En agosto de 2015 o amigo Jacobo Ríos presentaba na biblioteca dos Rosales da Coruña a súa novela “El inmenso mar de los olvidados”, inspirada en casos históricos de afundimentos de barcos na Costa da Morte no século XVI. Acompañaba ao autor na presentación o historiador José Regueira Ramos, colexiado decano do Colexio de Farmacéuticos de Cádiz e cronista oficial de Jimena de la Frontera, que ofreceu unha conferencia sobre naufraxios galegos na costa de Xibraltar. Unha vez finalizado o acto, nun pequeno ágape organizado por Jacobo, o que escribe tivo a sorte de coñecer a José Regueira e a algúns membros da súa familia, entre eles seu irmán Ramón, un larachés que destacou no mundo do deporte e na rama empresarial que nos deixou o pasado 15 de decembro aos 86 anos de idade.
Ramón Regueira nas instalacións que a empresa AD Regueira ten no Polígono de Sabón |
Ramón Regueira Ramos, Moncho para os máis achegados, nacera en Xerís, na parroquia de Cabovilaño, en xaneiro de 1935, o mesmo lugar no que dous anos máis tarde veu ao mundo Suso, o pequeno dos tres fillos de José e Carmen. O maior, Pepe, o futuro farmacéutico, nacera na Coruña, na rúa Alameda, en outubro de 1930.
José Regueira, o proxenitor dos tres cativos, era nativo de Casadelas, na parroquia carballesa de Noicela, e emigrara de moi novo a Cuba. Tras uns anos traballando duro na Habana para aforrar catro pesos, regresa á terriña e casa con Carmela Ramos, unha moza de Xerís que xunto a seus irmáns Pura e Pedro quedaran orfos de pai e de nai por mor da gripe de 1919.
Coa morte dos pais dos tres nenos, o señor Antón Canedo, veciño de Xerís, brindouse dende o primeiro momento a cuidar deles, exercendo de pai ata que marcharon do niño familiar. Andando no tempo Pura ía ser farmacéutica en Malpica; Pedro propietario do serradoiro do Cancelo; e Carmela, tras dárlle o “si quero” ao carballés José Regueira, empazaría con el unha nova vida na Coruña.
Na cidade herculina, Regueira, verdadeiro emprendedor da época, íase dedicar a diferentes negocios coma a compra e envío ao matadeiro de gando vacún. Tamén foi promotor da construción, propietario dun garaxe, dunha carnicería e incluso, nos tempos do volframio, tivera a concesión de algunha mina. Por aqueles días o matrimonio e os seus tres fillos alternaban o seu domicilio na Coruña, na rúa Ramón de la Sagra, coa casa de Xerís na que naceran Moncho e Suso. Xerís era o parnaso da familia Regueira Ramos. Pepe, o maior dos tres irmáns, recordounos recentemente aquelas estadías en Cabovilaño:
"En Xerís, daquela, había só dúas familias, os Canedo e nós e algunhas provisionais, entre estas a da tía Marica, nai de Esperanza, avoa de Alicia e bisavoa de Blanco, actual directivo do Deportivo. O que é a vida. Eran tempos duros pero felices. Recordo a fonte do Picho e de cando se ía buscar auga na sella. A nosa casa estaba fronte a de Canedo. Hoxe non existe; o lugar é propiedade desta familia á que tanto lle debemos. Che Canedo (avó da concelleira Patricia Bello) e a súa irmá María, que eran fillos do señor Antón, eran os padriños de meu irmán Moncho. Recordo con nostalxia a primeira escola que tiven eu, que estaba nun apartado da casa dos de Canedo. Moncho non chegou a ir a ela pola idade. Deus, como cambiou todo, ata Inditex ocupa actualmente parte do noso monte da Tilleira".
O pobre José Regueira falecería en 1945 con tan só 39 anos. Cando morreu o seu proxenitor, Moncho, o noso protagonista, tiña naquela altura 10 anos. Xa levaba varios anos interno nos xesuítas de Vigo, onde non tardou en amosar que tiña un don especial coa pelota, don que o levaría a converterse en futbolista profesional.
