xoves, 9 de maio de 2024

O MILIARIO DE VILAÑO

  A igrexa de Santiago de Vilaño ten unha única nave e ábsida rectangular. Na parte posterior do templo sitúase a sancristía, lugar onde se atopa o protagonista das Crónicas da Laracha desta semana: un miliario tardío datado no século IV. 

O miliario de Vilaño está colocado "boca abaixo", coas primeiras liñas na parte baixa da pedra (Puri Soto)

   Os miliarios eran marcos, ou sinais, en forma de columna que sinalaban as distancias en millas nas calzadas romanas. Na pedra podíanse ler distancias ás cidades ou a Roma, o emperador que mandou construir a vía ou outras consideracións.

   O tesouriño de Vilaño, que ten unhas dimensións de 1,46 metros de altura e 30 centímetros de diámetro, permaneceu esquecido durante moito tempo ata que reapareceu en 1985, cando se realizaban unhas obras na igrexa, en tempos do párroco don Anselmo Graíño Calo. Trátase dun monólito granítico de gran fino que estaba reutilizado na parte superior do dintel da porta da sancristía. Foi alterado ata o punto de que actualmente ten unha cara circular e tres rectas, provocando unha mutilación no epígrafe do que só se conserva o remate das liñas.

    Segundo os historiadores Caamaño Gesto e Naveiro López, este miliario podería pertencer a unha das vías principais que atravesaban o territorio galaico, concretamente a vía 20, máis coñecida por vía Per loca marítima. Posúe unha inscrición, con letras de entre 5 e 7 centímetros, na que se pode ler unha mensaxe incompleta en latín, que podería dicir “bono rei publicae natus. Magno Decentio nobilissimo et florentissimo caesari”. Caamaño e Naveiro, que dataron a peza entre os anos 350 e 353, chegaron á conclusión de que se trata dun miliario dedicado a Flavio Magno Decentio (en latín, Flavius Magnus Decentius), irmán do usurpador do Imperio Romano Flavio Magno Magnentio (Flavius Magnus Magnentius), circunstancia estraña xa que habitualmente estaban dedicados ao emperador.

   Decentio fora nomeado César por seu irmán Magnetio entre o verán do ano 350 e o outono do 351 para gobernar sobre a Galia, controlar os lindes do Rin e asegurar a retagarda de seu irmán fronte ao emperador lexítimo Constancio II. No 352 Decentio foi nomeado Cónsul (maxistrado de máis alto rango da república romana), repetindo o cargo no 353 ao mesmo tempo que seu irmán. A causa de ambos foi decaendo progresivamente e as tropas de Constancio II venceron a Magnentio o 3 de xullo do 353 na batalla de Mons Seleucus. Logo de que as forzas de Constancio saíran vencedoras do combate, Magnentio acabou suicidándose en Lugdunum (Lyon, Francia). Ao coñecer a morte de seu irmán, Decentio aforcouse en Senonae, posiblemente a moderna Sens (Francia). 

 

Moeda emitida a nome de Decentio (wikipedia.org)

   O tesouriño do que estamos a falar viviu se cadra poucos anos de gloria (non é doado sabelo con certeza), xa que a súa función indicativa da vía na que estaba asentada veu xa a coincidir cos tempos finais da influencia romana na Gallaecia, previa, ou mesturada, coa sueva.

    Na nosa contorna non se conservan moitos miliarios. Hai outro en Brandomil (Zas), nun terreo próximo á igrexa parroquial, mais, ao contrario que o larachés, carece de inscricións. E hai outro en Santa Comba, descuberto en 1984 no atrio da desaparecida igrexa de San Pedro e dedicado a Galerio (Gaius Galerius Valerius Maximianus), que foi emperador romano entre os anos 305 e 311. Este monolito foi trasladado á parte frontal da actual Casa da Cultura de Santa Comba.

   O achado do miliario de Vilaño fora no seu momento toda unha noticia para os veciños e os amantes da historia e serviu, ademais, para testemuñar a existencia anterior da calzada romana que probablemente chegaba desde Carballo (e antes de Brandomil, e antes do Ulla…) con destino cara A Coruña e que tamén transcorría polo que hoxe é A Laracha. 

