martes, 15 de febreiro de 2022

OS SALÓNS DE BAILE (CAPÍTULO 2)

   Continuando co percorrido iniciado a semana pasada, en riguroso orde alfabético parroquial (Cabovilaño, Caión e Coiro), sobre a historia dos salóns de baile que houbo por toda a xeografía do municipio da Laracha, hoxe arrincamos a ruta no lugar do Barreiro, en Erboedo, onde tivo moita sona nos anos 40 e nos primeiros 50 o Salón da tía Pilara e do tío Gumersindo, festixeiros coma poucos. A tía Pilara seica participara no concurso radiofónico “Su Oportunidad” con seu irmán Francisco, que empezou a ser coñecido como “El Niño de Soandres” tras gañar o devandito concurso que emitía Radio Nacional de España cos seus números de canción andaluza, que estaba moi en auxe por aqueles días debido ás películas que facían Manolo Caracol, Antonio Molina, Juanito Valderrama, etc. Sobre “El Niño de Soandres” prometo falar máis polo miúdo noutra ocasión.

Casa do lugar do Barreiro onde tiña o Salón a señora Pilara. O baile facíase no alpendre que se ve ao fondo.

   Ramón Riveiro e a súa muller Marisa Riveiro, veciños do lugar de Reirís, recordan que neste salón houbo moi bos bailes e que incluso actuara alí Finita Gay, a raíña das festas das Mariñas. “A Martela”, alcume desta fenomenal animadora, foi das primeiras mulleres que subiron a cantar a un escenario e, en pleno éxito, cando acudían a vela mozos e vellos dos lugares máis apartados, emigrou a Venezuela.

 

Finita Gay, "A Martela", en Caracas.

    Ramón e Marisa tamén recordan que cando foi minguando o éxito do salón do Barreiro, Pilara vendeu a casa na que, andando no tempo, habían de residir varias familias ata que finalmente a adquiriu Amador de Tomás, que fixo unha vivenda nova no mesmo lugar. Darío, neto de Amador, vive actualmente alí coa súa parella Verónica e cos dous fillos de ambos. Con eles estiven recentemente no seu domicilio e, coa maior das atencións e amabilidades, ensináronme o alprendre onde antano a tía Pilara tiña o salón de baile. Ao deixar a súa casa do Barreiro, a tía Pilara estableceu o seu domicilio no Igrexario de Erboedo, lugar onde rexentou unha taberna durante certo tempo na que se tamén fixo algún que outro baile.

    Moi cerca do Barreiro, no lugar da Fontenla, tamén na freguesía de Erboedo, o Salón de Polico tivo gran renome na bisbarra durante moito tempo. Os propietarios eran o señor Francisco “do Polico” e a súa muller, a señora Chucha, que abriron este popular establecemento ao tempo, ou pouco despois, de que a tía Pilara deixara de facer baile no seu salón do Barreiro.

   -“Eu nacín en 1944 e meus pais deberon casar nos primeiros anos corenta; despois aínda fixeron a casa, polo que deberon abrir a taberna e o salón nos 50”- recordounos recentemente Manuel Barros, fillo de Francisco e Chucha.

   A taberna era como todas as da súa época, é dicir, unha especie de ultramarinos no que vendían produtos a granel e no que tanto podías beber unha cunca de viño coma comprar un paquete de azucre. A diferenza con respecto aos outros establecementos deste tipo existentes no municipio era que no Polico tamén tiñas a posibilidade de cortar o pelo, como así nolo contou Emilia Mallo: “ O señor Francisco do Polico era o que lle cortaba o pelo a case toda comunidade masculina da zona da igrexa para arriba. Da igrexa para baixo facía o propio o señor Pepe de Paredes”.

  No que se refire ao salón de baile o custe da entrada andaba entre as 2 e as 5 pesetas en función dos músicos que actuaban que tanto podían ser os irmáns Mallo de Feáns, a Orquestra Compostela ou, entre outros moitos, o acordeonista Luciano de Luán que, polo que nos contou Marisa Riveiro, seica era de Coiro, do lugar da Ameixeira. Se non había música en directo, a animación corría a cargo de Rogelio, irmán de Francisco, exercendo de DJ da época co seu famoso tocadiscos. Carmiña Rodríguez, sobriña do señor Polico e veciña da Fontenla, recorda que… “posteriormente fixeron unha pista ao aire libre para o verán. Chamabamoslle “a pista” e tiña un palco aló no fondo. Para acceder a ela tiñas que subir por unhas escaleiras que había polo exterior do edificio.”

