mércores, 13 de xullo de 2022

JAVI FUENTES, O 'GARRINCHA' DA LARACHA

  Cando principiaron os traballos para abrir a terra e extraer o lignito que alimentaba á central térmica de Meirama, moitos veciños das Encrobas (Cerceda), tras lles seren expropiadas as súas propiedades con loitas que aínda resoan en moitas conciencias, víronse na obriga de iniciar unha nova andaina lonxe dos lugares nos que naceran e nos que se criaran. Entre outros moitos, este foi o caso do matrimonio formado por Javier Fuentes e Ángeles Vilanova e os seus tres fillos Beatriz, Javi e Ángela, familia que a principios dos anos 90 establecía o seu novo domicilio na Laracha, onde o cabeza de familia levaba traballando dende os 18 anos en Cerámicas Campo.

Javi Fuentes nos inicios da súa traxectoria deportiva (www.bdfutbol.com)

    Mais antes de asentarse na Laracha, o protagonista desta historia, nado nas Encrobas o 19 de novembro de 1973, xa había tempo que viña deixando constancia do seu talento co balón, valía que empezara a demostrar aos 11 anos na Peña Meirama e que, pouco despois, levouno a fichar no R.C. Deportivo da Coruña. Na entidade herculina, Javi foi pasando sucesivamente polas categorías infantil e xuvenil ata debutar co Fabril de Paco Melo na tempada 1993/94, a mesma na que Djukic fallara o famoso penalti que lle impedira gañar a Liga ao equipo dirixido por Arsenio Iglesias. Precisamente, foi o técnico arteixán o que lle deu, na campaña seguinte, a oportunidade ao rapaz das Encrobas de xogar algúns partidos amigables, entre eles o Trofeo Juan Acuña, xunto as estrelas do Superdépor que conformaban os Bebeto, Mauro Silva e compañía. Co seu bo facer no lateral esquerdo, Javi converteuse nesa tempada nun dos grandes protagonistas da Terceira División co Fabril de José Manuel Corral, un filial deportivista que ía acadar o ansiado ascenso á Segunda División B, na que non militaba dende a campaña 1991/92.

    O debut nesta categoría deste fillo adoptivo da Laracha prodúcese o 3 de setembro de 1995, no partido Atlético de Madrid “B”-Fabril correspondente á primeira xornada do campionato, choque que remata 0-0 e no que Javi Fuentes xoga os 90 minutos. Ao longo desta campaña 95/96, con 32 partidos disputados como titular, Fuentes é unha das principais pezas do equipo fabrilista, naquela hora adestrado por Carlos Ballesta, e axuda a colleitar un meritorio quinto posto na competición ligueira. Javi ía ter premio a ese bo labor no flanco esquerdo da liña defensiva do Fabril xa que o técnico do primeiro equipo, John Benjamin Toshack, íao convocar para o partido da 35ª xornada de Liga que o cadro herculino disputou en Valladolid o 7 de abril de 1996 con este once de inicio: Liaño; Ribera, Djukic, Voro, Milovanovic; Viqueira, Donato, Radchenko, Begiristain; David e Manjarín. Nunca o tivera tan cerca, mais, desafortunadamente, Javi Fuentes non chegou a debutar na Primeira División xa que López Rekarte, Braulio e Alfredo foron os cambios elixidos por Toshak naquel partido que o Deportivo acabou empatando 2-2 grazas a dous goles de Donato.

    Na campaña 96/97 o Fabril de Ballesta volve realizar un extraordinario papel na Segunda B ao conseguir a cuarta praza que lle daba dereito a xogar a promoción de ascenso á Segunda División. Era o Fabril dos Dani Mallo, Aira, Padín, Viqueira, David, Maikel… e, por suposto, do noso Javi. Uns rapaces que disputan a devandita promoción de ascenso contra o Barakaldo, Córdoba e Elxe, que foi o equipo que finalmente ascendeu á categoría de prata e no que o larachés iniciaba aos 24 anos, despois de xogar catro tempadas co Fabril, unha nova andaina na súa carreira profesional.

