xoves, 28 de xullo de 2022

A VIRXE E A CAPELA DE SANTA MARTA

  Cada 29 de xullo a igrexa universal recorda a figura de Santa Marta de Betania, irmá de María e Lázaro, amigos e discípulos de Xesús. Patroa dos imposibles, do fogar, das cociñeiras, amas de casa, serventas, casas de hóspedes e lavandeiras, todas asociadas co seu papel nas historias da Biblia, donde se mostra como unha muller verdadeiramente servizal.

   Conta a tradición que Marta de Betania e a súa familia abandonaron a súa casa con rumbo a Occidente e recalaron na costa mediterránea do que hoxe é Francia, donde anuncia a doutrina de Cristo pola baixa Provenza e se rexistran os seus primeiros milagres, entre eles devolver a vida a un náufrago e someter a un dragón que devoraba aos habitantes daqueles paraxes.

   A súa devoción puido chegar a Galicia con algunha das ordes relixiosas que penetraron a través do camiño Xacobeo francés na Idade Media, dada a pegada dalgunhas como a orde cisterciense, mais isto son meras hipóteses de quen escribe.

   O caso é que na Laracha temos a virxe e a capela de Santa Marta, da que non dispoñemos de datos sobre a súa fundación no cume do monte que leva o seu nome e que en tempos remotos foi, con certeza, lugar de culto dos habitantes destas terras. 

 

Imaxe de Santa Marta na igrexa de San Pedro de Soandres

  Todo o territorio está afectado por pegadas de cristianización de espazos pagáns. Onde non chegaba unha igrexa, erguíase unha capela e este puido ser o caso da de Santa Marta. Segundo as informacións de Gumersindo García Gómez, o prezado e admirado historiador de Soandres, ao nacente da ladeira deste monte, aínda existe, ao presente, o lugar chamado Mallou. José Verea Aguiar (Historia de Galicia, 1838) afirma que os primitivos poboadores da Gallaecia denominaban Mallou ao sitio onde se xuntaban para celebrar os seus ritos relixiosos, e asegura que non estaba permitido achegarse alí, sen a presentación da pertinente súplica e ofrenda.”1

  Aínda queda xente que oiu falar da 'pedra das ovellas' que había nesta zona, malia que agora non se coñece o seu paradoiro. “Dín que alí agochada, está 'a pedra que ten debuxada unha pata de carneiro' e que ofrecen cen mil pesetas a quen atope (se cadra, trataríase dun petróglifo, xa que esta doadamente podería ser unha área sacra prerromana -como Soandres- e a ermida semella emprazada enriba dun castro. Preto dalí, en Silvoso, vése a escavación dunha mámoa: o Forno dos Mouros).”2

   A tradición falaba, ademais, da existencia no monte de Santa Marta dunha fonte con propiedades curativas para a xente, mais tamén para os animais. Unha lenda contaba que as vacas que bebían naquel manancial producían máis leite.

 

Ruínas da capela de Santa Marta

  Outra das lendas deste sobranceiro lugar da nosa bisbarra é a que publicou o académico Leandro Carré Alvarellos, unha lenda que no seu momento recollera a escritora Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Larín entre 1952 e 1967, e que di así:

Din os máis vellos, que un día, hai moitísimos anos, as xentes destos lugares viron como facían aquí unha capela uns homes altos e fortes. Chamábanlles xentís, mais se cadra querían dicir xigantes porque tamén chaman así a esos homes e mulleres de cartón que aínda saen nalgunhas romarías e festas de certas cidades. Dicíase que aqueles homes tiñan unha forza condenada. Tiraban un martelo dende aquí (dende a capela de San Roque de Larín) e chegaba ata a capela de aquel outro monte que está fronte a nós. 
-¿Ves alí unha capela branca? É a capela da Estrela de Monteagudo. Case ao mesmo tempo que esta (a de San Roque de Larín), apareceu tamén aquela, e a outra de Soandres, que é a de Santa Marta. Esta queda tan alta, que para vela dende o chan hai que erguer a cabeza como para mirar a alta cheminea dunha fábrica.
Dende as tres capelas domínase o mar e os vales como se poden ver dende un avión. Mais a desta cume donde estamos hai moitísimo tempo que desapareceu, non sei se levada polo vento ou polo abandono dos labregos que non a repararon. Dela deben ser estas pedras que se ven esparexidas por aquí”.3

