mércores, 23 de novembro de 2022

PLÁCIDO RODRÍGUEZ, UN DOS GRANDES BATERÍAS DA BISBARRA NA DÉCADA DOS 50

  O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para Plácido Rodríguez Cotelo, un dos grandes baterías da bisbarra durante os anos 50 e os primeiros 60 do século pasado.

  Plácido nace en 1932 na parroquia larachesa de Cabovilaño e era un dos sete fillos de Ramón Rodríguez Ríos e Purificación Cotelo Becerra, zoqueiros de profesión. Despois da Guerra os Rodríguez Cotelo abandonan a súa Laracha natal e establecen o seu domicilio en Arteixo, primeiramente en Pastoriza, e sobre o ano 1944 en Meicende, lugar no que continua residindo o noso homenaxeado.

  Xunto a seu irmán Paco, o batería de 'Los Tamara' do que falamos a semana pasada, Plácido estuda solfexo na academia que o mestre Luís Brage tiña na rúa San Andrés da Coruña. Con 16 anos convértese no percusionista da Jazz Melody, unha banda na que o de Cabovilaño permanece varios anos.

 

Plácido Rodríguez tocando a batería coa orquestra Jazz Melody (Cortesía de Plácido Rodríguez)

   Por aqueles días moitos músicos actuaban con diferentes formacións ao mesmo tempo, aproveitando as oportunidades que saían de traballar e facer uns pesiños. Iso de 'fichar' nunha orquestra non ía por contrato, se non por concertos e compromisos. Así foi como Plácido tocou, entre outras, coa banda de Luciano Pazos, 'O Pontevedra de Oseiro', da que formaban parte dous músicos da Laracha: Carmen Mallo, 'A Maricaina' e Segismundo Regueiro, 'Segís'. Plácido Rodríguez Cotelo recorda que “coa orquestra do Pontevedra tocabamos moito pola parte da Laracha, na miña terra de nacemento, e por iso ás veces durmía en Gabenlle, na casa do meu amigo Segís. Moi boa persoa, por certo. Tamén toquei con Carme 'A Maricaina' en Erboedo”.

   En 1950 entra a formar parte da Orquesta X, que andando no tempo ía cambiar a súa denominación, pasando a chamarse Orquesta Radio.

 

Plácido Rodríguez, de brazos abertos no centro da imaxe, coa Orquesta X en 1950 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Un ano máis tarde, Plácido convértese no batería de Los Capitanes, unha orquestra de Sada moi popular na súa época que fora fundada polos irmáns Manolo e Emilio Capitán, músicos de Mondego. Los Capitanes actuaban moito en locais como La Terraza, o edificio modernista de Sada, ou no Salón Moderno, lugar que albergara o Consistorio municipal e que moitos anos despois convertiríase na Discoteca Baroke.

 

Plácido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Los Capitantes en 1951 (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Nesa altura a voz dun mozo da Ramalleira, entre a Silva e o Ventorrillo, namoraba a toda a cidade da Coruña e a boa parte da provincia. Falamos de Pucho Boedo, persoeiro ao que lle saíran varias 'noivas' ao mesmo tempo despois de triunfar de moi noviño nun concurso radiofónico. O caso é que Pucho canta en varias orquestras como a Eslava, a Spallant, Ubierna, os Mallos de Feáns, Los Capitanes ou a Oriente antes de que o chamara o director Alfonso Saavedra para ser o animador de Los Trovadores. A formación desta orquestra e a incorporación do crooner da Ramalleira deberon estar próximas no tempo, probablemente entre 1952 e 1953, tal e como figura nas fotografías cedidas por Plácido Rodríguez, que nos recordou que “cando eu estaba nos Capitanes de Sada foime buscar Saavedra para ser o batería principal de Pucho Boedo y sus Trovadores. Eu son un dos fundadores desta orquesta”.