 

Igrexa parroquial de Santiago de Vilaño

   Hai uns días, para obter máis información sobre esta parte da nosa historia, contactamos coa prezada e admirada Puri Soto, a arqueóloga que dirixe as escavacións arqueolóxicas do castro de Montes Claros. Coa habitual atención e amabilidade coa que sempre trata a un servidor, Puri tivo a ben colaborar con Crónicas da Laracha escribindo o artigo que compartimos deseguido.

O miliario de Vilaño

Os miliarios compren a misión de indicar distancias nas calzadas romanas. Teñen forma de cipos cilíndricos ou columnas sen capitel que non tiñan un tamaño estandarizado, sendo os miliarios mais serodios, os do Baixo Imperio, algo mais irregulares, pequenos e peor traballados; balizaban as vías romanas a intervalos sinalando as millas que distaban (millia pasum) dende a capital administrativa de partida (caput viae) ao núcleo principal mais próximo.

Asemade cumprían unha función conmemorativa; a columna grávase a cicel cunha fórmula mais ou menos coñecida, o “formulario imperial”, por iso pódese escribir mediante abreviaturas: en primeiro lugar o nome do emperador e os seus títulos, xenealoxía, loubanzas, dedicatorias... auténticos elementos de propaganda imperial; e finalmente as millas representadas pola fórmula M, M.P, entre outras. Nalgún caso as letras foron remarcadas con pintura e posiblemente os chamados miliarios “anepígrafes”, levarían o texto pintado.

O miliario atopado en Santiago de Vilaño, e custodiado actualmente na sancristía, a pesar de estar parcialmente mutilado amosa unha dedicación clara ao emperador Decencio (Decentio), de apenas un ano de reinado durante a rebelión do seu irmán, o emperador Magencio, contra o emperador Constantino II, claro exemplo da inestabilidade política e fragmentación que xa se estaba a producir no Imperio Romano entre Oriente e Occidente (descentralización durante a Tetrarquía e período das catro Prefecturas).

Lectura do campo epigráfico

O texto do miliaro foi estudado e publicado por primeira vez no ano 1992 polos profesores Caamaño Gesto e Naveiro López1 que ofrecen a seguinte descrición :

Sus dimensiones son altura, 146 cm; diámetro, 30 cm. El campo epigráfico de 6 líneas abarca 50 cm. No obstante, dadas las peculiaridades epigráficas de los miliarios tardíos, hay que añadir una séptima línea situada 16 cm más abajo del campo epigráfico principal.

E a lectura que formulan aínda que con dúbidas é:

[B(ono)] R(ei) P(ublicae) N(ato) / [MAG]NO / [DECE]NTIO / [PIISS]IMO / [ET FLO ]RE /[NTISSIMO]...EI... / M(illia) [P(assuum).

Con posterioridade, no 2004 o profesor Rodríguez Colmenero et alii2 ofrecen unha lectura diferente para a fórmula inicial pero coinciden na cronoloxía: trátase dun miliario do emperador Decencio cunha datación entre o 350-353 d.C. Quedamos sen saber dende ou ata onde se contaban as millas (representadas na M da sétima liña), é dicir, cal era o caput viae debido á mutilación da pedra.

 

Fotografía, calco e transcrición do texto realizado por Colmenero et alii (Puri Soto)

Recentemente, o miliario foi novamente revisado en: J.M. Abascal Palazón e Alberto López Fernández, 2023: “Epigrafía romana de Galicia. I. Provincia de A Coruña”, Fundación Luis Monteagudo. Novamente estes autores fan outra lectura do tratamento inicial do césar: [D(omino) n(ostro)] Flâ[vio] / [Mag]no [De]centio... coa seguinte tradución: (Este miliario se puso en el tiempo de nuestro señor) Flavius Magnus Decentius, nobilísimo César, cuyo nacimiento fue tan beneficioso para el Estado. Milla....).

 

Fotografía da Fundación Luis Monteagudo do miliario de Vilaño

Son títulos típicos nos miliarios baixoimperiais: NOB(ilissimus) CAES(ar), NOBILISSIMUS ET INDULGENTISSIMUS CAESAR e NOBILISSIMUS FLORENTISSIMUS CAESAR, destinados a afirmar a sucesión dinástica en momentos no que o poder imperial se caracterizaba pola súa inestabilidade, como xa comentamos.