    Dende finais do século XVI xa contamos coa documentación que nos informa da necesidade da reparación da ermida de Santa Marta, o que vén a indicar que a súa construcción remóntase a unha época anterior. Polo que nos conta o Instituto de Estudos Bergantiñáns en O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños4, durante ese mesmo século esta santa gozaba dunha intensa devoción, manifestada nas abundantes doazóns que veciños da contorna deixaban en herdanza nos seus testamentos para renderlle culto a Santa Marta, unha das “irmás santas” da Ribeira Alta do Anllóns, xunto coa Estrela de Monteagudo e a Santa Locaia de Loureda, ámbalas dúas en Arteixo.

   Grazas unha vez máis ás investigacións de Gumersindo García Gómez, sabemos que en xullo de 1588 o Licenciado Gutiérrez ordenou que a ermida estivese ben reparada con porta, pechadura e chave, nun prazo de dous meses, ou pena de excomuñón maior e pago de catro ducados.

 

Ruínas da capela de Santa Marta

   O 25 de abril de 1604, frei Francisco de Vera, bispo de Medauro, deixa memoria de que Afonso do Barral, veciño de Coiro, outorgara a manda de catro misas ao ano, cargadas sobre o lugar que traballaba o seu fillo Sancho do Barral, en Trixezo (parroquia de Soandres), e que habían de dicir na ermida de Santa Marta o día da romaría.

   Durante a visita que o cardeal Jerónimo del Hoyo realiza a esta zona no verán de 1613 deixou escrito o seguinte sobre a devandita capela:

Hermita de Santa Marta. Otrosí prosiguiendo la dicha visita, visitó la hermita de Santa Marta que está en un monte alto, y la halló mal reparada. Mandó su merced que a costa de la limosna que se ofrece en ella se repare la persona que la lleva, retejándola de manera que no llueva y caleandola toda por dentro y a la Capilla Mayor pongan una reja para que no se entren en ella dormir ninguna persona, y ansimismo la dicha hermita tenga buena puerta y la tengan siempre cerrada porque no entre el ganado dentro y pinsen la imagen de Santa Marta, y entierren el cristo viejo por estar ya muy indicente y se aga una peana para el pie del altar, lo cual cumpla el rector so pena de descomunión mayor, y no llegando la dicha limosna encargo a los vecinos de la dicha feligresía y tierra ayuden a la dicha obra y lo firmo”.

   Outra referencia á ermida foi a que fixo o 20 de maio de 1630 o Padre Prior do Convento de Soandres, frei Miguel de Herrera:

La hermita de Santa Marta rinde en dinero y trigo diez o doce ducados en la cuaresma. Dícese en ella todos los lunes de cuaresma, misa y día de las Letanías Mayores y día de Santa Marta y a costa desta limosna se repara. En esta ermita se dice misa el día de su nombre, pagan la misa al rector y danle de comer”.

   Seguindo sempre coas informacións do historiador Gumersindo García Gómez5, sabemos que o 18 de xuño de 1634 aparece a primeira referencia acerca das procesións que se facían nesta ermida. O visitador don Juan de Tilleira y Basterrica apunta:

Mandó su merced que por cuanto es informado que las procesiones de el día de las Letanías que se ba a Santa Marta hermita desta feligresía, ba poca gente y lo mismo a otras que se hacen entre año, que el Padre Cura les avise el día de fiesta precedente y al que no viniere le condene”.

   Polas noticias que nos achega o visitador Sebastián de Alcaraeta a mediados do século XVII, a ermida de Santa Marta debía estar case en ruínas:

La capilla está muy mal reparada y descubierta sen texa, y el arco muy apartado del texado con muy malas bigas, de suerte que amenaza ruynas(...)”.

