mércores, 8 de febreiro de 2023

JOSÉ IGLESIAS VARELA, O EMPRESARIO LARACHÉS QUE FOI PRESIDENTE DO DEPORTIVO NOS ANOS 50

  Nestos malos tempos que corren para o R.C. Deportivo, que xa leva tres tempadas na terceira categoría do fútbol español, queremos recordar a figura de José Iglesias Varela, o único larachés que presidiu a entidade branquiazul ao longo da súa dilatada historia.

José Iglesias Varela (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

   José, Pepe para os seus amigos, nace no Cancelo de Abaixo, parroquia de Cabovilaño, o 24 de abril de 1914. Era fillo de Pedro Iglesias Graña, importante empresario do sector madereiro, e de Carmen Varela Sotelo, matrimonio que ademais do noso protagonista tamén foron pais de Mercedes, Santiago, Miguel, Pedro, María e Leonor. O proxenitor da ampla prole tiña aserradoiro no mesmo espazo que hoxe ocupa a estación de servizo San Marcos, a gasolineira do Grupo Valcarce que hai en Cabovilaño á man esquerda dirección a Carballo, negocio fundado por Leonor1 e o seu home Manuel Rodríguez e que actualmente xestiona Marcos, neto deste matrimonio.

 

Pedro Iglesias Graña e Carmen Varela Sotelo (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Pepe abandona o niño familiar moi novo e, sendo un buscavidas como sempre foi, non tarda en montar a súa propia empresa. Casa con M.ª del Pilar Naya Fernández, unha moza do lugar de Rorís (Armentón, Arteixo) coa que ten dous fillos: José e Pedro Iglesias Naya, nacidos respectivamente en 1937 e 1939.

    Nos anos corenta o noso protagonista xa é un un exitoso empresario madereiro, ramo no que seguía traballando seu pai e no que seus irmáns Santiago e Miguel tamén se gañan a vida no aserradoiro que tiñan en Queo de Abaixo (Bértoa, Carballo). Nesa época, sempre coa viveza dun emprendedor e coa iniciativa que sempre o caracterizou, Pepe Iglesias diversifica a súa actividade empresarial e adéntrase no sector mineiro. Segundo nos contou o seu fillo Pedro “as instalacións mineiras e madereiras lindaban habitualmente unhas con outras; tivo minas de volframio, estaño e titanio en Arteixo, Buño e Santa Comba e tamén traballou algo en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense). E máis tarde tivo mina de ferro en Cabreiros, cerca de Vilalba (Lugo)”.

    O volframio galego fora un mineral estratéxico durante a Segunda Guerra Mundial: en aliaxe co aceiro, elevaba o punto de fusión deste, permitindo unha maior capacidade de perforación a todo tipo de proxectís. As minas deste mineral íanse reactivar grazas á escalada bélica que se inicia coa Guerra de Corea (1950-1953), unha época na que José Iglesias Varela entrou a formar parte da xunta directiva do Deportivo.

    O equipo herculino rematara a tempada 52/53 no décimo cuarto posto da táboa clasificatoria de Primeira División, posición que obrigaba aos coruñeses a disputar unha liguiña de permanencia. Rafael Salgado Torres, presidente deportivista desde o 8 de decembro de 1952, ten a feliz idea de fichar a un dos adestradores máis revolucionarios da historia do fútbol, o mago Helenio Herrera, que sería quen de manter ao equipo en Primeira logo de gañar por 1-3 na derradeira xornada da liguiña ao Celta, nun partido xogado en Balaídos o 12 de xullo de 1953. Aquel día os coruñeses formaran con Acuña; Clemente, Rodolfo, Carlos; Zubieta, Tito Blanco; Corcuera, Osvaldo, Arsenio Iglesias, Moll e Tino. Días antes do trascendental partido final contra o once olívico, o doutor Antonio Martínez Rumbo sustituira a Rafael Salgado Torres na presidencia do Deportivo. Na nova xunta directiva, o larachés José Iglesias Varela ocupa o cargo de vicepresidente.

 

José Iglesias Varela e a súa muller María Naya Fernández (Cortesía da súa sobriña María Rodríguez Iglesias)

    Na tempada seguinte, a 1953/54, Pahiño ficha no cadro deportivista procedente do Real Madrid e xurde a figura de Luís Suárez, que debuta na máxima categoría do fútbol español ante o F.C. Barcelona. Os coruñeses serían sétimos na Liga e ao remate da campaña emprenden unha xira a Sudamérica, a primeira da súa historia. O presidente Martínez Rumbo vai á fronte da expedición. Na Coruña queda ao mando da nave branquiazul Iglesias Varela, que o 11 de agosto de 1954 releva a Martínez na presidencia do Deportivo. Curiosamente, nesa época había dous veciños de Cabovilaño na entidade deportivista: o presidente Iglesias e o dianteiro Moncho Regueira, de quen xa temos falado nestas Crónicas da Laracha (https://cronicas-da-laracha.blogspot.com/2021/12/ramon-regueira-ramos-o-vecino-de.html).

