Los Tamara foron unha banda de pop que nos anos 60 e 70 gozaron de enorme popularidade. Responsables da difusión das músicas e sons de todo o mundo e do achegamento da canción popular galega ao gran público, o grupo estableceu fortes vínculos entre música e a poesía coas adaptacións, en varios dos seus discos, dos poetas galegos máis universais, caso de Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Francisco Añón ou Celso Emilio Ferreiro.
A mítica formación foi creada na vila de Noia por Prudencio Romo, un músico que levaba certo tempo tocando en varias orquestras noiesas cando decide pór en marcha o seu propio conxunto para participar nun concurso en Radio Vigo. Corría o ano 1958 e Los Tamara acababan de nacer. Prudencio (baixo, guitarra e violín) bautiza así a banda en honor ao antigo nome do río Tambre, que desemboca en Noia, debido a que pasaba por terras dos condes de Trastámara. Xunto a Prudencio, segundo conta Fernando Fernández Rego no seu libro Unha historia da música en Galicia 1952-2018”1, atopamos a seu irmán Alberto Romo (guitarra), Manolo Paz, José Sarmiento (guitarra e clarinete), Germán Olariaga (voz) e Enrique Paisal (teclados). Posteriormente uníuselles o que sería o seu líder carismático, o cantante coruñés Pucho Boedo, ademais doutros músicos como o batería larachés Francisco Rodríguez Cotelo, de quen falamos deseguido.
Francisco Rodríguez Cotelo, segundo pola esquerda, con Los Tamara (Cortesía da súa familia) |
Francisco, tamén coñecido polos apelativos de Pancho ou Paco, nace en 1926 en Cabovilaño, parroquia da que eran naturais os seus proxenitores Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, que ían ser pais de seis fillos máis. Pura era da familia dos de Fermelle de San Román e tiña un irmán (Plácido) que rexentaba unha taberna na rúa da Estrella da Coruña, o Bar Pura. O pobre, que bautizou a todos os seus afillados co seu propio nome, perdera unha perna na Guerra Civil e por iso a clientela denominaba o seu local 'O pata de pau'.
Ramón e Pura eran zoqueiros, oficio que tamén ía aprender o seu fillo Pancho. Quen sabe? Se cadra os golpes do macico, da anxola, do mazo e do resto de instrumental da profesión animaron ao noso protagonista a entrar de cheo no mundo da percusión.
Despois da Guerra, a familia Rodríguez Cotelo abandona A Laracha para establecer o seu domicilio en Arteixo, na parroquia de Pastoriza, onde naquela altura tiña moita sona a Feira da Madeira que se celebraba o 28 de setembro, véspera de San Miguel, e os luns de Pascua. Primeiramente viven no lugar do Coto e, certo tempo despois, residen nunha casa de Barrionovo. Nesa época Pancho e seu irmán Plácido, a quen coñecemos grazas ao amigo Sergio Naya e que foi quen nos contou a historia familiar, asisten ás clases de solfexo que naquela hora impartía o mestre Luís Brage na súa academia da rúa San Andrés da Coruña. Xa podedes imaxinar onde tomaban un aperitivo á saída das clases. Si, no 'Pata de pau', o bar que seu tío materno tiña na rúa da Estrella.
De Plácido, que tamén foi batería de grandes orquestras da bisbarra, falaremos na vindeira semana. Sigamos, pois, coa homenaxe a seu irmán Pancho Rodríguez, que era o maior dos fillos varóns de Ramón e Pura.
En 1942, cando tiña 16 anos, Pancho convértese no percusionista de orquestras como a Orfeo da Coruña ou mesmo os Guiliades, que se chamaban así porque eran do lugar de Guiliade (Betanzos). Nos anos corenta esta orquestra foi a sensación das Mariñas ao contar cunha animadora, a lendaria Finita Gay, 'A Martela'. Á marcha de Finita contaron con outra animadora que foi Obdulia Sánchez.
Pouco despois, sobre o ano 1944, os Rodríguez Cotelo establecen o seu domicilio en Meicende, nunha casa que había a poucos metros da actual Avenida do Butano. Nesa época, cando non tiña actuacións, Pancho segue botándolle unha man a seus pais traballando coma zoqueiro.
