venres, 2 de decembro de 2022

LINO GÓMEZ CANEDO, O GRAN HISTORIADOR FRANCISCANO DE COIRO

O protagonismo das Crónicas da Laracha desta semana é para o infatigable estudoso americanista P. Lino Gómez Canedo, un dos historiadores galegos máis notables do século XX. 
Lino Gómez Canedo (El Eco Franciscano: revista mensual, 15 de maio de 1934, páx. 52)

    Nado o 24 de xuño de 1908 no lugar de A Tenda, na parroquia de Coiro, o noso homenaxeado era un dos oitos fillos dos labradores José Gómez Domínguez e Carmen Canedo Cambón, el natural de Coiro e ela con orixes en Vilaño, que foron pais de Antonio, María, Manuel, Lino, Jesusa, Florentino, Luciano e Alfonso.

 

Lugar de A Tenda
Casa na que naceu Lino Gómez Canedo

   Tras aprender as primeiras letras na súa Laracha natal (a súa familia non pode precisar se foi en Coiro, en Soandres ou na capital municipal), Lino estuda Humanidades no colexio de misioneiros de Herbón (Padrón) e, despois de pasar polo convento franciscano de San Diego de Canedo (Ponteareas, Pontevedra), cursa Filosofía no da Nosa Señora de Vistahermosa (Ourense), e Teoloxía en Santiago, donde profesou na Orde Franciscana en 1929 e se ordenou sacerdote en 1931.

    Desde a súa etapa de estudante ía florecer nel a vocación de historiador, disciplina na que incursionou nos primeiros anos trinta con colaboracións habituais en medios galegos da época como El Compostelano, El Eco Franciscano, ou en revistas como a prestixiosa Nós ou a pontevedresa Logos na que, entre outros moitos, tamén colaboraban Castelao, Otero Pedrayo ou Filgueira Valverde. O larachés escribiu varios destos artigos en galego.

   En vista da súa gran capacidade intelectual e da súa inclinación aos estudos históricos, foi designado axudante nas investigacións doutro insigne historiador franciscano, o padre Atanasio López Fernández, fundador da Revista Archivo-Iberoamericano, labor que o de Coiro alternaba con outros traballos ministeriais.

    Lino viaxa en 1933 a Roma para traballar na Curia Xeral da Santa Sé. Alí estuda Historia Eclesiástica na Universidade Gregoriana, na que se licenciou en 1937 e se doctorou en 1939 cunha tese sobre a figura do cardeal Juan de Carvajal que foi calificada “summa cum laude”, o mesmo que a lección maxistral que precedeu á defensa. En Roma tamén estuda Biblioteconomía na correspondente escola da Biblioteca Vaticana, e Arquivística, Paleografía e Diplomática na escola do Arquivo Real do Estado de Roma. 

 

Profesores e primeiros laureados da Escola de Biblioteconomía da Santa Sé, creada por iniciativa do Papa Pío XI. Na fotografía, presidida polo Vice-prefecto da Biblioteca Vaticana, monseñor Tisserant, Lino Gómez Canedo aparece co nº 2. (El Eco Franciscano: revista mensual, 1 de decembro de 1935, páx. 17)

   Nesa altura ía ser elexido como un dos primeiros membros do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC):

Por el Ministerio de Educación Nacional ha sido nombrado Vocal de la Junta Bibliográfica y de Intercambio Científico del Consejo Superior de Investigaciones Científicas el sabio franciscano P. Lino Gómez Canedo.1

    Instalado en Madrid desde 1941, o franciscano de Coiro está á fronte da casa de escritores Cardenal Cisneros, que se encargou de restaurar, ao tempo que daba clases de Historia Eclesiástica, durante o 41 e o 43, no seminario conciliar da capital do Estado. Nesa época, aproveitándose da hospitalidade franciscana, tamén comeza a realizar investigacións en arquivos e bibliotecas da antiga Iugoslavia, Italia, Austria, Hungría, Francia, Inglaterra, Alemaña, Bélxica, Países Baixos, Suecia ou Dinamarca.

