso cura, D. Ramón Casal Pérez, sempre me andaba dicindo: “María,tes que ir á Cruña, inda que non sexa máis que a mercar un pano da cabeza; non te apures que eu che darei os cartos para o viaxe”. Agora xa viñen dúas veces. Non volvo máis. Quero estar donde nacín.

Hai máis dun século...


V I C E N C I O2

______________

1 A batalla dos Castillejos librouse o 1 de xaneiro de 1860 e tivo lugar nos altos e no val dos Castillejos, situado a uns 4–5 quilómetros ao sur de Ceuta. Formou parte da Guerra de África, que enfrontou a España con Marrocos, durante o reinado de Isabel II e o goberno de Leopoldo O'Donnell.

2 Entrevista publicada en castelán en La Voz de Galicia, 1 de xullo de 1960, páx. 8.

Ningún comentario:

Publicar un comentario