    Coas baixas de Moll e Luís Suárez, que asinaran co F.C. Barcelona, o Deportivo inicia a competición ligueira 54/55 en Riazor vencendo ao Hércules por 2-1. Adestra ao equipo Ángel Zubieta, que simultanea o seu cargo co de xogador. Nesta primeira tempada de Pepe Iglesias Varela na presidencia deportivista, que fora ratificada nunha asamblea extraordinaria celebrada en abril de 1955 onde “los concurrentes respondieron con una cerrada y prolongadísima salva de aplausos, que durante largo rato obligaron al señor Iglesias Varela a permanecer de pie antes de poder hacer uso de la palabra”2, o equipo ocupa de novo a sétima praza da táboa clasificatoria, unha tempada na que que destacan Pahiño, Bazán e Arsenio na dianteira anotando 18, 14 e 7 goles respectivamente. Tamén son destacables as actuacións baixo paus de Juan Ignacio Otero, compadre de Pepe Iglesias:

Ayer, en la iglesia parroquial de Santo Tomás recibió las aguas bautismales la recién nacida hija del guardameta deportivista Juan Ignacio Otero. La neófita, a la que se le impusieron los nombres de Isabel María Josefa, fué apadrinada por el presidente del R. C. Deportivo, D. José Iglesias Varela, y señora, doña María Naya. Con tan grato motivo se celebró después de la ceremonia una simpática fiesta familiar, en la que se renovaron las felicitaciones que por el nacimiento de su primogénita habían recibido Otero y su joven esposa, Isabel Cerveró. Felicitaciones a las que unimos la nuestra, muy sincera y cordial”.3
La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955

    O Deportivo comeza a tempada 1955/56 coa súa primeira participación no afamado Teresa Herrera, trofeo que leva para as súas vitrinas tras vencer ao Athletic Bilbao por 2-1. Dese bonito recordo da historia deportivista, que coincide co industrial larachés na presidencia da entidade, falounos Julio Mancebo, mestre e historiador nado en decembro de 1942. Eu fun a ese partido. Tería 13 ou 14 anos e vino na grada de “Especial Niños”. Nesa época o presidente do Deportivo era José Iglesias Varela, que recordo que tiña unha empresa que se chamaba “Maderas Iglesias”. Na carretera dos trolebuses Coruña-Carballo, antes de cambiar o percorrido como o cambiaron posteriormente, baixabas ao coto da Grela e ao chegar abaixo había unha curva. Alí, á man esquerda, estaba “Maderas Iglesias”, que sempre tiñan castelos de táboas apiladas. Este home tiña dous fillos. Eu coñecín a un deles no Balneario de Arteixo, a Pedro, que xogaba con nós no campo de fútbol cando eramos rapaces. Á parte da empresa das madeiras, creo que Iglesias tamén tivo minas porque o pai do 'Miaxo', René, se non recordo mal traballaba nas minas del. Un irmán de José Iglesias Varela, Miguel, casouse con Marica a de Amadeo, que debe andar polos 93 ou 94 anos e vive en Bértoa. Foron para alí cando se casaron”. 

 

Os futbolistas do Deportivo e o presidente do club, Pepe Iglesias Varela -de traxe, ao carón do trofeo-, co Teresa Herrera conquistado en 1955 (Cortesía de María Rodríguez Iglesias)

    Neste curso 55/56 o Deportivo ía quedar nun discreto duodécimo posto, con 26 puntos e catro negativos. Ao longo da tempada os coruñeses tiveron tres adestradores: Rodrigo García Vizoso, que cesou a finais de xaneiro; Pahiño, que durou catro partidos e Ángel Zubieta. Destacar tamén que nesta época causa baixa difinitiva no club o lendario porteiro Juan Acuña.