    En 1946 obtén unha beca da Junta de Relaciones Culturales del Ministerio de Asuntos Exteriores, e viaxa a Nova York. Gómez Canedo bota dous anos percorrendo todos os países de América e, tras unha ardua investigación na procura de informacións nos arquivos de medio planeta, en 1951 ingresa na Academy of American Franciscan History de Washington, na que traballou durante as décadas seguientes. Este “desembarco” en América, soño da súa vida, íalle brindar as mellores oportunidades para levar a cabo as súas iniciativas historiográficas.

    En 1952 regresa a España e ao ano siguiente traballa no British Museum e no Public Record Office. Posteriormente, sobre 1958, volve a Washington grazas ás axudas da Fundación Creole e ao Programa de Becas da Organización de Estados Americanos. Con este apoio puido percorrer boa parte dos países hispanoamericanos, Estados Unidos e Canadá, para obter novas informacións sobre a acción española en América, sobre a historia dos franciscanos no Novo Mundo e sobre a educación das poboacións indianas, tema polo que sentía gran paixón.

    Sen gran atractivo pola docencia, ditou cursos na Saint Bonaventure University de Estados Unidos, na Universidad de Puerto Rico e na Universidad Nacional Autónoma de México, acerca da historia de América e a súa metodoloxía. Lino asistiu a diversos congresos internacionais de historia e arquivística. Ademais, tamén participou intensamente en comisións e comités reunidos para establecer criterios ecdóticos actualizados.

 

Lino Gómez Canedo (Biblioteca Franciscana)

    Sempre dentro da súa actividade histórico-documental, reorganizou o arquivo diocesano de San Juan de Puerto Rico, pronunciou conferencias en distintos centros e ofreceu cursillos aos doctorandos de escolas especializadas e universidades. Era académico correspondente da Real Academia Galega, da Real Academia da Historia, da Academia Colombiana de Historia, da Academia Colombiana de Historia Eclesiástica, da Academia Nacional da Historia de Venezuela e da Sociedade Mexicana de Historia.

    Viaxeiro infatigable e home de trato moi cordial, como así o recorda don Manuel Mallo Mallo, sacerdote de Soandres e doutras parroquias larachesas que tivo a ben colaborar con nós nesta homenaxe, Lino Gómez Canedo foi quen de rodearse dunha constelación de amigos nos diversos países sudamericanos e moi especialmente nos caribeños. De feito, residiu gran parte da súa vida en México, país no que publicou os seus mellores estudos históricos. Historiador de recoñecido prestixio no seu tempo, o persoeiro de Coiro era moi estimado no mundo dos hispanistas tanto europeos como americanos, cos que concorría asiduamente aos congresos e asambleas internacionais.

    Á parte dos artigos escritos na súa xuventude nalgúns medios galegos que xa mencionamos anteriormente, tamén colaborou en numerosas publicacións, entre elas o Archivo Ibero Americano, revista da que foi director; Revista de Indias; Archivum Franciscanum Historicum (Museo Histórico, Quito); The Americas (Washington); Revista Interamericana de Bibliografía (Washington); Estudios Históricos (Guadalajara, México); Humanitas (Monterrey, México); Revista de Historia de América (México); Handbook of Latin American Studies (gran publicación anual da Biblioteca do Congreso de Washington, na que tivo ao seu cargo a sección “Sudamérica Colonial” de 1962 a 1970); Dictionnaire de Géographie et d’Histoire Ecclésiastiques (París); Guide to the Diplomatic Archives of Western Europe (Filadelfía, 1959), etc.

