xoves, 9 de marzo de 2023

A PONTE DO FORMIGUEIRO

    Nas Crónicas da Laracha desta semana convidámosvos a realizar un paseo pola pasarela de madeira que discorre, seguindo o curso sinuoso do río Anllóns, dende a área recreativa de Gabenlle, nas aforas da capital municipal, ata a ponte do Formigueiro, situada en terras da parroquia de Vilaño. Nos pouco máis de 2 quilómetros do percorrido, un dos máis fermosos da comarca de Bergantiños, poderedes gozar de diversas paisaxes, como o típico bosque de ribeira, composto principalmente por amieiros, zonas agrarias e gandeiras, alén de descubrir elementos tradicionais como varios muíños de auga que antano aproveitaban as augas do Anllóns para moer o gran. Falamos dos muíños do Tarrulo, o Grande, o das Pezas e o do lugar do Formigueiro, situado ao final deste percorrido debaixo da ponte do mesmo nome da que falamos deseguido.

  Antes de nada, dicirvos que en xaneiro deste 2023 púxose en contacto con nós o amigo Jesús Manuel Carracedo e contounos que, rebuscando pola casa, encontrara unhas fotografías de seu pai, Jesús Carracedo Pombo, de cando se fixera a ponte do Formigueiro. “Non sei en que ano sacaron esas fotos pero eu calculo que foi en 1958 máis ou menos; meu pai xa faleceu hai corenta e dous anos... e a cuadrilla de obreiros que aparece nelas non sei quenes son; supoño que serían todos da Laracha porque papá era de Leborís”, díxonos Jesús, a quen lle agradecemos que tivera a ben permitirnos compartir nas Crónicas da Laracha este pequeno tesouriño.

 

Construción da ponte do Formigueiro nos anos 50-60 coas pedras dunha das torres de Cillibre (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo)

   Seica antigamente, onde hoxe está a ponte nova, o Anllóns ancheaba e vadeábase. Aínda se poden ver as rodeiras dos carros que pasaban por alí nalgunha laxe que había para atravesar o río. Tamén parece ser que había uns pasos para cruzar a xente.

   Augas abaixo desta construción houbo outra anterior pola que cruzaba o antigo camiño, un camiño sobre o que localizamos esta información no Boletín Oficial da Provincia do 4 de setembro de 1918:

Sección de obras públicas.- Caminos vecinales
A propuesta de los Ayuntamientos que se relacionarán, en consonancia con los que dispone el art. 7º del reglamento de Caminos vecinales de 23 de Junio de 1911, y teniendo en cuenta lo establecido en el capítulo IX del general de Obras públicas de 6 de Julio de 1877, he acordado a proceder á la información pública, para los fines de declaración de utilidad pública y efectos de concurso, respecto á los caminos vecinales y puentes económicos con que figura cada Ayuntamiento, cuya denominación se detalla en la forma siguiente:
(…) Ayuntamiento de Laracha
1º.- Del lugar de Cheda, en la carretera provincial de la Arqueta de la Fuente, al de Aldemunde -Carballo-, en la carretera del Estado de Portobello á Malpica, pasando por el lugar de Formigueiro, parroquia de Vilaño; Iglesario de Golmar, lugares de la Cerdeira, Santa Margarita y Canedo, parroquia de Montemayor, con longitud aproximada de 11 kilómetros. (…)”

   Moitos anos despois da publicación deste edicto no Boletín Oficial da Provincia, cando se abriu a estrada cara a Golmar entre finais dos 50 e principios dos 60, época da que datan as catro imaxes que amablemente nos cedeu Jesús Manuel Carracedo, foi cando se construiu a actual ponte do Formigueiro, que se levantou coa pedra procedente dunha das torres de Cillobre, a da banda dereita, “a que facía a función de tulla, pois era na que se gardaba o cereal que pagaban de renda os foreiros desta casa señorial 1”.

