Os
amigos do Instituto de Estudos Bergantiñáns din que A Laracha, o
nome da capital do municipio, ten “toda a fasquía de ser un
topónimo prerromano de procedencia celta, formado dende unha base
igual ou similar á de *laragia,
forma sufixada de *lara,
“chaira”, vocábulo que parece ter boas correspondencias nas
linguas celtas, caso do irlandés antigo lar,
irlandés moderno lár,
galés llawr, escocés
làr, córnico antigo lor,
bretón antigo laur e
bretón moderno lawr,
palabras que significan
chaira, solo ou pavimento,
polo que o topónimo A Laracha pode aludir á configuración
chá do terreo, que se mostra especialmente plano na zona chamada A
Gándara, a cal, comezando nas inmediacións da igrexa parroquial de
Torás, lugar onde debeu nacer o topónimo A Laracha, chega ao actual
casco urbano, de acordo co significado da voz galega gándara
de “terreo chan enchoupado de auga”, “Terreo inculto e chan”,
etc”.
|
Panorámica dos anos 60-70 da vila da Laracha
|
Hai
unhas semanas tivemos a sorte de acudir ao Casino de Carballo ao
ciclo de conferencias sobre a comarca de Bergantiños, programado
polo Instituto de Estudos Bergantiñáns con motivo da celebración
do seu 25 aniversario. Pois ben, nunha destas conferencias, a
organizada o 22 de marzo baixo o título “Toponimia bergantiñá”,
o filólogo Fernando Cabeza Quiles, deixaba enriba da mesa outra
posibilidade sobre a orixe do topónimo A Laracha. O prezado e
admirado mestre dixo que “o topónimo puidérono traer mozos
laracheses que tiveron que ir á guerra de Larache, en Marrocos”.
Segundo
nos contou posteriormente o propio Cabeza Quiles, algo parecido pasou co
topónimo Gurugú,
que tamén existe en Galicia. De feito, para moitos veciños da
Falperra este barrio coruñés é o do Gurugú, nome tomado do monte
de Marrocos desde o que se domina Melilla. En 1909 as tropas
españolas sufriron alí, no Barranco do Lobo, unha severa derrota a
mans dos rifeños de Abd el-Krim. Agora é refuxio dos inmigrantes
ilegais que están alí emboscados durante un tempo antes de intentar
cruzar a España. O enxeño dalgún veciño da Falperra bautizando o
barrio como o Gurugú, polas súas empinadas rúas, calou nunha zona
na que andando no tempo ía vivir (na rúa Vila de Laxe) a poeta Luísa
Villalta, a quen homenaxeamos no Día das Letras Galegas deste 2024.
¿Pasaría
o mesmo con algún larachés que estivo en Larache? Pois, segundo a
opinión de Cabeza Quiles, é posible. Na
Carta Xeométrica de Domingo Fontán (1834) aparece Larache no que hoxe é
A Laracha, feito que reafirma a teoría exposta por Cabeza Quiles.
|
Carta Xeométrica de Domingo Fontán onde A Laracha aparece denominada como Larache
|
Para
entender mellor esta opción é necesario contextualizar aquel
momento histórico. Situada a 85 quilómetros de Tánxer, a 105 de
Tetuán e a 160 de Ceuta, Larache é unha cidade que ten unha larga e
rica historia, que se remonta á época dos fenicios e cartaxineses,
que se estableron na zona e fundaron Lixus, da que
Larache foi sucesora. Despois da conquista romana, a cidade prosperou
e converteuse nun importante centro comercial. No século VII foi
saqueada polos vándalos e posteriormente ocupada polos árabes, que
a chamaron Al-Araich. Durante a época medieval, Larache foi unha
importante cidade do Reino de Fez, e tivo un papel relevante na loita
contra os portugueses, que intentaron conquistala en varias ocasións.
Durante
o século XVII, foi ocupada polos españois, que a fortificaron e
convertérona nun importante porto comercial. Nese momento o cardeal
Jerónimo del Hoyo daba fe nas súas Memorias
del arzobispado de Santiago,
escritas entre
1603 e 1620, do
número de habitantes da parroquia de Torás e dicía que “tiene
esta feligresía diez y siete feligreses”. Aínda faltaban moitos anos para que a vila da Laracha existira como tal.
Coa
chegada do sultán Moulay Ismaíl ao trono en 1672, Marrocos ía vivir o
seu apoxeo tras lograr centralizar o poder e reprimir as rebelións
de varias tribus, combatendo tamén contra os otománs de Arxel.
Mentres que varias cidades costeiras de Marrocos estaban baixo o
control dos reinos cristiáns de España e Portugal, en 1681 Moulay
Ismaíl recuperou Mehdía, baixo dominio español desde 1614, e tamén
reconquistou Tánxer en 1684. Así mesmo decidiu recuperar a cidade
de Larache, que controlaban os españois desde 1610.
