Cada 29 de xullo a igrexa universal recorda a figura de Santa Marta de Betania, irmá de María e Lázaro, amigos e discípulos de Xesús. Patroa dos imposibles, do fogar, das cociñeiras, amas de casa, serventas, casas de hóspedes e lavandeiras, todas asociadas co seu papel nas historias da Biblia, donde se mostra como unha muller verdadeiramente servizal.
Conta a tradición que Marta de Betania e a súa familia abandonaron a súa casa con rumbo a Occidente e recalaron na costa mediterránea do que hoxe é Francia, donde anuncia a doutrina de Cristo pola baixa Provenza e se rexistran os seus primeiros milagres, entre eles devolver a vida a un náufrago e someter a un dragón que devoraba aos habitantes daqueles paraxes.
A súa devoción puido chegar a Galicia con algunha das ordes relixiosas que penetraron a través do camiño Xacobeo francés na Idade Media, dada a pegada dalgunhas como a orde cisterciense, mais isto son meras hipóteses de quen escribe.
O caso é que na Laracha temos a virxe e a capela de Santa Marta, da que non dispoñemos de datos sobre a súa fundación no cume do monte que leva o seu nome e que en tempos remotos foi, con certeza, lugar de culto dos habitantes destas terras.
Imaxe de Santa Marta na igrexa de San Pedro de Soandres |
Todo o territorio está afectado por pegadas de cristianización de espazos pagáns. Onde non chegaba unha igrexa, erguíase unha capela e este puido ser o caso da de Santa Marta. Segundo as informacións de Gumersindo García Gómez, o prezado e admirado historiador de Soandres, “ao nacente da ladeira deste monte, aínda existe, ao presente, o lugar chamado Mallou. José Verea Aguiar (Historia de Galicia, 1838) afirma que os primitivos poboadores da Gallaecia denominaban Mallou ao sitio onde se xuntaban para celebrar os seus ritos relixiosos, e asegura que non estaba permitido achegarse alí, sen a presentación da pertinente súplica e ofrenda.”1
Aínda queda xente que oiu falar da 'pedra das ovellas' que había nesta zona, malia que agora non se coñece o seu paradoiro. “Dín que alí agochada, está 'a pedra que ten debuxada unha pata de carneiro' e que ofrecen cen mil pesetas a quen atope (se cadra, trataríase dun petróglifo, xa que esta doadamente podería ser unha área sacra prerromana -como Soandres- e a ermida semella emprazada enriba dun castro. Preto dalí, en Silvoso, vése a escavación dunha mámoa: o Forno dos Mouros).”2
A tradición falaba, ademais, da existencia no monte de Santa Marta dunha fonte con propiedades curativas para a xente, mais tamén para os animais. Unha lenda contaba que as vacas que bebían naquel manancial producían máis leite.
Ruínas da capela de Santa Marta |
Outra das lendas deste sobranceiro lugar da nosa bisbarra é a que publicou o académico Leandro Carré Alvarellos, unha lenda que no seu momento recollera a escritora Dora Vázquez, mestra da escola de nenas de Larín entre 1952 e 1967, e que di así:
“Din os máis vellos, que un día, hai moitísimos anos, as xentes destos lugares viron como facían aquí unha capela uns homes altos e fortes. Chamábanlles xentís, mais se cadra querían dicir xigantes porque tamén chaman así a esos homes e mulleres de cartón que aínda saen nalgunhas romarías e festas de certas cidades. Dicíase que aqueles homes tiñan unha forza condenada. Tiraban un martelo dende aquí (dende a capela de San Roque de Larín) e chegaba ata a capela de aquel outro monte que está fronte a nós.
-¿Ves alí unha capela branca? É a capela da Estrela de Monteagudo. Case ao mesmo tempo que esta (a de San Roque de Larín), apareceu tamén aquela, e a outra de Soandres, que é a de Santa Marta. Esta queda tan alta, que para vela dende o chan hai que erguer a cabeza como para mirar a alta cheminea dunha fábrica.
