mércores, 9 de novembro de 2022

AS CASAS DOS LEGOEIROS DE FOFELLE E PROAME (3ª PARTE)

  Chegamos ao final deste paseo polos tempos dos legoeiros da Laracha falando da casilla de Proame, na cal estivemos, grazas ás xestións realizadas por Marisa Lema, o pasado 21 de outubro coa señora Manuela Míguez Castro (Sofán, Carballo, 1931), viúva de Manuel López Mesejo, o último legoeiro de Proame.

Manuel López Mesejo, en Proame, co seu traxe de legoeiro (Cortesía da familia)

   Polo que nos contou a señora Manuela, que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio, “a casilla estaba preparada, ao igual que todas as demais, para que viviran nela dúas familias, pero aquí soamente estabamos nós. O meu home e os seus irmáns naceron todos aquí e como el era o máis vello, quedou no sitio do pai, que tamén fora legoeiro”.

   O proxenitor de Manuel, Manuel López Blanco, legoeiro de Proame antes da Guerra Civil e durante os primeiros anos da posguerra, casara con Filomena Mesejo García, que era natural do lugar do Regado, na parroquia de Cabovilaño. O matrimonio ía establecer o seu domicilio na casilla de Proame, que foi onde viñeron ao mundo os seus sete fillos. O maior, Manuel, o defunto marido da señora Manuela, nace o 4 de maio de 1928 e empeza a traballar como legoeiro de moi novo. “Cando lle tocou facer o servizo militar quedou seu irmán Che ocupando o seu sitio. Tamén tiña un tío por parte da nai, Luciano Mesejo García, que traballaba como legoeiro pola zona de San Román. Debía estar con Cambón, que era o legoeiro encargado de facer o treito dende Fofelle ata Proame. Cando Manolo quedou libre de quintas recuperou o seu posto. Casamos e aquí naceron os nosos tres fillos, Lola, Carmiña e Lolo”, recordaba a señora Manuela.

 

Filomena Mesejo García e Manuel López Blanco coa súa filla Herminia (Cortesía da familia)

   Manuel López Mesejo era o encargado de arranxar a vía ata Carballo, precisamente ata o barrio coñecido actualmente como “A Casilla”, denominado así por ser este o lugar no que estaba a casilla de Balsa. “Alí vive Carmen, que é sobriña de Balsa. Manolo ténme contado moitas veces que, na ponte que hai cerca da casilla de Carballo, había unha placa co ano da construcción das casillas de alí e desta de Proame. Manolo tamén traballaba noutras carreteras xa que era un dos que andaba co alquitrán. Levantábase ás 6 da mañán para preparalo e quentalo. Ás veces tiña que traballar dende A Coruña ata Carballo”.

   A casilla de Proame foi sempre un lugar de moita vida. Era o sitio onde moitas veces xantaban os operarios dos aserradoiros de Mariñán, do que aínda se poden ver as ruínas ao carón do domicilio dos legoeiros de Proame, e do aserradoiro de Regueira, que estaba en fronte do de Mariñán. Seica cando os empregados destos aserradoiros vían pasar ás pescas de Malpica, berrábanlle á muller do legoeiro dende o alto dos castelos das táboas:

   -Manuela, colle unha ducia de xurelos e cómpralle un molete a Paxín!

   Dito e feito. Manuela asaba os xurelos ou as sardiñas na lareira da casa e collíalle o pan aos Paxín, panadeiros da Laracha que eran irmáns de Cambón, o legoeiro de Fofelle.

   Pola tarde, despois do traballo, os obreiros destos aserradoiros botaban a partida na casilla. Naquela altura non había tabernas na zona. “Xogaban a garrafeta (unha botella de viño de 2 litros). Uns xogaban na artesa e outros na mesa redonda que teño aí no pasillo. Saían ás presas dos aserradoiros para coller esta mesa redonda… claro, estaban máis cómodos porque podían apoiar os pés nela; na artesa tiñan que xogar de lado”, contou a señora Manuela.

 

A casilla de Proame na actualidade

   Outro dos recordos que conserva a memoria desta muller é de cando a xente de Proame e doutros lugares da parroquia de Lemaio escoitaban a radio na súa casa. “A xente viña aquí a escoitar o programa 'Desfile de Estrellas', no que cantara Celsa Bolón, unha moza de Carballo que creo que ganara un ano ese concurso. A radio comprámola con algúns cartos que mandou de Montevideo meu cuñado Che e, arrimados aos que puxemos nós, poidemola comprar. Aquí viñan todos os veciños. Esta sempre foi unha casa de xente. Esa radio aínda a ten meu fillo Lolo no seu piso de Carballo.

   Andando no tempo, despois da morte de Franco e coa chegada da democracia, a casilla de Proame foi o lugar ao que acudiu a votar a veciñanza de Lemaio, unha xente que exerceu o seu dereito a voto no lugar no que hoxe a señora Manuela ten o salón da súa casa. Así aparecía o lugar da votación nos medios da época:

DISTRITO UNICO-SECCION SEXTA
Comprende la parroquia de Lemayo
Local electoral: Casa de Peones Camineros de Proame1.

   Xan Fraga conta nas súas Crónicas de Carballo que cando xa non "pateaban" os correspondentes 5.572 metros de estrada, o que coñecían como "cacho", e sobre o que, cada un, tiña responsabilidade e vixianza, os legoeiros pasarían de depender das Deputacións provinciais a ser adscritos ao Ministerio de Fomento, logo a Obras Públicas (MOPU), e posteriormente as súas competencias foron transferidas á Xunta e á consellaría correspondente. No 2001 aínda houbo unha convocatoria para "categoría 31 (peón camiñeiro) do grupo IV de persoal laboral fixo da Xunta de Galicia."

   No caso de Manuel López Mesejo traballou certo tempo con Luciano Esmorís, o constructor do Regado antes da súa xubilación. Faleceu en xuño de 1998 aos 70 anos de idade. A súa viúva, a señora Manuela, camiño dos 92 anos, segue conservando na súa memoria un feixe de anécdotas dos tempos dos legoeiros e dos aserradoiros que había nas proximidades do seu domicilio, das que daremos boa conta noutra ocasión.

 

Manuel López e Manuela Míguez nos anos 90 (Cortesía da familia)

   Rematamos cunha curiosidade sobre a casilla de Proame, que mesmo foi a redacción dunha das primeiras publicacións que se realizaron na Laracha, da cal nos falou o seu editor Kiko Arcos Areosa, mestre xubilado de Xeografía e Historia en Málaga. “Intentei facer unha gaceta na parroquia que se chamaba A Folla de Lemaio. Era un folio A3 doblado que daba para catro páxinas. Pero morreu a directora, que era quen me enviaba os artículos, e soamente se editou o primeiro número”. Kiko estaba a falar de Elena Viña Louro, que a pobre morreu no 2006 con tan só 44 anos. Elena era a muller de Lolo, o fillo máis novo da señora Manuela e do legoeiro Manuel López Mesejo. Se alguén ten un exemplar dese único número de A folla de Lemaio, por favor que nolo comunique!

  O noso agradecemento a todas as persoas que colaboraron nestas Crónicas da Laracha sobre as casas dos legoeiros de Fofelle e Proame.


FIN

______________________


1 Vid. Hoja Oficial del Lunes, 2 de abril de 1979, páx.15.

Ningún comentario:

Publicar un comentario