    Obras da súa autoría son: Don Juan de Carvajal y el Cisma de Basilea (1443-1448), Madrid, 1943; Un español al servicio de la Santa Sede. Don Juan de Carvajal, cardenal de Sant’ Angelo, legado en Alemania v Hungría (1399-1469), Madrid, CSIC, Instituto Jerónimo Zurita, 1947; Nuevos estudios histórico-críticos acerca de Galicia, del padre Atanasio López, ed. de ~, Santiago, 1947; Crónica franciscana de las provincias del Perú de fray Diego de Córdoba Salinas, ed. de ~, Washington, Academy of American Franciscan History, 1957; Los archivos de la Historia de América, Madrid, Instituto Panamericano de Geografía e Historia, 1961; Los archivos históricos de Puerto Rico, San Juan, 1964; Crónica de los colegios de Propaganda Fide de la Nueva España de fray Isidro Félix de Espinosa, ed. de ~, Washington, 1964; Los archivos históricos de Venezuela, Universidad de Zulia, 1966; Las misiones de Píritu. Documentos para su historia, selecc. e est. prelim. de ~, Caracas [Academia Nacional de la Historia], 1967; Primeras exploraciones y poblamiento de Texas (1686- 1694), Monterrey, 1968; San Francisco de Asís. Sus escritos: las florecillas. Biografías del santo, ed. de ~, Madrid [La Editorial Católica], 1971 (5.ª ed.) (Biblioteca de Autores Cristianos, vol. 4). As súas obras poden encontrarse nas mellores bibliotecas especializadas do mundo.

   Pouco antes de finar, o noso homenaxeado foi o pregoeiro das festas da Laracha. No seu pregón, que tivo lugar na noite do 14 de agosto de 1987, o franciscano falou sobre os emigrantes galegos, en especial dos que ían a América e destacou a importancia de Galicia no continente americano que, “aínda que pouco coñecida, debe terse en conta porque oito Virreis e varios Gobernadores da América posterior ao descubrimento foron naturais de Galicia”.2

 

Lino Gómez Canedo (La Voz de Galicia, 16 de agosto de 1987, páx. 22)

   Lino Gómez Canedo faleceu en México o 24 de decembro de 1990 aos 82 anos de idade. Os seus restos descansan na igrexa de San Francisco de Tilaco, en Querétaro (México). Algúns autores sinalan que preferiu esa morada final ao igual que outros “conquistadores conquistados”, referíndose aos españois que desenvolveron boa parte do seu traballo en América, como así foi no caso do de Coiro, e se enamoraron desa terra. Precisamente, entre os seus moitos estudos e publicacións realizadas en América, está a investigación sobre Junípero Serra, frade franciscano do século XVIII que foi canonizado en 2015 polo Papa Francisco. Con motivo deste acontecemento, José Luis Soto, tamén franciscano, escritor, historiador e amigo persoal de Lino, publicou o libro Junípero Serra en la vida y obra de Lino Gómez Canedo, un monográfico co que Soto ofrece información de ambas figuras.

    Nunha decisión plenamente xustificada, en maio de 2004 o Concello da Laracha decidiu nomear a unha rúa céntrica da capital municipal co nome de Lino Gómez Canedo, incansable home de letras e de palabras que, ao compás dos seus quefaceres clericais, empregou toda a súa vida para furgar nesos atados eclesiástico-historiográficos que hoxe se encontran repartidos polas diversas bibliotecas e institucións culturais da nosa xeografía e as dos continentes americano e asiático, deixando un numerosísimo legado histórico de incalculable valor documental.


FONTES:

García Oro, José (OFM): Lino Gómez Canedo, https://www.dbe.rah.es/biografias

Garrido Ríal, Santiago (2008): El siglo de Lino Gómez Canedo, La Voz de Galicia, 24 de xuño.

____________

1 Vid: El Correo gallego : diario político de la mañana, 7 de abril de 1940, páx 4.

2 Vid: La Voz de Galicia, 16 de agosto de 1987, páx 22.

Ningún comentario:

Publicar un comentario