    Sabemos que a capela aínda estaba en pé en 1752. Cando se realizou o interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada nese ano, a resposta da terceira pregunta sobre o territorio que ocupaba a parroquia de Coiro foi a seguinte:

(…) Demárcase dicha feligresía, principiando en la capilla de Santa Marta y sigue por la fuente de la Cruz a la piedra que llaman Vico, desde allí por el Puerto do Cabaleiro al marco de Toural de arriba y corre por el Río pequeño abajo, hasta la piedra de Malate, desde los cuales corre por el marco de Longra al puerto da Fraga, pasa al petón hasta la capilla de Santa Marta, primera demarcación.”6

   E na mesma pregunta sobre a parroquia de Soandres do devandito interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada dise que:

(…) de este al lugar de Lourenceira. De aquí sube al Camino de Reverente ya referido y a los Lavadoiros, y pasando por la fuente do Seixo, y Capilla de Santa Marta, al Mojón da Pedrousa, de allí a la fuente da Bouza do Río, y cruzando este, sube a la Piedra Bieiteira, y a la fuente do Canle (...)7

  En 1820, setenta anos despois de realizarse o popular Catastro, a veciñanza da contorna puido observar a un grupo de forasteiros que portaban nas cabalerías trebellos que parecían doutro mundo. Un deles non deixaba de facer medicións e de tomar apuntes nos seus cadernos. Era Domingo Fontán Rodríguez (1788-1866), ilustrado, matemático, político e xeógrafo coñecido por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia. No seu magnífico traballo cartográfico Fontán, que en 1834 ía ser nomeado Director do Observatorio Astronómico de Madrid, anota: “Santa Marta 526 m. sobre el nivel del mar”.

 

Mapa de Domingo Fontán

    Na romaría de Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra), calificada como a máis antiga das romarías galegas polo seu arraigamento e tradición, os fregueses entoan pregarias como estas:

Virxen Santa Marta,

reina de la gloria,

todo el que se ofrece,

sale con victoria.”

 

Virxen Santa Marta,

estrela do norte,

que lle deu a vida

ó que estivo á morte”

    Oracións de súplica que seguramente tamén se entoaban na larachesa capela de Santa Marta antes dos derradeiros anos do século XIX, ou a comezos do XX, que foi cando este sacro recinto foi caendo no esquecemento e a imaxe pétrea da Santa alí existente, unha virxe con atributos de ama de casa, se trasladou á igrexa parroquial de San Pedro de Soandres. Conta a lenda que posta a Santa no carro de bois, os animais colleron camiño cara Soandres, seguramente o máis dereito e doado de todos!

    No templo beneditino continuouse practicando culto a Santa Marta e cada ano celébrase ao pé do santuario unha romaría para honrar esta antiga imaxe de pedra policromada, de feitura rústica. O día da festividade os devotos ofrécenlle á Santa, avogosa dos problemas auditivos, aceite de oliva que utilizan, despois de ser bendicido, para a dor de oídos.

    Polo que ouviran os máis vellos da parroquia de Soandres aos seus maiores, seica en tempos pasados era costume que a Santa Marta saíra en procesión. Para isto parece ser que escollían aos homes máis robustos do lugar, os únicos que eran quen de soportar o seu gran peso. Tiveron que pasar moitos anos para que a santa volvera a saír en procesión, suceso memorable que non se volvería a repetir e que Gumersindo García Gómez conta así:

Foi o propio día da romaría, luns 29 de xullo de 1991, cando ao remate da misa solemne, tivo lugar a tradicional procesión. Por vez primeira en moitos anos, e a derradeira ata o presente, a imaxen petrea de Santa Marta presidiu a cometiva relixiosa. Unha vella fotografía delata a José Manuel Iglesias do Villamir e Benigno Domínguez de Condesuso como dous dos seus porteadores.”8
Cortesía de Gumersindo García Gómez

   Catro anos máis tarde, noutro histórico feito, as ruínas da capela de Santa Marta convertíanse nunha improvisada igrexa á que acudiron centos de veciños da bisbarra. Gumersindo García, un dos promotores da iniciativa, rememora o acontecido naqueles días do seguinte xeito:

No verán do ano 1995 xurde a idea de facer unha sardiñada nas ruínas de Santa Marta. O concelleiro José Manuel Iglesias é un entusiasta do proxecto. David Riveiro de Bocixa e eu mesmo colaboramos e puxemos da nosa parte o que poidemos. Moitos de vós colaborastes xenerosamente co voso traballo e aportación económica. O Concello da Laracha ocupouse dos traballos de limpeza das ruínas da ermida e o acondicionamento de todo o entorno. En toda obra sempre aparecen tropezos, pero aquí estaba o concelleiro Manolo, arranxando canto estaba na súa man. Unha das maiores dificultades foron os accesos a este lugar. O tempo fixera desaparecer camiños. Pero houbo dous homes, da casta dos bos e xenerosos, que donaron o terreo preciso, para abrir os camiños que nos permiten acceder comodamente a este fermoso paraxe. A memoria dos agradecidos non deixarán esquecer os seus nomes: Ricardo Verdía de Barbacán e José Abeleira da Tapia. Como lembraredes, o festexo celebrouse na tarde do domingo 6 de agosto de 1995. Houbo misa ás seis da tarde, sardiñas, pan e viño e moita festa. Nunca tal viran os vivos desta veciñanza. Aquela foi a primeira xuntanza, e logo viñéronse celebrando cada ano. Pasaron máis dunha ducia de anos, e case se pode afirmar, que xa é arraigada tradición, acudir un domingo do mes de agosto.”9

    Xa para rematar, parécenos de interese comentar que, con motivo da celebración do Xacobeo de 1999, a Xunta de Galicia, en colaboración co arcebispado de Santiago, organizou unha magna exposición, entre o 27 de maio e o 31 de decembro dese ano, no mosteiro de San Martín Pinario de Compostela. Unha das pezas expostas foi a imaxe pétrea de Santa Marta. A ficha descritiva informaba:

Santa Marta. Anónimo. Fins do século XVII. Pedra policromada. 63X33x24 cm. Procedente da ermida de Santa Marta de Soandres, A Laracha (A Coruña).
É unha imaxe de pedra que representa a Santa Marta, irmá de Lázaro e María. Situada no retablo lateral da igrexa de Soandres, que se encontraba baixo a protección do antigo priorado beneditino.
Iconograficamente está caracterizada polos atributos cos que se representa tradicionalmente no Evanxeo, coa súa dedicación aos traballos do fogar, de aí que na man esquerda leve o floreiro e coa dereita suxeita un cesto, ámbolos dous, aparellos domésticos que ela utiliza.
Esta imaxe é unha representación frontal e hierática, carente de movemento, coa disposición dos pés á mesma altura. As roupas non deixan entrever ningún trazo anatómico do corpo. O seu rostro e hieratismo acusan factura artesanal.”
Imaxe de Santa Marta na igrexa de San Pedro de Soandres

   Amigos e amigas, a festa de Santa Marta é o 29 de xullo e por iso díse “o aire de Santa Marta”, é dicir, o vento que sopra nos derradeiros días deste mes co que vos animo a cantar:

Hei de ir a Santa Marta

a Santa Marta hei de ir,

a ver a capela da Estrela

e a de San Roque de Larín.

 

Hei de ir a Santa Marta

a Santa Marta hei de ir,

a beber na fonte santa

e o son do ar alí sentir.

 

Hei de ir a Santa Marta

en Santa Marta hei de estar.

E verei o solpor no mar

co aturuxo deste cantar.

 

(Xabier Maceiras, 2022)



FONTES:

ALONSO OTERO, MARÍA LEONOR & GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS ANTONIO (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.

AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña.

CABEZA QUILES, FERNANDO & DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO & FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X. & GARCÍA LOSADA, ANTÓN & GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns.

CARRÉ ALVARELLOS, LEANDRO (2001): Las leyendas tradicionales gallegas, La Voz de Galicia.

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

_____________________

1 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

2 MARÍA LEONOR ALONSO OTERO & LUÍS ANTONIO GIADÁS ÁLVARES (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña, páx. 54.

3 LEANDRO CARRÉ ALVARELLOS (2001): Las leyendas tradicionales gallegas, La Voz de Galicia, páx. 55.

4 FERNANDO CABEZA QUILES & EVARISTO DOMÍNGUEZ RIAL & XAN X. FERNÁNDEZ CARRERA & ANTÓN GARCÍA LOSADA & LUÍS A. GIADÁS ÁLVAREZ (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 76.

5 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

6 MARCOS EMILIO AMADO CASDELO (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, pp.. 63 e 64.

7 Ibídem, páx. 143.

8 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.