Durante varios anos encárgase da percusión da Orquesta Orfeo. Compúñase aquilo dun bombo con pedal para zouparlle, un tambor, que lle chamaban 'caixa', un platillo grande, pendurado dun gancho e outros artefactos. Segundo nos contou seu irmán Plácido, nos invernos seica actuaban con certa asiduidade no Hotel Embajador, sede actual da Deputación da Coruña, e no Finisterre, curiosamente os dous edificios inaugurados en 1948. Nos veráns tocaban moito nas instalacións da Solana e, como todas as orquestras da época, nas festas parroquiais e nos salóns da bisbarra.
Estamos xa nos 50. O noso homenaxeado coñece a Carmen Deza, unha moza de Mesoiro coa que casa na Coruña. En 1954 ía nacer Agustina (Tita) a primeira filla do matrimonio. A finais desta década é cando Prudencio Promo crea Los Tamara en Noia, onde existe un vello refrán que di: "xente de Noia campana de pau", por ser esta vila antigamente terra de zoqueiros e carpinteiros de grande monta. Tería algo que ver o refrán coa chegada do músico-zoqueiro de Cabovilaño aos Tamara? Camiño dos 91 anos, seu irmán Plácido non pode precisar cal foi a primeira actuación de Pancho co lendario grupo. “O que si che podo dicir é que deixou a Orfeo para tocar con eles en Vigo e despois foi ao norte de África e a Francia. Cando marchou, eu quedei no sitio del e fun o batería da orquestra Orfeo durante algún tempo”.
Los Tamara cos futbolistas do Real Madrid Alfredo Di Stéfano e Emilio Santamaría, a quenes abraza Pucho Boedo. Paco Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía da súa familia) |
Segundo o investigador vigués Manuel Costas, Los Tamara chegan á cidade olívica para participar nun certame de promesas de Radio Vigo e hospédanse nunha pensión en Urzaiz, próxima ao hotel Lisboa. Despois de tocar no concurso radiofónico foron contratados para amenizar os seráns na terraza da Marquesina (posteriormente o Flamingo de Príncipe) e as noites do Real Club Náutico. Nunha ocasión, cando tocaban neste lugar, chega un trasatlántico con turistas coa sorte de que nel viña Monsieur Marly e a súa familia. Marly era un importante produtor de espectáculos residente en Mónaco e encantáralle a actuación da banda galega. Mandoulles unha tarxeta á mesa na que estaban por medio dun camareiro para que se puxeran en contacto con el. Ese encontro ía ser determinante porque Marly introduciría a Los Tamara no circuito do Norte de África, unha importante rede de actuacións para o turista e o público, fundamentalmente francés2.
O certo é que os feitos se suceden de maneira vertixinosa. Entran no circuito de actuacións do Magreb e tocan en lugares tan prestixiosos como o Casino de Orán ou o Negresco de Casabranca así como en Tánxer, facendo xiras durante tres anos seguidos por países como Marrocos, Alxeria, Tunisia ou o Líbano… e aí estaba o noso veciño, que cando integraba Los Tamara era coñecido como Francisco ou Paco Rodríguez. O alias de Pancho era para os familiares máis achegados.
Los Tamara nunha das súas viaxes. Á dereita, aplaudindo, vemos a Paco Rodríguez (Cortesía da súa familia) |
A viaxe resulta apaixoante. Polo que nos conta Fernando Fernández Rego, chámalles a atención o ambiente cosmopolita de cidades como Tánxer, que era porto franco, e unha urbe que parecía que nunca durmía, con tránsito de xente día e noite. Literalmente alucinan ao ver as bailarinas semiespidas do Casino de Tánxer. Mais, tras moitos meses actuando sen sobresaltos, todo se complica. Alxeria vivía tempos moi convulsos coa guerra de independencia contra a colonización francesa, con constantes levantamentos militares, e vense obrigados a abandonar o país ao recrudecerse os enfrontamentos do Fronte de Liberación Nacional (FLN) co poder colonial francés3.