Xa de volta na Coruña, xoga varios partidos co Huracán de Santa Lucía antes de asinar co Fabril con tan só 14 anos para xogar na Serie A Rexional. Nas filas fabrilistas debuta o mesmo día que Arsenio Iglesias e Carlos Torres, nun enfrontamento ante o Noia. O seu bo facer no Fabril, xogando de interior polas dúas bandas, levaríano a fichar na tempada 1952/53 no Deportivo, que o cede ao Juvenil, naqueles tempos filial deportivista, a comezos da seguinte campaña.
As espectaculares actuacións co Juvenil chegaron aos oídos do adestrador do Caudal de Mieres Cuqui Bienzobas, antigo técnico do Deportivo, que, mediada a tempada, solicitou os servizos do futbolista de Cabovilaño para axudar a manter ao seu equipo na Segunda División. Nesta nova cesión, Moncho debuta na categoría de prata do fútbol español o 7 de marzo de 1954, disputando os 90 minutos dun partido no que o Caudal vence por 3-1 a La Felguera. O noso protagonista ía xogar de titular seis partidos máis co once de Mieres, que finalmente ía ser quen de salvarse do descenso nunha liga de permanencia na que Moncho Regueira non participou porque foi reclamado por Carlos Iturraspe, adestrador do Deportivo naquela hora, para xogar o partido de volta de oitavos de final da Copa del Generalísimo contra o F.C. Barcelona. Na ida os azulgranas venceran aos coruñeses por un contundente 4-0.
Aquel partido de volta ía ser o único encontro oficial que Moncho Regueira xogou ao longo da súa carreira deportiva co R.C. Deportivo da Coruña. Disputouse en Riazor o 9 de maio de 1954. Iturraspe pensara nel para cubrir a baixa de Luís Suárez, que precisamente acababa de fichar polo conxunto culé. Nun partido sensacional, o Deportivo estivera a piques de igualar a eliminatoria vencendo por 3-0 con esta aliñación: Otero, Carrillo, Zubieta, Tomás, Lechuga, Tito Blanco, Cuenca, Mangriñán, Royo, Pahiño e Regueira.
A boa actuación de Moncho neste choque de volta despertara no seu momento o interese do F.C. Barcelona, naquela hora dirixido por Ferdinand Daucik que chegara ao cadro catalán xunto con seu cuñado Ladislao Kubala en 1950. Moncho Regueira viaxaría á Cidade Condal para realizar as oportunas probas coa entidade barcelonesa mais, finalmente, a súa fichaxe non se realizou.
Na campaña seguinte, a 1954/55, o futbolista da Laracha continúa no Deportivo, que o cede de novo ao Caudal de Mieres, club co que disputa a Segunda División. Moncho anota 6 goles nos vinte partidos disputados en toda a campaña, cifras que axudaron a que o cadro asturiano mantivera a categoría. Volve ao Deportivo na 55/56, mais con Ángel Zubieta, o adestrador do once coruñés naquela altura, só ía defender a elástica branquiazul en partidos amigables, quedando un ano máis sen o seu agardado debut na Primeira División.
Regueira,
terceiro de pé pola esquerda, no once deportivista que xogou o Trofeo
da Asociación da Prensa Compostelana ante o Racing de Ferrol en Santiago
o 3 de xuño de 1956 |
Tras o seu su periplo co Deportivo, Regueira ficha polo Burgos xunto a outros dous deportivistas, Manín e Lexo, e xoga en Segunda División a tempada 56/57, anotando 4 tantos nos 11 partidos disputados co cadro burgalés. Nesa época ao de San Román tócalle facer o extinguido servizo militar e ten por destino o protectorado español de cabo Juby, localizado no noroeste da costa atlántica africana, ao sur de Marrocos, cerca de fronteira co Sáhara Occidental. Foi para alí porque o Burgos non conseguira arranxar o papeleo para que fixera a mili nun cuartel na cidade castelá.