9 Ibídem.

mércores, 20 de xullo de 2022

MELCHOR RODO, UNHA DAS GRANDES VOCES DE BERGANTIÑOS

  Unha das grandes voces da comarca de Bergantiños e de toda a xeografía galega foi, sen nengún xénero de dúbidas, Melchor Rodo Fraga, artista cun currículo musical extraordinario do que falamos deseguido.

Melchor Rodo (La Voz de Galicia, 8 de xaneiro de 1983)

   O noso protagonista é o máis novo dos tres fillos que tiveron Segundo e Felisa, matrimonio que abandonara Montemaior por motivos laborais para residir no Niño. Neste lugar da parroquia de Soandres ía vir ao mundo Melchor o 4 de xaneiro de 1956 nunha casa xa desaparecida situada a poucos metros da que Gumersindo Amor tivera o salón de baile nomeado neste libro. José e Jesús, os seus irmáns maiores, naceran en Montemaior.

   Nesa vivenda do lugar do Niño, Melchor pasa boa parte da súa infancia. Cando era moi cativo, mesmo os paxariños deixaban de voar para escoitar a súa voz prodixiosa mentres imitaba aos cantantes de moda da época. O historiador larachés Gumersindo García Gómez recorda que seu padriño, Gumersindo 'do Niño', que finou en xaneiro de 1960, “dáballe unha peseta a Melchor para que cantase. Daquela tiña algo de vergoña e facía a súa actuación fóra da vista da xente. Moitos aínda o lembramos cantando “A Salvaora” e asistindo á escola do Convento”.

   Tamén hai quen recorda ao rapaz espetando unha vara no chan cunha mazá na punta que, nun alarde de creatividade, convertía no micrófono dos seus xogos imaxinando que era o animador dunha orquestra. Nesa altura seica cantara nalgunha ocasión na 'Pachanga', o popular salón que Gerardo Amor tiña no lugar de A Veiga, moi preto do río Anllóns.

   O futuro artista viviu no Niño ata mediados dos anos sesenta, que foi cando o pai e os irmáns emigraron a Suíza. A familia axiña mercou unha casa en Lendoiro (Cecebre, Cambre) na que Melchor, que quedara aquí con súa nai Felisa, pasou a súa adolescencia soñando con ser cantante. O soño non ía tardar en cumprirse.

   En 1973, cando tiña 17 anos, traballaba de camareiro no Hotel Atlántico. Nunha ocasión o xefe de persoal, entusiasmado co xeito de cantar do larachés, presentoulle a Antonio e Daniel Mallo, da Orquestra Mallo. A lendaria banda de Feáns, que tantas veces tocara nos bailes e nos salóns da Laracha, estaba naquela hora sen vocalista. Melchor fixo unha proba con eles. Antonio e Daniel quedaron abraiados e, a partir de aí, toda a vida do mozo de Soandres ía ser cantar!

   Rodo, cun tipo de voz forte ao estilo Nino Bravo ou José Luís Rodríguez 'El Puma', estivo na Orquestra Mallo unha tempada. Logo pasou a 'Los Key' e posteriormente estaría tres ou catro anos con 'Los Satélites', orquestras coas que, segundo nos recordou Manolo Pazos, actuou en varias ocasións na Discotecas Pazos da Laracha na que seu irmán Pepe e súa cuñada Merche traballaron moitos anos.

   Dende os seus primeiros tempos nas orquestras sempre se deixou levar polo público e pronto empezou a cantar coplas e pasodobres. Sentíase cómodo nese estilo. Hai unha canción de Manolo Caracol que se non a cantaba ao principio da actuación cantábaa ao final: a Salvaora, o mesmo tema que interpretaba de moi cativo en Soandres coa sua voz prodixiosa con aquel micrófono formado por unha vara cunha mazá na punta.

   Trala súa etapa con 'Los Key' e 'Los Satélites', Melchor formou parte dos grupos Foliada e Xente Nova. Precisamente, sendo integrante desta ultima banda, foi cando lle xurdiu a oportunidade de presentarse a concursar no programa de Televisión Española “Gente Joven”, unha especie de “Operación Triunfo” da época donde coincidiu con María del Monte. 