 

"O Polico" na actualidade

   No Polico facíase baile case todos os fins de semana. Para desprazarse ata Paiosaco ou A Laracha había que camiñar máis dunha hora e, por iso, a xuventude divertíanse nesta taberna e neste salón no que, á parte dos mozos e mozas de Erboedo, tamén paraba xente de Soandres, de Coiro e mesmo de Santa Locaia, lugar da parroquia arteixá de Loureda que, dada a súa situación xeográfica, naquela hora tiña máis relación coa Laracha que con Arteixo. Marisa Riveiro, Carmiña Rodríguez e María Dolores Mallo, tamén veciña da Fontenla (é afillada da saxofonista Carmen Mallo, a popular "Carme da Maricaina" da que xa falamos polo miúdo neste espazo) non se esquecen de cando paraba no Polico o “Troche Moche”, unha atracción que chegaba ocasionalmente á Fontenla para proxectar nunha saba algunha película de Cantinflas ou de Manolo Escobar.

    O Polico ía deixar de funcionar como Salón na segunda metade da década dos sesenta, mais continuo aberto como ultramarinos e como bar ata que se xubilaron o señor Francisco e a señora Chucha, quenes lle alugaron o negocio á súa sobriña Celia sobre o ano 1994. Celia ía rexentar O Polico durante aproximadamente dous anos, ata que se puxo á fronte Manuel Barros, fillo de Francisco e Chucha, que despois de traballar durante moito tempo en Inglaterra decidira que xa era hora de voltar á terriña. Manolo botou un ano co bar aberto, ata 1998. Dende aquela, O Polico permaneceu pechado ata que en decembro de 2021 colleuno en aluguer Isabel Hernández, unha moza que xa levaba algún tempo residindo na vivenda que hai arriba do bar.

   Na mesma parroquia de Erboedo, no lugar do Campo da Ran, xusto no linde coa parroquia de Soandres, tiña salón Domingo Amor Suárez, tamén coñecido polo alcume de “Domingo do Niño” por ser este o seu lugar de nacemento. Como hai quen sitúa este salón de baile na parroquia de Soandres, ante a dúbida e sen ánimo de entrar en debates e polémicas que a nada conducen, puxémonos en contacto con don Manuel Mallo Mallo, párroco de Soandres (e de outras parroquias) que nos confirmou que “ o edificio onde Domingo tiña o salón pertence a Erboedo”.

 

Lugar onde estaba o salón de Domingo  Amor

   Domingo Amor fixera a mili en Cataluña e alí coñeceu a Josefa Martí Pujol, natural de Vilafranca del Penedés e, segundo nos contaron varios veciños, filla dun oficial do exército. Domingo e Josefa casaron e estableceron o seu domicilio no Campo da Ran, onde abriron un salón que ofrecía diversión a xuventude da bisbarra do que hoxe nada se conserva pois, no mesmo lugar, hai construida unha casa onde estaba a orixinal.

   No Campo da Ran naceron Sindo, Manolo e Esperanza, os tres fillos do matrimonio, rapaces que desgraciadamente ían quedar orfos de nai, facéndose cargo deles un tío por parte paterna, don Ramiro Amor, crego durante moito tempo da freguesía de Carnoedo (Sada) e do CHUAC.

   A morte de Josefa tamén ía significar o adeus definitivo do salón do Campo da Ran, que pechaba as súa portas despois de botar máis dun lustro aberto. Domingo casou en segundas nupcias con Jesusa López Rodríguez, con quen fixo a maleta da emigración rumbo a Alemaña.