 

Formación do Fabril na tempada 1996/97. Arriba, de esquerda a dereita: Miguel, Maikel, Aira, Viqueira, César e Fran. Abaixo: David, Javi Fuentes, Diego, Sanromán e Deus (Cortesía de Javi Fuentes)

    Tras as oportunas negociacións con Pedro Pablo Matesanz, naquela altura colaborador da parcela técnica do Elxe e posteriormente delegado do Atlético de Madrid, o noso futbolista ficha no equipo ilicitano na campaña 1997/98. Alí estaba o ex-deportivista Claudio Barragán e tamén outro xogador que pouco tardou en vestir a camiseta branquiazul, o lateral Héctor Berenguel. Javi disputa un total de 19 partidos na Segunda, o primeiro deles o 31 de agosto de 1997 en Soria contra o Numancia, choque que o Elxe perde por 2-1 e no que o lateral xoga os últimos 15 minutos. Nos seguintes partidos do campionato Ciriaco, o técnico ilicitano, ía seguir contando con Javi Fuentes. O da Laracha xoga contra o Extremadura, Badaxoz, Logroñés e o Sevilla, os dous últimos como titular, e a eliminatoria copeira contra o Vilarreal na que tamén sae ao campo dende o inicio nos dous partidos, axudando a pasar de rolda ao seu equipo.

    Os malos resultados do Elxe na competición ligueira levan á directiva a destituír a Ciriaco e pór no seu lugar, dende a xornada 27 ata a 40, a José Manuel Rielo, un técnico que meses antes fora o axudante de Valdano no Valencia e que conta de xeito habitual con Javi, poñéndoo de titular en boa parte dos enfrontamentos dese tramo da competición. Rielo foi substituído por Delfín Álvarez, que sentou no banco os dous últimos partidos para tratar de evitar o descenso á Segunda B do Elxe, obxectivo que non ía conseguir.

 

Javi Fuentes na súa etapa no Elxe xunto ao valencianista Djukic (Cortesía de Javi Fuentes)

    Na tempada seguinte, a 98/99, Fuentes asina un contrato por dous anos co Real Murcia que dirixía na Segunda B o técnico galego de Santa Comba (Lugo), Fabriciano González ‘Fabri’. Mais as cousas alí non ían ir do todo ben, xa que, tras realizar a pretempada co equipo pementoneiro sen ningún tipo de problemas, unha semana antes do inicio da Liga a directiva propúxolle ir cedido ao Águilas, proposta á que Javi se negou rotundamente. O Murcia decide deixalo sen ficha, mais posteriormente club e xogador chegan a un acordo para a rescisión do contrato, que o levaría a asinar no mercado invernal no Racing de Ferrol, onde realiza un bo papel xogando quince partidos de Liga e seis da promoción de ascenso á Segunda.

    Tras o efémero paso polo equipo da cidade departamental, o futbolista larachés xoga varias tempadas máis na Segunda División B. Na campaña 1999/2000 defende as cores da Cultural Leonesa disputando un total de 22 partidos. O Zamora foi o seu novo destino na 2000/01, campaña na que o cadro zamorano quedou terceiro na Liga e na que Javi xoga, entre Liga e fase de ascenso, 35 partidos nos que anota dous goles. Na 2001/02 disputa media tempada no Unión Deportiva Pájara Playas de Jandía, equipo canario co que xoga 11 partidos do torneo ligueiro e unha eliminatoria da Copa do Rei contra o Real Madrid, na que tivo a sorte de enfrontarse a futbolistas do nivel de Zidane, Guti, Morientes, Munitis… Fuentes remata a campaña xogando en Badaxoz, co Díter Zafra, a onde chegara no mercado invernal e disputa un total de 12 partidos co cadro estremeño.

    Tras varios anos sendo futbolista da Segunda e da Segunda B con oito equipos diferentes, na tempada 2002/03 ficha no Atlético Arteixo, club co que xoga dous anos na Terceira División antes de facelo, tamén na Terceira, no Betanzos. Logo, despois de pasar dúas campañas no conxunto betanceiro, no curso 2006/07 ficha no equipo da súa localidade de adopción, o Laracha, co que disputa unha campaña na Terceira División baixo as ordes do lendario José Luís Vara, e catro tempadas máis na Preferente. Alí, no Laracha, deixaría de ser Javi Fuentes para converterse en ‘Garrincha’, alcume que lle puxeron os seareiros a raíz das súas habituais internadas pola banda esquerda, internadas que, salvando as diferenzas, lembraban ás que fixera no seu tempo o astro brasileiro do mesmo nome que fora elixido mellor xogador do mundo en 1962.

    Xa nos últimos anos da súa dilatada carreira futbolística, este trotamundos do balón xogou na Primeira Autonómica a campaña 2011/12 no Silva, cadro co que conseguiu ascender á Preferente, e xa, na tempada seguinte, ía colgar as botas con 40 anos no Club do Mar de Caión que capitaneaba o seu amigo Alberto Felípez Ventureira ‘Repi’, un futbolista co que Javi Fuentes xogara na Segunda B no Fabril.

    Por se é do voso interese, a biografía de Javi Fuentes, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.

 

Ningún comentario:

Publicar un comentario