mércores, 18 de maio de 2022

O PASADO BALEEIRO DE CAIÓN (1ª PARTE)

  Houbo un tempo no que as baleas que viñan do crepúsculo do mundo, e que asiduamente pasaban por diante dos areais de Bergantiños para quentar o sangue nas costas africanas, eran perseguidas, cunha audacia extraordinaria, polos bravos mariñeiros das vilas de Caión e de Malpica, mariñeiros que, polo que nos conta Felipe Valdés Hansen no seu marabilloso libro Los balleneros en Galicia (Siglos XIII al XX), editado no 2010 pola Fundación Barrié, aprenderan o oficio de baleeiro a carón dos mareantes vascos que, dende a costeira de 1530-1531, cazaban baleas ben preto da súa costa. Da importancia que o porto de Caión tiña naquela altura daba boa conta o Licenciado Molina na súa “Descripción del Reino de Galicia”, publicada en Mondoñedo en 1550: 

Y luego Cayón, do bien se trabaja.

Matar sus ballenas, que no es chica alhaja.

Pues sacan aceite y en gran muchedumbre,

el cual no se come, mas para la lumbre.

Le hace la oliva muy poca ventaja.

 

Costela de balea na Praia das Salseiras de Caión

    Xunto cos normandos, cos que disputan o honor de ser os pioneiros na caza das baleas, e despois de esquilmar o Golfo de Biscaia, na súa persecución dos grandes cetáceos, os baleeiros biscaíños e guipuscoanos empezarían a derramarse pola costa galega a partir de 1530 monopolizando a actividade en boa parte deste século XVI. Era esta unha época na que centenas de mariñeiros de Mutriku, Zarauz, Orio, Lekeitio ou Deba acudían nas súas fráxiles chalupas ata o noso litoral, no que botaban os catro ou cinco meses de inverno que duraba a costeira controlando dende as atalaias, o avistamento dos cetáceos e iniciar a súa persecución… Súbese un atalaya a la punta de una sierra que cae sobre el mar, y de allí ven saltar de lejos cantidad de agua para arriba haciendo mucha espuma, y aún la misma ballena viene la mitad del cuerpo fuera del agua; y así el atalaya da aviso a los marineros, los cuales, armando sus barcas y poniendo dentro mucha cantidad de cuerdas, y en los cabos atados unos dardos arponados, se van a ellas, y tirándolos, como se sienten heridas, van luego muy bravas para lo alto de la mar llevando metidos aquellos arpones, y los pescadores, dando siempre cuerda, las siguen hasta que ya muy desangradas y perdiendo aquella furia, las traen tirando de ellas, donde, haciendo grandes fuegos, hacen de ellas mucho aceite”1

 

Caza dunha balea no século XVII (Museo do Mar de Caión)

    Burela, San Cibrao e Bares, no Cantábrico, e Caión, Malpica e Camelle no Atlántico, convértense, nesa altura, en portos baleeiros por excelencia, nun tempo no que o comercio entre o País Vasco e Galicia, ata daquela baseado no intercambio de ferro biscaíño por sardiñas das rías e viño de Ribadavia, se intensifica notablemente coa graxa da balea que, unha vez licuada, proporcionaba o saín ou aceite dos candís “con que se alumbra la gente común de esta tierra”2.

 

Portos baleeiros galegos no século XVII (Felipe Valdés Hansen)

    O uso máis habitual do saín, que constituía o principal produto das exportacións galegas a Euskadi, era para iluminación con lámpadas e candís, pois ardía sen producir fume nin olor. A carne apenas se consumía nestas terras, mais era exportada a Francia, ao igual que as barbas, un dos poucos materiais flexibles da época que se empregaban en paraugas, armaduras de saias e corsés, bastóns, fustas ou cepillos. Das baleas tamén se aproveitaban os ósos, que se utilizaban como linteis e traveseiros das vivendas dos portos baleeiros. De feito en Caión, segundo as informacións de Paco López e Manel Raposo, na fachada da casa da Cacharola había un óso de balea de case dous metros. O historiador local, o prezado e admirado Marcos Amado, impulsor do Museo do Mar da Confraría, tamén nos contou que “na casa de Luís Ventureira en San Roque había dous ósos; un está dentro da súa propiedade e o outro está agora exposto no colexio. En Caión hai outro grande nun valado existente fronte a miña casa, e tamén están os dous que se poden ver na exposición da confraría”.

 

Vértebra de balea (Museo do Mar de Caión)

   Obtido o monopolio da caza da balea no noso territorio, os baleeiros vascos defenderíano con uñas e dentes ante os competidores foráneos, principalmente franceses, feito que daría pé a numerosos conflitos entre eles, e incluso as súas queixas serían atendidas polo emperador Carlos V que, mediante real cédula emitida na cidade alemá de Worms en maio de 1521, prohibiría aos estranxeiros pescar baleas no litoral galego… “e ahora Jácome Rua escribano en nombre de los procuradores generales de la ciudad de A Coruña y de los vicarios y mayordomos de la Cofradía de Santo Andrés de los Mareantes de dicha ciudad fizieron Relación por una su petición diziendo que de tres o quatro annos a esta parte ciertas naos y galeones de françia venyan a las villas de Malpica y Cayón y otros puertos de la dicha ciudad y trayan mas de seiscientas personas y hazían armadas de diez y doze naos para matar vallenas y estaban allí ocho y diez meses matando las dichas vallenas y demás que encaresçían los bastimentos”3.

