Unha das informacións que aparecen no Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar, é a que fai referencia á existencia de oleiros na Laracha. O seu autor Pascual Madoz, cando describe a industria que había naquela hora neste municipio, dinos que “se dedican muchos brazos sin perjuicio de la agrícola; se encuentran tambien molinos harineros, telares caseros, algunos tejares y alfarerías, así como artesanos de primera necesidad”1.
Esta noticia levounos a procurar referencias documentais en diferentes arquivos sobre os lugares da Laracha nos que, algúns veciños, se dedicaron á fabricación e venda de pezas de olaría nas “alfarerías” das que daba fe Madoz a mediados do século XIX no seu Diccionario. É moi probable que se tratara dalgunhas simples rodas instaladas ao amparo dos hórreos das casas nas que algúns labregos traballaban temporalmente como oleiros cando as faenas do campo llo permitían. Nestos casos o centro oleiro, máis ou menos familiar, efectivamente existía, pero os seus operarios tiñan como profesión principal outra distinta. Desgraciadamente, o feito de que o Concello da Laracha perdera a documentación do seu arquivo nun incendio acaecido hai xa bastante tempo, foi un factor determinante nesta procura de referencias sobre eses oleiros laracheses dos que, tras un arduo traballo de investigación, só podemos ofrecer exiguos (pero interesantes) datos.
Foto do libro La alfarería de Galicia |
Polo que nos conta o investigador etnográfico Luciano García Alén no seu marabilloso libro La alfarería de Galicia2, a maior expansión da olaría galega prodúcese no transcurso do século XVIII ata o primeiro terzo do século XX. No caso da comarca de Bergantiños, a primeira noticia documental que se ten da existencia de olaría en Buño, capital galega da artesanía do barro, data do século XVI, cando a cidade da Coruña contratou aos artesáns desta vila malpicá para elaborar os canos da súa primeira traída de augas. O nivel técnico amosado para crear esas pezas indica que os oleiros de Buño tiñan xa décadas, se cadra séculos, de experiencia e tradición.
A mellora da economía labrega entre os séculos XVII e XVIII ía motivar o desenvolvemento da produción oleira para o consumo das xentes do campo. A evolución desta parte da nosa historia podémola seguir a través das “memorias” de algúns dos historiadores da época como Eugenio Larruga, que en 1799 informaba que en toda a xeografía galega había naquela época cento setenta e sete fábricas de olaría e que “en la jurisdicción de Mens, y Feligresía de San Esteban de Buño, se encuentran unos setenta vecinos que fabrican loza muy ordinaria3”. En 1804 Lucas Labrada, na súa Descripción económica del Reino de Galicia4, menciona as fabricas de “loza ordinaria” que había no país e dinos, ademais, que na Coruña celebrábanse “dos mercados semanales los miércoles, y sábados, á donde se lleva harina, pan cocido, gallinas, pollos, lechones, huevos, manteca, y algunos otros comestibles, como también telas de lienzo del país, y loza de las parroquias de Buño, y Leiloio.” Hai que aclarar que cando Labrada emprega a palabra “loza” refírese únicamente a vasillas en arxila ou barro cocido, e ao empregar “fábrica” alude a obradoiros ou talleres familiares característicos dos oleiros-labregos.
Labrada tamén informa de que en contadas ocasións existiu algún taller con incipiente organización industrial que, por diversas razóns, non tiveron unha prolongada existencia. Conclúe o autor a súa obra cunha recopilación numérica destos artesáns, considerando que naquel momento existían en Galicia 143 mestres e 25 oficiais oleiros, engadindo 6 mestres e 8 oficiais de “loza”, utilizándoa nun sentido diferenciador. Acaso con isto aludise a algún intento entón de fabricar “loza” con baño de sales de estaño, ou ben alude xa á incipiente Fábrica de Sargadelos para aquela época.
Algúns anos despois, en 1846, Pascual Madoz enumera no seu Diccionario geográfico-estadístico nomeado ao inicio desta crónica as “fábricas de loza” -enténdase novamente que se fala de talleres de oleiros- existentes en toda a xeografía galega e tamén as “alfarerías”, entre elas, as que afirma que había na Laracha naquela altura.
A produción oleira e telleira en Galicia ten ata finais do século XVIII características exclusivamente artesanais e rurais, unha actividade intermitente na que se aproveita a estación de menos choivas para efectuar unicamente a cocción necesaria para cubrir as necesidades locais. Porén, hai xa zonas que acadan unha certa especialización como agrupacións de vivendas-taller e que actúan como centro de distribución comarcal, como foi o caso de Betanzos, Buño, Mondoñedo, Bonxe, Samos, Gundivós, Lobios, Niñodaguia, Portomourisco, Ramirás, Tioira, Bamio ou Prado, entre outras.
As aldeas e vilas destos artesáns galegos ían acadar o seu maior grao de expansión a finais do século XIX. O aumento da productividade do campo (aínda que foi a expensas dun maior esforzo humano), a introdución de novos produtos como o millo e a pataca, a mellora da gandería, o aumento da poboación, ao mesmo tempo que outros diversos factores como a apertura de novos camiños e o desenvolvemento de mercados, xunto á posibilidade do labrego a adquirir, polo menos, unha parte da terra que cultivaba, ían significar un aumento no consumo de utensilios para a casa e para as faenas do campo.
En Galicia importábase olaría e louza de heteroxénea procedencia: de Portugal, de Castela, posteriormente de Cataluña e a relación podería prolongarse extensamente. A isto hai que engadir a constante emigración dos galegos que, á súa volta, aportaban novas ideas. “Alguna vez contamos con una referencia expresa de esas aportaciones, como el 'paragüeiro' conocido por 'O Luintra', que trajo para Niñodaguia una 'pota' de Castilla. Se dice que a finales del siglo XIX era frecuente 'a passagem dos galegos como artistas de compor louça e guarda-sois, os quáis deixavam marcas ou nomes excritos nas paredes caiadas da Igreja Matriz de S. Tiago de Areias, al N. de Portugal. La aldea de 'louceiros' de Prado es consecuencia de un campesino que durante años trabajó en Barcelos. En nuestra opinión las aldeas próximas a Samos son una consecuencia de quienes iban a Castilla como segadores. Y las gentes marineras de Galicia han sido un incesante vehículo de aporte de cultura material. A Galicia llegaron alfareros oriundos de la comarca de la Bañeza y portugueses de Barcelos, que establecieron sus talleres por diversos lugares de nuestro país, importando los caracteres de la alfarería de su comarca de origen5.”
Tamén debemos subliñar que nos séculos XIX e XX, houbo moito intercambio de ideas entre oleiros de distintos puntos da xeografía galega. Así, os artesáns de Buño pasaron polos talleres de Bonxe e viceversa. Parece ser que a estadía dos primeiros nos obradoiros da Terra Chá motivou un aumento da riqueza decorativa. Outros de Buño, xa por épocas pasadas, fóronse a Betanzos, Ares, Narón e outros lugares, ocasionando formas híbridas na nosa olaría. E en tal sentido é de singular interese a emigración dos oleiros da Guarda, entre 1935 e 1950, que traballaron nun importante taller de cerámica galego-portuguesa.
Oleiro de Buño coa súa familia no primeiro cuarto do século XX (Foto do libro La alfarería de Galicia) |
No transcorrer da produción oleira característicamente ruralizada en Galicia, houbo varios intentos de industrialización, que esporadicamente e con diversa fortuna foron producíndose xa no século XVIII. Unha veces pretendíase industrializar a produción oleira e outras o que se intenta é a fabricación de louza. Ao fío disto, referíndose a Pontevedra, Alfredo Brañas opinaba que “(...) además no sería difícil en determinados puntos de la provincia montar pequeños establecimientos que tuviesen por objeto la fabricación de utensilios de porcelana y barro, algo más perfectos que los famosos de Buño, en la provincia de La Coruña. En efecto, pucheros, barreños, platos, caños, tiestos para jardín, etc., podrían elaborarse con las arcillas más groseras que se dedican a fabricar tejas y ladrillos; y con el caolín bien preparado, las mejores vajillas que pudieran competir ventajosamente con las que proceden de las fábricas catalanas y sevillanas6.”
Xa polo ano 1765 pretende D. Pedro Costal a creación dunha fábrica de louza ordinaria en Tui, que ía ter unha duración efémera. Dúas décadas máis tarde, en 1786, D. Lorenzo de Riba y Otero trata de desenvolver unha fábrica de louza basta no lugar de San Caetano de Mondoñedo. E é ben coñecida a creación na parroquia de Santiago de Sargadelos (Cervo, Lugo) da fábrica de louza de Sargadelos en 1804 por D. Antonio Raimundo Ibáñez, coa pretensión de fabricar auténtica louza a imitación da de Bristol. A actividade desta fábrica finalizou polo ano 1875, pero no seu tempo a produción foi dunha elevada calidade, diferenciándose en catro épocas polos seus característicos modelos e decoracións e as diversas pastas cerámicas empregadas.
Nesa época foron xurdindo outros proxectos para a industrialización da olaría e para fabricar diversos tipos de cerámica, proxectos que na súa maioría non terían unha duración moi longa. Neste concepto é destacable a pretensión dun notable número de fabricantes de tella, ou telleiros, tan abundantes por determinadas áreas da xeografía galega, entre elas A Laracha, para desenvolver a súa produción mediante a fabricación da olaría. O propio Ibáñez posuía unha telleira en Xove, lugar próximo a Sargadelos, antes de iniciar a fábrica de louza. E tal é, como outro exemplo, a “Fábrica El Progreso” da Guarda (Pontevedra), antiga telleira que á parte de contar cos mellores oleiros do lugar, incorpora a un grupo de artesáns emigrados de Portugal e inicia a produción dunha ampla gama de vasillas de barro e mesmo obxectos de barro fino e louza, durante os primeiros anos do século XX.
A desexada transformación das telleiras en fábricas de olaría tamén tiveron o seu exemplo na Laracha, onde, segundo as informacións que localizamos no Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración, sabemos que un tal Antonio Varela foi propietario a finais do século XIX dunha telleira e dun obradoiro de olaría existentes no municipio.
A páxina 15 de revista Vida Gallega do 10 de novembro de 1920 representa a desexada transformación das telleiras en olarías |
O devandito Anuario del Comercio, de la Industria, de la Magistratura y de la Administración é unha continuación, a partir de 1881, do Anuario-almanaque del comercio, de la industria, de la magistratura y de la administración que, en 1879, comezara a editar o libreiro madrileño Carlos Bailly-Baillière, e que máis tarde tamén farían os seus fillos, ao estilo dos que se publicaban nesa altura noutros países de Europa e en Estados Unidos, seguindo a estrutura do francés Annuaire-almanach, de Diderot-Bottin.
Na colección da Biblioteca Nacional faltan os anuarios correspondentes aos anos 1889-1893 e 1907. Debido ao estado da colección e á inxente paxinación dos seus volumes, a dixitalización do ano 1886 está dividida en 64 entregas, e algúns anos posteriores en diversas partes. Algúns carecen de portada e primeiras páxinas. Despois de trinta e tres anos publicándose baixo este título, en 1912 fúndese coa guía catalá Anuario-Riera (Barcelona: 1896-1911), para seguir editándose, iniciando a súa segunda época e numeración, baixo o título Anuario general de España (1912-1978), o cal non está incluido na Hemeroteca Dixital ao estar suxeito a dereitos de propiedade intelectual.
Pois ben, na edición do ano 1881 do devandito Anuario figura Antonio Varela como propietario de una “fábrica de tejas”. Como anécdota, comentar que nese mesmo ano (e nos seguintes) aparece Juan Astray López como propietario dunha fábrica de xabón sen especificar, en ambos os dous casos, o lugar da Laracha na que estaban situados esos negocios.
No 1882 o nomeado Varela non figura no Anuario, mais volve a aparecer en 1883, 1884 e 1885, desta volta como propietario dunha “fábrica de alfarería”, polo que supoñemos que foi un daqueles telleiros que transoformaron a súa telleira nun obradoiro de olaría.
Non nos aventuramos a determinar o lugar no que estaba o taller de Antonio Varela, artesán do que non temos máis noticias desde 1885, mais o que si apostamos é que fabricaba os seus cacharros de barro con caolín (que é unha arxila branca de gran pureza que se emprega para a fabricación de louzas e porcelanas) extraído nalgún dos barreiros da Laracha.
Segundo as informacións de Luciano García Alén, na época da que estamos a falar non deixaban de acudir aos mercados galegos as vasillas de barro, ademais de louza, con orixe de moi diversos lugares, e que en maior abundancia procedían de Portugal, Castela e Cataluña. Con inusitada frecuencia, o seu mellor acabado e máis abundante decoración relegaban a un segundo plano á sinxela olaría dos artesáns do país. E por este dominio comercial e ante a ausencia do máis mínimo apoio á industria que perduraba no campo como fundamental medio de subsistencia dos labregos, o historiador Ramón Otero Pedrayo crispábase de indignación ao expresar… “A revolución foi non industrial senón comercial na miña terra. Ela quedou como país colonizado pola tenda, non veu en troques de unha farta e tradizoal industria caseira ou popular outra nova. Fíxose a Galicia mercado… Manexouse a arma da bulra contra as industrias e labouras antigas enxebres (...)7.”
Despois dos ensaios industriais sucedidos durante o século XIX e ata traspasar o primeiro cuarto do século XX non foi posible en Galicia o desenvolvemento dunha apropiada fabricación de louza e porcelana, en tanto que están destinados á exportación unha parte importante dos caolíns que se gardan no seu subsolo.
Ao fío da información anterior cabe lembrar que, cando o empresario de Vilalonga (Pontevedra) Epifanio Campo Núñez comezou coa súa actividade empresarial na Laracha, foi precisamente coa explotación dun xacemento de caolín en Lendo, material que exportou a Alemaña, País Vasco, etc., durante varios anos, ata que construíu a primeira fábrica de Cerámica Campo. Mais disto xa falaremos noutra ocasión.
Panorámica
actual do barreiro de Cerámica Campo no que se observa, cun ton máis
claro que o resto da imaxe, o xacemento de caolín |
A información sobre os oleiros que houbo na Laracha é moi exigua, sabémolo. Só temos o apuntamento de Pascual Madoz, cando informa de que a mediados do XIX había no municipio “algunos tejares y alfarerías”, e as referencias do Anuario del Comercio nos que figura Antonio Varela como propietario dunha “fábrica de alfarería”. Mais, con todo, estos exiguos datos parécennos de moito interese para a historia local xa que axudan a ter unha nova perspectiva da relación do municipio larachés coa cerámica.
Ata a semana que vén!
____________
1 Vid. Pascual Madoz (1847): Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. Tomo X. Madrid, p. 76.
2 Vid. Luciano García Alén (1983): La alfarería de Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña.
3 Vid. Eugenio Larruga (1799): Memorias políticas y económicas sobre los frutos, comercio, fábricas y minas de España, con inclusion de los reales decretos, ordenes, cedulas, aranceles y ordenanzas expedidas para su gobierno y fomento. Tomo XLIV, Madrid, páx. 295.
4 Vid. Lucas Labrada (1804): Descripción económica del Reino de Galicia, Ferrol, páx, 40.
5 Vid. Luciano García Alén (1983): La alfarería de Galicia, Fundación Pedro Barrié de la Maza, A Coruña, pp. 33-34.
6 Vid. Alfredo Brañas (1889): Memoria acerca de las pequeñas industrias que conviene establecer en la provincia de Pontevedra, que por el corto capital de sus productos pueden desarrollarse con facilidad, Galicia, revista regional, A Coruña, III, marzo de 1889, nº 3. páx. 170.
7 Vid. Ramón Otero Pedrayo (1958): Relación entre montana e ribeira na Galiza Central no antigo réxime, Actas do coloquio de estudos etnográficos Dr. Leite de Vasconcelos. Junta de la provincia do Douro Litoral, (18-23 xuño, 1958), II, Porto, pp. 29-53.
Si, as referencias de Laracha son moi exiguas, é unha mágoa. Mais o teu relatorio está moi ben contextualizado e, sobre todo, excelentemente documentado. Creo recordar que tamén houbera intentos de fabricación de louza na parroquia de Dorneda a finais do século XVIII, investigado por Antonio Meijide Pardo. Parabéns de novo Xabier.
ResponderEliminarMoitas grazas pola túa resposta e polo teu apuntamento, Cabaqueira!
ResponderEliminar