luns, 7 de febreiro de 2022

OS SALÓNS DE BAILE (CAPÍTULO 1)

  Como ben sabedes, A Laracha foi durante varias décadas sinónimo total e absoluto da palabra “marcha”. A Discoteca Pazos, a movida que houbera durante uns anos na chamada Calle de Cristal, as ducias de pubs que empezaron a abrir nos 90 e incluso os que xa había nos 80... Que recordos, verdade?

   Mais aínda que non o creades, especialmente os da xeración dos millennials, anos atrás, mesmo antes de que Manuel Pazos inaugurara a mediados da década dos 60 a súa popular sala de festas, xa había marcha (e moita, diría eu) por todas as parroquias do municipio, nuns edificios que forman parte da memoria popular e que foron a base de innumerables matrimonios ata ben entrada a segunda metade do século pasado: os salóns de baile.

   Por experiencia propia, con dous adolescentes na casa, teño que confesar que ás veces resulta un tanto embarazoso trasladarlles ás novas xeracións, enfrascadas nas novas tecnoloxías, o enorme poder evocador de edificios como estos vellos salóns de baile que testemuñan un pasado que está aí, a un paso, malia que semella estar a un mundo de distancia. Non debemos esquecer que a memoria é o que nos configura como seres. Coidemos este tesouro, por favor!

 

Imaxe do ano 2013 do antigo salón que Avelino Mallo tiña en Soandres

  O certo é que un tras outro, agás contadísimas excepcións, todos os salóns cerraron. Algúns foron acondicionados como negocios ou como parte de vivendas. Outros, día a día, desmorónanse diante da tristeza dos que alí mocearon naqueles “tempos incestuosos”, como dicía o poeta Manuel María.

   -Ai!, Pepe, se as pedras falaran!

   Antes de iniciar o percorrido polos salóns de baile que houbo nas trece parroquias da Laracha, cómpre lembrar que imos falar dos anos 40, 50 e 60 polo que tede en conta que chover xa choveu un lote e que, se cadra, algunha palabra xa a levou o vento ou que algún dato non é do todo preciso e pode ser corrixido.

   Falamos, ademais, duns tempos, especialmente na primeira metade da década dos corenta, nos que houbo non poucas multas por celebrar bailes sen autorización. Se consultades a hemeroteca desa época, podedes ler acotío noticias como estas:

     “Multa de 250 pesetas. A L.M.R., de Laracha, 250 pesetas de multa por celebrar bailes públicos sin autorización, y en un local que no reúne las condiciones sanitarias debidas”(1).

     “A J.V.G., de Laracha, 500 pesetas de multa por celebrar un baile sin autorización y en un local que no reúne las condiciones higiénicas debidas, alegando, además, que tenía permiso del alcalde siendo incierto”(2).

    Segundo nos contou algún mozo e algunha moza de aquela época, testemuños que hoxe teñen máis de 80 anos de idade, tampouco foron poucas as leas que se armaron nos salóns de baile por non respectar as normas dos letreiros que había en varios destos locais, normas tan suxestivas como "PROHIBIDO CEDER LA PAREJA" ou “PROHIBIDO REMUDAR LA PAREJA”.

    -”Ou bailas co teu mozo, ou bailas con todos”, seica lle dicía Joaquín Carreras, propietario do salón do Regado, en Cabovilaño, ás mozas que frecuentaban o seu establecemento.

    Sobre este particular e sobre outras anécdotas dos salóns da Laracha falamos con Agustín Fraga López e coa súa muller Dosinda García Pombo, que nos deixou claro o que significaba “remudar o baile”:

    -Remudar é cambiar. Imaxínate que eu estaba bailando contigo, por exemplo, e daquela viña outro mozo a pedirme o baile seguinte. Se eu estaba a gusto contigo non remudaba, e o outro mozo non podía dicir nada. Era a moza a que dicía si ou non. Por iso ten habido moitos follóns do Noso Señor! Porque claro, se ti querías estar comigo e che quitaban a moza, a ti parecíache mal! Normal, non?”

    O caso é que naquela época había un salón en cada freguesía, cando non dous ou tres. Iso si, hai que aclarar que algúns eran meros alpendres aos que se lle chamaba “salón” para dárlle un certo toque de elegancia a estos lugares nos que moceaba a xuventude larachesa de antano, uns establecementos que, se retrocedésemos máis no tempo, teríamos que falar dos bailes de pandeireta ou dalgún que outro veciño que sabía tocar a gaita e que animaba as tardes dos domingos para que os mozos bailasen nunha eira ou alpendre do lugar, especialmente cando era a sementeira ou a esfolla. Daqueles tempos aínda hai quen recorda coplas como esta:

Hai foliada no Feal,

tamén a hai na Cachada.