Moncho Regueira ía vivir no cabo Juby as penurias da chamada Guerra Olvidada, cos enfrontamentos entre o exército español e o marroquí. Seu irmán Pepe contounos que… “iso foi moito antes da Marcha Verde. Algúns dos seus compañeiros morreron e outros coma el tiñan que facer garda no deserto agardando que os mataran”.
Tras un ano en medio en África, coa moral abatida polas experiencias vividas en cabo Juby, e despois de tanto tempo sen adestrar en condicións óptimas, decide pasar páxina e abandona o fútbol profesional. Naquela altura, con algo do que tiña aforrado da súa etapa balompédica determina con seu irmán Pepe montar unha farmacia en Jimena de la Frontera, na provincia de Cádiz. Era o negocio que lles encaixaba para o diñeiro de que dispoñían. Pepe xa nunca máis marcharía e co tempo habíase de converter, tal e como comentamos ao principio, no colexiado decano do Colexio de Farmacéuticos de Cádiz e no cronista oficial desta vila da comarca do Campo de Xibraltar.
Pepe Regueira, á esquerda da imaxe, con seu irmán Moncho (cortesía de Pepe Regueira) |
Pola súa banda, Moncho, que herdaría de seu pai José a vocación empresarial, ía volver á cidade da Coruña a principios dos 60 e, logo de que o animara o seu amigo Quique Blanco, que era representante de recambios para automóbiles, decide abrir en 1965 un negocio nun baixo de 100 metros cadrados que súa nai Carmela tiña na rúa Juan Flórez. Así empezaba a historia de Recambios Regueira, o xerme do que hoxe é AD Grupo Regueira.
Moncho contratou ao primeiro traballador da empresa, José Luís Currás, que foi xefe de compras ata que se xubilou no 2011. Os dous iríanse facendo un oco no sector e, en pouco tempo, tiveron que cambiarse de local por cuestións de espazo, iniciando así unha andaina chea de traballo, esforzo e dedicación que levaría ao negocio creado por Moncho a chegar ata donde está hoxe, con 61 puntos de venda, dous almacéns centrais e máis de 400 empregados.
Do primeiro local da rúa Juan Flórez pasaron a outro baixo da tamén herculina rúa Eugenio Carré que foi onde permaneceron ata 1978, ano no que, ante a necesidade de novos espazos e a demanda de máis e mellores servizos, se trasladaron ao Polígono da Grela-Bens, donde hoxe segue situada a sucursal da Coruña.
A finais dos anos oitenta, AD Grupo Regueira entrou a formar parte do grupo de compras AD Parts, o primeiro grupo de distribución de recambios de automóbiles en España e Portugal. A sede central do grupo AD Parts conta cunha superficie cuberta total de 16.000 metros cadrados, desde os que se coordinan todos os servizos administrativos, informáticos e de xestión, ademais de dispor dunha planta de envasado de lubricantes e fabricación de anticonxelante e do almacén central de distribución do grupo.
Mais o fito que marcou un antes e un despois en AD Regueira foi a posta en marcha, no ano 2013, da central loxística de Sabón, un almacén con más de 4.000 metros cadrados e 23 metros de altura con multitude de procesos íntegramente robotizados e avanzadas solucións informáticas, que lle permitiu á empresa fundada por Moncho Regueira non só aumentar a súa capacidade de almacenamento, senón tamén mellorar a eficacia na saída da mercancía ás súas tendas, e, por conseguinte, mellorar o servizo aos principais clientes: os talleres.
A calidade humana do noso homenaxeado supúxolle un xeral aprecio e respecto de todos quenes tiveron relación con el, sendo para moitos un verdadeiro exemplo a seguir. Aínda que xa facía anos que estaba retirado da xestión directa da empresa, actualmente exercida polos seus fillos, Moncho seguía atento todos os movimentos do negocio e do sector, do mesmo xeito que o facía co seu prezado Deportivo e coa súa querida Laracha.
Dende este humilde espazo queremos transmitir as condolencias e amosar o noso máis sentido e sincero pésame á familia Regueira.
D.E.P.
Ningún comentario:
Publicar un comentario