mércores, 6 de xullo de 2022

A ORQUESTRA DA AMEIXEIRA

   A Ameixeira é un lugar da parroquia de Coiro no que naceron os irmáns Iglesias Borrazás nos albores do século pasado. Nun tempo sen motores nin ruídos, no que as xentes daquela hora traballaban a diario nas leiras escoitando soamente o canto perdido dalgún paxaro, o discorrer da auga dos regatos e o cantar dos grilos e das ras á calor das raiolas do sol, foi agromando neles, con aquelas melodías da nai natureza, a paixón pola música.

   Gumersindo García Gómez, historiador de Soandres, conta nun dos seus artigos que “unha tarde de verán do ano noventa e tres, Luciano de Ameixeira evocaba con nostalxia algunha das súas vivencias de mocidade. Memorou cando estaba cumprir trece anos, os primeiros pasos no mundo da música xunto co seu irmán José. Falou con detalle de cantos instrumentos tocou ao longo dos anos. Primeiro o bombardino, logo seguiría o trombón de varas para rematar co complexo e nada doado saxofón”1.

    Anos despois, no tempo no que cumpriu o servizo militar na Coruña, Luciano Iglesias tivo a oportunidade de estudar unhas nocións básicas de solfexo co sarxento don Pastor Asensio, mestre de moitos músicos da época que era integrante da Banda Militar e director da Orquestra X e da Orquestra Radio.

    Ao pouco de rematar o servizo militar, cando corrían os anos corenta, Luciano decide fundar con seu irmán Juan unha orquestra á que, despois da súas primeiras actuacións, todo o mundo da bisbarra denomina a Orquestra da Ameixeira por ser este o lugar de nacemento dos fundadores.

 

Na parte superior da imaxe vemos a Juan Iglesias Borrazás. Na inferior, sentado e co saxofón, a seu irmán Luciano (Revista das Festas Parroquiais de Soandres, 2006)

    Manuel Peña, veciño de Santa Baia (Soandres) nado en 1934, ao que moitas e moitos de vós recordaredes por ser o conductor do autobús de Asicasa que facía a ruta A Coruña-Coiro, contounos que os integrantes da Orquestra da Ameixeira que eu recordo eran Manxarín, que tocaba o acordeón; Gumersindo de Erboedo de Abaixo, que tocaba o clarinete; Juan da Ameixeira (tamén coñecido como Juan de Picardel), que tocaba a trompeta; e seu irmán Luciano, que tocaba o saxofón. O grupo era instrumental pero ás veces tamén cantaba con eles un animador de Cercido2 que xa non me acordo como se chamaba. Unha das pezas que nunca faltaba no seu seu repertorio era o pasodobre 'En er mundo' ”.

    Ese animador do que Manuel non lembraba o seu nome era Manolo 'da Pontalba'3, información que obtivemos grazas á inxente colaboración da escritora larachesa Julia Peña, que foi quen contactou coa familia de Plácida Arijón Padín, irmá do propio Manolo 'da Pontalba'.

     Outra das fontes orais dos tempos da Orquestra da Ameixeira foi Socorro Piñeiro, muller de Manuel Peña. Pasou a súa infancia en Erboedo de Abaixo, lugar no que se criou con seus avós maternos vendo acotío a moitos dos músicos da Laracha de aqueles tempos. Algún deles seica ía ata alí coa intención de facerlle as beiras a unha tía dela. A saída da misa o mozo en cuestión dáballe unha laranxa a Socorriño, sempre de carabina de súa tía, mentres a parella paseaba falando das súas cousas. Son moitas as anécdotas que Socorro garda na súa memoria. Unhas pódense contar e outras non. Falamos das primeiras: “Meu tío Manuel, 'Manuel de Graciana', tocaba a tuba e o helicón na 'Orquesta Sol', que todo o mundo coñecía como a orquestra 'da Mericaina'. Como eran bos amigos, por Erboedo de Abaixo viña moito Segís de Gabenlle, que tocaba con meu tío na mesma orquestra. Tamén recordo de ver por alí cando era nena a 'El Niño de Soandres' e a Luciano o da Ameixeira que, co paso dos anos, casualidades da vida, comprou a casa que hai fronte á de meus avós, na que pasei a miña infancia. Xa de moza, recordo de ir ver á orquestra da Ameixeira ao Salón de Domingo 'do Niño' “.

     A modiño, toda A Laracha quedou fecundada coas melodías da Orquestra da Ameixeira, que na década dos 50 ía deixar de actuar como tal nos bailes e nos salóns da bisbarra para converterse na Orquestra de Soandres, da que falaremos noutra ocasión.

 

P.D.: Se alguén ten algunha foto da Orquestra da Ameixeira ou dalgún dos seus integrantes (Luciano da Ameixeira, Juan de Picardel, Manxarín, Gumersindo de Erboedo), por favor, poñédevos en contacto con nós. Graciñas!

___________________

1 Vid. GUMERSINDO GARCÍA GÓMEZ (2006): Aquela orquesta de Soandres de mediados do século pasado, Revista das festas parroquias de Soandres, páx. 27.

2 Cercido é un lugar da parroquia de Erboedo.

3 A Pontalba é un lugar da parroquia de Erboedo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario