xoves, 18 de maio de 2023

JOSÉ AÑÓN, O EMPRESARIO DE VILAÑO QUE FOI PRESIDENTE DO NACIONAL DE MONTEVIDEO E DA CUTCSA

  O Concello da Laracha hai uns anos que tivo a ben dedicarlle unha rúa1 a José Añón Canedo, un home que formara parte daquel continxente de galegos que, a principios do século XX, escolleran o Uruguai como destino para levar a cabo os seus soños. Añón abofé que non ía ter un camiño doado para poder realizalos mais, andando no tempo, a vida deste persoeiro íase transformar nun espello no que mirarse para moitos emigrantes, un claro exemplo da conquista do soño americano xa que acabou converténdose nun dos empresarios e emprendedores máis importantes de toda América Latina.

Imaxe dos anos 50 de José Añón Canedo (La Voz de Galicia)

    Nado o 13 de abril de 1898 no lugar do Pazo (parroquia de Vilaño), José era fillo de José Añón García e María Canedo Golán, proxenitores tamén de Jesús, Francisco, Lino, Francisca, Angustias e Gerardo.

    O noso protagonista, daquela un mociño imberbe, abandona a súa Laracha natal para embarcar cara a Montevideo, cidade a onde emigraran con anterioridade os seus irmáns Francisco e Gerardo. Uns anos máis tarde, sobre 1912, o rapaz de Vilaño volve á península para realizar algúns estudos. Marcha de novo para o Uruguai no 17 ou no 18 e alí, en Montevideo, empeza a gañar a vida traballando xunto a seu irmán Francisco como repartidor de leite dun tambo2 da rúa Guayabos y Minas. Pasado certo tempo, emprégase nun almacén de cereais e forraxes ata que, en 1925, merca un pequeno negocio que logra soster, con pouco éxito, durante dous anos.

    É aí, nesa altura, cando decide, xunto a seu irmán Gerardo e dous socios máis, mercar dous autobuses para cubrir unha das liñas do transporte metropolitano de Montevideo. Corre o ano 1927 e a súa vida ía cambiar para sempre a raíz da súa afiliación ao “Centro de Propietarios de Ómnibus”, unha institución con fins gremiais na cal José Añón se transformaría, en pouco tempo, en dirixente, presidente e líder indiscutido da defensa dos seus compañeiros. Nesa época xa casara coa bergantiñá Dorinda Esmorís Cotelo, matrimonio que tiña o seu domicilio no número 2333 da rúa Ibigaray.

    Tras un tempo de loitas coa “Atlas Electric and General Trust”, a poderosa compañía inglesa de tranvías que pretendía monopolizar o servizo de viaxeiros da capital uruguaia sen atender as demandas municipais de estender as liñas ás aforas da cidade, ao emigrante larachés tocaríalle ser a cabeza visible dese grupo de ex-cocheiros, condutores de taxímetros, etc., que formaban o “Centro de Propietarios”. Este grupo de soñadores, baixo o impulso de José e Gerardo Añón Canedo3, Rogelio Sande -veciño tamén da Laracha- e José Lago Lamas -natural da parroquia carballesa de Sísamo-, xuntaríanse para converterse en alternativa e competir cos tranvías británicos creando unha cooperativa de transportes en Montevideo que, en primeira instancia, se denomina CONAUSA4 para dar paso, o 13 de maio de 1937, á creación da “Cooperativa Uruguaya de Transportes Colectivos Sociedad Anónima, CUTCSA5, unha empresa que naquel intre tiña unha frota que alcanzaba os 526 coches e da que José Añón, copropietario de varios autobuses, sería presidente en varias etapas distintas.

    A pesar de prosperar e de facer a práctica totalidade da súa vida en Montevideo, onde ao pouco de asumir a presidencia da CUTCSA establece o seu domicilio na rúa Blanca del Tabaré n.º 2928, o de Vilaño non esquece nunca as súas raíces. Defensor a morte dos valores democráticos, a súa traxectoria non só se ía cinxir ao eido empresarial, xa que tamén exerce a galeguidade no seu país de acollida, co apoio a múltiples iniciativas de tipo cultural e social relacionadas coa diáspora. Boa proba disto foi a súa presenza coma directivo da Casa de Galicia, así como no Centro Republicano Español, o cal demostra que, a pesar do triunfo de Franco na Guerra Civil, o emigrante larachés ía permanecer sempre inquebrantablemente fiel aos seus principios republicanos e galeguistas, tal e como se pode testemuñar nas fotografías que se conservan das visitas de Castelao ao Uruguai, nas que José Añón Canedo adoita estar presente.