En calquera caso, os tres grupos de autores coinciden plenamente na adxudicación do miliario ao mesmo emperador. Igualmente coinciden en adxudicar este miliario á polémica e peculiar vía 20 marítimo-terrestre.

A vía 20 Item per loca maritima a Bracara Asturicam

O denominado “Itinerario de Antonino” é unha das principais fontes de estudo destas vías, un catálogo oficial brevemente descritivo pero que nos chega a partir dunha copia tardía, con erros de transcrición. Tamén nos ofrece unha recompilación das mansio- mansións principais que se distribuían ao longo destes itinerarios, coas distancias miliarias entre elas, como lugares de aprovisionamento, para pernoitar pero tamén nós de comunicación para as numerosas vías secundarias que deberon existir pero das que o Itinerario non nos fala.

Das 34 calzadas principais existentes en toda Hispania, tres corresponden á Gallaeciae romana: a ruta 18 Item alio itinere a Bracara Asturica; a vía 19 Item a Bracara Asturica e a ruta 20 denominada popularmente Per loca maritima, que tamén uniría Braga e Astorga. A numeración das vías corresponde ao traballo de sistematización destes itinerarios realizado polo enxeñeiro Eduardo Saavedra e Moragas no 1862. As vías unían capitais dos conventos xurídicos romanos. As tres calzadas galaicas tratan de unir dúas capitais administrativas Braga e Astorga por rutas diferentes, pasando a vía 18 polo sur, pola provincia de Ourense e a 19 algo mais setentrional enlazando con Lucus Augusti- Lugo.

De todas estas rutas, a vía 20 é unha das mais controvertidas. A discusión baséase na interpretación da súa natureza costeira ou marítima e ten xerado dúas correntes principais de investigación que difiren entre quen formula un recorrido costeiro ou marítimo exclusivamente e os que sitúan un treito terrestre deste itinerario pola provincia da Coruña; esta última sería a alternativa máis difundida e aceptada polos autores que estudaron o epígrafe de Vilaño. Segundo esta versión a vía 20 funcionaría como unha variante mixta marítimo-terrestre da vía 19 que xa vén pegada á costa na provincia de Pontevedra, ocupando a Depresión Meridiana (falla natural N-S que se converteu nunha arteria para as comunicacións incluso na actualidade, como a N-550) para dar cobertura aos portos das rías e a navegación mediante vías secundarias nos principais interfluvios; esta vía 20 marítima que ademais mide as distancias en estadios (non en millas) como é propio das rutas de navegación, se convertería en terrestre cando a ruta 19 torce dirección leste cara Lugo (pasando por Santiago) á altura da mansio Aquis Celenis (Caldas de Reis). A vía 20 continuaría seu traxecto marítimo cara o norte e se convertería de novo en terrestre alcanzando a cubeta bergantiñán entrando polo interfluvio do Tambre-Xallas; entón as mansións volven a contar as distancias en millas; isto sucede porque esta bisbarra concentra tres ricas comarcas auríferas: Xallas, Soneira e Bergantiños. Segundo esta interpretación, neste novo treito terrestre se situarían dúas das mansións citadas no Itinerario: Grandimiro e Atricondio ou Trigondo, aínda sen localizar con exactitude pero que indubidablemente a vía debe pasar por onde se concentran os achados arqueolóxicos e epigráficos romanos de Brandomil (dous miliarios anepígrafes), Santa Comba (miliario do emperador Galerio), Carballo (baños romanos dos que gustaban as mansio) e Vilaño; despois continuaría cara Brigantium para fundirse de novo coa vía 19 en Lugo.

Elementos para localizar vías romanas e outros vínculos co territorio

A posibilidade de darlle contexto arqueolóxico e histórico a este interesante miliario forma parte dos obxectivos do proxecto de intervención do Castro de Montes Claros, situado na parroquia de Vilaño, financiado polo Concello da Laracha. Quizais non podemos afirmar con rotundidade que nos atopemos ante a denominada vía 20, como certo é o reducido número de intervencións arqueolóxicas en toda a Comarca de Bergantiños, Soneira e Xallas. As escavacións no xacemento romano de Brandomil (Zas) e no Castro de Montes Claros ben seguro contribuirán a incrementar a historia antiga da nosa bisbarra, aportando novos datos epigráficos ou materiais asociados ao uso da calzada.

