Chega novembro e con el a cita cos que xa se foron. En pleno outono, nos días 1 e 2 deste mes os cemiterios da Laracha acollen, como no resto da nosa xeografía a cor das flores frescas e o murmurio dos que visitan as tumbas de familiares e amigos. Pero, ¿cando é realmente o día no que se honra aos falecidos e porqué é ese día en concreto?, ¿qué significa a festividade de Todos os Santos?
Cemiterio de Lestón o 30 de outubro de 2023 |
Moitos fieis inician os ritos e tradicións do Día de Defuntos o día 1 de novembro, o que da lugar á sensación de que é ese día cando hai que visitar os cemiterios. Porén, a Igrexa diferenza claramente as dúas celebracións.
O 1 de novembro a Igrexa católica celebra a festividade de Todos os Santos, coñecidos e descoñecidos. Non só rinde homenaxe aos que están nos altares, senón tamén aos cristiáns que despois de toda unha vida son, segundo o evanxeo, un modelo a seguir. A celebración remóntase ao século IV e a súa orixe é a gran cantidade de mártires da igrexa naquela época. Así, o de 1 de novembro está dedicado especialmente aos santos non canonizados, ao recoñecer o seu labor.
O Día dos Fieis Defuntos conmemórase o 2 de novembro desde que no século X un monxe beneditino, san Odilón, empezara a celebrar nesa data en concreto unha misa pedindo por todos os defuntos. E a partir do século XVI, toda a Igrexa de rito latino adoptou a devandita data fixada por san Odilón que hoxe marca no calendario un puñado de tradicións tanto relixiosas como pagás.
A principal tradición no día dos Fieis Defuntos é visitar os cemiterios. Familiares e amigos levan flores ás tumbas dos seus seres queridos, límpanas, rezan polas súas almas e ‘acompáñanos’ uns minutos. Non falta quen lles conta cómo van as cousas na casa desde que se foron. Tamén é costume acender candeas (ata non hai moito tamén lámpadas de aceite). Á vez que símbolo de vida, flores e luces son un agasallo que se lles leva aos defuntos.
Cemiterio de Torás o 30 de outubro de 2023 |
Nestas datas, en tempos pasados era habitual comer castañas cocidas e asadas no camposanto. Nalgúns puntos de Galicia nos que non tiñan este magosto varrían a lareira e, igual que pola Noiteboa, deixaban sobre a mesa comida e tantas lámpadas de aceite como defuntos tivese a familia. Así mesmo, noutros lugares da nosa xeografía, no pasado era costume botar un gran madeiro ao lume esa noite para que as almas dos defuntos se quentasen.
Arredor de Todos os Santos, antigamente existía en distintas localidades de Galicia a costume de baleirar unha ou varias cabazas grandes para meterlles dentro unha candea acendida. Tan singular elemento colocábase despois nas entradas das casas, en portas ou ventás. Na actualidade inténtase recuperar esta tradición que diversas teorías vinculan coa festa celta do Samaín. Deste xeito, a noite do 31 de outubro comeza o ano novo celta cunha celebración na honra dos defuntos, que marca tamén a transición do outono ao inverno. Os celtas eran un pobo de profundas crenzas relixiosas relacionadas coa inmortalidade da alma. Varios séculos despois, prácticas típicas do Samaín teñen continuidade no Halloween, que os irlandeses exportaron a Estados Unidos durante o século XIX e a principios do XX.
Cabazas con candeas acendidas (Pixabay) |
E na Laracha, ¿como se celebraba o Día de Defuntos no pasado? Falade cos vosos maiores, por favor, e xa nos contarades o que vos din. Axudar a manter viva a memoria do municipio é o obxectivo deste espazo... porque non esquezades que a memoria é onde se asentan os alicerces da nosa propia identidade!
Ata a semana que vén!
Na miña casa cando era nena recordo que nos facían un collar de zonchos (castañas cocidas ca pel). Sempre me gustaron as castañas e disfrutaba moito nesa época. Reunirse toda a familia na lareira mentres se asaban as castañas nunha lata do acite "la Giralda" con buratos forma parte dos meus recordos para sempre.
ResponderEliminarMoitas grazas por compartir as túas lembranzas con nós, María!
Eliminar