    Mais, se cadra, a maior paixón do empresario da Laracha foi o fútbol, en especial, o Nacional de Montevideo, club no que entrara como directivo en 1940 e que chegaría a presidir entre 1955 e 1961. Durante o seu mandato, o Nacional ía conseguir tres títulos de liga consecutivos6, íase coroar campión do “Campeonato Nacional General Artigas” -un torneo oficial creado coa intención de conseguir a integración entre os clubs capitalinos e os do interior-, ía inaugurar a sede da entidade na Avenida 8 de Octubre, e ía traspasar a varios futbolistas fillos de emigrantes galegos a equipos da liga española, entre eles as fichaxes de Héctor Núñez (fillo de emigrantes de Arteixo) ao Valencia, e de Héctor Rial e José Emilio Santamaría ao Real Madrid.

     Curiosamente un destes traspasos, o de Santamaría, acordárase en terras cercedenses. Segundo lle contara no seu momento o cura Fidel Fernández Bello (natural de Vilaño) ao escritor vimiancés Manuel Suárez, o presidente do Real Madrid, Santiago Bernabeu, enviara un directivo ao Uruguai a negociar a fichaxe do daquela xogador do Nacional. Alí infórmano de que o presidente Añón estaba de viaxe na súa terra natal, feito polo que o emisario madridista regresa a Baraxas en avión e, dende Madrid, viaxa en automóbil ata a parroquia de Rodís, en Cerceda, onde José Añón pasaba uns días na casa dun familiar, Manuel Riveiro Pallas7, que era o párroco do lugar. Alí mesmo, na casa reitoral da aldea de Vilameán, asinan o traspaso sen pisar as oficinas brancas. Santamaría, considerado un dos mellores defensas centrais de todos os tempos, ía gañar nada menos que cinco ligas e catro Copas de Europa co Real Madrid.

 

José Añón, no centro da imaxe, na súa etapa de presidente do Nacional de Montevideo (www.ovacion.digital.com.uy)

    Uns días despois daquela sinatura en Cerceda, o 7 de abril de 1957, José Añón desprazábase ao estadio de Riazor para facer o saque de honra do partido Deportivo-Sevilla, encontro no que a xunta directiva do club herculino lle entregaba ao persoeiro de Vilaño, como recoñecemento ao trato excepcional que lle dispensara á expedición coruñesa na xira que o Deportivo realizara por América do Sur en 1954, o título de Presidente de Honor8.

     Nesa época, dende 1956, Añón participa nunha das iniciativas económicas máis emblemáticas da colectividade galega no Uruguai, o Banco de Galicia, xunto co seu entrañable amigo, compañeiro de militancia republicana e tamén empresario en Montevideo, Jesús Canabal Fuentes (O Pino, 1897-Montevideo, 1985).

    José Añón Canedo sería ata a súa morte, acontecida en Montevideo o 11 de xullo de 1975, unha relevante personalidade nas empresas, entidades e asociacións benéficas da capital uruguaia polos seus cargos de presidente da “Asociación Española Primera de Socorros Mutuos”, chamada así por ser a pioneira no seu xénero en toda América Latina; presidente do Nacional de Montevideo, equipo que presidiría ata 1961; secretario do Banco de Galicia, cargo que ocupou ata que o banco pechou as súas portas en 1966; e conselleiro da CUTCSA que, por aqueles últimos anos 50 e primeiros 60 calculábase que tiña máis de catro mil obreiros e empregados, moitos deles emigrantes galegos. Segundo o escritor carballés Xan Fraga, foi tanta a xente de Bergantiños e doutras partes da xeografía galega que traballou nesta empresa que “a moitos emigrantes cando lles preguntaban a que país ían, contestaban que a CUTSA”9.

    O espíritu do empresario de Vilaño segue moi vivo en Montevideo, cidade onde se inaugurou no ano 2010 a Planta Industrial “José Añón”, situada na avenida José Pedro Varela. Esta planta, de 36.500 metros cadrados, é a sede da infraestrutura de apoio de toda a frota da empresa CUTCSA. 

 

Imaxe da Planta Industrial "José Añón" que a empresa CUTCSA  inaugurou en Montevideo no ano 2010 (www.cutcsa.com.uy)

___________

1 A que une a Avenida de Fisterra coa Avenida de Buenos Aires, unha rúa denominada anteriormente Camiño da Telleira.

2 Leitería.

3 Gerardo estaba casado con Perfecta Crespo López.

4 Cooperativa Nacional de Autobuses Sociedad Anónima.

5 A CUTCSA continúa sendo na actualidade a empresa encargada do transporte urbano de pasaxeiros de Montevideo.

6 1955, 1956 e 1957.

7 O parentesco era por parte de Francisco Canedo Riveiro, avó materno de José Añón.

8 A xunta directiva do Deportivo xa acordara conceder tal distinción o 5 de agosto de 1954.

9 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (1999): Crónicas de Carballo I, Agrupación Cultural Lumieira, Carballo, p. 64.

Ningún comentario:

Publicar un comentario