E posto que non posuímos a situación orixinal do miliario, toda a información que nos aporte o castro sobre o seu proceso de romanización será de máximo valor, por iso estamos traballando na zona extra muros localizando o camiño de entrada e tratando de entender cara onde se foi dispersando a poboación posto que faltaría localizar un xacemento romano tipo villa ou mansión.

Sabemos que as vías romanas en ocasións reaproveitaban camiños prerromanos como tamén é habitual que se atopen balizadas por castros romanizados. En concreto, o patrón de asentamento do castro de Montes Claros, nunha encrucillada de camiños e cun forte control visual sobre a contorna apunta a súa natureza viaria, o que se ten posto de manifesto durante as últimas campañas de escavacións ao exhumar materiais de importación procedentes do tráfico marítimo atlántico e mediterráneo.

Nos traballos de recollida de información de campo, varios veciños nos informaron da presencia de materiais romanos abundantes, relacionados cunha posible necrópole de tégulas, nas proximidades do castro: os cemiterios romanos colocábanse nas aforas dos núcleos de poboación pegados ás calzadas. Tamén temos algunha toponimia de reforzo como son “As Calzadas” ou as “Millareiras”: a presencia de milladoiros ou “Montes de Mercurio” como foron chamados polos romanos, están asociados as divindades protectoras dos camiños. Neste senso, tamén a advocación da propia parroquia de Santiago de Vilaño, santo asociado cos camiños de peregrinación, relacionase coa existencia dunha ruta que afunde as súas raíces en roteiros máis antigos. A propia “Patada do Xentil” do castro e o salto marabilloso do cabalo, como elemento de carácter antropolóxico, está relacionada co folclore de cabalo de Santiago.

A situación xeoestratéxica do asentamento castrexo de Monte Claros pode contribuir a aclarar as cuestións sobre o paso desta importante vía de comunicación para o territorio dos ártabros-brigantinos, estreitamente relacionada co comercio de materias primas e a metalurxia do ouro e o estaño xa dende época prerromana.

 

Castro de Montes Claros (Antonio Fernández)

 

FONTES:

ABASCAL PALAZÓN J.M. / LÓPEZ FERNÁNDEZ, ALBERTO (2023): Epigrafía romana de Galicia. I. Provincia de A Coruña, Fundación Luis Monteagudo

CAAMAÑO GESTO, J.M. /NAVEIRO LÓPEZ J. (1992): Aportaciones al estudio de la red viaria romana de la provincia de La Coruña, Facultade de Xeografía e Historia. Departamento de Historia I. Finis Terrae. Estudios en lembranza do Prof. Dr. Alberto Balil. Universidade de Santiago de Compostela.

CABEZA QUILES, FERNANDO/ DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO/ FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X./ GARCÍA LOSADA, ANTÓN/ GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños. Instituto de Estudos Bergantiñáns.

RODRÍGUEZ COLMENERO, A./ FERRER SIERRRA, S.E./ ÁLVAREZ ASOREY, R.D. (2004): Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (Conventos Bracarense, Lucense e Asturicense). C.C.G. Santiago de Compostela.

LA VOZ DE GALICIA (2007): Un miliario del siglo IV yace en un inmueble de Vilaño, La Voz de Galicia, Edición Carballo, 19 de setembro.


__________

1 Caamaño Gesto J.M. y Naveiro López, J. (USC) 1992: Aportaciones al estudio de la red viaria romana de la provincia de A Coruña. Finis Terrae. Estudios en lembranza do profesor Dr.Alberto Balil. Santiago de Compostela, pp.204-227.

2 Rodríguez Colmenero, A., Ferrer Sierra, S. E Álvarez Asorey, R.D. 2004: Miliarios e outras inscricións viarias romanas do noroeste hispánico (Conventos Bracarense, Lucense e Asturicense). C.C.G. Santiago de Compostela.


Ningún comentario:

Publicar un comentario