As lendas forman parte importante da riqueza cultural dos pobos, que teñen nelas un dos tesouros máis valiosos do seu pasado. Pertencen, como os contos, ao acervo literario popular, transmitido oralmente durante séculos, mais manteñen con aqueles algunhas diferencias destacables. Os contos non teñen unha localización concreta e son intemporais; as lendas, polo contrario, están sempre referidas a un lugar e un tempo definidos, ademais de teren algún tipo de significado sobrenatural, con alusións frecuentes a poderes extraordinarios.
Este é o caso da lenda da tella de ouro, da que nos falou a señora Consuelo Vilas Díaz en febreiro de 2023 á arqueóloga Puri Soto e a un servidor. A señora Consuelo, que nos recibiu na compaña da súa familia coa maior das amabilidades no seu domicilio do lugar da Teixoeira, na parroquia de Cabovilaño, rememoraba os tempos da súa xuventude dicindo que… “eu sentíalle a mamá, que en paz descanse, que por aí había o camiño do lugar das Xestas á Laracha”. Nese camiño seica había unha muller agardando a que pasara alguén por alí, alguén que lle axudara ao que ela precisaba. Entón, veu unha muller e díxolle:
-Mire, vostede pódeme facer un favor?
-Señora, eu vou para a miña casa! Pero bueno… a ver logo, que lle teño que facer?
-Mire, eu din a luz estes días, pero non teño leite no peito para darlle ao meu meniño!
-Ai!, iso claro que llo podo facer. Eu tamén tiven un cativo estos días, así que podo darlle de mamar ao seu fillo.
-Pois daquela faga o favor e acompáñeme.
Foi con ela, deulle de mamar ao meniño, e cando xa marchaba díxolle a anfitroa a outra muller:
-Moitas grazas señora; espere vostede un momentiño.
-Ai! Non podo enredar moito, que tamén teño que atender ao meu neniño.
-Non se preocupe, que non a vou a enredar nada!
Uns intres despois botoulle algo no mandil, algo de certo peso que non sabía moi ben o que era. Ao marchar de alí, no camiño cara a súa casa, mirou o que lle dera a outra muller. Levaba o agasallo no regazo. Mirouno ben e... non daba crédito do que estaba vendo:
-Ai meu Deus! Pero esta muller deume cachos de ouro!
Cando chegou á casa díxolle ao seu home:
-Mira o que me deron polo camiño!
-E iso que é?
-Son tellas rotas e son tellas de ouro. Deumas unha señora que me estaba esperando no camiño e dixo que tiña un meniño e que non tiña leite no peito para darlle de mamar.
Fabulación duns cachos de tellas de ouro (Brais Maceiras) |
-¿E por darlle de mamar ao neno deuche todo este ouro?
E entón seica dixo ela:
-Ai, eu non sabía o que me daba!
Despois de contarnos a lenda, a señora Consuelo, que naceu na propia casa onde nos recibiu, dixo que “esta historia sentinlla moitas veces a mamá e eu preguntáballe se era verdade; se foi certo ou non eu non o sei, pero a señora que recibiu o ouro seica contaba o que realmente lle pasara”.
Pepe Ambroa, marido da señora Consuelo e natural do lugar de Formelle, tamén na parroquia de Cabovilaño, contounos outra versión da mesma lenda, unha versión que troca os cachos de tella por ovos.
A lenda contada por Pepe iniciase do mesmo xeito que a de Consuelo. Despois de que a muller lle deu de mamar ao meniño da outra, esta, moi agradecida, díxolle:
-Ai!, meu Deus, non sei con que pagarche este favor que me acabas de facer. Mira, pon o regazo que che vou dar algo!
E a muller abriu o mandil e a outra botoulle uns cantos ovos no regazo!
-Bueno, pois moitas grazas!
-E, se pode, veña darlle a tetiña ao neno outro día -dixo a outra.
A
que lle deu de mamar ao meniño marchou e, ao chegar á casa, levou
unha enorme sorpresa xa que os ovos cos que fora agasallada agora non
eran de casca… agora eran ovos de ouro!
A muller seica volveu máis veces pola casa da outra, e esta como lle daba ouro, aquela tiña ansia de darlle de mamar ao meniño.
Pepe Ambroa recordaba o que lle contaba seu avó: “Coñécese que era xente potente, dicía meu abuelo”. O señor Pepe asocia esta lenda a outra das máis correntes do noso país que se repite con pequenas variantes en moitos lugares da xeografía galega: a da viga de ouro.
Pepe Ambroa e Consuelo Vilas (Cortesía da súa neta Judith) |
“Claro -comenta Pepe Ambroa- se cadra alí había ouro porque incluso dicían que había dúas vigas dentro. Unha disque era de ouro e a outra de arsénico. As dúas xuntas non eran compatibles. E daquela cando quixeron levantar a de ouro…
-Ai! Non podemos levantala que interrumpimos a que nos está fastidiando ao lado!
E disque esta viga de arsénico aínda continúa alí e ninguén quere quitala por medo a que haxa algunha desgracia! A viga de ouro seica está ao carón da outra pero é difícil chegar a ela polo perigo que ten a de arsénico. Se cadra, para que ninguén fora alí, dicían esas cousas para meter medo. Eu sempre escoitei que a viga estaba enterrada aí (refírese a Montes Claros) e supoño que máis de un xa foi mirar!
O señor Pepe conclúe dicindo que “uns dicían que lles pagaban con tellas de ouro cando chegaban alí a facerlle calquera axuda á señora que había alí nos Castros e que lles pagaban en cachos de tella, pero en vez de ser tella eran anacos de ouro… eu esto sentíallo a meu abuelo”.
Non perdamos a memoria do pobo que somos!
A memoria é o que nos configura como seres; conservemos este tesouro!
Ata a semana que vén!
Ningún comentario:
Publicar un comentario