mércores, 25 de maio de 2022

O PASADO BALEEIRO DE CAIÓN (2ª PARTE)

  O porto caionés era, como o resto da vila, propiedade dos Señores da xurisdicción de Montaos, que en Caión tiñan a súa residencia no chamado Pazo dos Condes de Graxal, construído pola poderosa familia Bermúdez de Castro no século XVI. O título de condesa obtivérao Beatriz Bermúdez de Castro, filla do fundador do convento dos Agustinos, ao casar con Juan Álvarez de Vega, conde de Grajal de Campos (León). 

Ilustración de Belatz dos tempos nos que Caión era un dos portos baleeiros máis importantes do Atlántico. Á esquerda o Pazo de Graxal (Museo do Mar de Caión)

    Este edificio foi en tempos dos seus fundadores e descendentes o centro xuridisccional de Caión e ao seu interior accedían os veciños que pagaban as rendas dos foros. Segundo Marcos Amado, a cambio de ceder o uso do porto aos baleeiros, os Señores de Montaos cobrábanlles unha cantidade monetaria fixa, ademais dunha barrica de graxa e as aletas e a cola de cada balea cazada. No interior do Pazo tamén estivo o cárcere, do que herdou o nome o areal máis próximo, a praia do Cárcere Vello. Conta a lenda que un túnel subterráneo unía o Pazo coa igrexa parroquial de Santa María do Socorro. O túnel seica tiña saída nunha das furnas que dan á praia.

 

Infografía montada de Caión de Marcos E. Amado

   O pago dos tributos aos Señores de Montaos ía xerar moitas astucias dos baleeiros para tratar de eludilos. Exemplo disto foi cando os caioneses remolcaron unha balea ata Malpica en 1607 ou, cando en 1613 Jácome Vidal e o arpoeiro Bartolomé Fernández armaron dúas chalupas en Langosteira (Arteixo), porto que pertencía ao conde de Lemos. Mais os astutos mareantes caioneses non ían lograr os seus propósitos e acabaron por ser sometidos ao devandito tributo.

   O monopolio vasco quebra a partir de 1615, cando todas as compañías foráneas son expulsadas de Galicia e os baleeiros biscaíños e guipuscoanos van para Terranova. A partir de aquí, e unha vez aprendido o oficio, os nosos devanceiros tomarían o relevo definitivamente no litoral galego.

 (CONTINUARÁ...)

Ningún comentario:

Publicar un comentario