Saen de Alxeria prácticamente co posto, nun avión da Cruz Vermella que os leva a Marsella. Marly búscalles nun par de días actuacións pola zona e teñen que realizar unha escapada a Suíza para armarse cos instrumentos necesarios. En Marsella, o cantante Germán Olariaga namórase perdidamente dunha moza corsa e marcha para Córcega da noite á mañá, abandonando o grupo. Nese mesmo día Prudencio Romo chamou ao seu amigo Pucho Boedo, que se encontraba en Madrid cos Trovadores, para ver se lles podía botar unha man. A elección de Pucho sería unha das decisións máis acertadas de Prudencio, abofé. Nun abrir e pechar de ollos o da Silva chega a Marsella e aprende todo o repertorio, aínda que ao principio as cancións en francés non lle saían, como era lóxico, e tiveron que pasar moitos temas da lingua gala para o español. Con Pucho na banda, Los Tamara ían alcanzar de pleno o recoñecemento e o lendario cantante encontraría a plataforma necesaria para acadar a trascendencia á marxe do tempo e a distancia.
De Marsella, Los Tamara foron a Suíza, Alemaña e despois á Costa Azul. A banda sempre levaba a súa terra por bandeira. A moitas das súas actuacións no estranxeiro acudían galegos emigrantes que residían nestos países. Para eles, escoitar a Los Tamara era unha forma de volver por un momento á súa terra. A emoción que sentían era enorme!
Los Tamara nunha actuación nos anos 60 na que vemos ao batería Paco Rodríguez no medio da fila superior (consellodacultura.gal) |
As xiras por toda Europa sucédense. As actuacións máis soadas son as que realizan no Sporting de Montecarlo e, sobre todo, no Olympia de París, compartindo cartel con Jacques Brel e Charles Aznavour. Ata ese momento o único artista español que pisara o Olympia fora Lola Flores. Para as xiras europeas tiñan outro cantante, ademais de Pucho, Tony Preysler, que era filipino, curmá de Isabel Preysler. Falaba seis idiomas e encargábase de cantar os temas en inglés e italiano.
É o selo francés Bel Air o que lles edita as súas primeiras gravacións, un conxunto de cinco EP que comeza con Esperanza Esperanza/ El otorrinolaringólogo/ Camino del Sahara/ Pide (Bel Air, 1962) e termina con Todo ya pasó, Joey/ El padrino lloró/ Seguir soñando/ Acurradito (Bel Air, 1963).
A súa primeira gran actuación en España foi na sala Titos, en Mallorca, onde cantaban artistas como Frank Sinatra. Naqueles primeiros anos 60 o éxito tamén era grande en cidades como Barcelona ou Madrid como así o reflexa o xornal madrileño Pueblo nun artigo no que tamén aparece a fotografía que acompañamos:
Postal promocional de Los Tamara para o selo discográfico francés Bel Air. Abaixo, á esquerda, o larachés Paco Rodríguez (consellodacultura.gal) |
“Estos son los Tamara, la orquesta, posiblemente, la mejor orquesta que ha pasado por Madrid desde hace años, y que en el “rendez-vous” del Hilton ha obtenido el espaldarazo del mejor público de Madrid. Los Tamara son todos de la dulce Galicia, y han tomado el nombre primitivo de su villa natal, Noya. Sus nombres: Prudencio Romo, Germán Olariaga, Pucho Boedo, Alberto Romo, José Sarmiento, Francisco Rodríguez y Enrique Paisal. Edad media, veintisiete años. Discos Barclay. Repertorio, 250 números. Actuaciones en Francia, Suiza, Alemania, norte de África y España. Contratos firmados hasta marzo de 1963. Los Tamara son “responsables” de los llenos diarios. Arreglos fabulosos de Romo, de los cuales el de “Exodo” es el más impresionante y logrado de cuantos puedan oír”.4
Mais, malia ao grande éxito de Los Tamara, que andando no tempo tamén ía alcanzar América do Sur, onde varias das súas cancións convertiríanse en número un, o larachés Francisco Rodríguez decide abandonar o grupo a mediados dos 60 para empezar unha nova vida en Barcelona coa súa muller Carmen e a súa filla Tita, que naquela altura tiña 9 anos.