Haina na Pedreira

e tamén na casa de Mesturada”

    Iniciamos este percorrido no lugar do Regado, en Cabovilaño, que era onde estaba o salón de Joaquín Carreras Sabaté, un catalán emigrado a América que casara con Pepita Pallas, veciña do Regado. Inaugurado nos anos trinta, o Salón de Carreras era dos máis antigos da Laracha e por el habían de pasar os músicos da contorna máis destacados da época, así como compañías de teatro itinerantes ou artistas como Xan das Bolas ou, entre outros, Barriga Verde, nome artístico de José Silvent Martínez, un titiriteiro estremeño de nítida alma galega. En función da orquestra ou dos músicos que houbera, a entrada custaba 2, 3 ou 5 pesetas, que era a cantidade habitual que pagaban os nosos avós para entrar no Salón do Regado

 

Imaxe actual do lugar onde estaba o Salón do Regado

  Nun tempo no que aínda quedaba lonxe a electrificación de todo o municipio larachés, baixo a luz do petromax, aquelas lámpadas que alumeaban queimando parafina, Joaquín Carreras iniciaba cada tempada de baile coas mesmas palabras:

   - “Atención, atención! Las condiciones aquí de este año son las mismas del año pasado. Aquí para bailar se baila en círculo, como las agujas del reloj. Siempre en círculo. Los mirones a la pared. Y las mujeres a la pared, y el que quiera bailar... la mujer que está en la pared tiene que ir a bailar un baile; uno, obligatoriamente. El segundo baile va si quiere… y aquí baila todo Dios! Aquí se viene para bailar, no para mirar. Y no se remuda el baile!”

    Joaquín e Pepita non tiveron fillos, pero adoptaron a unha meniña, Maruja, que andando no tempo ía casar con Ángel Carro. Á parte de salón de baile, o local tamén se utilizou nos 50 como escola xa que era alí onde Gelito, o xenro de Carreras, daba clase á rapazada da zona en tres quendas ao día nas que tamén contaba coa axuda de seu sogro. Trala morte do empresario catalán en 1953, Maruja e Ángel continuaron rexentando o salón de baile, e os outros negocios que a familia tiña no lugar, durante varios anos máis, ata pouco antes de que Ángel emigrara a Venezuela. Co seu home na emigración, Maruja seguiu coa actividade do salón, pero xa dun xeito máis esporádico, ata os primeiros anos 60, época na que seu curmán Luciano Esmorís, veciño do Regado que nos atendeu coa maior das amabilidades no seu domicilio, organizou alí os últimos bailes do Salón de Carreras que, tempo despois, xa nos setenta, convertiríase no Bar Venezuela, sede da Peña Bar Venezuela, cofundadores do San Román C.F. na tempada 1980/81. Nese lugar tamén houbo un supermercado, “Supermercados Venezuela”.

 

Necrolóxica do fundador do Salón do Regado (La Voz de Galicia, 16 de xaneiro de 1953)

    Polo que nos contaron Maribel López, Manel Raposo e Paco López, a xuventude de Caión dos 60 paraba no Ola City, un salón que anteriormente fora unha antiga fábrica de salgadura de peixe que era propiedade da familia de Manuel Maceiras Torres, os da panadería da praza, que no seu día lle compraran o vello edificio á familia de Marcelino Lareo. 

 

Vista, en primeiro plano, da cetárea de Caión, lugar onde antigamente estaba o Ola City

    Nesta fábrica había dúas partes ben diferenciadas. Nunha delas, a zona de chan liso, era onde os mozos e mozas bailaban ao ritmo da música mentres se prometían amor “eterno”. Nun lateral da zona de baile había unha barra, na que algúns dos nosos avós beberon os seus primeiros cubalibres. A outra parte, na que aínda se podían ver as cubas de morteiro nas que antano se mesturaba o peixe con sal, estaba separada por unha especie de alambrada decorada cunhas grandes nasas de centolas e lumbrigantes. Cerca destas cubas, que estaban tapiadas con plataformas de madeira, era onde estaba o palco das orquestras que, cando se desprazaban a Caión, cantaban aquilo de…

"Así fué que empezaron papá y mamá

tirándose besitos y una guiñá.