Melchor Rodo, cuarto pola esquerda, con Foliada (www.youtube.com)

    ”Foi por medio dun amigo meu, que me animou e me falou das normas do programa. Había que facer unha proba en Santiago, para seleccionar aos participantes de toda Galicia. Na miña especialidade, canción lixeira, presentámonos uns trinta. Ao final quedamos clasificados catro ou cinco galegos, e de toda España entre vinte e trinta. Excepto na primeira fase, que quedei de segundo tras Lolo Castro, de Lugo, sempre estiven á cabeza. As eliminatorias celebráronse sempre nos estudios de Prado del Rey, agás algún programa especial. En concreto, eu gravei unha semifinal en Astorga.1

    A fase final do devandito concurso, celebrouse en Ceuta o 16 de decembro de 1982 e tivo clara cor galega xa que o terceiro clasificado foi, con 98 puntos, o lucense Lolo Castro; segundo, con 105 puntos quedou o coruñés Alfonso Deus; e primeiro, con 109 puntos, Melchor Rodo, que recibiu o trofeo do programa e un premio en metálico de 250.000 pesetas da época. Televisión Española ía retransmitir a fase final de “Gente Joven” en diferido ás once e media da mañán do domingo 9 de xaneiro de 1983, un día que na Laracha aínda se recorda con especial nostalxia e coa natural fachenda de que un dos seus veciños gañara aquel concurso. Cousas do destino (e da xenética) moitos anos despois, unha sobriña de Melchor, Raquel Rodo García, estaría a piques de igualar a xesta de seu tío. Filla de seu irmán Jesús e de María, unha emigrante de Castriz, Santa Comba, Raquel Rodo, quedou subcampioa no 2009 da versión suíza de Operación Triunfo.

    Sobre a vitoria de Melchor en “Gente Joven”, o gran Sito Sedes ten comentado nalgunha ocasión que a vida musical foi un pouco inxusta co de Soandres: “si nese momento tivera a alguén en Madrid que apostara por el, hoxe tería a súa compañía de discos e estaría na primeira liña a nivel nacional.2

    Gran admirador de Frank Sinatra e Tom Jones, tralo éxito no concurso televisivo Melchor regresa a 'Los Satélites' onde permanece cinco anos. Posteriormente volve, tamén por segunda vez, a 'Los Key', orquestra na que canta durante case tres lustros antes de integrar, durante catro ou cinco anos, a Gran Orquesta Montes.  

 

'Los Key' nunha actuación en Arteixo nos anos 80 (Cortesía de Fina Sanjurjo)

   Sobre o ano 2002, funda xunto a Enrique e Suso, dous músicos de grande experiencia, o Trío Noroeste, grupo co que realiza durante máis de quince anos eventos musicais por toda a xeografía galega pero xa de xeito máis familiar.

 

Melchor Rodo en 2017 (www.mundiario.com)

 

FONTES:

GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2008): Melchor Rodo Fraga. Revista Festas Parroquiais Soandres.

GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2009): Una emigrante gallega opta a la victoria en la «Operación Triunfo» de Suiza, La Voz de Galicia, 25 de marzo.

NAYA, JESÚS (1983): Dos coruñeses, primeros premios del concurso de TVE “Gente Joven”, La Voz de Galicia, 8 de xaneiro.

SEDES, SITO (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com

SILVEIRA, ELENA (2016): Para mí ir a trabajar es una terapia, El Comarcal, marzo 2016.

_________________

1 Vid. La Voz de Galicia, sábado, 8 de xaneiro de 1983, páx. 27.

2 Vid. SITO SEDES (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com

mércores, 13 de xullo de 2022

JAVI FUENTES, O 'GARRINCHA' DA LARACHA

  Cando principiaron os traballos para abrir a terra e extraer o lignito que alimentaba á central térmica de Meirama, moitos veciños das Encrobas (Cerceda), tras lles seren expropiadas as súas propiedades con loitas que aínda resoan en moitas conciencias, víronse na obriga de iniciar unha nova andaina lonxe dos lugares nos que naceran e nos que se criaran. Entre outros moitos, este foi o caso do matrimonio formado por Javier Fuentes e Ángeles Vilanova e os seus tres fillos Beatriz, Javi e Ángela, familia que a principios dos anos 90 establecía o seu novo domicilio na Laracha, onde o cabeza de familia levaba traballando dende os 18 anos en Cerámicas Campo.

