Nas Crónicas da Laracha desta semana compartimos con todas e todos vós unhas fotografías inéditas da autoría de Ramón Arcos Reinoso que nos cedeu o seu fillo Kiko Arcos Areosa, natural do Igrexario de Lemaio e mestre xubilado de Xeografía e Historia en Málaga.
As fotos, tomadas nos anos 30-40, representan un verdadeiro tesouriño etnográfico sobre a parroquia de Lendo xa que, por primeira vez, podemos observar como eran nesa época algúns dos lugares da freguesía e ver, ademais, a varios veciños de Lendo daqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María.
Polo que nos contou Kiko, seu pai Ramón nacera en 1911 en Ciudad Real e ao rematar a carreira de maxisterio foi mestre da escola de Lendo durante algúns anos da Segunda República. “Meu pai chegaría a Lendo sobre o ano 1933, aproximadamente. Alí coñeceu a miña nai Clementina, que tamén era mestra. Papá foi un moi bo mestre. Vivía na casa da escola. Faloume del un alumno, o carpinteiro de Lendo que vive en Caión ao lado do consultorio médico. Outro alumno foi un tal Barbeito, que tiña tenda en Carballo. A casa da escola era dunha señora que se chamaba María, da cal non recordo o seu apelido. O que si sei é que a súa filla Clarisa tivo un bar en Caión, o “Plaza”, e logo emigrou a Nova York. Ao volver dos Estados Unidos estableceuse en Santiago de Compostela”, recordaba Kiko.
![]() |
Imaxe dos anos 30-40 da escola de Lendo (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
A antiga escola de Lendo na actualidade (Cortesía de Jesús Meniño) |
![]() |
A antiga escola de Lendo na actualidade (Cortesía de Jesús Meniño) |
![]() |
Escola de Lendo nos anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
Clementina Areosa Martínez nacera en 1914 no Igrexario de Lemaio na casa dos de Areosa, tamén coñecida como “a dos cinco médicos”. Sobre esta casa, construída en 1923 e situada en fronte da igrexa de Lemaio, prometemos falar máis polo miúdo no futuro.
Clementina ía ocupar de xeito interino a praza de mestra da escola de Lendo durante o tempo que o titular da mesma, Ramón Arcos Reinoso, estivo na Guerra Civil loitando na zona republicana. O nomeamento de Clementina localizámolo na prensa da época:
Nombramiento de maestros interinos
A propuesta del delegado militar de Instrucción Pública, han sido nombrados los siguientes maestros y maestras interinas (…) Clementina Areosa Martínez, para Lendo, en Laracha1.
Kiko tamén nos contou que “a miña nai cesárona como mestra ao acabar a Guerra. Aprobara as oposicións en 1936, pero declaráronas nulas para dar entrada como mestres a moitos ex combatentes. Nesa época meu pai volve a ocupar a praza de mestre na escola de Lendo e, pouco tempo despois, xa cousou con mamá. Un tío dela, D. Manuel Areosa Castro, que era o cura da parroquia de Lemaio, foi quen os casou”.
![]() |
O mestre Ramón Arcos Reinoso na Coruña nos anos 30-40 cun grupo de amigas (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Ramón na súa etapa en Lendo (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Ramón diante da igrexa de Lendo (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
Os dous primeiros fillos do matrimonio ían vir ao mundo en Lemaio, na casa dos de Areosa. Kiko, o primoxénito, naceu2 o día de San Xoán de 1948. O segundo, Ramón (andando no tempo economista e alto cargo na Universidade de Castela-A Mancha), ía nacer en 1951.
Foron moitos os nenos e nenas de Lendo que aprenderon as primeiras letras co mestre Ramón Arcos Reinoso. Algunha daquela rapazada pódese ver nestas fotografías nas que se cadra identificades aos vosos avós (se é así, avisade por favor):
![]() |
Escola de Lendo, anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Escola de Lendo, anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Escola de Lendo, anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
A familia Arcos Areosa abandona A Laracha na primeira metade da década dos cincuenta e establécense no municipio de Malagón (Ciudad Real), onde en 1959 naceu a máis nova da familia: Conchi, mestra recentemente xubilada que na actualidade vive a cabalo entre Málaga e Lanzarote.
Ramón, o antigo mestre de Lendo, foi director do colexio de Malagón, onde curiosamente, segundo nos contou Kiko “traballamos os tres, meu pai, miña nai e eu. Cousa curiosa e pouco frecuente. A mamá e a todos os “cursillistas” do 36 recoñecéronlles a súa praza en 1950 e foi aí cando puido volver á docencia. Deu clase en Malagón ata a súa xubilación”.
Ramón, Clementina e os seus tres fillos nunca perderon o contacto coa Laracha xa que cada ano pasaban aquí o verán, “ao principio -recorda Kiko- na casa matriz de Lemaio e máis tarde na casa que tiñan meus avós en Proame. Miña avóa María era de Arteixo, do lugar da Branquenza, na parroquia de Barrañan”.
Vaia dende aquí o noso agradecemento a Kiko Arcos Areosa por compartir con nós moitos dos recordos da súa familia e o tesouriño etnográfico que tivo a ben ceder para estas Crónicas da Laracha.
![]() |
Veciños de Lendo nos anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Veciños de Lendo nos anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Veciños de Lendo nos anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Crego de Lendo diante da igrexa parroquial nos anos 30-40 (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
![]() |
Imaxe dos anos 30-40 da igrexa de Lendo (Cortesía de Kiko Arcos Areosa) |
_________
1 Vid. El Ideal Gallego, 19 de setembro de 1936, páx. 4.
2 A persoa que atendeu a Clementina no parto foi seu irmán Manolo, médico xinecólogo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario