mércores, 2 de novembro de 2022

AS CASAS DOS LEGOEIROS DE FOFELLE E PROAME (2ª PARTE)

  Grazas a amabilidade coa que nos atendeu Miguel 'de Fofelle', fillo de Esther 'da Casilla' e neto do legoeiro José Cambón Vitureira, hai unhas semanas tivemos a oportunidade de entrar na casilla de Fofelle, que xa leva varias décadas abandonada. Ao entrar comprobamos que o edificio fora construido para que habitaran nel dúas familias, e vemos un pasillo con tres portas. Unha delas está ao fondo; dá a un terreo que os legoeiros utilizaban como horta e no que, frecuentemente, había un alpendre para gardar as ferramentas de traballo. Moitos destos peóns tamén tiñan no terreo da súa casilla a corte dos porcos, galiñeiro, etc. As outras dúas portas, unha á dereita e outra á esquerda do pasillo, abren as respectivas vivendas que ofrecen simétrica división con dous cuartos cada unha e unha cociña con lareira ao fondo.

Imaxe da casilla dos legoeiros de Fofelle nos anos 70 (Cortesía de Miguel 'de Fofelle')

   Estas casillas dos legoeiros tamén se utilizaron no seu momento como colexios electorais, como foi o caso da de Fofelle que, polo que poidemos comprobar no Boletín Oficial da Provincia, desempeñou este papel durante os primeiros anos do século pasado:

Certifico: que la Junta municipal de este término, en sesión del día de hoy, acordó designar los locales en donde han de constituirse las Mesas electorales para el próximo año de 1910, en la forma siguiente:
Primer distrito.= Sección 1ª.= Casa-escuela de Dª. María Gómez, sita en Laracha.
Sección 2ª.= Casa de D. Ramón Varela García, sita en el lugar de Bragunde, de la parroquia de Lendo.
Sección 3ª.= Casa del peón caminero, sita en el lugar de Fofelle, de la parroquia de Lestón (…)1

   Polo que nos contou Miguel, seus avós maternos, José Cambón Vitureira (Vilaño, 1904) e Manuela Marta Ramos (Cabovilaño, 1909), casaron en xaneiro de 1932 e xa foron pais de Esther nese mesmo ano. “Meu avó estudara nos xesuítas da Coruña; se cadra puido vir por aí a posibilidade de traballar como legoeiro. Miña avoa era dos Marta de Cardois. Era filla de Xosé Marta, que foi concelleiro da Laracha durante a II República. Emigrou de moi mociña ao Uruguai. Fora con súa nai e estiveran servindo na casa duns cuáqueros2 de Montevideo. Nunha ocasión, na que viñeran pasar unhas vacacións, coñeceu a meu avó e xa casaron ao pouco. Ao desposaren, viviron de alugueiro nunha casa de San Román, que foi onde naceu miña nai en 1932. Cando mamá tiña 6 ou 7 anos, deixaron San Román e viñeron para a casilla de Fofelle, polo que eu calculo que meu avó empezou a traballar como peón camiñeiro ao acabar a Guerra Civil. Descoñezo quen era o legoeiro que había antes alí”. 

 

Imaxe do legoeiro José Cambón Vitureira (Cortesía do seu neto Miguel 'de Fofelle')

   Na casilla de Fofelle, Manuela Marta e o legoeiro José Cambón, que era irmán de Ramón e Manolo, panadeiros coñecidos como os de 'Paxín', ían ser pais de Susa, Carlos e Carme, os outros tres fillos do matrimonio.

   É certo que os legoeiros tiñan o grao máis baixo na cualificación profesional do mundo das infraestructuras viarias, mais abofé que tiveron unha vida peculiar. De feito, como conta Xan Fraga nas súas Crónicas de Carballo3, ata o artista galego Carlos O Xestal rendíralles unha pequena homenaxe ao realizar unha gravación en 1962 (Ep. Hispavox) titulada "Música y cuentos gallegos", onde ten un tema titulado "O peón camiñeiro".

  José Cambón era o legoeiro encargado de arranxar o treito que vai dende Fofelle ata Proame, ata a casilla na que residía Manuel López Mesejo, de quen falaremos a vindeira semana. Segundo o seu neto Miguel, José foi o primeiro veciño da zona que tivo un aparato de radio. “Polo que me ten contado miña nai, a xente ía á casa dos avós a escoitar na cociña, ao carón do lume da lareira, as noticias e programas de música como 'Desfile de Estrellas', un concurso que emitía Radio Nacional.”