 

Ponte do Formigueiro nos anos 50-60 (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo)

   No libro O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños, os admirados e prezados amigos do Instituto de Estudos Bergantiñáns contan que “segundo o veciño do lugar de Bustelo, Gelasio Varela Gesto, o último propietario que mercara as torres vendeulle á empresa Cachafeiro a pedra para levantar a ponte por 20.000 pesetas2”.

 

Cuadrilla de obreiros na construción da ponte do Formigueiro nos anos 50-60 (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo)

   Hoxe a ponte do Formigueiro está totalmente reformada cunha estrutura de formigón, mais os restos da ponte primitiva de pedra aínda se poden ver na base da actual. 

 

Obreiros na construción nos anos 50-60 da ponte do Formigueiro. O da esquerda é Jesús Carracedo Pombo, pai da persoa que nos cedeu as fotos (Cortesía de Jesús Manuel Carracedo)

   Din que as pedras gardan miles de secretos e que, se prestamos a debida atención, mesmo falan con nós de historias de vida, de acontecementos históricos, de pensamentos, de costumes, de historias de amor e de odio, de relixión… Pois ben, a un servidor, cada vez que vai ao Formigueiro, entre a nebulosa e a maxia do Anllóns, ao mirar para esas pedras da ponte primitiva sempre lle vén á mente dona Constanza das Mariñas, que herdara Cillobre de seu pai, Gómez Pérez das Mariñas, despois de que este outorgara testamento en novembro de 1474. 

 

Imaxe actual da ponte do Formigueiro

   Curiosamente, cinco séculos e medio despois, o nome de Constanza aínda permanece reflectido na toponimia da bisbarra, concretamente a poucos metros do areal de Sabón. Sobre este lugar Carré Aldao escribe que “en las playas inmediatas se dice hay la llamada “Pena da Constanza”, que debió este nombre a que allí embarcaba y desembarcaba doña Constanza das Mariñas, la casada en segundas nupcias y 'a furto de su padre' con Fernán Pérez Parragués, por haberse separado de su primer marido, un Conde de Altamira 'que no servía para casado', según nos cuenta Vasco da Ponte3”.

   Conta a lenda que cando Gómez Pérez das Mariñas se enterou de que a súa filla Constanza casara en secreto con Fernán Pérez Parragués, ao considerarse humillado e aldraxado, cubriu a súa cabeza cun capuz negro que xa non quitaría xamais ata a súa morte.

   As pedras da ponte do Formigueiro, as mesmas que en tempos pretéritos formaran parte das Torres de Cillobre, de seguro que foron testemuñas dos amores e desamores de Constanza e mesmo viron botar fume polas orellas a Gómez Pérez das Mariñas!

  Ide por alí e comprobaredes que as pedras falan, abofé que si!

 

Imaxe actual da ponte do Formigueiro


FONTES:

CABEZA QUILES, FERNANDO; DOMÍNGUEZ RIAL, EVARISTO; FERNÁNDEZ CARRERA, XAN X.; GARCÍA LOSADA, ANTÓN; GIADÁS ÁLVAREZ, LUÍS A. (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños. Instituto de Estudios Bergantiñáns.

CARRÉ ALDAO, EUGENIO (1980): Geografía General del Reino de Galicia (Provincia La Coruña), vol. VI en Carreras y Candi (dir.), Ediciones Gallegas, A Coruña.

____________________________________

1 Vid. Fernando Cabeza Quiles; Evaristo Domínguez Rial; Xan X. Fernández Carrera; Antón García Losada; Luís A. Giadás Álvarez (2020): O río Anllóns. Arteria principal de Bergantiños. Instituto de Estudios Bergantiñáns, p.86.

2 Ibídem

3 Vid. Eugenio Carré Aldao (1980): Geografía General del Reino de Galicia (Provincia La Coruña), vol. VI en Carreras y Candi (dir.), Ediciones Gallegas, A Coruña, p. 702.

Ningún comentario:

Publicar un comentario