Na Cidade Condal abre un restaurante ao que bautiza, en lembranza do tempo que botara no popular grupo, o Tamara. O restaurante venderíao posteriormente, e os novos propietarios chamáronlle Carballeira.
En Barcelona Paco Rodríguez e Carmen Deza tamén ían ser pais da súa segunda filla, Elena, que nace en 1966. Nesa época o de Cabovilaño a base de traballo, ambición e creatividade rexenta máis restaurantes, negocios que vendía cando funcionaban ben. Continúa mantendo o contacto con Los Tamara, a quen se lles atribue a gravación da primeira canción pop en galego: “Galicia terra nosa”, incluída no single Allá, allá / Galicia terra nosa / El amor/Mashed Potato Time (Zafiro, 1964), iniciando así un estilo popular enraizado na música e, sobre todo, na poesía galega, que lles daría grandes éxitos nos setenta, xunto coas súas versións dos temas máis dispares, desde Aznavour, Mikis Theodorakis e a súa Zorba o grego, Otis Redding, ata James Brown e o seu I Got You (I Feel Good), que eles versionaron co título de Soy muy feliz na cara B do famoso tema A Santiago voy (1967), e mesmo o clásico popular grego Misirlou, do que en 1994 Quentin Tarantino incluiu a versión de Dick Dale na súa película Pul Fiction.
Ao tempo que o éxito de Los Tamara chegaba a medio planeta, Paco continuaba cos seus negocios en Barcelona, onde o larachés traballou durante algún tempo co constructor galego Carlos López Conde. Posteriormente ía dirixir un complexo con piscinas e bares chamado Escala e tamén rexentou o popular Pippermint, un bar que continua aberto co mesmo nome no n.º 20 da rúa Bori i Fontestà da Cidade Condal.
Paco Rodríguez, que foi presidente de honor do Centro Galego de Barcelona, finou en maio de 1984 aos 58 anos de idade, dous anos antes da morte de Pucho Boedo e da disolución de Los Tamara. Os integrantes orixinais reuniríanse tras a morte de Pucho para gravar en 1990 o disco homenaxe Carta a un amigo con Sito Sedes á voz. A iniciativa do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (Igaem), volveron con esta formación en 2002 co CD Agora é sempre.
Case corenta anos despois da morte de Paco Rodríguez Cotelo en Barcelona, o seu espiritu continua a estar moi presente na capital catalá xa que a súa batería, a batería que tocaba con Los Tamara, está colgada no teito do restaurante La Taberna del Cura (Gran de Gràcia, 83) propiedade do seu amigo Moncho Neira. No bombo do instrumento reza: “RECUERDO DE LOS TAMARA DE PACO PARA SU AMIGO MONCHO.”
Imaxe da batería que Paco Rodríguez lle regalou ao seu amigo Moncho Neira (La Taberna del Cura) |
O empresario José Ramón Neira Pérez é o propietario do grupo Moncho's, un auténtico imperio do sector da restauración. Natural de Pol (Lugo), Neira é un daqueles galegos como o propio Paco Rodríguez que crearon excelentes restaurantes en Barcelona. En 1975 inaugurou a famosa marisquería Botafumeiro, que no seu día liderou a restauración da Cidade Condal en volume de ingresos. Actualmente ten unha quincena de negocios, sendo os máis destacados o Asador del Mar, Marina Bay, Moncho's House, The Chipirón ou a devandita Taberna del Cura que, como xa dixemos, é o lugar no que podedes ver colgada no teito a batería que o larachés Paco Rodríguez tocou con Los Tamara.
FONTES:
Baena, Ana (2021): Manuel Costas reivindica la leyenda de Los Tamara, www.atlantico.net, 18 de abril.
Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.
Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.
Souto, Xurxo (2003): Pucho Boedo: Un crooner na fin do mundo, Documental.
1 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía, Vigo, páx. 22.
2 Vid: Fernando Fernández Rego (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxia, Vigo, páx. 22.
3 Ibídem, páx. 23
4 Vid: Pueblo: Diario del trabajador nacional, Madrid, 7 de marzo de 1962, páx.14.
Moi boa crónica. Saúdos desde Barcelona
ResponderEliminar