Dende as tres capelas domínase o mar e os vales como se poden ver dende un avión. Mais a desta cume donde estamos hai moitísimo tempo que desapareceu, non sei se levada polo vento ou polo abandono dos labregos que non a repararon. Dela deben ser estas pedras que se ven esparexidas por aquí”.3
Dende finais do século XVI xa contamos coa documentación que nos informa da necesidade da reparación da ermida de Santa Marta, o que vén a indicar que a súa construcción remóntase a unha época anterior. Polo que nos conta o Instituto de Estudos Bergantiñáns en O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños4, durante ese mesmo século esta santa gozaba dunha intensa devoción, manifestada nas abundantes doazóns que veciños da contorna deixaban en herdanza nos seus testamentos para renderlle culto a Santa Marta, unha das “irmás santas” da Ribeira Alta do Anllóns, xunto coa Estrela de Monteagudo e a Santa Locaia de Loureda, ámbalas dúas en Arteixo.
Grazas unha vez máis ás investigacións de Gumersindo García Gómez, sabemos que en xullo de 1588 o Licenciado Gutiérrez ordenou que a ermida estivese ben reparada con porta, pechadura e chave, nun prazo de dous meses, ou pena de excomuñón maior e pago de catro ducados.
Ruínas da capela de Santa Marta |
O 25 de abril de 1604, frei Francisco de Vera, bispo de Medauro, deixa memoria de que Afonso do Barral, veciño de Coiro, outorgara a manda de catro misas ao ano, cargadas sobre o lugar que traballaba o seu fillo Sancho do Barral, en Trixezo (parroquia de Soandres), e que habían de dicir na ermida de Santa Marta o día da romaría.
Durante a visita que o cardeal Jerónimo del Hoyo realiza a esta zona no verán de 1613 deixou escrito o seguinte sobre a devandita capela:
“Hermita de Santa Marta. Otrosí prosiguiendo la dicha visita, visitó la hermita de Santa Marta que está en un monte alto, y la halló mal reparada. Mandó su merced que a costa de la limosna que se ofrece en ella se repare la persona que la lleva, retejándola de manera que no llueva y caleandola toda por dentro y a la Capilla Mayor pongan una reja para que no se entren en ella dormir ninguna persona, y ansimismo la dicha hermita tenga buena puerta y la tengan siempre cerrada porque no entre el ganado dentro y pinsen la imagen de Santa Marta, y entierren el cristo viejo por estar ya muy indicente y se aga una peana para el pie del altar, lo cual cumpla el rector so pena de descomunión mayor, y no llegando la dicha limosna encargo a los vecinos de la dicha feligresía y tierra ayuden a la dicha obra y lo firmo”.
Outra referencia á ermida foi a que fixo o 20 de maio de 1630 o Padre Prior do Convento de Soandres, frei Miguel de Herrera:
“La hermita de Santa Marta rinde en dinero y trigo diez o doce ducados en la cuaresma. Dícese en ella todos los lunes de cuaresma, misa y día de las Letanías Mayores y día de Santa Marta y a costa desta limosna se repara. En esta ermita se dice misa el día de su nombre, pagan la misa al rector y danle de comer”.
Seguindo sempre coas informacións do historiador Gumersindo García Gómez5, sabemos que o 18 de xuño de 1634 aparece a primeira referencia acerca das procesións que se facían nesta ermida. O visitador don Juan de Tilleira y Basterrica apunta:
“Mandó su merced que por cuanto es informado que las procesiones de el día de las Letanías que se ba a Santa Marta hermita desta feligresía, ba poca gente y lo mismo a otras que se hacen entre año, que el Padre Cura les avise el día de fiesta precedente y al que no viniere le condene”.
Polas noticias que nos achega o visitador Sebastián de Alcaraeta a mediados do século XVII, a ermida de Santa Marta debía estar case en ruínas:
“La capilla está muy mal reparada y descubierta sen texa, y el arco muy apartado del texado con muy malas bigas, de suerte que amenaza ruynas(...)”.