   Continuamos este percorrido na parroquia de Golmar, onde, polo que escoitou o señor Germán, veciño do lugar de San Cristovo de máis de 90 invernos, disque houbo salón de baile no lugar do Igrexario, no mesmo espazo que hoxe ocupa o bar Parada Obrigada. A actividade deste salón probablemente coincidiu cos tempos nos que se celebraba en Lamas a Feira de Golmar, creada en 1916 e existente durante algo máis dunha década, unha feira que ía dar pulo á creación na parroquia de “abacerías, barberías, carpinterías, un colegio particular, fábricas de curtidos, estanco, exportadores de ganado, panaderías, sindicato agrario católico, tabernas y zapaterías.”1

 

Imaxe actual do Parada Obrigada

    Polo que nos contou Luciano Mallo, veciño do Igrexario, o edificio no que actualmente está o Parada Obrigada era propiedade de seus sogros Hipólito Souto e Maruja García, “pero eu nunca sentín que fora salón de baile, iso tivo que ser xa hai moito tempo. O que si é certo é que no local representáronse varias obras de teatro e que desde os anos 40 ata os 60 utilizouse como escola”. Luciano tamén nos recordou que antes de converterse no bar actual, hai agora 20 anos, utilizaban o local como garaxe e tamén gardaban nel as alpacas para o gando. Hoxe o Parada Obrigada é un dos bares máis coquetos do municipio. Alí vos espera Vanesa para falar dos contos de antano e de hogano mentres tomades un café ou ou viño.

    Outro dos salóns con moita sona que había na Laracha era o “do Francés”, que estaba no lugar de Pedrarrubia, na parroquia de Lemaio. Abrírano nos anos corenta Fernando Esmorís Trigo, que era natural da Pedreira, na mesma freguesía de Lemaio, e a súa muller Dosinda Fraga Lago, que era natural de Sofán… tempos nos que moito se cantaba na bisbarra esta copla que nos pasou a amiga Fransy González, unha das voces máis representativas da música tradicional galega:

Para carretas, O Foxo,

para teitoeiras, Carballo,

para boas mozas, Lendo,

e para vos mozos, Lemaio”.

   Ao casar, Fernando e Dosinda asentáronse en Pedrarrubia, onde montaron un serradoiro sobre o ano 44 ou 45. O matrimonio ía diversificar a súa actividade empresarial abrindo unha taberna e, paulatinamente, tamén se dedicaron á venda de materiais de construción, á distribución de viño en barril polas aldeas ou ao transporte de pasaxeiros, como así nolo recordaba Antonio Esmorís Fraga, “Antonio do Francés”, fillo de Fernando e Dosinda: “Nos primeiros anos meu pai acondicionaba o camión do serradoiro para levar xente a Carballo os xoves e os domingos de feira.”

  E, como non podía ser doutro xeito, aos innumerables negocios que a familia Esmorís Fraga tiña en Pedrarrubia sumouselle outro máis: o salón de baile, que era coñecido na comarca como o “Salón do Francés”, nome que viña dado porque un antepasado da nai de Fernando, María Trigo Camarot, que era soldado do exército de Napoleón, casara aquí trala Guerra da Independencia.

  O Salón empezou a funcionar como tal na segunda metade da década dos 50 nun alpendre que tiñan ao carón da taberna. “Por aquí -recorda Antonio Esmorís- viñan moito Pucho Portela, cantante, violinista e animador; parte da orquestra Sintonía da Coruña; Finita “A Martela”; e sobre todo os irmáns Mallo coa sua orquestra. Os Mallo nunca faltaban. Con eles había éxito seguro”.

 

Os irmáns Mallo, Daniel, Antonio e Juan, nos anos 60 (Foto que aparece no libro "Orquestras populares das Mariñas")

    O salón permaneceu aberto algo máis dunha década, e a partir de aí, xa nos anos setenta, Antonio e a súa muller Manuela Isabel reconverteron o lugar na “Parrillada El Francés”. Onde antano os mozos e mozas bailaban ao ritmo da música dos Mallo e doutras orquestras mentres se prometían “amor eterno”, agora, xa casados e con fillos, comían churrasco no comedor da parrillada situado no mesmo lugar no que estaba a pista de baile.

   Sobre o ano 2016 Antonio e Manuela Isabel pecharon a parrillada, mais permaneceron co bar aberto traballando ata a súa xubilación. Actualmente o bar está pechado, mais contounos un paxariño que probablemente non tarde moito en abrir de novo.

 

Lugar no que estaba o salón do Francés e posteriormente a parrillada

(CONTINUARÁ...)

 

FONTES:

CONS LOUSA, XULIO / VEIGA FERREIRA, XOSÉ M.ª (2006): Orquestas populares das Mariñas, Concello de Betanzos.

SOUTO EIROA, XURXO (2001): Contos da Coruña, Edicións Xerais, Vigo.

___________________

1 El Ideal Gallego, 12.3.1930, páx 4.


Ningún comentario:

Publicar un comentario