Javi Fuentes nos inicios da súa traxectoria deportiva (www.bdfutbol.com)

    Mais antes de asentarse na Laracha, o protagonista desta historia, nado nas Encrobas o 19 de novembro de 1973, xa había tempo que viña deixando constancia do seu talento co balón, valía que empezara a demostrar aos 11 anos na Peña Meirama e que, pouco despois, levouno a fichar no R.C. Deportivo da Coruña. Na entidade herculina, Javi foi pasando sucesivamente polas categorías infantil e xuvenil ata debutar co Fabril de Paco Melo na tempada 1993/94, a mesma na que Djukic fallara o famoso penalti que lle impedira gañar a Liga ao equipo dirixido por Arsenio Iglesias. Precisamente, foi o técnico arteixán o que lle deu, na campaña seguinte, a oportunidade ao rapaz das Encrobas de xogar algúns partidos amigables, entre eles o Trofeo Juan Acuña, xunto as estrelas do Superdépor que conformaban os Bebeto, Mauro Silva e compañía. Co seu bo facer no lateral esquerdo, Javi converteuse nesa tempada nun dos grandes protagonistas da Terceira División co Fabril de José Manuel Corral, un filial deportivista que ía acadar o ansiado ascenso á Segunda División B, na que non militaba dende a campaña 1991/92.

    O debut nesta categoría deste fillo adoptivo da Laracha prodúcese o 3 de setembro de 1995, no partido Atlético de Madrid “B”-Fabril correspondente á primeira xornada do campionato, choque que remata 0-0 e no que Javi Fuentes xoga os 90 minutos. Ao longo desta campaña 95/96, con 32 partidos disputados como titular, Fuentes é unha das principais pezas do equipo fabrilista, naquela hora adestrado por Carlos Ballesta, e axuda a colleitar un meritorio quinto posto na competición ligueira. Javi ía ter premio a ese bo labor no flanco esquerdo da liña defensiva do Fabril xa que o técnico do primeiro equipo, John Benjamin Toshack, íao convocar para o partido da 35ª xornada de Liga que o cadro herculino disputou en Valladolid o 7 de abril de 1996 con este once de inicio: Liaño; Ribera, Djukic, Voro, Milovanovic; Viqueira, Donato, Radchenko, Begiristain; David e Manjarín. Nunca o tivera tan cerca, mais, desafortunadamente, Javi Fuentes non chegou a debutar na Primeira División xa que López Rekarte, Braulio e Alfredo foron os cambios elixidos por Toshak naquel partido que o Deportivo acabou empatando 2-2 grazas a dous goles de Donato.

    Na campaña 96/97 o Fabril de Ballesta volve realizar un extraordinario papel na Segunda B ao conseguir a cuarta praza que lle daba dereito a xogar a promoción de ascenso á Segunda División. Era o Fabril dos Dani Mallo, Aira, Padín, Viqueira, David, Maikel… e, por suposto, do noso Javi. Uns rapaces que disputan a devandita promoción de ascenso contra o Barakaldo, Córdoba e Elxe, que foi o equipo que finalmente ascendeu á categoría de prata e no que o larachés iniciaba aos 24 anos, despois de xogar catro tempadas co Fabril, unha nova andaina na súa carreira profesional.

 

Formación do Fabril na tempada 1996/97. Arriba, de esquerda a dereita: Miguel, Maikel, Aira, Viqueira, César e Fran. Abaixo: David, Javi Fuentes, Diego, Sanromán e Deus (Cortesía de Javi Fuentes)

    Tras as oportunas negociacións con Pedro Pablo Matesanz, naquela altura colaborador da parcela técnica do Elxe e posteriormente delegado do Atlético de Madrid, o noso futbolista ficha no equipo ilicitano na campaña 1997/98. Alí estaba o ex-deportivista Claudio Barragán e tamén outro xogador que pouco tardou en vestir a camiseta branquiazul, o lateral Héctor Berenguel. Javi disputa un total de 19 partidos na Segunda, o primeiro deles o 31 de agosto de 1997 en Soria contra o Numancia, choque que o Elxe perde por 2-1 e no que o lateral xoga os últimos 15 minutos. Nos seguintes partidos do campionato Ciriaco, o técnico ilicitano, ía seguir contando con Javi Fuentes. O da Laracha xoga contra o Extremadura, Badaxoz, Logroñés e o Sevilla, os dous últimos como titular, e a eliminatoria copeira contra o Vilarreal na que tamén sae ao campo dende o inicio nos dous partidos, axudando a pasar de rolda ao seu equipo.