Sabemos que a capela aínda estaba en pé en 1752. Cando se realizou o interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada nese ano, a resposta da terceira pregunta sobre o territorio que ocupaba a parroquia de Coiro foi a seguinte:
“(…) Demárcase dicha feligresía, principiando en la capilla de Santa Marta y sigue por la fuente de la Cruz a la piedra que llaman Vico, desde allí por el Puerto do Cabaleiro al marco de Toural de arriba y corre por el Río pequeño abajo, hasta la piedra de Malate, desde los cuales corre por el marco de Longra al puerto da Fraga, pasa al petón hasta la capilla de Santa Marta, primera demarcación.”6
E na mesma pregunta sobre a parroquia de Soandres do devandito interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada dise que:
(…) de este al lugar de Lourenceira. De aquí sube al Camino de Reverente ya referido y a los Lavadoiros, y pasando por la fuente do Seixo, y Capilla de Santa Marta, al Mojón da Pedrousa, de allí a la fuente da Bouza do Río, y cruzando este, sube a la Piedra Bieiteira, y a la fuente do Canle (...)”7
En 1820, setenta anos despois de realizarse o popular Catastro, a veciñanza da contorna puido observar a un grupo de forasteiros que portaban nas cabalerías trebellos que parecían doutro mundo. Un deles non deixaba de facer medicións e de tomar apuntes nos seus cadernos. Era Domingo Fontán Rodríguez (1788-1866), ilustrado, matemático, político e xeógrafo coñecido por ser o autor do primeiro mapa topográfico e científico de Galicia. No seu magnífico traballo cartográfico Fontán, que en 1834 ía ser nomeado Director do Observatorio Astronómico de Madrid, anota: “Santa Marta 526 m. sobre el nivel del mar”.
Mapa de Domingo Fontán |
Na romaría de Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra), calificada como a máis antiga das romarías galegas polo seu arraigamento e tradición, os fregueses entoan pregarias como estas:
“Virxen Santa Marta,
reina de la gloria,
todo el que se ofrece,
sale con victoria.”
Virxen Santa Marta,
estrela do norte,
que lle deu a vida
ó que estivo á morte”
Oracións de súplica que seguramente tamén se entoaban na larachesa capela de Santa Marta antes dos derradeiros anos do século XIX, ou a comezos do XX, que foi cando este sacro recinto foi caendo no esquecemento e a imaxe pétrea da Santa alí existente, unha virxe con atributos de ama de casa, se trasladou á igrexa parroquial de San Pedro de Soandres. Conta a lenda que posta a Santa no carro de bois, os animais colleron camiño cara Soandres, seguramente o máis dereito e doado de todos!
No templo beneditino continuouse practicando culto a Santa Marta e cada ano celébrase ao pé do santuario unha romaría para honrar esta antiga imaxe de pedra policromada, de feitura rústica. O día da festividade os devotos ofrécenlle á Santa, avogosa dos problemas auditivos, aceite de oliva que utilizan, despois de ser bendicido, para a dor de oídos.
Polo que ouviran os máis vellos da parroquia de Soandres aos seus maiores, seica en tempos pasados era costume que a Santa Marta saíra en procesión. Para isto parece ser que escollían aos homes máis robustos do lugar, os únicos que eran quen de soportar o seu gran peso. Tiveron que pasar moitos anos para que a santa volvera a saír en procesión, suceso memorable que non se volvería a repetir e que Gumersindo García Gómez conta así:
“Foi o propio día da romaría, luns 29 de xullo de 1991, cando ao remate da misa solemne, tivo lugar a tradicional procesión. Por vez primeira en moitos anos, e a derradeira ata o presente, a imaxen petrea de Santa Marta presidiu a cometiva relixiosa. Unha vella fotografía delata a José Manuel Iglesias do Villamir e Benigno Domínguez de Condesuso como dous dos seus porteadores.”8
Cortesía de Gumersindo García Gómez
Catro anos máis tarde, noutro histórico feito, as ruínas da capela de Santa Marta convertíanse nunha improvisada igrexa á que acudiron centos de veciños da bisbarra. Gumersindo García, un dos promotores da iniciativa, rememora o acontecido naqueles días do seguinte xeito:
“No verán do ano 1995 xurde a idea de facer unha sardiñada nas ruínas de Santa Marta. O concelleiro José Manuel Iglesias é un entusiasta do proxecto. David Riveiro de Bocixa e eu mesmo colaboramos e puxemos da nosa parte o que poidemos. Moitos de vós colaborastes xenerosamente co voso traballo e aportación económica. O Concello da Laracha ocupouse dos traballos de limpeza das ruínas da ermida e o acondicionamento de todo o entorno. En toda obra sempre aparecen tropezos, pero aquí estaba o concelleiro Manolo, arranxando canto estaba na súa man. Unha das maiores dificultades foron os accesos a este lugar. O tempo fixera desaparecer camiños. Pero houbo dous homes, da casta dos bos e xenerosos, que donaron o terreo preciso, para abrir os camiños que nos permiten acceder comodamente a este fermoso paraxe. A memoria dos agradecidos non deixarán esquecer os seus nomes: Ricardo Verdía de Barbacán e José Abeleira da Tapia. Como lembraredes, o festexo celebrouse na tarde do domingo 6 de agosto de 1995. Houbo misa ás seis da tarde, sardiñas, pan e viño e moita festa. Nunca tal viran os vivos desta veciñanza. Aquela foi a primeira xuntanza, e logo viñéronse celebrando cada ano. Pasaron máis dunha ducia de anos, e case se pode afirmar, que xa é arraigada tradición, acudir un domingo do mes de agosto.”9
Xa para rematar, parécenos de interese comentar que, con motivo da celebración do Xacobeo de 1999, a Xunta de Galicia, en colaboración co arcebispado de Santiago, organizou unha magna exposición, entre o 27 de maio e o 31 de decembro dese ano, no mosteiro de San Martín Pinario de Compostela. Unha das pezas expostas foi a imaxe pétrea de Santa Marta. A ficha descritiva informaba:
Santa Marta. Anónimo. Fins do século XVII. Pedra policromada. 63X33x24 cm. Procedente da ermida de Santa Marta de Soandres, A Laracha (A Coruña).
É unha imaxe de pedra que representa a Santa Marta, irmá de Lázaro e María. Situada no retablo lateral da igrexa de Soandres, que se encontraba baixo a protección do antigo priorado beneditino.
Iconograficamente está caracterizada polos atributos cos que se representa tradicionalmente no Evanxeo, coa súa dedicación aos traballos do fogar, de aí que na man esquerda leve o floreiro e coa dereita suxeita un cesto, ámbolos dous, aparellos domésticos que ela utiliza.
Esta imaxe é unha representación frontal e hierática, carente de movemento, coa disposición dos pés á mesma altura. As roupas non deixan entrever ningún trazo anatómico do corpo. O seu rostro e hieratismo acusan factura artesanal.”
Imaxe de Santa Marta na igrexa de San Pedro de Soandres
Amigos e amigas, a festa de Santa Marta é o 29 de xullo e por iso díse “o aire de Santa Marta”, é dicir, o vento que sopra nos derradeiros días deste mes co que vos animo a cantar:
Hei de ir a Santa Marta
a Santa Marta hei de ir,
a ver a capela da Estrela
e a de San Roque de Larín.
Hei de ir a Santa Marta
a Santa Marta hei de ir,
a beber na fonte santa
e o son do ar alí sentir.
Hei de ir a Santa Marta
en Santa Marta hei de estar.
E verei o solpor no mar
co aturuxo deste cantar.
(Xabier Maceiras, 2022)
FONTES:
ALONSO OTERO, MARÍA LEONOR & GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS ANTONIO (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña.
AMADO CASDELO, MARCOS EMILIO (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña.
CABEZA QUILES, FERNANDO & DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO & FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X. & GARCÍA LOSADA, ANTÓN & GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns.
CARRÉ ALVARELLOS, LEANDRO (2001): Las leyendas tradicionales gallegas, La Voz de Galicia.
GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.
_____________________
1 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.
2 MARÍA LEONOR ALONSO OTERO & LUÍS ANTONIO GIADÁS ÁLVARES (1998): Itinerario bergantiñán do Padre Sarmiento, Deputación da Coruña, páx. 54.
3 LEANDRO CARRÉ ALVARELLOS (2001): Las leyendas tradicionales gallegas, La Voz de Galicia, páx. 55.
4 FERNANDO CABEZA QUILES & EVARISTO DOMÍNGUEZ RIAL & XAN X. FERNÁNDEZ CARRERA & ANTÓN GARCÍA LOSADA & LUÍS A. GIADÁS ÁLVAREZ (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, Instituto de Estudos Bergantiñáns, páx. 76.
5 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.
6 MARCOS EMILIO AMADO CASDELO (2017): As parroquias do Concello da Laracha en 1750, Deputación da Coruña, pp.. 63 e 64.
7 Ibídem, páx. 143.
8 GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2009): Apuntes para unha historia do Monte de Santa Marta, Revista das Festas Parroquiais de Soandres.
9 Ibídem.
Ningún comentario:
Publicar un comentario