Unha das grandes voces da comarca de Bergantiños e de toda a xeografía galega foi, sen nengún xénero de dúbidas, Melchor Rodo Fraga, artista cun currículo musical extraordinario do que falamos deseguido.
Melchor Rodo (La Voz de Galicia, 8 de xaneiro de 1983) |
O noso protagonista é o máis novo dos tres fillos que tiveron Segundo e Felisa, matrimonio que abandonara Montemaior por motivos laborais para residir no Niño. Neste lugar da parroquia de Soandres ía vir ao mundo Melchor o 4 de xaneiro de 1956 nunha casa xa desaparecida situada a poucos metros da que Gumersindo Amor tivera o salón de baile nomeado neste libro. José e Jesús, os seus irmáns maiores, naceran en Montemaior.
Nesa vivenda do lugar do Niño, Melchor pasa boa parte da súa infancia. Cando era moi cativo, mesmo os paxariños deixaban de voar para escoitar a súa voz prodixiosa mentres imitaba aos cantantes de moda da época. O historiador larachés Gumersindo García Gómez recorda que seu padriño, Gumersindo 'do Niño', que finou en xaneiro de 1960, “dáballe unha peseta a Melchor para que cantase. Daquela tiña algo de vergoña e facía a súa actuación fóra da vista da xente. Moitos aínda o lembramos cantando “A Salvaora” e asistindo á escola do Convento”.
Tamén hai quen recorda ao rapaz espetando unha vara no chan cunha mazá na punta que, nun alarde de creatividade, convertía no micrófono dos seus xogos imaxinando que era o animador dunha orquestra. Nesa altura seica cantara nalgunha ocasión na 'Pachanga', o popular salón que Gerardo Amor tiña no lugar de A Veiga, moi preto do río Anllóns.
O futuro artista viviu no Niño ata mediados dos anos sesenta, que foi cando o pai e os irmáns emigraron a Suíza. A familia axiña mercou unha casa en Lendoiro (Cecebre, Cambre) na que Melchor, que quedara aquí con súa nai Felisa, pasou a súa adolescencia soñando con ser cantante. O soño non ía tardar en cumprirse.
En 1973, cando tiña 17 anos, traballaba de camareiro no Hotel Atlántico. Nunha ocasión o xefe de persoal, entusiasmado co xeito de cantar do larachés, presentoulle a Antonio e Daniel Mallo, da Orquestra Mallo. A lendaria banda de Feáns, que tantas veces tocara nos bailes e nos salóns da Laracha, estaba naquela hora sen vocalista. Melchor fixo unha proba con eles. Antonio e Daniel quedaron abraiados e, a partir de aí, toda a vida do mozo de Soandres ía ser cantar!
Rodo, cun tipo de voz forte ao estilo Nino Bravo ou José Luís Rodríguez 'El Puma', estivo na Orquestra Mallo unha tempada. Logo pasou a 'Los Key' e posteriormente estaría tres ou catro anos con 'Los Satélites', orquestras coas que, segundo nos recordou Manolo Pazos, actuou en varias ocasións na Discotecas Pazos da Laracha na que seu irmán Pepe e súa cuñada Merche traballaron moitos anos.
Dende os seus primeiros tempos nas orquestras sempre se deixou levar polo público e pronto empezou a cantar coplas e pasodobres. Sentíase cómodo nese estilo. Hai unha canción de Manolo Caracol que se non a cantaba ao principio da actuación cantábaa ao final: a Salvaora, o mesmo tema que interpretaba de moi cativo en Soandres coa sua voz prodixiosa con aquel micrófono formado por unha vara cunha mazá na punta.
Trala súa etapa con 'Los Key' e 'Los Satélites', Melchor formou parte dos grupos Foliada e Xente Nova. Precisamente, sendo integrante desta ultima banda, foi cando lle xurdiu a oportunidade de presentarse a concursar no programa de Televisión Española “Gente Joven”, unha especie de “Operación Triunfo” da época donde coincidiu con María del Monte.