Así fué como empezaron papá y mamá

y ya somos catorce...y ya vienen más"

    Andando no tempo, o Ola City foi vendido a Mariscos del Noroeste, que son os propietarios actuais da cetaria de Caión. Ao cerrar este salón, a xuventude da vila mariñeira empezou a organizar bailes os domingos no espazo que actualmente ocupa o Museo do Mar. Manel Raposo recorda que “o local que hoxe é o Museo era da Cofradía de Pescadores e cedérao para montar alí un teleclub, que era un local de encontro da xuventude. O réxime de Franco ofertaba entretemento a cambio de propaganda institucional de tal xeito que o Ministerio de Información e Turismo de Manuel Fraga enviábache unha televisión e libros para unha biblioteca. A rede de Teleclubs creo que estivo operativa dende 1964 ata 1974. O de Caión solicitouno a Cofradía, e a Peña Royal era a encargada de xestionalo. Paco de Esther comprou un tocadiscos e os domingos á tarde organizabamos guateques nos que se fixeron mozos moitas parellas que logo se casaron”.

 

Museo do Mar

   Na parroquia de Coiro, nos anos corenta houbo salón no lugar dos Muíños de Abaixo, o chamado Salón de Joaquín, que estaba nunha casa que aínda podemos ver na marxe esquerda da estrada que nos conduce a Soandres, situada a poucos metros do río Anllóns e fronte á bifurcación que vai a Soutullo. Posteriormente, o edificio ía deixar de funcionar como local de baile para converterse, entre os cincuenta e sesenta, na panadería de Generoso, que era xenro de Joaquín. Despois de certo tempo, o forno pasou a mans de Ernesto Torreira, que tamén tivo panadería na Laracha. A partir do setenta e pico, o antigo salón de baile converteuse no almacén de pensos e produtos agrícolas do señor Jesús “o Carreteiro”, que estivo ao fronte do seu negocio ata os anos noventa.

 

Casa na que estaba o chamado Salón de Joaquín

    Na mesma parroquia de Coiro, no lugar de Penso, en 1955 Maruja Canedo e o seu home Jesús Calvete abriron unha taberna e un salón de baile nun terreo que lles dera o pai dela cando casaron. Falamos do “Salón Pista Penso”, nome que segundo nos contou Jesús Manuel Calvete Canedo, fillo do matrimonio, rezaba nas entradas. Ao principio a taberna funcionaba do mesmo xeito que o facían todas as tabernas daquel tempo: catro cuncas de viño, catro copas de caña, un par de contos e... para de contar! Maruja, coñecida na zona como “Maruja de Pías”, era costureira e boa cociñeira, polo que non tardou en ofrecer tamén comidas no seu establecemento. Jesús, natural de Soandres e coñecido polo alcume de “o Armeiro”, era un home adiantado ao seu tempo, de mente aberta e polifacético. Dedicábase a cría de gando vacún, a arranxar armás -de aí o alcume-, á hostalería… 

 

Jesús Calvete e o seu fillo Jesús Manuel na barra da súa taberna (Cortesía de Jesús Manuel Calvete Canedo)

    O “Salón Pista Penso” estaba ao carón da taberna, nun alpendre de grandes dimensións no que había un palco, un escenario polo que habían de pasar os grandes artistas da época, tanto galegos como estatais, caso da famosa Karina, que anos despois, en 1971, representou a España no Festival de Eurovisión. Jesús Manuel recorda que “cando Karina cantou aquí eu era moi pequeno. Debeu ser en 1968 ou 1969. Na actuación cambiou de vestido tres ou catro veces e claro, como no salón non había camerino, mudábase na nosa casa”

 

Jesús Calvete e Maruja Canedo co seu fillo Jesús Manuel no alpendre no que tiñan o "Salón Pista Penso" (Cortesía de Jesús Manuel Calvete Canedo)

    A taberna e o salón, onde tamén se proxectou algunha que outra película, darían un xiro radical a partir de 1969, que foi cando Maruja e Jesús sentaron as bases do actual Restaurante Casa Calvete, consolidado dende hai máis de medio século como un verdadeiro referente na celebración de vodas e eventos. Na época que os seus dous fillos, Jesús Manuel e Carlos -co andar dos anos, director do instituto de Ponteceso-, estudaban na Coruña, Maruja e Jesús abriron outro restaurante na cidade herculina, pola zona de San Andrés, ao tempo que atendían o de Coiro, un establecemento que rexentan dende hai case 30 anos, Jesús Manuel Calvete e a súa muller María Jesús Loureiro. 

 

Restaurante Casa Calvete

   O Restaurante Casa Calvete chega agora á terceira xeración da man de Mario Calvete Loureiro, fillo do matrimonio, unha persoa moi cualificada para tomar as rendas do local que fundaran, aló por 1955, seus avós Jesús e Maruja.

(CONTINUARÁ...)

_______________

1.-  La Voz de Galicia, 15.2.1940, páx. 2.

2.- La Voz de Galicia, 15.2.1940, páx. 2.

Ningún comentario:

Publicar un comentario