    Estes datos amósannos a importancia inmensa da pesca da balea nesta altura nas nosas augas e, revélanos outro gran problema, xa que non ían tardar en aparecer as queixas por parte dos mareantes locais, que en 1534 acusaban aos foráneos de contaminar a auga e espantar a pesca, queixas que os representantes do gremio de mareantes de Santo André, na Coruña, farían chegar ao Rei dicindo que… “la sangre y huesos de las dichas vallenas causaban tan gran hedor que enfizionaba toda la costa del dicho reyno, de manera que los dichos mareantes no allavan que pescar y lo que allavan hera muy poco e syn sabor y hera aberiguado que se hiva a otras partes lo qual hera en dapno universal de todos los dichos mareantes en tal manera quel trato de ello cesaría y más Rentas reales”4.

 

Os traballos do despezamento dunha balea na praia acompáñanse coa gaita, en Cosmographie Universelle de A. Thevet (1574)

    Este conflito, motivado pola escaseza de peixe na costa galega, principalmente de sardiñas, sen ningunha relación coa actividade baleeira, daría pé ao que se pode considerar como a primeira crise pesqueira en Galicia, conflito que en realidade era unha mera cortina de fume para expulsar os baleeiros vascos, quen tiveran que sufrir durante máis dunha década as protestas dos nosos mareantes ata que, despois da paulatina cooperación e entrada dos galegos no negocio, tanto a nivel mercantil como pesqueiro, acabaríanse definitivamente as suspicacias logo de que os biscaíños e guipuscoanos empezaran a contratar mareantes galegos nas súas chalupas e lle ensinaran o oficio de baleeiro.

    Dous daqueles baleeiros vascos, Beltrán de Izaga e Lázaro Segura, naturais da localidade guipuscoana de Getaria, eran asiduos visitantes dos portos de Caión e de Malpica, ao menos dende a costeira de 1595-96 da que, á parte de incluír algúns veciños da vila caionesa nas súas armadas, quedou testemuño dos tratos do Beltrán con gandeiros de Noicela, cos que realizaba os chamados “contratos de carne”, é dicir, a compra de carne de gando vacún para alimentar a súa xente durante os meses que duraba a costeira (tres ou catro vacas ao mes).

   Mais ante a cada vez maior implicación dos mareantes locais e un par de malas costeiras en Caión case seguidas, Beltrán de Izaga non volve a esta parte do Atlántico e mesmo algún mariñeiro seu marcha da vila caionesa a Sevilla, se cadra coa expectativa de pasar a América, ao rematar a costeira de 1601.

    No mes de decembro de 1602 os veciños de Caión, ante ausencia de Beltrán e o conseguinte prexuízo que isto lles causaba, comezaron a organizarse pola súa propia conta co obxecto de evitar que isto se repetira na costeira do ano seguinte (1603-1604). Un dos veciños máis potentados, Jácome Vidal, comprometeuse a prover de… “armazón y pertrechos a los dieciséis mareantes acompañados (dos chalupas), además de pagar el arrendamiento a cambio de recibir un tercio de los beneficios. Todo ello después de haber instado al merino y cobrador de las rentas de la villa, en los meses previos al inicio de la costera, para que arrendase el puerto al citado vasco o cualquier otro capitán de armazón. Tras lo cual, en noviembre de 1603, concertaron con el gobernador de la jurisdicción de Montaos el arrendamiento del puerto durante tres costeras hasta 1606”5.

 

Contrato de arrendamento outorgado polo Marqués de Montaos en favor dos arpoeiros caioneses Jácome Vidal e Bartolomé Fernández (Museo do Mar de Caión)

    En abril de 1604, rematada a primeira das tres costeiras, Jácome Vidal e os veciños organízanse outra vez e, ademais de incluír na sociedade ao seu fillo, dánlle poder para igualarse cos vascos, a semellanza do que fixeran os marantes de Malpica o ano anterior, mais sen ceder o mesmo no reparto das ganancias. Neste contexto non é de estrañar que, no mes de agosto, Beltrán de Izaga traspasase o seu dereito sobre o porto de Malpica a Jácome Vidal, o cal, a finais de 1605, renovaría tamén o arrendamento do porto de Caión por outros tres anos.

 (CONTINUARÁ...) 


 _________________________

1 MOLINA, BARTOLOMÉ SAGRARIO DE (1550): Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, Mondoñedo, páx 72.

2 QUIÑONES, FERNANDO (1968): Las crónicas de mar y tierra, Editorial Ciencia Nueva, Madrid, páx. 9.

3 Arquivo do Reino de Galicia, Fondo Real Audiencia, leg. 1514, n.º 75, fols. 103v-104r.

4 VALDÉS HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), Fundación Barrié, A Coruña, páx. 147.

5 VALDÉS HANSEN, FELIPE (2010): Los balleneros en Galicia (siglos XIII al XX), Fundación Barrié, A Coruña, páx. 165.

Ningún comentario:

Publicar un comentario