Eusebio e Amparo foron unha das miles de parellas galegas que, naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María, víronse na obriga de facer a maleta da emigración para mellorar a súa economía doméstica. O matrimonio abandonaba o seu domicilio da Laracha nos primeiros anos 70 para principiar unha nova vida na cidade suíza de Xenebra, onde, o 15 de setembro de 1977, nacía o seu fillo Carlos.
Pegado sempre a unha pelota dende moi cativo, o rapaz non tardou en demostrar que tiña unhas condicións innatas para a práctica do fútbol, que o levarían a ingresar, aos 12 anos, nas categorías inferiores do Servette.
Un lustro máis tarde, con 17 anos e sendo aínda xuvenil, Carlos Varela asina o seu primeiro contrato profesional ao pasar ao primeiro equipo, no cal milita ata 1998. Unha cesión de seis meses no Basilea daría paso a unha nova tempada co Servette de Xenebra e, posteriormente, volve defender a camiseta azulgrana do Basilea, cores que ao parecer foron as que inspiraron a Joan Gamper, o fundador do F.C. Barcelona, á hora de escoller uniforme para o conxunto catalán.
Con este conxunto helvético o fillo de Eusebio e de Amparo proclámase campión da Superliga suíza na tempada 2001/02 e tamén das edicións da Copa dos anos 2002 e 2003 e, ademais, participa na Champions League 2002/03, na que o Basilea fora unha das grandes sorpresas da fase inicial da competición continental ao clasificarse para a seguinte rolda como subcampión do seu grupo, detrás do Valencia e por diante do Liverpool e do Spartak de Moscova. Na segunda fase de grupos, os helvéticos quedaron emparellados co Manchester United, Juventus e o equipo da terra de seus pais: o R.C. Deportivo da Coruña. Herculinos e suízos ían ser os conxuntos eliminados daquel grupo no que, para o recordo de Carlos, vai quedar sempre gravado o emotivo enfrontamento que disputou co seu equipo no estadio de Riazor o día 25 de febreiro de 2003.
Carlos Varela na súa etapa no Basilea (gallery.fcb.ch) |
Horas antes daquel choque, o larachés admitía na rolda de prensa que “vou sentir a emoción máis grande da miña vida na miña terra e ante a miña familia”. Rematada a comparecencia ante os medios de comunicación, o alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, entregáballe a Carlos unha placa que o recoñecía como o primeiro fillo de emigrantes do municipio que participaba na Champions, un futbolista que ao día seguinte xogaba de volante dereito contra o equipo dos seus amores, no estadio que máis quería e, por riba, marcou ao seu ídolo Fran nun partido que o cadro local se impuxo por 1-0, gol de Diego Tristán.
Deporte Campeón, 25 de febreiro de 2003 |
Na súa estadía no Basilea, o larachés tamén tivo a oportunidade de debutar coa selección helvética, mais, como admitiría como paso dos anos: ”Nunca me fixo ilusión xogar coa camiseta suíza”, algo que por exemplo si faría Ricardo Cabanas, familiar dos propietarios da “Parrillada Cabanas” de Larín, que estivo presente co conxunto centroeuropeo no Mundial de Alemaña de 2006, ou Loris Benito Souto, futbolista de Pastoriza (Arteixo) que disputou con Suíza a Eurocopa de 2021.
Centrocampista rápido e talentoso, Varela era coñecido naquela altura polas súas explosións emocionais derivadas do seu forte carácter nos terreos de xogo, razón polo que recibiría o alcume de “l´enfant terrible do fútbol suízo”. O noso protagonista finaliza o seu vínculo co Basilea ao final da campaña 2002/03 e, posteriormente, xoga dúas tempadas no F.C. Aarau, catro no Young Boys de Berna e unha no Neuchatel Xamax. Despois de 15 anos xogando en todos os campionatos: Liga de Campións, UEFA, Intertoto, a Copa de Suíza e a Súper Liga suíza, chégalle a oportunidade de cambiar de aires e de continente, e decide cruzar o charco para disputar a MLS estadounidense formando parte do plantel do DC United de Washington, club no que permanece dende setembro ata decembro de 2010. A curta etapa americana daría paso á volta ao equipo no que iniciara a súa carreira, o Servette, que naquela hora estaba na Segunda pelexando por regresar á categoría de honra do fútbol helvético, obxectivo que ía lograr ao final da tempada coa axuda de Carlos Varela.
Dun xeito un tanto surrealista, porque aínda tiña contrato por dous anos máis coa entidade de Xenebra, e a pesar de que o presidente quería que continuase, confiándolle incluso a dirección das categorías de base cun contrato a moi longo prazo, as discrepancias co adestrador do Servette levan ao larachés a rescindir o contrato co equipo no que se convertera en futbolista profesional case que dúas décadas antes. Tomada a decisión, Carlos recibe ofertas para continuar a súa carreira noutros lares, ofertas que lle chegan dende a propia Suíza, dos Estados Unidos, de Dubai e tamén de España. Esta última opción era a preferida para el e para a súa muller, outra filla da emigración, oriúnda da Coruña, xa que así podía estar cerca de seu pai Eusebio (a nai había unha década que falecera), que, despois de regresar da emigración, establecera de novo o seu domicilio na Laracha.
Mais, finalmente, Varela optou pola oferta máis próxima, a do F.C. Wohlen, club da Segunda División suíza, co que asina por un ano, ata o final da tempada 2011/12. A súa estadía alí vai ser efémera, xa que as diferenzas co adestrador íano levar a rachar o contrato en outubro, só tres meses despois de estampar nel a súa sinatura. Uns días máis tarde, Carlos fichaba no F.C. Köniz, club do cantón de Berna da Promoción Liga 1, categoría equivalente á Segunda B española, no que permanece ata a campaña 2015/16, que foi cando puxo fin á súa carreira deportiva con 39 anos.
Por se é do voso interese, a biografía de Carlos Varela, e a de outros futbolistas do municipio, forma parte de 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha, libro que contou coa colaboración dos dous concellos e que tedes ao voso dispor nas librarías da bisbarra.
Ningún comentario:
Publicar un comentario