xoves, 4 de maio de 2023

CONTOS E LENDAS DA PEDRA CERDEIRA OU CEDEIRA

  Emprazada nos lindes dos municipios da Laracha e de Cerceda, e na divisoria das parroquias cercedenses de Rodís e Queixas coa larachesa de Montemaior, atopamos a chamada Pedra Cerdeira ou Cedeira, un penedo de grandes dimensións situado no punto máis alto (600 metros) desta parte da nosa xeografía, cerca dos lugares de Casaslongos (Montemaior) e de Buzarelos (Rodís). 

   Alí nace a Serra de Montemaior, que separa a meseta de Ordes das terras de Bergantiños, unhas comarcas que se poden contemplar dende este máxico lugar do mesmo xeito que a de Compostela, co Pico Sacro no horizonte. Nun día claro e soleado mesmo podemos ver a Torre de Hércules.

   Con relación ao topónimo, queda nas mans das persoas eruditas na materia aclarar cal é a forma correcta, xa que na cartografía e documentos consultados nunhas ocasións aparece Cerdeira e noutras Cedeira.

   No Catastro de Ensenada de 1752, cando mencionan os lindes da parroquia de Montemaior dise que “(…) se deslinda y desmarca principiando en la piedra blanca, desde donde camina su división a la fuente da Xesta, de aquí al mojón da Silva y fuente Seca, de allí a la piedra que se dice de Dicorredía. Y cruzando el Riachuelo de Candeiro, sube a la fuente de Cruces y viene a dar a la piedra da Agulla, de este baja por el tramo dos Bolotas, a la fuente dos Pereiros; de allí gira a la piedra Cedeira, donde se divide este término del de Santa María de Queixas (...)”

 

Foto da autoría de Manuel Ruibal

    En 1820, setenta anos despois de realizarse o Catastro de Ensenada, a veciñanza da contorna puido observar a un grupo de forasteiros que portaban nas cabalerías trebellos que parecían doutro mundo. Un deles non deixaba de facer medicións e de tomar apuntes nos seus cadernos. Era Domingo Fontán Rodríguez (1788-1866), ilustrado, matemático, político e xeógrafo coñecido por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia. No seu magnífico traballo cartográfico Fontán, que en 1834 ía ser nomeado Director do Observatorio Astronómico de Madrid, anota: Pena Cedeira.

 

Mapa de Domingo Fontán

   Tamén resulta de interese unha información publicada no verán de 1890 na Gaceta de Galicia: Diario de Santiago da que soubemos grazas á inestimable colaboración de Manuel Ruibal, infatigable investigador do patrimonio cultural e inmaterial da bisbarra. Nun artigo titulado “La expedición a Buzarelos”, asinado por un tal Chichito na vila de Ordes o 6 de xullo dese ano, o autor describe con detalle unha “expedición científica que bajo la dirección del ilustrado Notario D. Florencio Pol Ramos España se organizó en esta villa (...)”. Como tesouriño que é do noso pasado, deseguido transcribimos uns parágrafos dese marabilloso documento:

(...) Terminada esta exploración pusiéronse de nuevo en marcha los expedicionarios, atravesando las, aunque agrestes, pintorescas parroquias de Bardaos y Rodís, llegando a la falda del famoso Monte de Buzarelos, nombre que toma de la aldea más próxima perteneciente a la referida de Rodís en el Ayuntamiento de Cerceda, a las ocho y media de la mañana, hora en que se sirvió el desayuno consistente en café y roscas cual 'marinos pur sang'.
Hecho un pequeño descanso púsose en el Pilar geográfico a que se llama Torre de Buzarelos y que tiene unos seis metros de altura por nueve de base, la bandera española, y preparándose los anteojos, barómetro y brújula para poder divisar el panorama, hallar la altura sobre el nivel del mar y orientarnos obteniendo resultados muy satisfactorios apesar del nebuloso del día.
A las doce en punto despejóse algo el horizonte y entonces pudimos distinguir perfectamente el Pico Sacro que parecía muy bajo ante nuestra vista, la Torre de Hércules, Peña de la Marola, entrada de la ría del Ferrol, Islas Sisargas y su faro, el Monte blanco de San Adrián de Corme, entrada de la ría de Malpica y una fábrica de salazón, famoso monte Bocelo, límite de los Ayuntamientos de Boimorto, Sobrado y Mellid y entre la porción inmensa de espacio un buque velero, cuyo rumbo era de Sur a Norte y más que nuestra vista alcanzaría si la nebulosa que en el horizonte se destacaba no nos lo impidiera.
La altura a que nos hallábamos, sobre el nivel del mar a las cuatro y veinte minutos de la tarde, era de 418 metros y la graduación termométrica acusaba 21º centígrados; la distancia de Buzarelos al mar en línea recta es la de trece kilómetros al Norte y la meseta tiene una extensión de cuatrocientos metros próximamente.
Llegada la hora de comer empezó la animación y los suculentos manjares con el aditamento del sabroso néctar del Ribero, dieron alientos a los alegres y decididos excursionistas para comenzar de nuevo, después de saborear un riquísimo moka, copas de rom, cognac y cigarros, a templar las guitarras y otros instrumentos rindiéndose no pequeño tributo a las dioses Tersípcore y Orfeo.
(…) Olvidábaseme decir que junto al monte de Buzarelos y a la parte Norte, existe un peñasco inmenso denominado Pedra Cerdeira, dividido al parecer por una descarga eléctrica que al seccionarlo despidió una parte grandísima a más de treinta y dos pies de distancia. En dicha peña y en la cara que mira al aire indicado grabóse la inscripción conmemorativa de la gira (…) 1.
   Manuel Ruibal tamén nos falou dalgunhas lendas relacionadas co penedo protagonista das Crónicas da Laracha desta semana: “dise que no seu cumio hai un serpe e un mapa gravado e que había unha moura vivindo nela. Tamén hai outra lenda que di que na Pedra Cerdeira aparecía a galiña dos pitos de ouro na noite de San Xoán”.
   Outra lenda asociada á Pedra Cedeira ou Cerdeira é a que recolleu nos anos 90 pola zona de Culleredo Lois Vilar Hermidas, outro infatigable investigador do patrimonio cultural e inmaterial da bisbarra. A lenda di que un veciño de Montemaior atópase por casualidade a un militar na Coruña. Este pregúntalle, xa que é de Montemaior, se coñece a Pedra Cedeira. Dille que si. O militar vai por alí con tres mulas variadas de escopetas, explosivos, etc. Pasa pola casa do veciño e levan a carga das mulas ata a pedra. Fanas explosionar e aparece un burato todo cheo de cornos de cabra que cargan nas mulas. Dóulle tres ao veciño e dille que os bote na borralla da lareira. Ao botalos, os cornos toman unha cor dourada, descubrindo que era ouro.
    Se sabedes outros contos ou lendas desta pedra (ou doutros lugares da Laracha) contactade con nós por favor. Como dicimos sempre, non debemos esquecer que a memoria é o que nos configura como seres. Coidemos este tesouro!
Ata a semana que vén!

____________

1 Vid. Gaceta de Galicia: Diario de Santiago, 7 de xullo de 1890, p. 1.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario