martes, 28 de febreiro de 2023

MONCHO DE BELLO, O GAITEIRO DA GANDUMA

  A Ganduma, na parroquia de Lestón, foi o lugar no que veu ao mundo en 1936 Ramón Bello Cotelo, 'Moncho de Bello', un dos gaiteiros que amenizou coa súa música algún que outro baile da Laracha de antano. 

   O noso protagonista tiña dúas irmás, Hermelinda, falecida en 2017 aos 92 anos de idade, e Chucha, que non lembra o momento no que Moncho empezou a tocar a gaita. “Só recordo que ía moito pola zona de Golmar”, dixo.

   Precisamente en Golmar foi onde o gaiteiro da Ganduma coñeceu a súa futura dona, Élida Puente García, unha muller coa que conversamos en febreiro de 2023. Na compaña de súa filla Mari Carmen e ao carón do lume da lareira do seu domicilio de Fofelle, Élida rememoraba con humor, e con certa retranca, a primeira vez que viu a Moncho. “Xa non recordo ben se foi na Rocha ou en Fragoso. Cando o coñecín xa era gaiteiro, xa tocaba… e aínda tocaba máis se poidera (risas). En Fragoso tocaba de cando en vez na casa de Aurelia. Recordo que nunha ocasión dixérame unha veciña:

-Élida, ves ao baile?

A nai desta amiga sempre ía con ela, nunca a deixaba ir soa. Eu adoecía por ir bailar e pregunteille a miña avoa, que foi quen me criou, se me deixaba ir.

-Non te deixo ir, non. Aínda non che caeu a casca do cu-, dixo ela.

Eu choraba como unha descosida, chorei sete chorares. As outras mozas foron ao baile e eu quedei na casa”.

 

Moncho de Bello e a súa muller Élida Puente (Cortesía da familia)

    A señora Élida tamén nos falou doutra ocasión na que fora a un baile, desta volta co permiso de súa avoa, no que tocaba Moncho. “Nós aínda non nos coñeciamos. Eu ía bailar como todas as mozas e aquel creu que foi o día no que me empezou a gustar (risas)… bueno, ese ou outro día, xa non recordo ben (risas). O caso é que o baile facíase nun alpendre dos de Nieves de Mendes1, no lugar da Rocha, raiando coa parroquia de Soutullo. Eran grandes labradores e o alpendre tíñano arrendado. Alí xuntábase a xente nas fiadas do liño e rifábanse roscas, laranxas… e cos cartos das rifas facíase baile co gaiteiro da Ganduma, que viña dende aló a través dos montes. Aquilo debeu ser sobre o ano 1953, e ao pouco o gaiteiro a máis eu (risas) empezamos a mocear. Falamos durante nove anos, ata que nos casamos en 1962”.

    Durante o noivado, ao tempo que Élida facía uns pesiños na de Dubra de Golmar, onde traballou como criada durante dezaseis anos, ata a véspera do día do seu casamento, Moncho cumpre o servizo militar en África e, unha vez licenciado, empeza a gañar a vida como tratante de gando.

    A gaita foi a súa inseparable compañeira durante toda a súa xuventude, tocando muiñeiras e xotas en Golmar, Soutullo ou en lugares como na casa da Trapeira de Gabenlle, onde de seguro que coincidiu non poucas veces con Segismundo Regueira, 'Segís', grande músico do lugar do que xa temos falado neste espazo. Xosé Collazo, sobriño de Segismundo, contounos que “a Trapeira chamábase Generosa. Era xornaleira e tiña unha tenda na casa, algo de ultramarinos. O seu home, Jesús “O Trapeiro”, oriundo da aldea de A Viña, na parroquia de Vilaño, era comprador de madeira e seica era un fenómeno cubicando”.

    Outro dos lugares nos que tamén tocaba Moncho nesa época era na taberna de Tuset das Rañeiras que rexentaban Eladio e Carmiña ao carón da estrada de Carballo, xusto na entrada do camiño que vai á igrexa de Lestón. A súa filla Mela, nena nos anos 50, recorda que polo fin de ano na nosa taberna xuntábase moita xente e viña sempre Moncho de Bello, que tocaba moi ben a gaita”.

    E así chegamos a 1962, ano no que casaron Moncho e Élida. Tras darse o “si quero”, a parella vive durante un tempo na Ganduma coa avoa de Moncho, ata que uns anos despois deciden comprarlle a Pepe de Morales unha casa en Fofelle, que se ía converter no niño familiar e o lugar no que ían nacer Mari Carmen e Francisco Bello Puente, os dous fillos do matrimonio.

    Como a gaita pouco ou nada daba de comer, ao casar, Moncho de Bello deixa de tocar nos lugares do municipio onde o fixera habitualmente de solteiro. A partir desta época, xa só bota unhas pezas polo Antroido en Fofelle, cando a veciñanza aínda se disfrazaba, polo San Xoán, ou nas xuntanzas familiares nas que Moncho, festixeiro coma poucos, era moi feliz vendo a súa casa chea de xente.

    Facía un pouco de todo. Era matachín e mesmo fora barbeiro no servizo militar. Mais a vida gañábaa nunha das profesións da época, a de tratante de gando, que eran uns profesionais que se encargaban de ir polas casas para comprar animais vacúns, especialmente cuxos, cos que despois negociaban. En Paiosaco, cando se levaba o gando a vender á feira había moitos tratantes, un deles Moncho de Bello, “que eran doados de identificar polas súas características: home falador e bo conservador, fumador (máis de farias), con mandilón de dril gris ou negro, boina ou sombreiro, bastón… e coa carteira chea de billetes… Antes os tratantes eran case como hoxe un avogado. Ademais, tiñan a fama de que eran ricos aínda que non tivesen nada...2

 

Moncho e Élida co gando en Fofelle (Cortesía da familia)

    Mari Carmen, a filla de Moncho, recordaba que “co tema do gando, o oficio de meu pai de tratante levábao ás veces a Asturias, a León ou a Santiago, a onde ía todos os xoves. O seu traballo non lle daba moitos cartos pero era do que vivía. Antes de xubilarse, como non tiña o suficiente cotizado, traballou na construción cun curmán durante seis o sete meses”.

    Polo que nos contou a súa familia, seica a gaita coa que tocara na súa xuventude regaloulla a un sobriño xa falecido. Despois comprou outra, que era coa que amenizaba as ruadas de Fofelle e que lle acabou vendendo a un paisano da parroquia de Lestón.

    Ramón Bello Cotelo, o popular Moncho de Bello, faleceu o 30 de novembro de 2012 aos 76 anos de idade. O seu espíritu, abofé que segue estando moi presente en todo o municipio da Laracha.

    Bótalle unha dende o alén, Moncho!

  ______________

1 Curiosamente, Nieves de Mendes era a avoa de José María, o home de Mari Carmen, a filla maior de Moncho e Élida.

2 Vid. Manuel Rodríguez López & Manuel 'Coque' Pazos Crespo (2011): Paiosaco en imaxes: dos corenta aos setenta. Concello da Laracha, páx. 167.

Ningún comentario:

Publicar un comentario