   Cambón, o derradeiro legoeiro de Fofelle, finou en decembro de 1964 aos 60 anos de idade. A súa viúva e os seus fillos ían seguir residindo na casilla ata que a emigración, ou a crueldade do destino, se cruzaron no seu camiño. Susa fixo a maleta rumbo a Alemaña, país no que coñeceu a Werner Harmann, un mozo teutón co que creou a súa propia familia. Esther casou co peisaqués Julio Vázquez e, ao pouco de nacer o seu fillo Miguel (que veu ao mundo na casilla de Fofelle), emigraron primeiramente a País de Gales e despois a Londres, cidade na que botaron varias décadas antes de retornar e establecer o seu domicilio en Paiosaco. Carmen, a máis nova dos catro fillos do legoeiro e de Manuela Marta, morreu vítima dun accidente de tráfico cando era unha moza. “A miña tía atropelouna un coche cando ía para unha horta que tiñamos ao outro lado da estrada, entre a casilla e a casa do Zapateiro, que está antes da pista que baixa para a igrexa de Lestón. Carme tería 21 anos. Eu era moi pequeno e apenas me acordo dela”, lembraba Miguel.

 

Carlos e Susa na casilla de Fofelle (Cortesía de Miguel 'de Fofelle')

   O destino quixo que Carlos falecera nos anos oitenta do mesmo xeito que súa irmá Carme. O pobre xa sufrira un atropelo en 1971, accidente do que se facía eco La Voz de Galicia por aqueles días:

HERIDO AL SER ALCANZADO POR UNA FURGONETA
A las once y media de la mañana de ayer, en el lugar de Laracha, una furgoneta «D.K.W.» matrícula LU-14.154, conducida por Mario García Riveira, vecino de Lugo, atropelló a José Carlos Cambón Marta, de 33 años4.

   Carlos era un dos barbeiros laracheses da época. Aínda hai quen o recorda cortando o pelo na casilla de Fofelle. Seica a súa clientela era, principalmente, das parroquias de Lestón e de Torás, clientes aos que lles cobraba 25 pesetas polo corte. O seu sobriño Miguel contounos que morreu en 1984 cando tiña 47 anos. “Atropelouno un coche onde estaba a granxa de Corzo, en Larín, cerca da Parrillada Cabanas. Ingresou no hospital e botou varias semanas moi grave ata que finalmente morreu alí. Non me acordo do tempo exacto que estivo ingresado, pero foron varias semanas. Eu viñera ao seu enterro dende Londres”.

   A casilla de Fofelle continuo con vida ata finais de 1989, que foi cando faleceu, aos 80 anos de idade, a señora Manuela Marta Ramos, a viúva do legoeiro José Cambón Vitureira.

 

A  señora Manuela coas súas fillas Esther-no centro- e Susa na lareira da casilla de Fofelle (Cortesía de Miguel 'de Fofelle')

   Teño que confesar que cando vexo unha casilla, deixome levar pola imaxinación e penso que algún día escribirei un conto sobre un deses antigos legoeiros como personaxe principal. Trataría dun peón que, na súa zona de traballo, gozaba de ilimitado prestixio porque o saudaban coa man, ao pasar, todos os condutores dos coches de liña. Ou mesmo porque un enxeñeiro lle confiaba as misións máis difíciles, distinguíndoo co seu particular afecto, segundo pregoaba incansablemente o legoeiro. Nun dos capítulos faríao entrar altivamente na taberna da aldea, lucindo nos galóns vermellos da súa viseira -coma se fose un sol cegante- esa chispiña de autoridade que lle concedían os poderes públicos. E ata pode ser -todo dependerá do meu humor do momento- que o una en matrimonial enlace con algunha alta dama, que o legoeiro salvara en calquera sinistro acontecido no hectómetro sete do quilómetro cincuenta e cinco.

   Quen sabe? Se cadra algún día escribo ese conto. Polo de agora quedades citados para a vindeira semana na que falaremos, nestas Crónicas da Laracha, dos legoeiros de Proame.


(CONTINUARÁ...)


_______________________

1 Boletín Oficial da Provincia, 7 de decembro de 1909, páx. 6.

2 Os cuáqueros son membros dunha seita protestante fundada en Inglaterra no século XVII por George Fox, que se caracteriza polo gran rigor moral, o rexeitamento dos sacramentos e a xerarquía eclesiástica.

3 Vid. Xan M. Fraga Rodríguez (2012): Crónicas de Carballo IV, A.C. Lumieira, Carballo, páx. 100.

4 Vid. La Voz de Galicia, 15 de agosto de 1971, páx. 4.

Ningún comentario:

Publicar un comentario