 

Unha das primeiras imaxes da orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido Rodríguez é o primeiro pola esquerda da fila superior (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Arriba, Pácido tocando a batería (Cortesía de Plácido Rodríguez)

'Pucho Boedo y sus Trovadores'. Plácido é o primeiro pola dereita da fila do medio (Cortesía de Plácido Rodríguez)

Plácido tocando a batería coa orquestra 'Pucho Boedo y sus Trovadores' que dirixe Alfonso Saavedra (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    O larachés ía permanecer durante algo máis dun ano na orquestra dirixida por Saavedra e capitaneada polo animador Pucho Boedo, ata que pasou a integrar a Orfeo. “Meu irmán Pancho fora o batería desta orquesta durante bastante tempo. Ao marchar para Vigo, para tocar con Los Tamara, quedei eu no seu sitio. Eulogio Gestal, o do Mesón de Pastoriza, e seu irmán Pepe tocaron comigo na Orfeo. Polo inverno actuabamos na Parrilla do Hotel Embajador e nos veráns iamos para o Finisterre e para A Solana”.

  Plácido casa en 1955 con Finita Gómez Longueira, veciña de Meicende (filla dos do ultramarinos Casa Cuña) coa que tería dúas fillas, Gloria e Montserrat. Ao tempo que toca a batería coa Orfeo, o de Cabovilaño fai o propio na orquestra Sintonía da Coruña, na que permanece aproximadamente ata 1958, que foi cando se converteu nun dos integrantes de Los Celtas de España.

 

Placido Rodríguez tocando a caixa coa orquestra Sintonía da Coruña nunha festa celebrada en Pastoriza (Cortesía de Plácido Rodríguez)

    Os Celtas formáraos o director José María Velasco, 'Chemari', de quen Xurxo Souto escribe nos seus Contos da Coruña que “marchara, a principios dos cincuenta, a estudar canto a Madrid. Deseguido enrolouse como tenor nunha compañía de zarzuela e mesmo chegou a gravar algunha película musical. De volta á Coruña formou un grupo que -aproveitando os seus contactos cos representantes- axiña comezou a saír polo mundo co sonoro nome de Los Celtas de España (1).

  Seguindo a mesma tendencia que a sociedade galega, as orquestras proban sorte fora de Galicia. Aquí non podían tocar todo o ano. Cos rigores da ditadura, o cardeal Quiroga Palacios prohibira “aos músicos de toda arquidiciose tocar non só en Semana Santa, senón durante toda a Coresma. Moito tempo de vacacións forzosas para a economía de calquera traballadador(2).

  Este fenómeno ía adquirir notable importancia e repercusión tanto artística como económica, e moitas das nosas orquestras terían grande aceptación, entre elas os Celtas do noso prezado Plácido Rodríguez Cotelo que recordaba que “ toquei varios anos con esta orquesta e viaxei moito con eles. Recordo especialmente as actuacións en Alemaña. Alí tocamos en Heildelberg, que está cerca da fronteira con Francia; en Holf e en Munich”.

 

Plácido Rodríguez, a quen vemos debaixo da batería, na súa etapa cos Celtas (Cortesía de Plácido Rodríguez)

  Os Celtas ía ser a última orquestra na que tocou o noso protagonista, que deixou a música nos primeiros anos 60 para traballar na refinería de Meicende, onde gañou a vida ata a súa xubilación.

   O noso agradecemento a Plácido Rodríguez e a súa familia pola atención e amabilidade coa que recibiron a quen escribe no seu domicilio de Meicende (a antiga Casa Cuña) o pasado 7 de novembro. Grazas tamén a Sergio Naya, por facer posible esta viaxe no tempo, e a Pedro Lamas e Xurxo Souto polos vosos apuntamentos!

 

Plácido Rodríguez e Xabier Maceiras na antiga Casa Cuña de Meicende en novembro de 2022 (Foto de José Bea)

 

FONTES:

-Cuns Lousa, Xulio & Veiga Ferreira, Xosé M.ª (2006): Orquestras populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

-Fernández Rego, Fernando (2019): Unha historia da música en Galicia. 1952-2018, Editorial Galaxía.

-Souto, Xurxo (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo.

______________ 

1.- Vid. Xurxo Souto (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo, páx. 147.

2.-  Ibídem, páx. 145.

Ningún comentario:

Publicar un comentario