   A tempada 56/57, na que o Deportivo cumpre o seu 50 aniversario, iniciase cunha severa derrota en Riazor frente ao Atlético de Madrid por 0-4. Xa non estaban os grandes “divos” Bazán, Pahiño, Acuña… e a xente nova como Polo, Anca ou Amador non acaba de carburar. O adestrador é Ángel Zubieta. O Deportivo vai de mal en peor e sufre seis derrotas en Riazor. A finais de novembro de 1956 Pepe Iglesias Varela abandona a presidencia e deixalle o posto Ángel Fernández Murga. Na súa despedida, o larachés contestaba con retranca unha pregunta dun xornalista coruñés:

-¿Que ha sido para usted el Deportivo?

-Mi única preocupación. Ninguna otra cosa me ha preocupado más, ni tampoco he sido más feliz que durante el tiempo en que he estado en el Club. Hasta resulta que lo poco que entiendo de fútbol se lo debo a la Prensa.4

La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956

    Da súa etapa á fronte da entidade deportivista, o seu fillo Pedro comentounos que “creo que é de xustiza recordalo coma un gran presidente. Ademais, non foron poucas as veces que lles fixo préstamos aos xogadores para que poideran chegar a final de mes. O Deportivo custoulle moitos cartos a meu pai, pero bueno, el era feliz e o amor ao club podía con todo. Era deses presidentes que xa non quedan. Tamén foi un gran patrón cos seus traballadores, quenes cariñosamente o alcumaban “O Xefe”. Meu pai tiña unha boa posición económica, certo, pero ante todo sempre foi unha persoa seria, honrada e moi boa coa xente, sempre disposto a axudar co que fixera falta. Ollo, tamén tiña a súa dose de humor xa que era moi retranqueiro e a cotío tiraba do refraneiro galego…

O que non ten cabeza, ten pés.

Falou Chacón, ben falado”.

    Tras o seu paso polo Deportivo, primeiro como vicepresidente e despois como máximo mandatario, Pepe Iglesias e a súa dona, María Naya, viven certo tempo dacabalo entre A Coruña e Valdeorras, onde finalmente establecen o seu domicilio na parroquia de Arnado en Vilamartín de Valdeorras (Ourense). O matrimonio comprara en 1956 un terreo de 37 hectáreas do que formaba parte o Pazo de Arnado, tamén chamado Castelo de Arnado ou castelo Torre Penela, unha edificación construida por puro romanticismo polo maxistrado e deputado Pedro Sanjurjo Flórez5 na década de 1890. 

 

Pazo de Arnado (La Región)

  Pedro Iglesias Naya, o fillo máis novo do noso protagonista lembra que “cando eu era neno a condesa Pilar Agudín Bolívar díxome que o conde era moi romántico e que construiu o castelo para ela. Meus pais compráranlle a dona Pilar, que xa levaba viúva moitos anos, todo o seu patrimonio, é dicir, o Pazo, todas as fincas do Conde de Torre Penela, e o edificio que tiña na Coruña, en Riego de Agua. A pobre muller estaba totalmente arruinada e meu pai fíxose cargo das súas hipotecas. Deixouna vivir nas súas antigas posesións, como se continuara sendo a propietaria, ata que dona Pilar Agudín Bolívar finou aos 105 anos”.

    José Iglesias Varela ía continuar coa súa actividade mineira ata 1985. Sempre ao pé do canón, traballou nos outros negocios ata que enfermou en 1992 por mor dun cancro de medula. Tras unha dura loita con esa terrible doenza, o noso homenaxeado finou en 1995 aos 81 anos. Os seus restos e os da súa muller María, falecida en 2011, descansan no cemiterio parroquial de Armentón (Arteixo).


FONTES:

CRUZ, JOSÉ M.ª (2016): Los propietarios del castillo de Arnado lo ponen en venta, La Región, 12 de agosto.

FERNÁNDEZ, CARLOS & LEIRACHÁ, VICENTE (1991): Historia del Real Club Deportivo de La Coruña, La Voz de Galicia.

GARCÍA TATO, ISIDRO (2016): El destacamento penal de las minas de wolfram de Valborrás de Casaio (Carballeda de Valdeorras), Santiago de Compostela, Instituto de Estudios Gallegos «Padre Sarmiento», Consejo Superior de Investigaciones Científicas.

________________

1 Leonor faleceu en decembro de 2022 aos 92 anos de idade.

2 Vid. La Voz de Galicia, 22 de abril de 1955. Páx. 5.

3 Vid. La Voz de Galicia, 9 de novembro de 1954. Páx. 6.

4 Vid. La Voz de Galicia, 21 de novembro de 1956. Páx. 5.

5 Pedro Sanjurjo Flórez era fillo de Pedro Sanjurjo Pérez, Conde de Torre Penela, maxistrado da Audiencia e deputado ás cortes por Ourense e Bande.

Ningún comentario:

Publicar un comentario