    Os malos resultados do Elxe na competición ligueira levan á directiva a destituír a Ciriaco e pór no seu lugar, dende a xornada 27 ata a 40, a José Manuel Rielo, un técnico que meses antes fora o axudante de Valdano no Valencia e que conta de xeito habitual con Javi, poñéndoo de titular en boa parte dos enfrontamentos dese tramo da competición. Rielo foi substituído por Delfín Álvarez, que sentou no banco os dous últimos partidos para tratar de evitar o descenso á Segunda B do Elxe, obxectivo que non ía conseguir.

 

Javi Fuentes na súa etapa no Elxe xunto ao valencianista Djukic (Cortesía de Javi Fuentes)

    Na tempada seguinte, a 98/99, Fuentes asina un contrato por dous anos co Real Murcia que dirixía na Segunda B o técnico galego de Santa Comba (Lugo), Fabriciano González ‘Fabri’. Mais as cousas alí non ían ir do todo ben, xa que, tras realizar a pretempada co equipo pementoneiro sen ningún tipo de problemas, unha semana antes do inicio da Liga a directiva propúxolle ir cedido ao Águilas, proposta á que Javi se negou rotundamente. O Murcia decide deixalo sen ficha, mais posteriormente club e xogador chegan a un acordo para a rescisión do contrato, que o levaría a asinar no mercado invernal no Racing de Ferrol, onde realiza un bo papel xogando quince partidos de Liga e seis da promoción de ascenso á Segunda.

    Tras o efémero paso polo equipo da cidade departamental, o futbolista larachés xoga varias tempadas máis na Segunda División B. Na campaña 1999/2000 defende as cores da Cultural Leonesa disputando un total de 22 partidos. O Zamora foi o seu novo destino na 2000/01, campaña na que o cadro zamorano quedou terceiro na Liga e na que Javi xoga, entre Liga e fase de ascenso, 35 partidos nos que anota dous goles. Na 2001/02 disputa media tempada no Unión Deportiva Pájara Playas de Jandía, equipo canario co que xoga 11 partidos do torneo ligueiro e unha eliminatoria da Copa do Rei contra o Real Madrid, na que tivo a sorte de enfrontarse a futbolistas do nivel de Zidane, Guti, Morientes, Munitis… Fuentes remata a campaña xogando en Badaxoz, co Díter Zafra, a onde chegara no mercado invernal e disputa un total de 12 partidos co cadro estremeño.

    Tras varios anos sendo futbolista da Segunda e da Segunda B con oito equipos diferentes, na tempada 2002/03 ficha no Atlético Arteixo, club co que xoga dous anos na Terceira División antes de facelo, tamén na Terceira, no Betanzos. Logo, despois de pasar dúas campañas no conxunto betanceiro, no curso 2006/07 ficha no equipo da súa localidade de adopción, o Laracha, co que disputa unha campaña na Terceira División baixo as ordes do lendario José Luís Vara, e catro tempadas máis na Preferente. Alí, no Laracha, deixaría de ser Javi Fuentes para converterse en ‘Garrincha’, alcume que lle puxeron os seareiros a raíz das súas habituais internadas pola banda esquerda, internadas que, salvando as diferenzas, lembraban ás que fixera no seu tempo o astro brasileiro do mesmo nome que fora elixido mellor xogador do mundo en 1962.

    Xa nos últimos anos da súa dilatada carreira futbolística, este trotamundos do balón xogou na Primeira Autonómica a campaña 2011/12 no Silva, cadro co que conseguiu ascender á Preferente, e xa, na tempada seguinte, ía colgar as botas con 40 anos no Club do Mar de Caión que capitaneaba o seu amigo Alberto Felípez Ventureira ‘Repi’, un futbolista co que Javi Fuentes xogara na Segunda B no Fabril.

    Por se é do voso interese, a biografía de Javi Fuentes, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.