Melchor Rodo, cuarto pola esquerda, con Foliada (www.youtube.com) |
”Foi por medio dun amigo meu, que me animou e me falou das normas do programa. Había que facer unha proba en Santiago, para seleccionar aos participantes de toda Galicia. Na miña especialidade, canción lixeira, presentámonos uns trinta. Ao final quedamos clasificados catro ou cinco galegos, e de toda España entre vinte e trinta. Excepto na primeira fase, que quedei de segundo tras Lolo Castro, de Lugo, sempre estiven á cabeza. As eliminatorias celebráronse sempre nos estudios de Prado del Rey, agás algún programa especial. En concreto, eu gravei unha semifinal en Astorga.”1
A fase final do devandito concurso, celebrouse en Ceuta o 16 de decembro de 1982 e tivo clara cor galega xa que o terceiro clasificado foi, con 98 puntos, o lucense Lolo Castro; segundo, con 105 puntos quedou o coruñés Alfonso Deus; e primeiro, con 109 puntos, Melchor Rodo, que recibiu o trofeo do programa e un premio en metálico de 250.000 pesetas da época. Televisión Española ía retransmitir a fase final de “Gente Joven” en diferido ás once e media da mañán do domingo 9 de xaneiro de 1983, un día que na Laracha aínda se recorda con especial nostalxia e coa natural fachenda de que un dos seus veciños gañara aquel concurso. Cousas do destino (e da xenética) moitos anos despois, unha sobriña de Melchor, Raquel Rodo García, estaría a piques de igualar a xesta de seu tío. Filla de seu irmán Jesús e de María, unha emigrante de Castriz, Santa Comba, Raquel Rodo, quedou subcampioa no 2009 da versión suíza de Operación Triunfo.
Sobre a vitoria de Melchor en “Gente Joven”, o gran Sito Sedes ten comentado nalgunha ocasión que a vida musical foi un pouco inxusta co de Soandres: “si nese momento tivera a alguén en Madrid que apostara por el, hoxe tería a súa compañía de discos e estaría na primeira liña a nivel nacional.”2
Gran admirador de Frank Sinatra e Tom Jones, tralo éxito no concurso televisivo Melchor regresa a 'Los Satélites' onde permanece cinco anos. Posteriormente volve, tamén por segunda vez, a 'Los Key', orquestra na que canta durante case tres lustros antes de integrar, durante catro ou cinco anos, a Gran Orquesta Montes.
'Los Key' nunha actuación en Arteixo nos anos 80 (Cortesía de Fina Sanjurjo) |
Sobre o ano 2002, funda xunto a Enrique e Suso, dous músicos de grande experiencia, o Trío Noroeste, grupo co que realiza durante máis de quince anos eventos musicais por toda a xeografía galega pero xa de xeito máis familiar.
Melchor Rodo en 2017 (www.mundiario.com) |
FONTES:
GARCÍA GÓMEZ, GUMERSINDO (2008): Melchor Rodo Fraga. Revista Festas Parroquiais Soandres.
GARRIDO RIAL, SANTIAGO (2009): Una emigrante gallega opta a la victoria en la «Operación Triunfo» de Suiza, La Voz de Galicia, 25 de marzo.
NAYA, JESÚS (1983): Dos coruñeses, primeros premios del concurso de TVE “Gente Joven”, La Voz de Galicia, 8 de xaneiro.
SEDES, SITO (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com
SILVEIRA, ELENA (2016): Para mí ir a trabajar es una terapia, El Comarcal, marzo 2016.
_________________
1 Vid. La Voz de Galicia, sábado, 8 de xaneiro de 1983, páx. 27.
2 Vid. SITO SEDES (2017): Melchor Rodó, una de las grandes voces de la canción española, www.mundiario.com
Ningún comentario:
Publicar un comentario