Na
operación militar lanzada en 1689 polo sultán Ismaíl, que
comandaba un exército de 30.000 soldados, as forzas do rei Carlos II
de España víronse na obriga de capitular despois de tres meses de
asedio. A gornición española de Larache constaba de
1500 a 2000 soldados armados con 200 armas de fogo. É probable, como
indica Cabeza Quiles, que algún destes soldados fora natural da
parroquia de Torás (ou doutras freguesías que conforman o municipio larachés) e que ao vir de África
bautizara unha zona do que hoxe é a capital municipal co nome da
cidade que viña de defender.
Sexa
como fora, o caso é que Larache sería atacada novamente, mais desta
volta pola mariña francesa, que bombardeou a cidade en xuño de 1765
con 16 buques de guerra. Con todo, permaneceu baixo control marroquí durante moito tempo, ata
que os españois a ocuparon outra vez a principios do século
XX.
Tralo
Tratado de Fez de 1912, as zonas norte e
sur de Marrocos
foron
adxudicadas a España como protectorado, mentres que a zona central
foi adxudicada a Francia tamén como protectorado. O
comezo do
mesmo
foino
tamén da resistencia das poboacións
rifeñas contra os españois,
desencadeando un conflicto que se alargaría durante anos.
O
asentamento dos militares e civís españois en Larache supuxo a
construción de instalacións, infraestruturas e vivendas para os
novos residentes. En 1913 o protectorado dividiuse militarmente en
tres Comandancias Xenerales situadas en Ceuta, Melilla e Larache,
dependendo para asuntos de política xeral do Alto Comisario de
Marrocos e do Ministerio da Guerra.
|
Obsérvese Larache, á esquerda deste mapa do protectorado español en Marrocos
|
En
1921, as tropas españolas ían sufrir un grave desastre en Annual
(entre 7.000 e 11.000 soldados mortos), amén dunha rebelión
acaudillada polo líder rifeño Abd el-Krim. Os españois retiráronse
a unhas cantas posicións fortificadas ao tempo que El-Krim creaba un
Estado independente que chegaría a funcionar como tal, máis alá
dos papeis: a República do Rif.
Precisamente
dese ano de 1921, datan os artigos que compartimos deseguido onde se
da fe da doazón de madeiras dos montes da Laracha (e doutros
municipios da bisbarra) destinadas á mellor instalación e resgardo
dos soldados españois en lugares de África como Larache.
|
La Voz de Galicia, 9 de decembro de 1921, páx. 2
|
|
La Voz de Galicia, 11 de decembro de 1921, páx 3
|
Madeira da
Laracha en Larache... historia ben curiosa, abofé, desas que tanto lle
gustaban
ao cineasta Luís García Berlanga. Se soubera dela no seu momento ¿quen
sabe? se cadra ata se atravía a levala á gran pantalla converténdoa
noutra das súas exitosas longametraxes. Soñar non ten cancelas!
O
desenvolvemento da Guerra do Rif, tamén chamada a segunda guerra de
Marrocos, e o seu fin
coincidiron coa ditadura
do xeneral Primo de Rivera en
España, que se ocupou
da campaña de 1924 a 1927. Ademais,
tras a batalla
de Uarga (1925),
os franceses interviron de cheo
no
conflito e
estableceron unha
colaboración con España que culminou
cun
desembarco
en Alhucemas.
Cara
1926 a zona ía
ser
pacificada, rendíndose
Abd-el-Krim en xullo
de 1927 e
obtendo o exército español
a reconquista do
territorio anteriormente perdido.
|
Postal antiga de Larache
|
En
1943 renomeouse
o
Tercio
con base en Krimda, ao
norte de Larache, como Tercio Don Juan de Austria, que anos
despois sería
trasladado a El
Aaiún no Sahara
español.
A Comandancia Xeneral
de Larache desapareceu
en 1956 coa independencia de Marrocos.
Dende
aquel entón a cidade íase converter en
parte do
territorio marroquí e
continuou desenvolvéndose
como un importante centro comercial e
turístico desta
parte do planeta… unha cidade que como dixo Fernando Cabeza Quiles puido dar
orixe ao topónimo A Laracha.
|
Postal antiga de Larache
|
FONTES:
ANDRADE
FIGUEIRAS, JOSÉ ANTONIO/CABEZA
QUILES, FERNANDO/ DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO/ FERNÁNDEZ CARRERA, XAN
X./ GARCÍA LOSADA, ANTÓN/ GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2016):
Andando por Bergantiños n.º
17. Parroquias de Cabovilaño, Torás e Vilaño.
Instituto de Estudos Bergantiñáns.
GARCÍA,
RODRI (2020): “Confinados en el
Gurugú”, La Voz de Galicia, 25
de abril.
________________